Como homenaxe á escritora María Victoria Moreno (Valencia de Álcántara, Cáceres, 1941- Pontevedra 2005) á que hoxe en toda Galicia se lle rende homenaxe no Día das Letras Galegas, reproduzo aquí unha breve recensión verbo da primeira obra literaria de María Victoria Moreno, publicada o día 9 de xullo de 2009 no xornal Faro de Vigo. Estas liñas sobre Onde o aire non era brisa, así traduciu Xavier Senín Alcores de Donalvar (1969), editada en 2009 por Galaxia, queren ser unha modesta lembranza á muller que fixo da nosa lingua a súa.
…..
Onde o aire non era brisa
Mª. Victoria Moreno
Tradución de Xavier Senín
Editorial Galaxia, Vigo, 2009, 158 páxinas.
En poucas ocasións elementos paratextuais cumpren unha función informativa -e mesmo persuasiva- tan decisiva coma os do prólogo desta novela de Mª Victoria Moreno (Valencia de Alcántara 1941–Pontevedra 2005 ). Aos amantes das curiosidades literarias cónstalles que naquela escolma poética titulada Os novísimos da poesía galega (1973) dáse noticia da primeira obra literaria de Mª Victoria Moreno, Alcores de Donalvar, finalista do Premio Café Gijón de 1969. Foi a primeira novela da escritora estremeña e a única escrita en castelán. O prólogo da obra que reseñamos, asinado por Pedro Ferriol, avisa ao lector de que o manuscrito daquela novela ficou esquecido durante 36 anos ata que, convencida a autora, escribiuna de novo con pequenas modificacións e cun novo título, Donde el aire no era brisa. Velaquí pois a primeira novela de M.ªVictoria Moreno, que ficaba inédita e que aparece en edición póstuma traducida ao galego por Xavier Senín.
A autora de Anagnórise, e de tantos outros títulos de literatura xuvenil e infantil, narra na novela unha historia baseada nas experiencias dunha mestra nova que chega a Alcores de Donalvar, unha vila castelá, paradigma da intemporalidade (“mil casas…mil homes silenciosos…mil mulleres renegridas”), na década dos sesenta, tempos do quiñón do leite en po dos americanos. Unha vila dominada pola pobreza e avasalada polos caciques e a ignorancia.
O discurso narrativo mestura as vicisitudes dos habitantes da vila, salferidas de longas historias de desaires, resentimentos e envexas, coas propias experiencias vitais da protagonista, identificada desde o primeiro intre cos máis pobres e cos desherdados. No corazón e nas contornas dese lugar imaxinario, literaturiza a autora retallos da vida aldeá, non exentos de costumismo, e unha galería de personaxes ancorados nos valores e pautas tradicionais, tales como a discriminación social e xenérica e o patriarcado.

María Victoria Moreno
No plano técnico, Onde o aire non era brisa, malia a revisión posterior, non deixa de ser a obra dun neófito da escrita literaria, que, ao madurecer, chegaría a dominar con tanta perfección o discurso narrativo. Relato enxebre, con trazos propios do costumismo, do realismo, do romanticismo e mesmo do didactismo moralizante. Engalanado, porén, cunha lingua sinxela, directa, eficaz e ateigada de recursos líricos e expresivos que máis tarde rebentarían con tanta eficacia na abondosa produción literaria da escritora. Cómpre pois achegarnos a esta obra póstuma de M.ª Victoria Moreno como unha homenaxe editorial á muller e á escritora que, desde a súa chegada a Galicia, se identificou de xeito definitivo coa nosa lingua e coa nosa cultura.