O derradeiro agasallo

Xose Neira Vilas e Anisia Miranda reducidooooooooooXosé Neira Vilas e Anisia Miranda
no corazón dos nosos nenos
Loli Beloso Neira
Prólogo de Fina Casalderry
Finisterrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2015, 68 páxinas.

O pasado 21 de novembro, escasamente cinco días antes do pasamento do escritor, tivo lugar na parroquia de Tomeza a presentación do que, sen dúbida, foi o derradeiro agasallo que recibiu en vida Xosé Neira Vilas. Un volume, non abondoso en páxinas, mais si en agarimoso achegamento ás figuras, e sobre todo ás persoas, de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. Ao acto, con grande afluencia de público e éxito de vendas, malia ter coincidido cun deses partidos de fútbol do século, asistiu Neira Vilas e tamén o Dr. Ángel Carracedo, presidente da Fundación de Medicina Xenómica de investigación e loita contra o cancro, fundación á que a autora acostuma a doar todos os beneficios obtidos nas vendas dos seus libros.
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos é a terceira monografía coa que Loli Beloso homenaxea a figuras sobranceiras da cultura galega: Isaac Díaz Pardo e Luís Seone antecederon e encabezaron o interese de Loli Beloso en espallar nos corazóns e nas mentes dos nosos cativos, e tamén nos de mulleres e homes galegos, a cultura de noso, representada por algunhas das súas figuras máis emblemáticas.
Algún día cumprirá inquerir o porqué do éxito dos libros de Loli Beloso, unha persoa que non aspira a ningún olimpo literario, que foxe de cenáculos e mesmo dos medios de comunicación. A explicación reside, na miña estima, no feito de que a autora dá no albo ao escoller o formato axeitado para trasladar ás mentes lectoras as biografías, narradas coma un conto, dos persoeiros da nosa cultura, sen deixar ao mesmo tempo de ser fiel aos datos históricos. De por parte, Loli Beloso sabe proxectar na súa escrita o que ela é como persoa: aguda sensibilidade e agarimosa proximidade, a mesma que, con ledicia e xenerosidade, lles proporcionou a Xosé Neira Vilas e a Anisia Miranda des que Anisia lee pediu a Loli e ao seu home que fosen os seus amigos. Acerta de cheo Fina Casalderrey, autora das tres planas que introducen a publicación, coas palabras que definen á autora: “Loli Beloso é desas persoas tenaces á hora de perseguir soños e persuasiva nos afectos.”

Loli Beloso

Loli Beloso

Mais indo á cerna, direi que o libro de Loli Beloso segue o formato dun conto que unha nai, alter ego da propia autora, lle conta a súa filla: a súa infancia e adolescencia e o contacto con Neira Vilas a través do seu libro Memorias dun neno labrego. Foi pois Balbino o que levou á narradora ao coñecemento de Xosé Neira Vilas e da súa dona, Anisia Miranda. E a seguir, co formato igualmente contístico, Loli Beloso achéganos a historia da vida de dúas persoas, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, exemplos senlleiros de traballo, superación, humanidade e amor a Galicia. A infancia en Gres, o traballo na terra ou coas bacas no monte; o comezo da escola cun único libro de texto, o reparto do correo, obrigado a recorrer catorce quilómetros antes de entrar na aula; emigración a Bos Aires para seguir estudando, mais dedicado, sobre todo, a sobrevivir traballando e a descubrir a Galicia emigrante ou exiliada. Encontro e namoro con Anisia Miranda, envorcándose os dous na defensa de Galicia e da súa cultura. A fundación da editorial, os primeiros libros (Dende lonxe, Esta es Cuba, hermano, Memorias dun neno labrego). Traslado para Cuba en 1961 onde o labor cultural da parella non deixa de medrar. En 1992, retorno definitivo a Galicia, traballando arreo a prol da nosa terra e da súa cultura.
E aquí en Galicia, Anisia, a estreliña de Gres (páxina 53) segue brillando incluso despois da súa morte no ano 2009. E Neira Vilas, vivindo unha existencia feliz axudando aos demais, sendo útil a este país como un sinxelo traballador da cultura.

 

X.Neira Vilas, Loli Beloso e Ángel Carracedo na presentación do libro

X.Neira Vilas, Loli Beloso e Ángel Carracedo na presentación do libro

Unha fervenza de anécdotas, pero sobre todo de feitos que amosan un profundo e perdurable amor a Galicia, por parte de dúas persoas que lle dedicaron toda a súa humanidade, o seu traballo e a súa creatividade; e que Loli Beloso nos fai chegar coa lingua dos afectos, cunha escrita transida pola naturalidade da fala diaria.
Os debuxos e ilustracións de Lino Lago, Tato Heredia, Rofer, Kiko da Silva, Cecilia M. Benítez e as dúas fotografías de Vicente Ansola achegan un plus engadido, convertendo a publicación de Loli Beloso nunha pequena obra de arte.

