Historias e sucedidos da nosa memoria ancestral

Galicia encantadaGalicia Encantada
O país das mil e unha fantasías
Varios Autores
Edición de Antonio Reigosa
Edicións Xerais, Vigo 2014, 240 páxinas

Hai por volta de dez anos, en marzo do 2005, que Antonio Reigosa puña a andar na internet o proxecto Galicia Encantada, un espazo para facer visible unha parte do noso patrimonio inmaterial: contos e lendas de tradición / narración oral que garda a memoria. Paseniño, como sinala o creador e coordinador do proxecto, chegaron colaboracións, viron a luz novas seccións e ata houbo azos para crear una revista dixital. Arestora a web segue engordando os seus contidos ata se converter nunha verdadeira enciclopedia virtual Galicia Encantada. Os seus piares e esteos foron e continúan séndoo o profesorado e alumnado de centros escolares galegos e as achegas de investigadores. Mais chegou o momento de que unha pequena parte do publicado na internet se fixese libro, cunha representación das distintas seccións da enciclopedia virtual. Velaquí pois a orixe virtual e colectiva desta publicación, unha guía, talvez modesta pero moi útil convertida en enciclopedia da fantasía popular galega.
Galicia Encantada achéganos un cento de historias que son en efecto un breve mostrario do gran almacén mitolóxico e contístico galego, transmitido a través da tradición oral. E dalgún xeito, malia que o material aquí recollido non conteña elementos de análise ou interpretación senón unicamente exposicións e vulgarizacións, constitúe o noso imaxinal, o imaxinario simbólico, alicerzado en pegadas inmemoriais. Simboloxías culturais -non esenciais ou etnometafísicas na terminoloxía do Círculo de Eranos- que veñen moi de lonxe, arroladas na esfera da fantasía dun país de miles de anos de memoria, e transmitidas en narracións de xinea popular a través da oralidade.
Con efecto, nas pequenas narracións de Galicia Encantada fíltrase a inmensa fervenza dos seres míticos galegos; o poder de certos seres ou obxectos; as criaturas do transmundo que compoñen as esencias da nosa simboloxía: o poder do corno de alicornio para picadas e velenos, amuleto tamén contra meigallos; os perigos do tronante á hora de poñerse a mallar; as fontes de augas milagreiras; as lendas de cocos e monstros; as das Marías, vampiresas de Santiago chuchadoras do sangue dos cativos; contos que antropoloxizan animais, coma o casamento do piollo e da pulga; os sucedidos non que intervén o demo; historias e lendas de edificios encantados con rarezas que nos marabillan ou arrepían; as maxias da fauna, especialmente do cuco, da serpe que mamaba nas mozas, das donicelas; lendas verbo de santos, sobre o Meco, as Pampónigas ; crenzas sobre os usos da nosa flora; sobre a Galicia desaparecida; as “verdadeiras” historias de heroes e heroínas ; os “poderes” da medicina tradicional; os nosos mitos relixiosos; as marabillas e encantos dos lugares míticos galegos; os tesouros agachados en fontes e castros. En fin, historias nas que a morte vén na procura dalgún veciño.

Antonio Reigosa

Antonio Reigosa

É Antonio Reigosa o que contribúe coa meirande parte do material recollido nesta enciclopedia da Galicia encantada. Porén cómpre subliñar que máis de medio cento de mulleres e homes achegan así mesmo materiais narrativos a esta guía do país das mil e unha fantasías. Unha guía que constitúe unha verdadeira enciclopedia dos encantos deste país. Centos de encantos que confirman, unha vez máis, o dictum cunqueirán. “Somos a metade soño”, o que é o mesmo que dicir que o transmundo, a maxia e o prodixio forman parte da vida cotiá da Galicia rural e mariñeira. Nas crenzas dos nosos devanceiros, recollidas moitas delas neste volume, reencárnase as figuras arquetípicas e teofánicas universais. Os moitos colaboradores desta Galicia Encantada achégannolas na nosa lingua, adaptándoas as nosas peculiaridades e inseríndoas nas nosas xeografías. Así pois, un fermoso meiró recompilatorio que, sen que sexamos infieis ao curso da materia, sutura o mito e o logos, a natureza e a cultura.