País encantado. Un rexistro da fantasía de noso

Galicia EncantadaGalicia encantada
O país das mil e una fantasías
Edición de Antonio Reigosa
Edicións Xerais, Vigo, 2014, 240 páxinas.

 
Este volume ten unha orixe virtual e colectiva. Hai por volta de dez anos que Antonio Reigosa iniciaba na internet o proxecto Galicia Encantada, que nacía para facer visible o noso patrimonio inmaterial: contos e lendas de tradición ou narración oral gardadas na memoria colectiva. De vagar chegaron colaboracións, viron luz novas seccións e ata houbo folgos para crear unha revista dixital. Arestora, unha pequena parte do publicado na internet fíxose enciclopedia virtual. A publicación, en edición de Antonio Reigosa, achéganos un cento de historias, un mostrario do gran almacén mitolóxico e contístico galego, transmitido a través da oralidade. E de algunha maneira, malia que o material que recolle o libro non contén alíneas de análise ou interpretación, senón unicamente exposicións e divulgacións, constitúe o noso imaxinal, o imaxinario simbólico cimentado en pegadas inmemoriais. Simboloxías culturais que veñen moi de lonxe, arroladas no mundo da fantasía dun país de miles de anos de memoria, transmitidas en narracións de xinea popular, a través da tradición oral.
Nas pequenas narracións de Galicia Encantada cóase a inmensa fervenza dos seres míticos galegos; o poder de certos seres ou obxectos; as criaturas do transmundo que copón a cerna da sosa simboloxía, como tal, o poder do corno de alicornio para picadas e velenos, amuleto asemade contra os meigallos; os perigos do tronante á hora de poñerse a mallar; as fontes das augas milagreiras; as lendas de cocos e monstros; as das Marías, vampiresas de Santiago chuchadoras do sangue dos cativos. Ou contos que antropoloxizan animais, coma o casamento do piollo e da pulga; os sucedidos nos que intervén o demo; historias e lendas encantadas con rarezas que nos marabillan ou estarrecen; as maxias da fauna, nomeadamente do cuco ouda serpe que mamaba nas mozas; das donicelas; lendas verbo de santos; sobre o Meco ou as Pampónigas;

Antonio Reigosa

Antonio Reigosa

crenzas sobre o uso da nosa flora; sobre a Galicia desaparecida; as “verdadeiras” historias de heroes e heroínas; os poderes da medicina tradicional; os mitos relixiosos de noso; as marabillas e encantos dos lugares míticos galegos; os tesouros agachados en fontes e castros; o culto ás pedras. En fin, historias nas que a morte vén na procura dalgún veciño, ou as poéticas do imaxinario.
Esta enciclopedia da Galicia Encantada ten en Antonio Reigosa o principal animador, xa que contribúe coa meirande parte do material recollido e publicado. Secasí, cómpre subliñar que máis de medio cento de colaboradores achegan así mesmo materiais narrativos a esta guía das mil e unha fantasías. Unha guía que constitúe un verdadeiro rexistro enciclopédico dos encantos deste país. Centos de encantos que confirman máis unha vez o dictum cunqueirán: “Somos a metade soño”, que é o mesmo que dicir que o transmundo, a maxia e o prodixio forman parte da vida cotiá da Galicia rural e mariñeira. Nas crenzas dos nosos devanceiros, moitas delas recollidas neste volume, reencárnanse as figuras arquetípicas e teofánicas universais. Os moitos colaboradores desta Galicia Encantada achégannolas na lingua de noso, adaptándoas ás nosas peculiaridades e inseríndoas na nosa lingua. Xa que logo, un deleitoso meiró recompilatorio que, sen que sexamos infieis ao curso da materia, fusiona o mito e o logos, a natureza e a cultura.

(Texto publicado o día 16 de abril de 2015 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