Luís Seoane para pequenos e grandes

Luís Seoane para as nenas e nenos galegosLuis Seona de Loli Beloso
Loli Beloso Neira
Limiar de Xosé Neira Vila
Introdución de Lino Lago
Debuxos portada e interior de Rubén Calles Lijó
Deseños de Loli Chan Beloso
Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2014, 60 páxinas

Despois do éxito do libro, editado e reeditado en 2013, que Loli Beloso lle dedicou a Isaac Díaz Pardo, proxectando a súa figura e a súa obra para os noso cativos, as nenas e os nenos galegos, e seguindo o seu ronsel, a autora, “muller de aguda sensibilidade” como escribe Xosé Neira Vila, no limiar (“Entrañable Seoane”), e testemuñan todos os que a coñecen, sorpréndenos dun xeito moi oportuno e favorable con este novo libro, Luís Seoane para as nenas e nenos galegos, editado hai uns meses. Unha escolla moi acertada -remítome de novo ás palabras de Neira Vila- debido á amizade que uniu aos dous persoeiros, e ás iniciativas e proxectos que puxeron en pé tanto en Galicia como en Arxentina.
O libro é froito de amor desta muller pola cultura galega e da admiración por aqueles que se involucraron activamente na súa medra. Mais tamén dun bo coñecemento vivencial da figura de Luís Seoane, e sobre todo das súas obras, pois Loli Beloso tivo a oportunidade de contemplar recentemente a manchea de murais e obra gráfica que Luís Seoane deixou en Bos Aires, e de conversar na Magdalena (Arxentina) con amigos e compañeiros de escritor e artista plástico..
A autora reproduce a traxectoria vital de Luís Seoane e analiza a súa obra como escritor, artista plástico e difusor cultural, seguindo, como dixen, o modelo da súa anterior publicación dedicada a Isaac Díaz Pardo. En formato dun conto no que seis nenas e nenos, actuando como verdadeiros protagonistas e mesmo descubridores, pescudan a vida de Luís Seoane e achéganse a súa obra: A emigración dos país a Arxentina por culpa da miseria daqueles tempos; o nacemento do pícaro e o regreso con seis anos a Galicia; os seus estudos, o avezamento coa tradición cultural galega, nomeadamente coa Galicia campesiña; coñecemento e amizade cos artistas galegos (Colmeiro, Eiroa, Maside); as súas primeiras experiencias coas artes gráficas na imprenta Nós; o namoro con Maruxa; a fuxida a Bos Aires na Guerra Civil; a voda accidentada mais fermosa no porto bonaerense; os numerosos colegas e amigos en Arxentina; fundación de selos editores e revistas, con especial referencia a “Galicia Emigrante”; bibliografía de Seoane; as súas facetas como artista plástico (gravados, murais, óleos); a colaboración con Díaz Pardo na fábrica de porcelanas da Magdalena (Arxentina). E finalmente, o retorno a Galicia e a cooperación con Díaz Pardo no Laboratorio das Formas, na recuperación de Sargadelos e creación doutras iniciativas a prol da cultura como Ediciós do Castro e o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, en conxunto, un dos proxectos más sobranceiros de restablecemento da identidade e memoria histórica galega.

 

Loli Beloso, X. Neira Vila e I. Díaz Pardo

Loli Beloso, X. Neira Vila e I. Díaz Pardo

Unha pequena publicación canto as súas páxinas, percorrida por unha clara intención didáctica, froito do amor á escritura dunha persoa “non profesional” da mesma (se así se pode falar dalgún ou dalgunha escritor ou escritora galego ou galega!).. Non entanto, a monografía de Loli Beloso amósalle ás nenas e aos nenos galegos, mais non só a eles, a humanidade, a creatividade e a dedicación a Galicia dun dos seus fillos máis dignos e preclaros do século XX.
A autora dá no albo cos saltos cronolóxicos ao tracexar a aventura vital de Luís Seoane, saltos enteiramente acaídos á mentalidade infantil e á estrutura contista da publicación, que sae á luz co valor engadido de numerosas ilustracións, algunhas delas fotografías do seu home, Xesús Chan, tiradas non hai moitos meses en Arxentina. Libro, de por parte, solidario, xa que a autora dedica unha parte do recadado na venda do mesmo á Fundación de Medicina Xenómica de investigación e loita contra o cancro que dirixe o Doutor Angel Carracedo en Santiago de Compostela.
Pola miña parte, desde a modestia destas liñas, parabenizo a autora por este novo chanzo na difusión da cultura galega e no seu fermoso mergullo na traxectoria vital e cultural dun dos galegos más ilustres.

