Novelistas novelados

   A literatura, que o aproveita todo, non podía deixar de estender os seus tentáculos e extraer materia narrativa dos seus propios mananciais. Non se trata en puridade dun trazo dos discursos posmodernos, porque desde sempre ten habido escritores que escribiron e escriben biografías doutros escritores. Pero nos últimos decenios do pasado século e no que levamos do presente, a narrativa é cada vez más metanarrativa  e un dos fenómenos máis explotados é o feito de que os novelistas novelan os seus propios colegas. A invisibilidade  do autor, ese oficiante da inspiración, das letras e das tramas, está a ser dinamitada polo ecléctico experimentalismo da era posmoderna que fai que os lindes entre realidade e ficción teñan practicamente desaparecido. Fican lonxe os tempos nos que Jane Austen asinaba as súas obras desde o anonimato de “By a lady”.

   Como ten sinalado M.T.Vilariño Picos, cando un escritor novela escritores, estes convértense en personaxes protagónicos da novela. Polo xeral, a narración verbo dese personaxe escritor centra o seu interese no seu mundo interior, na súa percepción da existencia, deixando de lado os trazos máis externos. Porén esta tendencia da ficción contemporánea pode ramificarse en dúas grandes liñas. Unha delas sería a novelación dun escritor ficticio. Tal sería o caso dalgunhas das novelas de Paul Auster (La noche del oráculo), El animal moribundo de Philip Roth, Ravelstein de Saul Bellow ou a  máis recente Mr. Gwyn de Alessandro Baricco. Polo que toca á literatura galega,  a tendencia faise obsesivamente presente na narrativa de X. C. Caneiro. O gran personaxe que atravesa moitos dos seus exercicios literarios é un escritor ficticio en Estado Permanente de Fracaso. Tamén Xabier López nos achegaba en O caderno á figura dun escritorciño galego que refacía, setenta anos despois, a viaxe que nos anos trinta Vicente Risco realizara a Centroeuropa.

   Secasí, o fenómeno vai moito máis alá, porque estamos a ollar a inclinación de moitos escritores que procuran inspiración en escritores reais, converténdoos en personaxes das súas novelas, ben sexa como actantes secundarios, ben como figuras principais. Hai exemplos na narrativa dos últimos anos do pasado século: El maestro de Petersburgo de J. M. Coetzee está protagonizada  por Dostoyevsky; o relato Tres rosas amarillas de R. Carver ten a Chejov como principal actor. En Las horas de Michael Cunnighan aparece Virginia Woolf recuperándose dunha crise de tolemia. Mais é nos últimos anos cando a transformación de escritores reais e protagonistas novelescos se consolida dun xeito que semella imparable. Menciono soamente algún dos casos máis notorios. H. James, defensor da ficción pura, irrompe no ano 2004 como “dramatis personae” en tres novelas do mercado anglosaxón. O Premio Goncourt do ano 2003 foi para unha novela (La amante de Brecht) de J. P. Amette que pivota verbo dun Bertolt Brecht maduro ao que unha amante espía logo do seu regreso a Berlín. J. Barnes escribe un dos seus mellores relatos (The lemon table) sobre un episodio amoroso de Turgueniev. Unha última mostra: a novela Limónov, traducida hai unha semanas ao castelán, que recolle  a biografía novelada  do poeta, novelista e vagabundo, convertido por E. Carrère en carne de novela.

   Non é allea a narrativa galega dos últimos tempos a esta tendencia: anacos de existencia de escritores e persoeiros das nosas artes cobran vida e son literaturizadas en O Señor Lugrís e a negra sombra de L. Rei Núñez. Algo semellante acontece na recente novela de X. R. Pena, Como en Alxeria. Malia non ser iso a idea-eixo do relato, algunhas das súas páxinas están inzadas de trasuntos de  persoas reais, como os membros  do Grupo Brais Pinto e de referencias a Ramón Piñeiro, mais ser irse nunca da mentira novelesca.

 

Juan Tallón, autor de "A pregunta perfecta" e "Fin de poema" de próxima aparición

Dentro do taller do escritor

 

   En xeral as novelas que ficcionan escritores acostuman ser metadiscursivas e soen mostrar desde dentro o taller do escritor, dedicando amplos espazos ou tirando instantánea do desenvolvemento do oficio do escritor desde dentro do seu obradoiro creativo. Daquela a escrita refírese enteiramente a si mesma constestando a tradición mimética da arte. E  a novela convértese no sentido máis riguroso na “casa da ficción”. Un exemplo notable deste ir máis alá, ata os lindes da ficción, é a obra do xornalista e escritor ourensán, Juan Tallón. No ano 2010 viu luz a súa novela A pregunta perfecta. O caso Aira-Bolaño). A crítica en xeral viu o exercicio de ficción de J. Tallón  como algo novidoso que mergulla o lector nun argumento: a procura dos vínculos secretos entre Aira e Bolaño, e nun diario que tematiza o acto da mesma escritura e as obsesións dun narrador  por narrar esa historia. Recentemente outra novela deste narrador, Fin de poema, obtivo o Premio Lueiro Rey. A novela, que ignora asemade as convencións canónicas, é unha ollada ficcional sobre fragmentos da vida de catro grandes poetas do século XX (Cesare Pavese, Alejandra Pizarnick, Anne Sexton e Ganriel Ferrater) no seu camiñar cara á destrución persoal e ao suicidio. E amósanos de novo o taller do escritor, por exemplo, o proceso de creación poética de Alejandra Pizarnick. Propostas narrativas, xa logo, que apostan pola novela como reino da liberdade, no seu carácter proteico e aberto.

 

(Texto publicado o día 31 de xaneiro de 2013, no suplemento Faro da Cultura, páxina IV do xornal Faro de Vigo)