NOVELA MEMORIALÍSTICA. RECUPEREACIÓN NOSTÁLXICA DE TEMPOS IDOS

O verán de Lucenza

Alberto Fortes

Edicións Xerais, Vigo, 2020, 112 páxinas

 

Alberto Fortes, autor de O verán de Lucenza, aínda que non se prodiga en demasía na narrativa galega, é un narrador con pericia e eficiente, tanto en castelán como na lingua de noso. Autor de varios títulos en ambas as dúas linguas, entre eles O violín de Sarasate (2002) ou Los viajes de Shacleton a la Antártida.

A peza que arestora publica en Xerais é unha novela memorialística, ateigada de nostalxia, que comeza cunha xornada de pesca de troitas  cando nos ríos galegos había troitas, alá polos anos setenta, e non contaminación como arestora. Protagonizada por un rapaz, o fillo do Cortizo, que pasa as vacacións de verán cunhas súas tías maiores. A cor e a pesca das troitas é a primeira memoria que rescata do esquecemento. Tamén a primeira experiencia. Mais agora o protagonista lembra o que viu e a xente di que xa non existe en Lucenza: feitos que non deixan memoria como as troitas que hoxe pican nun sitio e maña fano noutro.

Unha aldea abandonada, na que hai cincuenta anos había esterco con cheiro tépedo do gando que tiña nome de seu. Mais o formigo das picadas das troitas faille remoer saudosos pensamentos e lembranzas nostálxicas como a sega da herba  nos veráns, a colleita das mazorcas de millo, o leite que non se mercaba nas tendas, senón que, acabado de muxir, distribuíase en calderetas. As castañas que ao asar dan un brinco por riba das pranchas da cociña de leña. Nomes que xa se perderon como cravuñar as gadañas na sega da herba, as muiñadas, as lacenas embuchadas a media altura nas paredes; o cuarto falso, o máis vello da casa que agacha sos segredos da familia. As carreiras dos cativos para apañar as canas dos foguetes. As troitas que engordan pola memoria da fariña que durante anos lles botaba Xulio, o muiñeiro; os camiños, case que todos terreos, marcados polas correntías.

 

 

     Alberto Fortes

A novela recupera a memoria deste adolescente nun tempo que semella demasiado afastado, e faino con certo humor e retranca. E nesta acordanza tamén teñen o seu lugar personaxes e actividades que hoxe xa se perderon, como a do malpocado que por costume tiñan todas as parroquias; a do gaiteiro que anda polas festas cun anano que batía moi ben as baquetas no coiro do tamboril; as farturentas boroas de pan de millo que xa non están, e que unha veciña cocía os venres no forno comunal. Por esta razón, este é un libro de narrativa memorialística que, ende mal, se está  esfariñando entre nós. Xa que logo, unha historia de formato breve, cuxas pretensións son  non deixar  que se perda un pasado aínda recente de tesouros materiais e inmateriais dunha aldea galega en tempos idos e que o autor recupera con agarimo.

(Texto publicado o día 26 de marzo de 2020 no xornal Faro de Vigo)

O AMANTE DE CHOLEN

O amante

Marguerite Duras

Traducción de Oriana Méndez

Kalandraka Editora (Faktoria  K Narrativa), Pontevedra, 2020, 109 páxinas.

 

Foi algo que semella rachar coas leis la lóxica dos sistemas literarios. Marguerite Duras obtivo en 1984 o Premio Gongourt cun libro moi breve e que posiblemente non é a súa mellor novela L’Amant, escrito soamente en catro meses e inspirado nunha serie de fotografías familiares da su adolescencia e xuventude. A novela foi considerada como unha novela autobiográfica, cando en realidade é unha biografía, aínda que a crítica comete un erro ao centrase demasiado no carácter autobiográfico. Mais a autora nunca revelou  o que había de realidade e ficción na súa obra. Agachou datos  moi relevantes na temática da peza: a relación sexual entre unha adolescente de catorce anos e un mozo de vinte e seis na Indochina de entre guerras. Hoxe sabemos que esa rapariga era a propia Marguerite Duras, e o mozo, o fillo dun millonario chinés.