Rosalía ficcionalizada

A dama da noiteRosalía de castro
Xavier Seoane,
Edicións Laiovento, Brións, 2014, 157 páxinas.

A dinámica creativa de Xavier Seoane desprégase por distintos camiños e é partidario da escritura creativa “de natureza aberta”. Mais é sobre todo un poeta, condición que se deixa sentir en todo canto escribe, tamén no ensaio e na prosa narrativa, que agroman “contaminados” de fulxencias líricas. Tal acontece coa súa segunda novela, A dama da noite, unha notable e, polo de agora, única contribución a historia do rosalianismo desde o xénero narrativo. A falta desa agardada e rigorosa biografía de Rosalía -hai numerosos retratos literarios, panexíricos e haxiográficos esteados en tópicos mitificadores e tamén algunhas interpretacións demitificadoras- X. Seoane opta pola vía ficcional, segundo o que afirmaba Baudelaire: hai dúas maneiras de cinxirse ao relato, a historia e a novela. E unha verdadeira novela é o que X. Seoane nos ofrece neste libro sobre Rosalía, orquestrado cunha sólida arquitectura compositiva. A figura de Rosalía convertida en personaxe de ficción. Imaxinario si, mais non de costas á realidade.
En efecto, un narrador “demiúrxico e omnisciente” desprégase nos primeiros capítulos en dúas voces que se alternan e narran en paralelo. Faino unha en terceira persoa e conta o nacemento de Rosalía. A outra, en primeira e rememora e recupera, desde o retiro da Matanza, as lembranzas de toda unha vida. Mais logo, é a voz da poeta na que, nun intenso e por veces duro monólogo, repasa a súa vida, desde esa sombra de aldraxes e berros da rapazada (“filla de crego…o pai corvo e ela de negro”), ata a necesidade de mar e a derradeira viaxe a Carril antes da morte. Mil lembranzas que abrollan no leito da muller doente e que, entre mortes, ausencias e privacións, afondan no calvario dunha persoa que só na escritura atopa liberación e consolo.
Con acerto detén por veces o autor este monólogo interior e dálle entrada a outras voces e a outros recursos: os dicires dos veciños, as cartas apócrifas dos amigos e mesmo de Murguía, a imaxinaria confesión do pai, o crego José María Viojo, arrepentido das súas relacións ilícitas e sacrílegas, ou o monólogo da filla Alexandra nos derradeiros días da nai. Con todas estas fías ergue X. Seoane unha acertada biografía ficcional de Rosalía de Castro e a través da mesma penetra habilmente na psicoloxía dos personaxes, na descrición de espazos e ambientes pouco favorables que rodean a unha muller que se sente un monicreque da vida, pero que nunca foi unha “abnegada”, como se lles demandaba ás mulleres do século XIX.
Subliño na achega de X. Seoane a humanización que o autor fai da figura de Rosalía de Castro, mitificada na meirande parte das biografías e retratos literarios que se fixeron da súa figura. A perspectiva desde a que se focaliza a ficción, non é a obra literaria de Rosalía, senón a loita dramática entre a vida e a morte que favorece esta imaxe da escritura que presenta o personaxe como unha muller de carne e óso.
Novela ganduxada, xa que logo, amalgamando xéneros: biografía e ficción, do que resulta unha historia alusiva de Rosalía. Mais a ficción como marcador semántico que é, somete as súas leis todo o que toca. Non é esta pois en rigor e puridade unha novela histórica. Non entanto, a lingua poética e a musicalidade da prosa de Xavier Seoane ilustran de xeito fermoso e brillante os perfís e a existencia dunha personalidade singular, mais tamén humana.
(Texto publicado o día 23 de outubro de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Unamuno en Portugal

Por tierras de Portugal

Un viaje con Unamuno

Agustín Remesal

La Raya Quebrada Editorial, Zamora, 2013, 396 páxinas

    Nestas datas o xornalista Agustín Remesal presenta na Fundación Araguaney-Puente de Culturas a segunda edición dun libro singularísimo e transxenérico: Por tierras de Portugal. Un viaje con Unamuno. O autor, zamorano e tamén arraiano puro, é sobradamente coñecido pola  súa faceta de correspondente no estranxeiro durante case tres décadas de TVE.Viaxeiro apaixonado, soubo compaxinar o seu traballo profesional co pracer pola escrita. Froito dese gusto pola escritura son a ducia de libros que leva publicados.

