As fauces feroces
Emma Pedreira
Baía Edicións, A Coruña, 123 páxinas.
Emma Pedreira ten no seu haber unha ampla obra poética. Cultiva asemade como narradora relatos curtos, mais non de forma exclusiva. En As fauces feroces, a autora achéganos as historias de catro mulleres, en situacións e tempos distintos, que compoñen un marco reflexivo sobre a maternidade, a diversidade nos afectos e varias formas de vivir a sexualidade.
Unha filla escritora, a súa nai tamén escritora que enlazan una reflexión sobre a relación nai-filla, suturada coa experiencia vital, e o proceso e condena da monxa lesbiana italiana Benedetta Carlini e a súa amiga Bartolomea. Xa que logo, unha conflitiva historia de amor, tinxida coas circunstancias particulares de cada tempo: a época actual e a Contrarreforma.
Explora así a autora, mediante catro mulleres con diferentes relacións o que equivale a ser filla e a ser nai, ser amantes, con actos con elas relacionados. Catro mulleres que representan a millentas mulleres que non solicitan ser desculpadas. Soamente que lles permitan vivir a súa vida, non consonte cos desexos e expectativas alleas. E fano como a mellor forma de resistir contra as fauces feroces da vida. Mais, como se afirma no prólogo, neste libro hai diversas dentadas: recoñecerse perigosa para o sistema por querer vivir nas periferias; as segregacións por sexos, os desexos reprimidos, o agachar as pulsións.
Na primeira historia, unha filla escritora recoñece que non coñece a súa nai, a súa calidade materna; só coñece o que cabe nos seus libros. A filla redímese escribindo literatura infantil. Pola súa parte, a nai séntese envasada no baleiro. Pero nunca era o que tiña que ser: a súa nai.
Amalgamada con esta historia, a autora ofrécenos unha ficción histórica:a da monxa Benedetta Carlini e a da súa compañeira Bartolomea.Unha nota final recupera a historia real das dúas. A Beenedetta cómpranlle unha praza nun convento, onde aos trinta anos foi nomeada abadesa. Comeza a ter una serie de visións nas que certos homes trataban de matala.

Emma Pedreira
O papa da Contrarreforma quería silenciar os místicos que amosaban signos de espiritualidade independente, herética naqueles tempos. Moi pronto Benedetta foi confinada na súa cela como louca, e perigosa herética. Bartolomea sérvelle de compañía, e cando a Inquisición a interroga, confesa que eran amantes. No corpo da novela, E. Pedreira achéganos esta historia de represión e dominio do patriarcado, medinte certas imaxinacións de Benedetta e as confesións da súa amante. Desde os nove anos mergullada nunha vida gris no convento onde aprende a ser monxa, libre do desgaste de ter fillos, pero cos ovarios atrofiados, e vivindo en epifanías que lidaban co pecado. O seu amor foi considerado crime contra natura. Dúas historias fundidas pola diversidade afectiva e sexual, reflectidas nunha escrita moi sensorial e ateigada de corporalidade.
(Publicado no xornal Faro de Vigo o día 3 de outubro de 2019)