ROSENDO SALVADO, HEROE. OPORTUNA BIOGRAFÍA NOVELADA

Nova Nursia

Héctor Cajaraville

Edicións Xerais, Vigo, 2018, 343 páginas.

 

Este libro de Héctor Cajaraville, Nova Nursia, é unha mostra senlleira de que tamén na literatura galega está a agromar con forza a narrativa baseada en feitos e personaxes reais. Xa que logo, tamén no sistema literario de noso irrompeu sen atrancos a realidade na ficción, irrupción que está ampliando o concepto de novela ata desembocar na novela-verdade, de xeito que na actualidade dicir novela non querer dicir  exclusivamente ficción. Nova Nursia é, desde o punto de vista literario, unha sutura de xéneros: biografía e ficción. Un relato, tal como confesa o autor, no que se toman licencias que van máis alá do rigor histórico, que pretende ser novela, xénero do que se extrae tanto a mecánica como certos recursos narrativos. Con todo, o relato que nos achega Héctor Cajaraville sobre a vida de Frei Rosendo Salvado en Australia e os seus longos periplos europeos, máis que novela biográfica, é biografía novelada, xa que o carácter biográfico posúe maior presenza  que o modo narrativo da novela.

Baseada sobre todo nas memorias de Frei Rosendo Salvado, Nova Nursia pretende reivindicar a figura e o labor poliédrico do frade bieito, pouco e mal coñecido en Galicia, e case sempre co retrouso de “o dos eucaliptos”. É certo que Rosendo Salvado enviou sementes desta árbore invasora, mais non foron as únicas nin as primeiras. Nacido en 1814 en Tui, optou, coma os outros seus catro irmáns, pola vida relixiosa na orde de San Bieito, e logo de non poucos contratempos na súa formación, decide renunciar á vida de reclusión no mosteiro e ir de misioneiro a Australia, un territorio que empregaba o goberno inglés para se desfacer de moitos condenados nos cárceres da Illa; cos aborixes vivindo no mato, outros escravizados e vítimas do alcohol e das enfermidades dos europeos. Tras moitos atrancos e sinistros presaxios, funda a misión de Nova Nursia, tendo sempre como prioridade a necesidade de dar alimento e defender os salvaxes dos atropelos dos europeos antes que adoutrinar.

Salvado afaise ao estilo de vida dos aborixes, aprende a falar os dous dialectos da mesma lingua que empregaban os nativos, foi un experto curandeiro, mergúllase na súa cultura e deféndeos das aldraxes dos occidentais e pretende evitar o seus exterminio. Pódese dicir, xa que logo, que Rosendo Salvado foi un adiantado da Teoloxía da liberación.

 

 

Héctor Cajaraville

 

A novela, abondosamente documentada, relata a creación de Nova Nursia, as loitas sen éxito contra as desfeitas que os europeos provocaban en Australia na cultura dos aborixes, sendo Nova Nursia soamente unha illa dentro doutra illa; os longos periplos europeos en procura de axudas e novos colaboradores, a complexidade da alma humana e o continuo trazado de derrotas arredor do mundo.

O autor estea a novela nunha estrutura dual, con alternancias de capítulos onde un narrador en terceira persoa dá conta dos inicios, progresos e dificultades na creación de Nova Nursia, con outros nos que o protagonista escribe ao seu amigo de infancia, Domingo Pires, misivas nas que lle describe non só as súas preocupacións, progresos e angueiras, senón tamén as crenzas e costumes dos salvaxes do mato. Estas e outras engádegas que achega o autor, converten o libro nun atractivo relato de aventuras, cuxo heroe é o galego Rosendo Salvado, bispo dos salvaxes de Autralia.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 20 de setembro de 2018)

DOR E ESGAZADURAS. A NORA DO TERROR E DA INFAMIA

Lapis na noite

Ramón Nicolás

Edicións Xerais, Vigo, 2018, 191 páxinas.

 

É sen dúbida un fenómeno universal que atinxe a todos os países, pero que o viven principalmente as mulleres e homes, por veces tamén os cativos, nos que a ditaduras teñen masacrado, torturado, asasinado os supostos disidentes. Cando a memoria histórica, a verdade dos asasinatos, dos crimes de lesa humanidade fica agochada por unha capa de impunidade, e as instancias xudiciais non actúan por mor da conivencia cos réximes políticos e ignominiosas  amnistías, é a literatura a que, con pezas de ficción baseadas en feitos reais, saca á luz do día toda a inmundicia das cloacas, as torturas, secuestros e asasinatos que acabaron coa vida de miles de vítimas. É o que vén de facer, cunha boa novela, Lapis na noite, o crítico e estudoso da literatura galega, Ramón Nicolás que, nesta volta traballa deste lado do espello.

Unha peza narrativa abondosamente documentada, axeitadamente ficcional malia estearse en feitos reais, e intensamente dramática. Novela de rachaduras, de fortaleza, carraxe, amor, medo e moita valentía, alicerzada como punto de partida, no exilio de tantos galegos durante a ditadura franquista, entre eles un dos protagonistas do relato, Ramiro Marín, que atoparon na Arxentina un fogar de acollida. E na coñecida como “A noite dos lapis”, unha sucesión de secuestros e asasinatos de estudantes de secundaria, acontecidos durante a noite do 16 de setembro de 1976 e nos días posteriores na cidade de La Plata; un dos feitos máis macabros da represión cometidos pola ditadura militar arxentina (1976-1983), xa que a meirande parte dos desaparecidos eran rapaces e rapazas menores de dezaoito anos que foron torturados e posteriormente asasinados. A súa culpa: ter reclamado o boleto de autobús con desconto estudantil.

E á par deste relato de terror e de infamia, unha historia de esgazaduras e de moita dor, a de Ramiro Marín, veciño de Covelo, fuxido a Arxentina no ano 1959, que sutura na súa persoa e na súa traxedia a represión da ditadura franquista, a noite dos  lapis e moitos outros episodios noxentos da ditadura arxentina. Xa que logo, dúas fías narrativas e un personaxe que actúa de testemuña, Lucía, unha profesora que forma parte dunha delegación cultural galega que viaxa a Buenos Aires e que aproveita para furgar e resolver a incógnita familiar do afastamento de Ramiro, irmán do seu pai. Un narrador en terceira persoa dá conta da estratexia do terror, focalizada no secuestro de dez adolescentes e no asasinato da maioría deles, feitos que forman parte da historia máis negra de Arxentina.

 

Ramón Nicolás

Polas ben documentadas páxinas da novela corre boa parte do que foi a presenza galega en Buenos Aires: os faladoiros do Terzo da Fala, San Telmo, o barrio dos galegos por excelencia, o asubío doa afiadores, os almaceneiros, onde atoparon traballos moitos galegos emigrados. Eles forman o que autor atinadamente chama o río subterráneo que conformaron os galegos que pasaron por Buenos Aires. Ramón Nicolás, empregando un estilo de prosa claro e conciso, achéganos con acuidade os obxectivos dos represores: o control da educación, un proxecto milimetrado perfectamente polas Xuntas Militares; unha visión dos territorios do terror, un verdadeiro paradigma do terrorismos de Estado. A violencia máis perversa, a barbarie xenocida. E sobre todo, a  esixencia de reparación, non de reconciliación. E entre tanta negrura, o rosear da xacarandá que lembrará e homenaxeará á filla de Ramiro, unha das líderes  dos Estudantes Secundarios, vítima das gadoupas da barbarie.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 13 de setembro de 2018)