Agustín Remesal, “castellano puro, delibesiano, cun idioma ben dito e rotundo” como el mesmo se define, agasállanos na súa última publicación cun libro orixinal, unha amalgama feita de documentación rigorosa, con personaxes, acontecementos e circunstancias reais e diálogos ficcionalizados na súa meirande parte, verbo dunha parcela vital de Unamuno: as máis de vinte viaxes e estadías  en terras portuguesas, frecuentemente ignoradas polos estudosos da obra unamuniana. O autor rastrexa as pegadas unamunianas polos enclaves xeográficos polos que andou Unamuno, chegando á conclusión de que Unamuno como personaxe é incompleto sen saber o que viviu, sentiu e pensou en Portugal. O libro, concibido como unha biografía novelada do pensador bilbaíno en terras lusitanas, estrutura o seu abondoso material -as viaxes de Unamuno a Potugal foron moitas e moi frecuentes; máis de vinte están documentadas- en dez capítulos. Nos mesmo reproduce, con elevadas cotas de fidelidade documental e creatividade ficcional, estas viaxes.

Agustín Remesal

Acerta o autor coa estrutura paralela que introduce no libro, que lle permite ao viaxeiro, alter ego do propio autor, revisitar  cen anos despois as cidades e lugares nos que o Reitor salmantino pasou os seus descansos lusitanos. Porque esas recreacións viaxeiras son un itinerario ilustrado do Portugal unamuniano, tralo paso do tempo, converténdose asemade nun espello da propia intrahistoria portuguesa, dos seus avatares históricos, das súas treboadas libertarias, como as de Diogo Telonio en 1762.

Xa que logo, sutura de crónica viaxeira e recreación de espazos, ambientes e diálogos, escrita nun elevado ton ficcional e literario que desterra da mente lectora a cansa simplicidade dunha longa lista de lugares, datas, encontros e conversas e que converte a este libro nunha peza narrativa que  se pode ler como  vida de Unamuno e retrato de Portugal en estado puro, mais tamén novelados. Un libro pois para aprender e gorentar.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego el 19 de xuño de 2014. Para ver o orixinal pinchar aquí)

Biodramaturxia Vidal Bolaño

 

Fóra de Portas

Roi Vidal Ponte

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 161 páxinas.

    Sendo conscientes do pulo promocional que supón para o persoeiro ao que cada ano lle dedica a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas, cómpre aledarse de que, pasado xa un ano do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, e estando a piques de rematar as celebracións correspondentes ao ano que andamos, Edicións Positivas siga apostando pola figura e mais a obra de Roberto Vidal Bolaño. A  edición das súas obras completas -semella moi próxima a chegada ás mans lectoras do volume IV- e a deste libro que se achega dun xeito pouco convencional á vida e á obra do mellor dramaturgo da historia da literatura galega, demostra, ao menos neste caso, que, rematado o Día das Letras, a cultura galega non considera liquidada a débeda co persoeiro de turno e nos nosos selos editoriais non desapareceu o impulso nin a motivación para seguir publicando obras que fagan referencia ao mesmo.

   Por iso a miña entusiasta estimanza desta obra Fóra de Portas que asina Roi Vidal Ponte. Considero que non é un dato menor e por ese motivo o poño en valor, o feito de que o autor do libro sexa fillo de Roberto Vidal Bolaño e da actriz Laura Ponte. Ninguén coma el pola súa formación no mundo da escena e polas súas achegas ao eido teatral (crítico teatral, director de escena, autor de teatro e poesía) para acompañar o lector no percorrido da vida e na análise do teatro de Vidal Bolaño.

   Roi Vidal Ponte ofrécenos, en efecto, un oportuno exame da traxectoria existencial do gran dramaturgo galego, contextualizado no espazo temporal da súa vida: a infancia enchoupada de franquismo; os anos da Transición e da Autonomía. Unha infancia relatada de

Roi Vidal Ponte

xeito entretido, case que coloquial, e vivida nese barrio -pueblo segundo os autóctonos- onde a xente alegra o ánimo pola vista da Catedral. Alí, en Vista Alegre, comeza a súa andaina vital Roberto, o fillo do doutor Vidal; os seus estudos nocturnos; a súa afección á literatura e ao cine. Máis tarde a incorporación ao Equipo Lupa, que encarreiraría ao mozo cara ao teatro e ao cine.

   E a seguir, os distintos socalcos na traxectoria existencial e teatral do dramaturgo que o autor sintetiza de forma acaída e viva desde distintas olladas, dándolle voz a coñecidos e suxestivos narradores que forman parte do percorrido vital e profesional do dramaturgo: o nariz de pallaso, a Lúa, o chapeu que mesmo o identificaba, a furgoneta, a catedral ou o vellouco do Monte Pedroso.

   Unha excelente achega biodramatúrxica, pois logo, que lle descubre ao lector a verdadeira realidade de Roberto Vidal Bolaño. Escrita como é de razón, é dicir, engarzada no tempo e nas circunstancias históricas, sociais, políticas que a Vidal Bolaño lle tocaron vivir. Páxinas, de por parte, alimentadas desde un coñecemento directo, vivencial e desde unha perspectiva moi poliédrica. Remato  amosando o meu convencemento de que seguramente as páxinas deste libro son o mellor retrato da figura de Roberto Vidal Bolaño e así mesmo, unha análise brillante do seu multiforme facer como criatura de teatro nunha dimensión total.

