Grial.
Revista galega de cultura, número 205
Varios autores
Editorial Galaxia, Vigo 2015, 147 páxinas
Baixo o rubro “Albert Camus e Galicia”, unha sección coordinada por Dolores Vilavedra, o número 205 de Grial dedica unha parte sobranceira das súas páxinas a examinar as relacións entre Albert Camus e Galicia.
Na primeira das achegas, María Lopo analiza as mutuas relacións entre Albert Camus e Galicia. Camus, afírmase no artigo, atopou en María Casares unha intérprete ideal para moitos dos seus textos teatrais; e asemade María Casares foi a inspiradora, de forma total ou parcial de personaxes camusianos, como o de Victoria, protagonista de L’État de siège. Non entanto, a censura que asumiron os editores dos Carnets, converteu en practicamente invisible a presenza de María Casares que non aparece sinalada polo seu nome, senón de xeito anónimo ou baixo iniciais. Mais a colaboración entre o Nobel e a actriz de orixe galega, é indubidable, mesmo nas versións ao francés de pezas de teatro clásico español. Os biógrafos de Camus subliñan tamén a confianza que depositou o escritor francés en María Casares como lectora dos seus manuscritos. De por parte, Albert Camus exerceu unha notable influencia na vida de María Casares, nomeadamente na reactivación do seu compromiso coa España exiliada.
Manuel Forcadela examina as semellanzas que segundo el hai entre Albert Camus e Camilo Gonsar. Semellanzas de índole intelectual e creativa que sintetiza nas seguintes características compartidas por ambos os dous escritores: os dous crearon obras literarias con contidos moi próximos aos intereses da filosofía; o obxectivo das súas creacións artísticas persegue desenvolvementos filosóficos de carácter existencialista; tenden a disolver as diferenzas xenéricas entre a novela e o ensaio e, xa que logo, os seus sistemas de pensamento non están pechados nin definidos de vez; defenden nas súas obras a afirmacións de que a existencia precede á esencia; inclusión nas escritas dos dous dun elemento melancólico, froito do enfrontamento entre a beleza e a miseria da vida; non entanto, ningún dos dous se recoñece como existencialista.
Andrés Torres Queiruga, nun amplo e documentado artigo, analiza o problema do mal en Camus, tal como aparece tratado en La peste (1947), quizais o texto máis representativo do escritor e ateigado de paradoxos verbo da negación de Deus. Desde un tratado autónomo do mal ou “poneroloxía”, un neoloxismo creado por Torres Queiruga, analízase de xeito especial as crises de Paneloux e de Rieux, dous dos principais protagonistas desta obra, cimeira na narrativa do século XX.
Finalmente Damián Villalaín e Carlos Fernández repasan o contacto de Carlos Casares coas obras de Camus, contacto posibilitado polas edicións castelás das obras de Camus editadas por Sur e Losada, que atopaba na librería Hernández en Santiago; e a través do estudo crítico que sobre Camus publicou Charles Moeller (“Albert Camus o la honradez desesperada” en Literatura del siglo XX y cristianismo, vol. I). Camus, é a conclusión do artigo, será para Casares sobre todo “un ethos, unha predisposición intelectual e un guía moral (…) unha verdade entendida sempre desde a modestia do concreto e limitado, nunca desde a abstracción absolutizadora (…) que se desprega no terreo da creación literaria e tamén da acción pública”.
Parabenizo, como é de razón, este achegamento desde a lingua de noso e desde figuras importantes da nosa cultura ao personaxe e ao pensamento dun dos grandes escritores do pasado século, profundo pescudador dunha orde moral que atopa no clasicismo da súa arte a correlación estética perfecta