A realidade
Manuel Darriba
Edicións Xerais, Vigo,2021, 131 páxinas.

Veño seguindo o transcurso literario de Manuel Darriba desde que no ano 1996 me sorprendera gratamente con aquela noveliña Paf Xarope, porque na mesma vía outra maneira de escribir, a dun creador novo, capaz de vir ao rego das sensibilidades dunha sociedade cambiante, que se algo quere é que lle conten verdadeiras historias, prescindindo, se for preciso, de exquisiteces requintadas.
Virían despois outras achegas literarias, non moitas, como Accidental, Elefante Serramoura ou O bosque é grande e profundo, namiña estima, “unha das obras máis orixinais e innovadoras dos últimos anos”, como se nos lembra na presentación que a casa editora fai do autor. Se esta última é unha novela incrustada de cheo nos mundos utópicos e apocalípticos, A realidade non lle queda á zaga porque, en boa medida, tamén transcorre en escenarios apocalípticos.
A novela é moi fragmentaria na súa estrutura e afastada dos lindes dos xéneros. Na presentación da obra, o mesmo autor é quen nos achega unha sinopse e un retallo da novela. Na mesma, en efecto, atopamos con Ganzúa, escritor fracasado que deambula sen rumbo pola cidade, onde se está a impor un clima de degradación sen paliativos . Na mesma cidade, grupos de costrosos agóchanse nos edificios en obras porque son perseguidos polas Hordas ao servizo do Capital. Mais o protagonista Ganzúa viaxa na procura dun brillo de crisálida. E na súa viaxe, crúzase con diversos personaxes, á vez que lembra a súa vida pasada. Ao mesmo tempo, un doutor decrépito, Daniel, insiste teimudamente na defensa dun ideal de humanidade.

O mesmo escritor confesa que A realidade é, sen dúbida, a novela máis complexa e ambiciosa das que ata o de agora ten escrito. E non lle falta razón porque, ademais de debuxar un futuro caótico, presaxio quizais da actual pandemia, se ben na novela aparecen outras catástrofes planetarias (cambio climático, desigualdade social…), interróganos sobre un dos inquéritos que preocupan e preocuparon ao ser humano desde sempre: que é o real?.
Unha peza de poucas páxinas, mais para un lectorado atrevido que non refuga as estruturas que non se ateñen ás normas canónicas: varios grupos de textos cunha trama principal -o relato da odisea nocturna- que se amalgama con retallos biográficos, notas ao pé de páxina que achegan detalles adicionais. E outros textos con fantasías verbo do feito de morrer, así como relatos atribuídos a Ganzúa. En resumo, unha peza innovadora que demanda un lectorado tamén especial.
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 22 de abril de 2021)