O Isaac dos nenos galegos

 

Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos

Loli Beloso Neira

Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2013, 56 páxinas

   

   Como escribiu Xosé Ramón Fandiño, o 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo internouse   para sempre polo vieiros da saudade. Desapareceu a súa enxoia figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos, tras noventa e un anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo. O incansable labor dese campión da ética, da arte e do pulo industrial, gobernado por criterios ben afastados das políticas capitalistas hexemónicas, acaba de ser recuperado arestora por Loli Beloso Neira nunha publicación editada por Finis Terrae Ediciones, Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Un impagable galano editorial fermosamente ilustrado por Rubén Calles Lijo coa colaboración de Loli Chan Beloso. Un limiar, escrito coa pluma do corazón, por Xosé Neira Vilas achéganos aos últimos días de Díaz Pardo e á súa relación de agarimo que con el tivo Loli Beloso nos derradeiros anos da vida de Isaac, “o Sol de Galicia” como o cualifica a autora.

  

Isaac Díaz Pardo e Loli Beloso

Nesta publicación, escrita ao xeito dun conto para nenos, Loli Beloso acércanos á traxectoria vital, artística, empresarial e sobre todo humana de Díaz Pardo. A autora, botando man dunha escrita sinxela para que os cativos da nosa terra non teñan ningunha barreira ou atranco co seu texto, percorre a vida de Isaac desde o seu nacemento en Santiago ata os últimos anos ateigados de tristura e amargor ao ver a súa obra rachada en anacos por aqueles que se aproveitaron da súa xenerosidade no ano 2006, o ano da traizón.

   Díaz Pardo, un home renacentista que xa desde os primeiros anos da posguerra asumiu a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria de Galicia, revive, nas páxinas de Loli Beloso, como pintor, ceramista, editor, escritor, empresario e creador de millentas iniciativas a favor da cultura de noso. Mais Loli Beloso amósalle sobre todo ás nenas e nenos galegos a inxente humanidade e xenerosidade dun galego universal, seguramente o intelectual que máis loitou pola cultura galega nos últimos setenta anos. Así o reflicte este conto biográfico que escribe Loli Beloso, tamén co propósito de que unha parte do recadado na venda do mesmo será destinada para a investigación do cancro.

 (Texto publicado o día 19 de setembro de 2013 no xornal El Correo Gallego.para ver o orixinal, facer clic aquí)

Fragmento

Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Loli Beloso e Carmen Arias de Castro (Mimina)

 “Queridos nenos e nenas, ISAAC DÍAZ PARDO foi un ser humano marabilloso, digo foi porque morreu. Pero persoas coma el xamais se van, sempre estará no noso corazón, na nosa mente, nos nosos ríos, montañas, prados…Toda Galicia sabe a el. Durante toda a súa vida, como se fose un misioneiro e, dende moi pequeno, loitou pola cultura galega e afanouse en axudar a todo aquel que o precisou.

Con asombro, os catro cativos preguntan ao mesmo tempo: por que anos tristes e amargos?

-Queridiños, prestade moita atención:

No ano 2006, a Isaac aconteceulle algo que nunca, nunca debeu pasar, destituírono de todos os seus cargos da obra, que con tanto esmero e sacrificio fundou para o noso pobo, polo que Galicia chorará sempre quedando ferida de morte e co corazón roto en anacos. Isaac reflícteo na súa derradeira exposición que titulou Pinturas e Fracasos, inaugurada o 14 de febreiro do 2011 na Casa da Parra, en Santiago de Compostela, e no libro de dita exposición, Isaac fai unha síntese da súa vida onde di textualmente:«Tras a morte de Seoane tentei serlle o máis fiel e ser o máis xeneroso coas xentes que traballaban de acordo coa súa responsabilidade. Mais isto non foi entendido por todos. Algúns aproveitando a xenerosidade que Seoane me ensinara a ter, no ano 2006 provocaron a situación na que hoxe se atopa o complexo Sargadelos e que representou o máis importante e definitivo fracaso da miña vida, pois quedamos absolutamente arruinados, xa que non voltei a recibir unha peseta de Sargadelos. E para poder vivir nestes catro anos, tivemos que vender moitas cousas entre elas o piso que tiñamos en Madrid que no seu día serviu para recoller aos exiliados que voltaban e que garda historias, entre elas a morte de Lorenzo Varela»

-Polo que estamos escoitando tamén axudou aos noso exiliados co seu bo facer paternal para con eles, sabían que podían contar con el para o que lles fixera falla e grazas a el voltaron a nosa terra. Era todo xenerosidade -exclamou Susiño.”