Xa que logo, os dous protagonistas da trama existiron na realidade. No anos 1984, data na que Marguerite Duras escribiu esta  historia acababa de saír dunha cura de desintoxicación alcohólica. A súa ollada, ao escribir sobre aquela nena e verbo daquela historia, non superada da súa infancia, é dunha pureza total. Non é posible imaxinar intencións perversas no mozo millonario que cada día espera a súa amante á saída do colexio. E a súa caste de virxindade escritural revélase xa na prosa delicada e poética con que está escrita a novela, porque, malia o forte erotismo que encerran as páxinas da novela, este non se alicerza na descrición de escenas sexuais, senón no ambiente opresivo, corrupto e enfermizo no que se desenvolve a infancia e adolescencia da rapariga. O sexo foi para ela unha caste de válvula de escape fronte aos problemas familiares que soportaba na súa familia. Apenas coñeceu o pai falecido dunha enfermidade; e a nai era unha muller desnortada, esgotada mentalmente e vencellada ao fillo maior polo complexo de Edipo, que a incapacitaba para non o compracer, esquecéndose do resto da familia.

A única saída da rapariga era soñar nun mundo afastado  do ambiente familiar e ensumirse noutro ambiente definido pola delicadeza do amante chinés, na súa paciencia de home namorado e no misterio da espera..

Na trama non fai acto de presenza a protagonista nin con nome nin con apelidos. Emporiso, sabemos que ela, Margariete Duras  é a que nos estamos mergullando na súa vida. Só sabemos que estamos en 1925. Unha voz en terceira persoa fainos saber que unha rapaza de apenas quince anos, aínda co peito de nena, e de familia na miseria, está facendo unha viaxe no traxecto que atravesa o delta do Mekong. Regresa das  vacacións que pasara nun fogar da familia na provincia de Dong Thap. E vén de volta ao colexio a Saigón. A nai quere que faga as oposicións de matemáticas, pero ela o que pretende é escribir. Mentres se atopa na ponte da embarcación, atrae a atención dun mozo de vinte e sete anos, de orixe chinés, fillo e herdeiro dun importante home de negocios. Inicia a conversación coa repariga, e, a o desembarcar, proponlle acompañala no seu automóbil. Ela acepta  e lévaa á cidade, ao ingreso co colexio. A rapaza é filla dunha viúva  cuxas circunstancias xa revelei. A partir daquel momento, a rapaza nunca fará a viaxe no autocar  para os indíxenas. Terá unha limusina esperando sempre por ela. Cenará con chinés nos locais máis elegantes. Ela sabe que o mozo chinés está a súa mercede. Sabe tamén que, en diante a nai non deberá coñecer nada do que suceda. Na rapaza xurde o desexo, cando el llelo pediu. E a dor transfórmase en pracer. E a nena decátase de que o desexa. Farano unha e outra vez.

Así comeza unha relación que a rapaza pretende crer que é soamente sexual e de interese. Empeza mesmo a facerse pagar, como se fose unha prostituta, e leva diñeiro á casa. A nai e o irmán maior pretenden aproveitarse, ata que o pai do mozo chinés se entremete desaprobando a relación. Soamente moito máis tarde, a adolescente recoñecerá o seus propios sentimentos, a profundidade e a sinceridade do seu amor cara aquel mozo de ollos esquizados, porque non tiña a enerxía de amar máis alá do medo,  e o seu pai  non lle permitiu vivir a súa quenda, esa loucura de amor pola rapariga branca, convertida na muller que lle servía pracer ao amante de Cholén.

 

 

 

Quizais, malia algún salto temporal sen moito sentido o que provoca unha novela un pouco dislocada, o cero é que  Marguerite Duras, escribiu un libro único que fala a través das pausas, a través dos pequenos cadros e secuencias, dos detalles e imaxes. O que pretende explicar nesa novela é a necesidade de  contar, a obriga da escritura.

