
Camiño negro
Ramón Area
Edicións Positivas, Santiago deCompostela, 2020, 253 páxinas
O autor de Camiño negro,Ramón Area é un psiquiatra con abondas publicación no eido específico da súa especialidade. Mesmo obtivo con Psicopatoloxía do retorno o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2006. Mais Ramón Area non se acoutou a textos e estudos da súa profesión. De feito, Camiño negro é a súa segunda novela, e o seu incipit e toda unha manifestación de intencións. “Toda esta historia vai de mulleres, homes e camiños”.
Os camiños son os da Ruta Xacobea, que nomea nas primeiras páxinas seguindo a Aymerich Picaud. Mais a novela de Ramón Area non vai co Camiño Xacobeo. A trama, como tal céntrase na procura duns documentos roubados no Arquivo Nacional; non sabemos qué documentos son, pero para atopalos encárganse tres investigadores: Lucia, garda civil aínda nova, o sarxento rural Fernández afecto aos vellos métodos e cun pasado ateigado de interrogantes, e Cazale, durante trinta anos profesor de debuxo que recendía a aburrimento, confidente e falsificador.
Deben atopar os documentos axiña e sen publicidade. O escenario é a Compostela de camiños, igrexas, beatas e peregrinos. Dalgún xeito todo isto ten que ver con Camiño Xacobeo. Endalí que o autor non se esqueza do mesmo no título, aínda que agora non é un camiño de estrela, senón negro.

A trama parte desta situación, e os xefes pensan que o que roubou os documentos non é unha persoa versada e informática, senón un vello que sabía conseguir calquera cousa ilegal. Noutras palabras, un caso dos tempos de antes.O autor describe os investigadores, nomeadamente a Cazale, con ironía e sarcasmo. E lembra os anos de loita nos tempos da reconversión naval en Vigo. Os que daquela eran xuventude rebelde, hoxe son don Manuel, empresario de éxito ou banqueiro. Nunha trama moi complexa porque a novela recala en varios subxéneros, ao final hai unha solución ben construída e consonte con personaxes reconvertidos de ex loitadores contra a reconversión naval en persoeiros de éxito financeiro ou mundano.
O principal fío que tira da trama é sen dúbida a investigación policial detectivesca na que cómpre salientar o papel de Lucia Méndez. Mais na novela danse cita outras tramas secundarias. Unha trama relixiosa con Santiago o Maior, Prisciliano e a Catedral de Santiago que enchen moitas páxinas. Un Santiago retranqueiro, e Prisciliano, un home que rematou mal por culpa da súa teimosía, propia desta Galicia de bosques e ríos. Tamén unha novela onde sae á luz o conflito social da reconversión naval, e a delincuencia, tanto marxinal como a que percute nos altos cargos e mesmo no corpo da Garda Civil. Xa que logo, un título Camiño negro que acae co contido da novela.
(Texto publicado no xornal Farode Vigo o 21 de xaneiro de 2021)