 (Loli Beloso Neira, Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos, páxinas 44-45. As imaxes que ilustran esta entrada foron tomadas por Xesús Chan o  28 de agosto de 2011, día do derradeiro cumpreanos de Isaac Díaz Pardo, no seu estudo do Castro )

A luminosa mirada dos ollos de Isaac

A luminosa mirada dos ollos de Isaac.

Isaac Díaz Pardo. Obra dispersa

Cadernos Ramón Piñeiro (XXIV)

Edición e prólogo: Xosé Ramón Fandiño

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en humanidades

Santiago de Compostela, 2012, 195 páxinas.

 

   Recibo nestas datas tres publicacións memorialísticas, tres impagables agasallos que ademais de homenaxear a tres grandes persoeiros da nosa cultura, fanme pensar nese rastro que deixamos, esa acertada epígrafe que lle dá título a última novela de Agustín Fernández Paz. Velaí a verdadeira inmortalidade: perdurar nos ollos que nos len ou nas acordanzas dos que nos coñeceron. Agasallos que teñen nome de seu: Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. O número de outubro-decembro do 2012 da Revista Grial, dedicado en boa parte a lembrar a Carlos Casares nos dez anos do seu pasamento (“Carlos Casares nun pais de palabras”). E finalmente, o número XXIV dos Cadernos Ramón Piñeiro que homenaxea, publicando a súa obra escrita dispersa, a Isaac Diaz Pardo, outra das grandes figuras históricas da nosa cultura desde hai moitos anos. Ocúpome arestora desta publicación do Centro Ramón Piñeiro, dirixida por Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez, e que con perseveranza está  a recoller certas partes descoñecidas e de difícil acceso do noso patrimonio cultural.

   Con efecto, como escribe Xosé Ramón Fandiño, responsable da edición e do prólogo deste Caderno: “O 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo adentrouse para sempre polos  vieiros da saudade. Desapareceu a enxoita figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos tras 91 anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo”. Iso foi verdadeiramente Isaac Díaz Pardo: un campión da ética, da arte e do emprendemento industrial gobernados por criterios ben afastados das políticas capitalistas de sempre e hoxe hexemónicas.

   O libro homenaxe recompila un presado de artigos e ensaios de Díaz Pardo espallados en revistas ou como prólogos dos seus libros. Deste xeito podemos mergullarnos na vida do intelectual e artista galego e universal a través dos seus propios escritos. A publicación foi, na súa xénese, unha iniciativa da fundación do Pedrón de Ouro. Unhas achegas para o perfil biográfico daquel home, nacido na casa da Tumbona (Rúa das Hortas de Santiago) de Xosé Ramón Fandiño introdúcenos nos perfil vital de Díaz Pardo. Seis breves páxinas biográficas que, porén, nos fan revivir os medos e traxedias da guerra, os alicerces da cerámica industrial, A Magdalena en Arxentina, o Laboratorio das Formas e a derradeira batalla na que Díaz  Pardo, no ano 2006, foi afastado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e Sargadelos.

   Noventa e un anos ao servizo da dignidade que podemos revivir en boa medida nas mesmas palabras de Díaz Pardo, mediante esta colectánea de artigos e prólogos que Isaac Díaz Pardo publicou entre 1956 e 2011. O editor reúne os escritos de Díaz Pardo en oito apartados que van desde a declaración  de principios, o relato das vivencias da infancia e da Guerra Civil ata as lembranzas dos seus achegados.

   Polo seu ton, á vez memorialístico, dramático e que deitan luz nos ollos lectores, saliento os artigos do segundo capítulo e nomeadamente o penúltimo: “Testimonio de Isaac Diaz Pardo que contaba entonces menos de 16 años, de los primeros momentos del Alzamiento en Santiago”. Lemos con emotividade, por exemplo, o que escribe  Díaz Pardo: o pai Camilo Díaz Baliño, “paseado” no amencer do día 14 de agosto de 1936 en Palas de Rei,  e el, o seu fillo, sobrevivindo en A Coruña pintando retratos de Franco e Frechas falaxistas nos primeiros meses do ano 1937.

Isaac Díaz Pardo

   Son asemade de grande interese os artigos sobre Sargadelos porque deitan información sobre o proceso de xurdimento e creación do proxecto cultural máis importante feito en Galicia con posterioridade ao ano 1936. E asemade, as achegas de Díaz Pardo sobre Castelao e Luís Seoane.

   Unha coda de Lúis Cochón pecha esta publicación de grande interese para todos os galegos e que xustifica sobradamente a inversión de cartos públicos en algo tan de noso (“alguén do máis noso” son as palabras de L. Cochón), mais con proxeccións na cultura de alén das nosas fronteiras, porque Isaac Díaz Pardo foi un home galego e universal. Aínda o segue a ser neste libro.

