UNHA ACEPTABLLE NOVELA POLICIAL

Baixo as alas de abril

Xoaquin Frnández Leiceaga

Editorial Galaxia, Vigo, 2021, 457 páxinas.

  

 Recunca o economista e político X. Fernández Leiceaga na narrativa galega de ficción. Debutará no ano 2015 con Agosto de memoria e morte. Arestora agasállanos con Baixo as alas de abril, unha novela que cómpre adcribir no subxénero policial ; unha novela de intriga policial que se introduce no ambiente sindical e estudantil de comezos do ano 1989 en Compostela. E torna á narrativa co mesmo comisario policial que o autor creara na súa anterior obra, cuxa estrutura e lóxica, como esta, lle facilita a súa paixón por contar historiais nas que o escritor procura beber da realidade. Endalí que novela estea contextualizada nun tempo con rechamantes acontecementos internacionais, en un intre de brote independentista violento en Galicia.

   E como todo autor de ficción, Fernández Leiceaga altera e transfigura lembranzas para erguer desde a creatividade narrativa a realidade. Xa que logo, partindo do feito de que esta peza non é ningunha crónica, senón unha recreación literaria, amoso algún trazos da trama: un grupo de independentistas, asaltan unha casa cuartel na procura de armas. Dous feridos de gravidade. É entón cando intervén Miguel Santos, que se sente policía ata cando dorme, e ten abondo coñecemento do medio e experiencia investigadora. O gobernador civil insístelle ata que acepta traballar coa garda civil na resolución do caso.. Pero traballará co seu equipo.. A súa misión: desarticular o grupo terrorista.

Xoaquín Fernández Leiceaga

A novela que pertence enteiramente ao xénero policial céntrase nas esculcar dos investigadores, persecucións, interrogatorios, e amósanos un monllo de vidas esmoucadas, con implicacións políticas para a aínda incipiente democracia. E magoantes consecuencias para a vida dos militantes do incipiente grupo armado independentista e dos seus familiares. Non é misión deste comentario revelar os distintos pasos, con adiantos e paradas na investigación, mais, sabendo que  a peza de Fernández Leiceaga forma parte do subxénero policial, o lector comprenderá que, malia que no sexa unha historia maniquea de bos e de malos, non fai falta insistir en cál será o desenlace da intriga. Trátase, en definitiva de resolver o enigma ou o que en inglés que bautizou como Whodunit, privilexiando a investigación como elemento fundamental e deixando á marxe os trazos máis representativos da novela negra. Cómpre con todo salientar que os seareiros do subxénero lerán con pracer esta segunda incursión do autor na narrativa de noso. Entre o méritos da peza, resalto o feito de que o comisario Miguel Santos actúa dun xeito moi distinto da policía franquista. E na novela reflíctense as preocupación, medos e reflexións da célula independentista.

( Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 16 de decembro de 2021)

A EMBRIAGADORA FRAGANCIA DUNHA MOZA

O perfume

Patrick Süskind

Tradución de Patricia Buxán Outeiro

Kalandraka Editora, Pontevedra, 2021, 337 páxinas.

   

Traducir ao galego aqueles textos que polos seus valores intrínsecos ou pola súa notoriedade posúen unha significación literaria, resulta algo imprescindible para estear o noso sistema literario. Facíano, máis antes que arestora, as dúas grandes editoriais galegas. E faino agora  Kalandraka que nestas datas nos permite gorentar en galego Das Perfum de Patrick Suskind.

   A novela relata a historia dun asasino, Jean Baptiste que, polas súas peculiaridades, era único desde o seu nacemento: non desprende ningún olor, mais o sei olfacto é privilexiado. Coñece á xente por mor dos seus olores corporais. Traballa curtindo o coiro, pero un día decide ocuparse cun perfumista famoso, Bladini. E traballando no seu obradoiro, empeza a desenvolver os seus instintos asasinos. Nunha viaxe ao campo desenvolve a súa megalomanía paranoica. Na terceira parte do libro defínese a personalidade asasina do protagonista. As súas obsesións por acadar a fragancia do ser humano. Empezan a aparecer mozas espidas e asasinadas. O autor destes asasinatos en Jean Baptiste. A súa vítima derradeira será a filla dun millonario que fuxirá da cidade para salvala, pero o olfacto lévao ata Laure e mátaa para ter a súa esencia. O día da súa excusión, cunha soa gota de esencia das vinte e cinco adolescentes asasinadas provocará unha orxía colectiva. Todo o mundo fica sometido a unha forza descoñecida. E o asasino consigue esvaecerse e os espectadores espertan coma un mal episodio que prefiren esquecer. Mais esta fragancia especial foi tamén a causa da su morte porque ladróns, asasinos, prostitutas queren ter un cacho do seu corpo.