Autora atópase atada á narración para indagar en si mesma, para darlle unha ollada a súa personalidade de personaxe que se vai formando a través da canle da adolescencia. Moito máis que dunha historia de amor na vida dun adolescente, do que fala a autora é doutras cousas. En primeiro lugar do desexo de dar e de  recibir amor grazas a un home “prohibido” naquel tempo por ser chinés, por ser rico, por non ser europeo. É a vontade de sentirse dona de si mesma e ao mesmo tempo unha nena. E todo o territorio de Indochina, as planicies de lama e arroz, a forza da auga do río Mekong que avanza sen pausa cara ao Pacífico.

UNHA NOVELA DE FORMACIÓN. SUPERMULLER SEGUNDO NIETZSCHE

A casa xunto ao volcán

Xosé Ricardo Losada

Editorial Galaxia, Vigo, 2019, 197 páxinas.

 

O autor, profesor de Filosofía no ensino medio ten o propósito de amosar que a filosofía ten repercusións na vida real. Por veces, alguén pregunta para que serve a filosofía. Abondaría co replicar como fixo Montaigne: “Que a filosofía é aprender a morrer”. Mais sen chegar a situacións límites, Xoxé Ricardo Losada replica neste libro, a proposta narrativa coa que o autor gañou o Premio Viaductos de novela, e que vai dirixida a un amplo abano de lectores: adolescentes e público adulto, se ben, esta é unha novela de aprendizaxe que xurdiu co ánimo de experimentar desde a ficción a teoría nietzscheana do superhome, protagonizada desta volta por unha rapaza que desexa marcar os seus propios vieiros vitais.

A protagonista é unha rapaza de familia acomodada, pero esnaquizada, que, tras pasar toda a vida en Ourense, o novo destino laboral da nai obrígaa a vivir en Rianxo. Escríbelle ao que foi o seu profesor de Filosofía para contarlle o seu pasado de atrapada polas persoas que a rodean e o comezo do seu rexurdir, pero tamén a obriga de recompoñer os seus ideais vitais partindo da nada. En Rianxo comeza a facer voluntariamente cousas que lle custaba facer. O seu comportamento no instituto e enigmático e aquiescente case que ata o patolóxico. Ata que as explicacións verbo de Nietzsche do vello profesor de Filosofía, co que se relaciona de xeito epistolar, falando do home novo, do superhome, fai que experimente a evolución camelo, león, supermuller. Comeza un período insubmiso e rebelde. É o disfrace de leona. Fai mil falcatruadas, mais chega un intre, no que se metaforsea e se sente segura de mi mesma para construír. Comeza a fase de nena con trazos que Nietzshe lle atribúe, tirados do superhome: rapaza dunha grande madurez, unha supermuller.

Como más arriba anotei, esta é una novela de formación, dirixida fundamentalmente a adolescentes, pero que poden gorentar todo tipo de lectorado. Baseándose en Nietzsche, asistimos ao proceso de maduración dunha adolescente, percorrendo a diversas fases que no fondo atravesa a meirande parte dos adolescentes.

 

                    Xosé Ricardo Losada

 

O autor coñece á perfección  o ambiente académico e convivencial  dos institutos e non deixa de criticar o sistema educativo  que induce acertos profesores a impartir as súas clases como máquinas.  Mais non por iso aplaude as fases evolutivas da protagonista, se ben o lector tende a identificarse con ela cando se rebela contra as inxustizas. Na novela hai un claro rexeitamento do machismo. Escrita cun estilo de prosa que se axusta á forma de expresarse a xuventude, con personaxes ben perfilados. Unha novela que xoga a súa maneira co teoría nietzscheana do superhome.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 12 de marzo de 2020)

¿SHOSTAKÓVICH, UN TANATÓFOBO?

O ruído do tempo

Julian Barnes

Tradución de Moisés Barcia

Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2020, 192 páginas.

 

Unha das tendencias -mesmo se podería falar de subxéneros- máis frecuentes na narrativa contemporánea é aquela na que os narradores novelan a vida, ou algúns dos seus episodios, doutros escritores, e en xeral de persoiros que teñen destacado  en algunha faceta intelectual, incluídas as artes. Teno feito acreditados narradores do noso tempo coo J.M Coetzee, Philip Roth, Saul Bellow, Alan Hallinghurst, Kate Mose, Günter Grass, Raymond Carver ou Elena Poniatowska. Julian Barnes serviuse de un episodio amoroso da vida de Ivan Turgueniev para escribir un dos mellores relatos do libro A mesa limón.Faino de novo e o protagonista é un dos grandes compositores do pasado século Dmitri Shostakóvich.