A “vinganza” de Prisciliano

Prisciliano e o pricilianismo. Da condena á rehabilitación

Victorino Pérez Prieto (Editor)

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 126 páxinas.

 

 

O teólogo, filósofo e ensaísta Victorino Pérez Prieto coordina esta edición do volume Prisciliano e o pricilianismo. Da condena á rehabilitación. A obra, que nos achega Biblos Club de Lectores na súa colección Mandaio, recolle traballos do simposio organizado xuntamente coa Universidade Menéndez Pelayo en xullo de 2010 na vila de Ortigueira co mesmo título do libro que viu luz no pasado verán. Especialistas de indubidable categoría científica estudan e analizan o que, á altura do noso tempo, podemos saber verbo da figura de Prisciliano e da “herexía” por el fundada.

A actualidade de Prisciliano segue a ser hoxe en día indiscutible. O asceta axustizado en Tréveris  no ano 385 continúa sendo na actualidade un referente sobre todo relixioso, aínda que soamente fose polo seu rexeitamento da unión da Igrexa co Estado imperial e polas súas críticas á corrupción e ao enriquecemento da xerarquía.

Sobre o “herexe galaico”, nado posiblemente na provincia romana de Gallaecia, aínda que a súa orixe segue a ser incerta, escribe en primeiro lugar Victorino Pérez Prieto (“Que podemos dicir hoxe de Prisciliano”) recollendo materiais importantes dun anterior libro seu, Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (2010): orixe, nacemento, formación, reformador, cabeza dunha Igrexa renovadora, persecución (Concilio de Zaragoza), proceso e morte en Tréveris por razóns aparentemente relixiosas, que agochaban porén motivacións políticas e mesmo económicas. Analiza asemade a obra de Prisciliano e a súa inclusión no elenco dos heterodoxos na antigüidade. Tamén a súa rehabilitación a partir do século XVIII.

Outros especialistas abordan máis polo miúdo algúns dos temas, teses e inquéritos máis importantes tanto da aventura vital e obra de Prisciliano como do seu movemento relixioso. Tal fai María José Bravo, nun  estudo en castelán, sobre o proceso e a morte de Prisciliano. Andrés Olivares Guillem, cun texto igualmente en castelán, aborda o influxo do priscilianismo na alta idade media en movementos relixiosos como os dos tardopricilianistas, o sabelianismo, o adopcionismo, o masarrismo…. Sobre a presenza do priscilianismo na cultura portuguesa, cun texto presentado na lingua irmá, escribe Nuno Ventura. Finalmente Mª Pilar García Negro pon

Prisciliano, pintura sobre papel de Sergio Vázquez

cabo ao volume. Nun texto sobre Prisciliano e o pricilianismo e as mulleres analiza a reutilización do “martir galego”, unha historia máis “á galega” (“onde  poderes esclesiásticos e poderes civís actúan de mans dadas para cadraren a súa represión nas mesmas vítimas”, paxina 113). Analiza asemade  o influxo das teorías e da praxe priscilianista na mellor literatura galega e algúns dos seus grandes temas: telurismo, relativismo moral, anti-dogmatismo, apoteose da natureza, animismo…A “vinganza” de Prisciliano, segundo Pilar García Negro, consúmase con Rosalía de Castro que revive e resucita a Prisciliano.

Xa que logo, un monllo de ensaios  non só útiles , senón tamén imprecindibles para todos en todas os interesados e interesadas na figura de Prisciliano e no alcance das actuais investigacións verbo desta figura senlleira da historia e da cultura occidental.

Desvelando o ocultamento de Murguía

Murguía

Xosé Ramón Barreiro Fernández

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 983 páxinas.

 

 

Con preto de mil páxinas neste libro, inaugura Xosé Ramón Barreiro Fernández  a nova colección “Grandes biografías”, un importante proxecto editorial co que Galaxia fai unha achega moi relevante á cultura de noso. O expresidente  da Real Academia Galega dedica o seu monumental estudo a profundar na biografía e en todos os avatares vitais e culturais da figura do seu predecesor e fundador da Real Academia Galega, Manuel Murguía.

Unha esculca no carente de dificultades e riscos, pois se algo presidiu o pensamento de Murguía no terreo persoal e familiar foi o ocultamento: “(…) o vello mestre, que pasou toda a súa vida ocultando precisamente as respostas e non só as referidas a Rosalía senón tamén a el mesmo” ( páxina 7).

Mais Xosé Ramón Barreiro, como froito dun traballo investigador rigoroso e minucioso, foi capaz de desvelar non só este ocultamento, as penumbras e sombras espesas que rodean certos tramos da vida de Murguía, senón tamén as trampas que o “pícaro ratón” con “tragadeiras de xigante” foi colocando á mantenta para desorientar a quen tivese a ousadía de penetrar nos seus anos escuros e reelaborar así una biografía canónica, “compracente e sen arestas” del mesmo e de Rosalía de Castro, a súa muller.

