Ruar polo Mondoñedo cunqueiriano

Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo

Armando Requeixo

Concello de Mondoñedo, Xunta de Galicia, 2017, 185 páxinas

 

Un libro e á vez un convite. É o recente agasallo escritural que vén de pór na rúa Armando Requeixo, hoxe, sen dúbida, o gran coñecedor e analista que agacha a cidade de Mondoñedo, nomeadamente na súa vertente literaria. Outros libros de seu demostran a verdade do que digo. A eles engádese arestora Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo. Unha ben traballada guía literaria para percorrer rúas, tabernas, barberías, casas, igrexas, alamedas e outros espazos de Mondoñedo da man do príncipe dos escritores mindonienses, Álvaro Cunqueiro, e doutros escritores con el relacionados ou verbo dos que escribiu. Un libro que nos leva por trinta espazos da capital da antiga provincia do Reino de Galicia, máis outros cinco dos seu arredores. Son os puntos, na terminoloxía do autor, que o viaxeiro debería visitar. Son os camiños de súa vida mindonienses que Ávaro Cunqueiro percorreu non só fisicamente de cativo ou co andar canso, senón tamén coa fantasía. Mais hai outros escritores que tamén contribuíron a encher de literatura os espazos da cidade e que ilustran con fragmentos dos seus textos ou con poemas algún destes lugares mindonienses: Antonio Noriega Varela, Leiras Pulpeiro, Eduardo Lence-Santar, Xosé Díaz Jácome, Marina Mayoral, Xosé Trapero pardo ou O Pallarego.

Perderse e volverse encontrar por estes puntos mindonienses que con esta guía o viaxeiro localizará mellor que co GPS. E sobre todo, poderá gorentar os textos de Álvaro Cunqueiro que os contextualizan ou ornan e arrolan co lume da súa prosa ou dos seus versos.

 

Armando Requeixo

 

Saliento as oportunas e selectas ilustracións (fotografías, cubertas de libros, reprodución de textos orixinais) e o impagable traballo de documentación, e, de xeito moi especial, esa escolma de textos que acompañarán o viaxeiro no seu ruar  polos espazos mindonienses, desde o Santuario dos Remedios ata a “Cunquiña deleitosa”, ese val feito “a la medida del ojo humano” que o viaxeiro poderá contemplar subido a algúns do penedos que a carón da estrada permiten ollar e gorentar fermosas vistas dunha cidade que é, á vez, realidade xeográfica e “mitoloxía fonda, leda e intacta en palabras do xenial escritor mindonienses a mellor compaña para gozar do que con exacta precisión e fermosas palabras se nos di neste roteiro literario.

(Texto publicado o día 21 de decembro no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal facer clic aquí)

Narrativa bonsai. Como fermosas fórmulas matemáticas

Á sombra dos bosais

Antón Riveiro Coello

Editorial Galaxia, Vigo, 2017, 208 páxinas.

Encabezada por un titulo que lle fai xustiza á natureza e ao contido do libro, Antón Riveiro Coello achéganos a súa primeira incursión no subxénero do microrrelato. Emporiso, o autor confesa que é na novela onde máis cómodo se atopa, mais, “arrimado a vertixe das redes”, naceron coma un divertimento outras cousas miúdas ao xeito de micropostais coas que mesmo podía manter unha certa interacción cos lectores. Así xermolou unha boa parte dos textos que lle dan forma e contido a este libro. Outros son inéditos ou tiveron unha primeira vida en publicacións colectivas. A súa finalidade: narrar o mundo con textos casa vez máis diminutos, se ben con disposición arboriforme: máis longos -tres ou catro planas- os das primeiras cincuenta e oito páxinas e unha soa folla os restantes, acadando a maior brevidade e concentración no derradeiro, “Infarto flamenco”, con tan só tres palabras (“Morreu nun ai”) que trae ao recordo o xenial hiperbreve de Ernest Hemingway que o escritor norteamericano consideraba o mellor da súa obra, “Véndese: zapatos de bebé sen usar”

Case que un cento de microficcións, das que a terceira parte corresponden ás que abren a publicación e cadrarían coas gallas máis baixas. Son verdadeiros contos breves, se ben manteñen algúns dos trazos da minificción, nomeadamente  o do desenlace sorpresivo. Saliento entre elas, “O home que matou a Franco”. As restantes axústanse ás convencións do microrrelato: títulos que focalizan os contidos e nalgúns casos son imprescindibles para completar o sentido xa que cumpren a función de conducir o lector na dirección que desexa o autor. Mostras sobranceiras, na miña estima, desta función dos rótulos son “Meticuloso”, “O coleccionista”, “Arraianos” ou “A hipocondríaca”. Abranguen temáticas moi diversas, pero todos eles conteñen unha historia, a narración de algo. Superan, xa que logo, a simplicidade do aforismo ou da ocorrencia. Historias, xaora, cribles sen que faga falla que sexan enteiramente coherentes. Os significados de cadanseu microrrelato amósanse escasamente esbozados, apenas insinuados, esteados en mecanismos coma o dobre sentido: a posibilidade de que o texto signifique non soamente o contido semántico das palabras, senón que encerran outras connotacións que o lector deberá atopar para completar a narración. Función que se acrecenta nalgún caso, como “A pedida de man”, cando o autor xoga co sobre sentido das palabras que animan ao lector a inmiscirse no xogo e tomar parte no mesmo.

 

Antón Riveiro Coello

 

Todos os microcontos de Á sombra dos bosais son relatos que desenvolven unha situación narrativa singular formulada nun espazo e suxeitándose a un discurso temporal, aínda que algúns elementos (acción, espazo, tempo) estean soamente suxeridos. Teñen asemade a virtude de provocar no ánimo do lector impresións que poden ser de sorpresa, sorriso, reflexión, compaixón… Algúns dos microrrelatos conteñen na súa brevidade unha xenuína teoría verbo dos problemas e actitudes do mundo actual; reproducen pequenos detalles dunha sociedade absurda á que parodian ou caricaturizan desde a sátira e a retranca. Saliento por último quizais o máis importante da microficción, presente nesta entrega: a concentración  ao máximo que os converten en prosas fermosas como fórmulas matemáticas, con desenlaces sorpresivos en moitos deles. É aí onde recibimos a labazada.

 (Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 30 de novembro de 2017)