   

Patrick Süskind

O perfumne é unha novela de contrastes, xa que nos fai convivir na súa lectura co gafume máis desagradable e o máis pracenteiro. Süskind presenta o protagonista como unha carrapata, condición moi comprensible xa que nace e medra sen amor de ninguén. Novela moi orixinal que se concentra nun sentido que acostumamos a considerar secundario. O autor consegue crear un relato engaiolante. En terceira persoa e con poucos diálogos, amósanos o perfil do asasino obsesionado cun don que resultou a súa perdición Historia lineal, sen sorpresas no seu desenvolvemento nin reviravoltas inesperadas.

(Texto publicado o día 2 de decembro de 2021 no xornal Faro de Vigo)

VEXADAS E ASOBALLADAS

Aa mulleres da Casa de Bouça da roupa estendida

Adela Figueroa Panise

Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2021, 186 páxiñas

Xa non se trata de casos illados. Cada vez son máis os e a profesionais das ciencias que compaxinan o seu labor docente con incursións na narrativa galega. Tamén nalgún caso nas amavías líricas. A última, Adela Figueroa Panisse, profesora de bioloxía en varios centros públicos galegos, organizadora, presidenta de ADEGA e colaboradora en varias revistas. Poeta asemade no eido da poesía feminista, de compromiso ambiental e social, sen desbotar algunha incursión na lírica erótica e amorosa. Arestora agasállanos con esta peza narrativa, escrita en galego. Mais que non se atén ás normas do ano 2.003. Sen torta intención, mais cada lector poderá xulgar segundo os seus esteos e criterios lingüísticos. O seu compromiso fulcral coa Galicia lusófila ou non lusófila  e indubidable.

As mulleres da Casa da Bouça da roupa estendida e unha novela contra o fascismo e a prol do vencidos e vencidas na Guerra  de 1936-39, na posguerra franquista e nas datas anteriores ao golpe de estado que acabou coa democracia. Unha obra, como escribe o prologuista Claudio Rodríguez Fer, ateigada de crueldade e horror. Mais non cómpre esquecer que tamén escintilea na mesma a beleza de terra, nomeadamente a do Incio. No comezo da novela podemos percibir a señardade da Galicia verde e rebordante de vida natural. Unha paisaxe onde se combina a fermosura co feísmo. É tamén aquí onde a autora homenaxea a autoras feministas, ás mulleres galegas facedoras de tantas labores, entre elas a da roupa lavada que lle da título a novela. Non se esquece a autora dos aspectos sociais e políticos que deron lugar á emigración ou ao fenómeno dos maquis, todo provocado pola ditadura da posguerra, coa acritude disglósica  e o odio dos vencedores a todo o que soase a galego.

Adela Figueroa Panisse

Entremesturado con todo isto, a cultura humanística, representada, máis unha vez, pola figura do mestre republicano que volve da emigración e que motiva ao lector a lembrar modelos reais, afastados da ficción. Asemade a autora deita luz verbo do exilio galeguista en América na súa vertente máis esquerdista. Endalí que rexeite a Transición que lle deu carta de falsa democracia á permanencia dos mesmos poderes establecidos. Con todo,e para alén de todo isto, o eixe temático e dramático da peza achéganos ás mulleres rexeitadas pola Igrexa e outras institución, atalladas polo machismo e perseguidas polo fascismo. E fronte a todo isto, a solidariedade rebelde de moitas mulleres que tiñan como meta vital a dignidade e a liberdade. En resumo, unha nova peza narrativa de reivindicación da memoria histórica das xentes da Galicia rural, oprimidas e asoballadas durante boa parte do pasado século

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo 0 21 de outubro de 2021)