Poeta e narradora, “narradora proteica, astuta novelista” en palabras de Rafael Chirbes coas que definía a Marta Sanz, ganadora do Premio Herralde de Novela e finalista do Nadal no ano 2006; practicante, nalgunha das súas obras, da literatura do eu, percibidas, porén, como pezas de ficción. Faino de xeito reduplicativo na súa última novela Clavícula, editada hai unhas semanas por Anagrama. Marta Sanz literaturiza a existencia do personaxe Marta Sanz desde a perspectiva dos inmensos desaxustes que se traducen nunha manchea de dores somáticas, psicolóxicas, psicosomáticas. As dores provocadas, xaora, pola sobreexplotación coa que son punidas moitas mulleres nas sociedades actuais coa coartada da crise. Unha proposta literaria moi orixinal, na que a autora desenvolve un insólito nó temático: a esculca e a crónica, asemade vivenciais e temáticas, dunha dor corporal e outros padecementos por parte dunha muller madura, e cuxo punto de arrinque é unha dor na clavícula que ela mesma sentiu durante unha viaxe aérea. Unha dor que se compacta co seu corpo como o cemento das obras.
A escritora ábrese de arriba a abaixo, desmiola todas as súas intimidades: as relacións co seu home, cos pais, a forma de durmir, mesmo as finanzas familiares dunha proletaria das letras. E faino para representar as vítimas do capitalismo avanzado, as súas secuelas, somatizadas con máis intensidade polos corpos femininos. A Marta Sanz, a pique de cumprir os cincuenta, dóelle certamente o seu corpo, pero tamén somatiza o gran trebón de inxustizas dos nosos días. Clavícula tematiza moitas outras cousas, como tal os discursos da medicina oficial ganduxados desde patróns masculinos, as enfermidades femininas escasamente estudadas porque as mulleres non tiveron voz nos eidos da ciencia durante moitos séculos..
Libro cru, descarnado, escrito sen adobíos e desde o fragmentarismo de moitos materiais, mais sostido por unha forte coherencia interna, e unha tonalidade que impresiona o lector. Así como cunha prosa natural e certeira, sen ben ornada con chispas de gran plasticidade e mesmo de lirismo.
(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 11 de maio de 2017)