O novelista inglés, unha das grandes revelacións da súa xeración, permítenos, en efecto, deleitarnos e á vez sufrir, co biografía novelada de Dmitri Dimitrévich Shostakóvich (San Petesburgo, 1906-Moscú 1975), na que abrollan como poucas veces o teñen feito, as colisións entre a arte e o Poder. Barnes aprópiase nesta novela do rótulo, “o ruído do tempo”, tirado das memorias de Ósip Mandelstan, o poeta que sufriu nas súas carnes e na súa alma a ferocidade irracional e desapiadada do réxime stalinista, e que, porén, resistiu heroicamente ata ser eliminado. Shostakóvich, pola contra morreu de maneira tranquila nun hospital moscovita, ateigado de honores como unha gamba en salsa rosa, repite Julian Barnes en varias ocasións.

Un verso dun poema de Shakespeare  (“E a arte amordazada pola autoridade”) e unha estrofa de Evtushenko que describía de forma intelixente cómo discorren as vidas baixo o Poder ( “En tempos de Galileo había outro  científico / non  máis parvo ca Galileo / Sabía moi ben que a terra xiraba, / pero tamén tiña unha familia que alimentar ” (páxinas 159-160), reflicten, ao menos de xeito aproximado, as complexidades da vida dun artista, dun grande músico baixo a tiranía. Julian Barnes pretende amosarnos esas complexidades: que non era doado ser covarde baixo as botas da tiranía. E faino mediante a recreación ficcional de tres episodios da vida de Shostakóvich. Tres calas ficcionales, mais cimentadas en feitos reais e documentados, unidas polo fío cronolóxico da vida do compositor, se ben con numerosos saltos no tempo e amalgamando os feitos internos dunha personalidade complexa e comida polo medo, dotada de grande sensibilidade musical, co circuíto familiar do protagonista e os intereses e caprichos do Poder totalitario.

 

                   Dmitri Shostakóvich

 

Estas colisións entre arte e Poder comezan o 26 de xaneiro de 1963. O punto de partida foi, sen dúbida a propia fama de neno prodixio que, aos dezanove anos asombrara o mundo coa Sinfonía nº. 1 en fa menor. Pero ese día de xaneiro de 1936 recibe a consigna de asistir a unha representación da súa ópera Lady Macbeth de Mtsenk no teatro Bolshoi de Moscú. A ópera estaba a ser un gran éxito tanto a nivel doméstico como internacional. Estarán presentes os camaradas Mólotov, Mikoyán, Zdánov, e tamén o grande Timoneiro, o camarada Stalin, agochado detrás dunha cortina. Aos dous días, unha editorial de Pravda (“Bulla no canto de música”) condena a ópera, acusándoa de formalismo, snobismo, anti popular, pornofonía, decadente, contrarrevolucionaria. Sospeitase que o autor do artigo puido ser o mesmo Stalin. A música da ópera de Shostakóvich fixera ladrar  aos cans maiores, e cando iso acontece, na Rusia de Satalin equivale a un rápido fusilamento. A única acción posible que lle quedaba a Shostakóvich, era abxurar dos seus erros, desculparse publicamente e mergullarse na música folclórica, a que lle gusta as masas. Non se desculpará, pero o Poder que nunca está ocioso, consegue igualmente que endereite a súa traxectoria. Terá que convivir co medo xeado que lle fai pasar as noites cunha maleta diante do ascensor, para lles aforrar os seis seres queridos o espectáculo da súa detención.

Con todo, o seu destino, polo momento semellaba seguir vivo. En 1937 escribe e estrea a súa Quinta Sinfonía, conservadora desde o punto de vista musical. E a apoteose final, optimista en opinión do réxime (alegría forzada e irónica para moitos intérpretes) deu comezo á súa reconciliación cos gobernantes.