As resistencias da memoria

AntípodasAntípodas
Xosé Vázquez Pintor
Edicións Xerais, Vigo, 2015, 243 páxinas

Xosé Vázquez Pintor é un escritor todoterreo que nos ten agasallado con algunhas das novelas máis tremendas e fermosas da literatura galega, quer suturando a cultura e as traxedias da montaña e da ribeira, quer relatando a espera da derradeira viaxe ou recuperando a épica do noso mar e rescatando un memorial de amor diferente. Nesta nova achega, Antípodas, o autor volve exercer o seu oficio da activista da lingua, reconstrúe o mundo coa evocación e faino botando man dos ollos dun neno que, en compaña da súa cadela, humanizada primorosamente, inventa un territorio humano e natural fitado cos ollos de ver e con aqueloutros que miran desde dentro, desde a imaxinación e a fantasía.
Son Plinio, un neno da inclusa, e Luneda. Cando a nai de Plinio cae derrubada nos abismos, el ensoña a fuxida ben de lonxe, navegando por outros mundos cara aos antípodas. Mais denantes diso, Plinio achéganos as coordenadas do seu mundo, mergullado nos seus soños e baiuras, facendo inquéritos sobre o tempo de antes, sobre as biografías dos señoritos, sobre aquelas casas nas que non había homes porque todos emigraran. E sentindo e sufrindo o tempo de arestora, áspero e duro, nomeadamente para os humildes. No personaxe do pícaro da inclusa amalgama o autor tantas experiencias da infancia nun mundo ido xa para sempre e que xa só resisten na memoria. Evoca oficios, personaxes, ledicias e medos, artellando unha trama argumental por aglomeración de lembranzas e vivencias. O resultado é un friso engaiolante da terra de noso, altísima literatura, escrita de sentimentos -porén, non sentimental-, de resistencias da memoria e de bruídos de denuncia.
Estouran nesta novela todos os bríos e potencias dunha lingua milenaria. Un cadoiro de poesía, que é moito máis que un afeite ou verniz externo á prosa narrativa. A poetización constitúe a cerna da escrita do narrador de Agolada. E con técnicas narrativas e figuras literarias tiradas da nosa sintaxe de sempre e do galego antigo, e formas lexicais que non están nos dicionarios, senón só infelizmente na oralidade, nas voces dos avós, constrúe o autor unha novela cativadora que dá xenio ler e gorentar.

(Texto publicado o día 27 de marzo de 2015 no xornal El Correo Gallego. para ver o orixinal facer clic aquí )

 

A memoria das mulleres emigradas

A cicatriz brancaA cicatriz branca
Margarita Ledo Andión
Editorial Galaxia, Vigo, 2015, 50 páxinas

Editorial Galaxia inaugura con A cicatriz branca una nova colección “Libro Cinema”, un produto editorial do que forma parte a publicación dun DVD coa película A cicatriz branca como contido principal, e algúns engadidos , como tal, una semblanza da diretora do filme, Margarita Ledo Andión, senllas entrevistas con Eva Veiga, unha das principais actrices, e Margarita Ledo Andión; así como a indicación dos subtítulos en español e inglés, produtora e a ficha técnico-artística da equipa.
O volumen que se abre nun fermoso pórtico cun gravado de Isaac Díaz Pardo do ano 1973, e está ilustrado con fotografías de Ramiro Ledo, Luís Moscardó, Ozo, Xoana Pintos e Estafanía Vázquez, recolle textos breves, mais moi sustanciosos e asemade contextualizadores desta película a prol do xénero, da clase social das criadas, das mulleres galegas emigradas a Arxentina a comezos e durante a segunda e terceira década do século XX.
Saliento os dous textos de Margarita Ledo Andión. “Por que o cinema” no que fai un repaso da súa filmografía e confesa que, se en Santa Liberdade filmar o século dende Galicia foi filmar a utopía, en A cicatriz branca, filmar o século foi filmar o desterro, os exilios, as emigracións. De por parte, Margarita Ledo achéganos unha fonda reflexión sobre o por que do cinema, e verbo das súas teimas á hora de filmar: conseguir a súa articulación como feito cultural e optar asemade por determinar suxeitos que non están feitos co tecido dos soños. O resultado vai ser “un cinema vestixio, incansábel mesmo no seu letargo” (páxina 9).

 

Escena da película "A cicatriz branca"

Escena da película “A cicatriz branca”

Noutro texto menos teórico, Margarita Ledo ofrécenos a historia e o backstage da historia. En forma suscinta reconstrúe a historia: a das mulleres galegas que dende comezos do século XX emigraron a Buenos Aires e eran representadas no imaxinario arxentino como cadeliñas fieis, traballadoras e analfabetas, túzaras, atravesadas e agarradas, exercendo de “mucamas” ou “criadas de camadentro”. Se esta é a paisaxe de fondo para A cicatriz branca, o punto cero da historia atópase recollido nestas liñas, ao meu sentir impresionantes: “Filme documentado na súa trama interna, para alén de boa parte dos materiais máis singulares. Mercedes Méndez Fouz, a rapaza da que parte a personaxe de Merce, chegou a Buenos Aires en terceira clase, por debaixo da auga, no Sierra Morena, con destino ao servizo doméstico. Ao pouco foi posta na rúa porque, dixéranlle, non sabía

Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión

limpar. E Mercedes Méndez Fouz, sen saber onde ir, pasou tres días e tres noites na praza da Constitución, un lugar rodeado de prostíbulos, por onde deambulaban os «sen papeis» de todas as épocas.” (páxina 14).
Tamén da autoría de Margarita Ledo Andión son as tres planas nas que perfila os seus personaxes principais: Mercedes, Nélida Villar, Antón Moreda e Severino.
Outros textos de Ramiro Ledo Cordeiro (“Vai e vem. Notas sobre a montaxe”), Abe Rábade (“A música”), José Manuel Sande (“Margarita Ledo Andión”) e unha certeira reflexión de Pilar Cagiao Vila arredor das mulleres da emigración pechan este pequeno libro, editado con primor, un meiró editorial que, xunto coa película, á que introduce e explica, contribúe a visibilizar a historia oculta detrás da emigración feminina galega, neste caso, a das mulleres que arribaron en Arxentina por volta dos anos vinte e trinta do pasado século.

“O Parnaso sobre rodas”: unha amable historia de amor aos libros

O parnaso sobre rodasO Parnaso sobre rodas
Christopher Morley
Tradución de Estela Villar
Rinoceronte Editora, Cangas do Morrazo, 2015, 152 páxinas

Na súa colección Clásica publica Rinoceronte Editora O Parnaso sobre rodas, un rubro moito máis fiel ao orixinal de Christopher Morley (Parnassus on wheels) que o empregado por outras versións como a castelán. A obra foi publicada en 1917. O seu autor, pouco coñecido entre nós, naceu en Bryn Mawr (Pensilvania) en 1890. Estudou historia moderna na universidade de Oxford e nesa época comezou a escribir. En 1913, xa en Nova York, traballou como editor e, como xornalista reporteiro percorreu Estados Unidos. A súa primeira novela foi Parnassus on wheels. A máis coñecida, porén, e coa que acadou a fama, sobre todo ao ser adaptada ao cine, é Kitty Foyle.
O Parnaso sobre rodas é unha peza narrativa para o gozo dos sentidos, un libro ameno, concentrado no gusto que producen os bos libros, co engadido dunha fermosa historia de amor. Un conto longo que nos achega sobre todo as figuras de dous personaxes certamente saborosos: o señor Mifflin e Helen McGill. Esta última, institutriz na súa xuventude, renunciou á vida urbana e xunto co seu irmán Andrew comprou unha granxa no medio rural, na que vive durante dez anos dedicada ás faenas do fogar e da granxa, e a coidar de seu irmán que só pensa en se converter en escritor. Mais un día Helen ve que polas portas da súa granxa entra unha extravagante aparición: unha estraña carruaxe tirada por dous cabalos brancos e guiada por un homiño de barba rubia: O Parnaso Ambulante de Roger Mifflin que carretaba unha enorme librería. O señor Mifflin, canso de viaxar, ofrécelle venderlle a carreta con todos os libros. Helen acorda mercala antes de que o faga seu irmán deixándoa soa na granxa. Gasta todo o diñeiro que levaba aforrando ao longo da súa vida, adquire a librería ambulante e inicia unha nova vida. Prendera nela a paixón polos libros e pola aventura, e convertida en vendedora ambulante, na compaña do señor Mifflin, recorre o mundo vendendo cultura e apaixonándose coa natureza e coa vida ao aire libre, coas conversas coas xentes das aldeas. Paseniño a nova vendedora ambulante de libros decátase dos valores do anterior propietario, o señor Mifflin, un home pouco agraciado fisicamente, mais cun corazón moi grande. O resultado é unha apracible e fonda historia de amor.

 

Christopher Morley

Christopher Morley

O Parnaso sobre rodas é un conto gorentoso no que o seu autor fusiona un canto á cultura, aos libros e á natureza, ateigado de situacións entrañables, por veces alucinantes, cun selecto e rexoubeiro humor. Un relato non exento de intencións moralizantes. O desenlace, bastante previsible, non desafina co ton pracenteiro do relato. Un fermoso texto con boas descricións da paisaxe e agudos retratos de personaxes moi humanos, semellantes aos que podemos atopar en calquera peza narrativa de Mark Twain. Todo isto, xunto cun estilo de prosa coidado, mais sinxelo e popular, malia as moitas referencias literarias aos clásicos, dotan a esta novela dun valor perdurable, e convértea nunha lectura amable que deixa no lector unha sensación moi agradable.