A investigación e o achegamento á figura de Murguía, labor ao que Xosé Ramón Barreiro dedicou varios anos, deu como resultado esta biografía canónica do primeiro teórico da nación galega. Desde hoxe, obra de referencia imprescindible para coñecer a vida e a obra do primeiro presidente da Real Academia Galega.

Sen intencións panexíricas e desterrando asemade calquera sorte de maniqueísmo, Xosé Ramón Barreiro, logo dun rastrexo nunha manchea de arquivos, foi capaz de penetrar na vida de Manuel Murguía e na de  Rosalía de Castro en canto formou parte do contorno familiar do intelectual nado, non en Pastoriza, senón no lugar de Froxel, freguesía de Oseiro.

Xosé Ramón Barreiro Fernández

A investigación detense a eito e de forma moi pormenorizada en desvelar a atormentada infancia de Murguía, a proxenie paterna e materna, a mocidade rebelde, a viaxe a Madrid para estudar farmacia, o nacemento do escritor, o coñecemento e matrimonio con Rosalía, o retorno a Galicia,  a Revolución de 1868 e o acceso ao funcionariado, o labor xornalístico e de investigación, o seu labor como “pontífice do rexionalismo”, a constitución da Real Academia Galega,  a vida de Muguía como xubilado e o devalar dunha existencia. Finalmente un capítulo destinado a analizar o destino da  biblioteca e do arquivo de Murguía e os anexos fotográfico, documental e bibliográfico completan esta inmersión na vida e na obra dun persoeiro que foi o primeiro teorizador do feito diferencial galego, un intelectual que asumiu, conxuntamente coa súa muller, a idea da rexeneración de Galicia.

Moi recomendable, xa que logo, polo seu rigor e amplitude  esta biografía do primeiro nacionalista galego.

Arredor de Xosé Díaz Jácome

Xosé Díaz Jácome

Poeta e xornalista

Armando Requeixo

Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín, Lugo, 2011, 133 páxinas.

 

 

Son, sen dúbida, en canto a publicacións, os meses das tullas cheas para o profesor e crítico literario Armando Requeixo. Hai apenas tres meses un amplo volume, Criticalia, recollía unha escolma das súas achegas críticas, análises e comentarios verbo dos libros galegos dos últimos decenios. Arestora ve luz este traballo, Xosé Díaz Jácome. Poeta e xornalista, ganador  do XXIV Premio Literario Ánxel Fole que convocan a Fundación Caixa Galicia  e o xornal El Progreso de Lugo.

O estudo ,que chega ás mans dos lectores acompañado dun amplo e interesante mostrario documental e gráfico, permite un cabal coñecemento, contextualizado na época que lle tocou vivir, da figura e da obra de Xosé Díaz Jácome. Reconstrúe Armando Requeixo a complexa e intensa biografía de Díaz Jácome: o neno do barrio mindoniense dos Muíños, que veu ao mundo en abril de1910, asúa integración no ambiente cultural e literario da súa cidade baixo a guía de Álvaro Cuqueiro, a súa estadía en Pamplona (1939-1949) desenvolvendo un amplo labor periodístico e cultural, as súas angueiras como redactor xefe do Faro de Vigo, os seus éxitos poéticos na década dos 50 e primeiros anos da dos 60.

Finalmente a súa estancia durante vinte anos en Oviedo como director de La Voz de Asturias e os derradeiros anos no retiro coruñés, anos nos que non deixou de colaborar en cabeceiras galegas e foráneas con textos te temática, sobre todo, mindoniense..

Armando Requeixo

Na segunda parte do seu traballo, analiza Armando Requeixo a obra poética de Díaz Jácome. Adscrición xeracional: membro de Xeración de 1936 desde o punto de vista histórico-literario; neotrobadorista atendendo ás súas apostas estéticas, aínda que foi capaz de ensaiar outros rexistros. A seguir,a análise do  crítico verte luz sobre os tres principais poemarios de Díaz Jácome: Primeiras cantigas de amor, Pombal e Muiño fiel. Reamata o estudo cun panorama das xeiras de Díaz Jácome como xornalista.

Subliña o autor que Díaz Jácome, malia aceptar, como tantos outros, o franquismo, é un exemplo de dedicación á lingua e á cultura de noso. Cultivou o galego aproveitando as poucas fendas que os sistema ditatorial permitía naqueles anos. Católicos, liberais e conservadores, foron eles os que ata a década dos 60 mantiveron acendido o facho da lingua e da cultura do noso país. Publicacións como esta teñen o mérito engadido de lles faceren xustiza.