Na segunda sondaxe reconstrúense algúns momentos da viaxe de Shostakóvich a Nova York, como un dos representantes da Unión Soviética, para participar no Congreso Cultural e Científico da Paz Mundial. Fixo a viaxe a Nova York malia a súa resistencia inicial, porque Stalin quería que fose. Na cidade, esperaba coñecer a Stravinski , cuxa música sempre admirara. Mais Nova York significou a máis dura humillación e a vergoña moral máis intensa para Shostakóvich. Nos discursos escritos por outros, mais lidos por el, condenaba a todos os músicos que acreditaban na doutrina  da arte pola arte. E era o  seu admirado Stavisnski o paradigma máis evidente desa perversión. Endalí que no seu interior, Shostakóvich sentiuse inundado pola vergoña e o desprezo cara a si mesmo.

Na terceira cala, Shostakóvich viaxa con cara angustiada na parte traseira do seu coche. Un Poveda. Non le permitiran cumprir o soño de adquirir un Mercedes. O terror tiña durado outros cinco anos, nos que seguía levando amuletos de allo para sobrevivir. Pero Stalin morreu, se ben c seu falecemento e con Nikita Khrushchov como Primeiro Secretario, o Poder non desapareceu; soamente se limitou a mudar de face. Pero Dmitri Shostakóvich xa lle pagara ao Cesar  e o  Cesar, en compensación, non fora ingrato: tres ordes de Lenin e seis Premios Stalin. Poren aquí cometeu outro gran erro. No canto das antigas ordes, agora había suxestións. Por iso mesmo, as súas relacións co poder tornaranse máis perigosas para a alma xa que medían a magnitude da súa covardía. Verase na obriga de aceptar a Presidencia da Unión de Compositores da Federación Rusa a facerse membro do partido comunista, algo que sempre conseguira evitar. Era a forma de lle reclamar a alma, agora que xa pasara o gran medo e a súa vida non corría perigo. Someteuse coma un moribundo se dá por vencido diante do sacerdote que o absolve.

Tense escrito que Jualian Barnes decantouse polo bando equivocado; é dicir, a favor de Shostakovik. Pero no é exacto porque Barnes admite a covardía do compositor. Por exemplo cando asigna o impreso de afiliación ao Partido Comunista, sendo consciente de que lle arrebataban a alma. Aplaude os discursos dos membros do Partido, pero a verdade é que non os escoitaba. Asigna os artigos do Pravda que, no seu nome escribiran outros, sen sequera lelos. Asignou así mesmo  unha inmunda carta contra Solzhenistsyn, malia a admiración que sentía polo novelista. Anos máis tarde asignará outra contra Sájarov. Segundo Barnes, cando dicir a verdade e obrar en consecuencia conduce á morte inmediata, cumpría disfrazala. E para Shostakóvich o disfrace da verdade era a ironía. O tirano non ten oído fino para escoitar a ironía y, por outra parte, imita a xerga do Poder. A ironía podía protexer a súa música, a arte da súa música que pervive e se escoita por riba do ruído do tempo. O problema é que na meirande parte das ocasións, nin sequera os seus amigos eran capaces de captar esa tonalidade irónica.

 

                        Julian Barnes

 

 

Sexa como for, Barnes non deixa de amosar unha certa compaixón polo terrible drama vivido por Shostakóvich. Nun pais como a Unión Soviética onde era imposible dicir a verdade e seguir vivindo, non só o persoeiro declarado inimigo do Estado, senón todo o seu entorno, a súa familia, os seus amigos…todos están contaminados. Para salvar os que amaba, non había elección, non existían posibilidades de evitar a corrupción moral, a non ser que un tivese madeira de heroe. Mais o heroísmo é un xesto de grandeza, non un imperativo ético.

Quizais Shostakóvich foi un tanatófobo, un obsesionado pola morte, como tamén é Jilian Barnes. “Envéxeo” díxolle a familia do seu amigo Solomon Mijoels, asasinado por orden de Stalin, porque a súa propia experiencia vital era un fiel testemuño de que a morte era preferible a un terror interminable.

Prosa evocativa, introspectiva y discontinua, con certos acentos líricos para narrar e facernos tomar conciencia da difícil e aterradora convivencia dun artista cuxo credo é darlle á o que é da arte nun estado exterminador.