Roteiro histórico de Compostela

Compostela, una historia entretenida
Texto: Simón Vicente López
Xulio Prado Seijas
Ilustracións: José Luis Serrano Silva
Sotelo Blanco Edicións, Santiago 2010, 180 páxinas
.

Clausúrase o Ano Santo, finalizan os fastos relixiosos e sociais que motivou o Xacobeo, pero Compostela segue aí. A súa sinfonía de pedra e “auga peneirada por anxos de néboa” como cantou o poeta, continuará soando durante moitos séculos, quizabes eternamente. E a súa música e a luz da Torre encargada a Andrade – o faro da cidade – seguirá iluminando as noites compostelás e indicando a peregrinos o punto de chegada. Para eles e para os que teñen a dita de ver en cada ocaso “a enloitada lúa e ás orfas estrelas”, escribiron Simón Vicente López e Julio Prado Seijas este Atlas Histórico da cidade, Compostela, unha historia entretenida. As ilustracións, que non fotografías aínda que o seu extremado verismo case as confunde, correron A cargo de José Luis Serrano Silva. E Sotelo Blanco, co apoio do Consorcio de Santiago, ofrécenos hoxe esta xoia bibliográfica de complexa elaboración, porque se tratou sempre de amalgamar texto e imaxe debuxada. E iso lográrono de sobra os autores, o debuxante e os editores.
A publicación, que non pretende ser un libro de historia, aínda que non careza de rigor histórico, fainos presente, contándoo con estilo ameno e didáctico, o nacemento e o posterior desenvolvemento da urbe. Mil anos de historia, dende as orixes con anterioridade ao descubrimento dos restos do Apóstolo ata a celebración da Exposición Rexional de 1909. Rigor histórico escrupuloso, amenidade e hermosas e magníficas ilustracións danse a man ao longo de corenta e cinco capítulos para descubrir as rutas que percorreu a cidade durante o seu primeiro milenio, coa recreación das diferentes fases dalgúns dos edificios de maior importancia. O menú no que se desprega cada capítulo, fai que este libro sexa de doado manexo. Unha publicación pois para ilustrar, deleitar e entreter a propios e estraños. Quizabes o agasallo máis fermoso que se pode levar da Cidade das Estrelas. Que o canto dunha publicación de tanta calidade como esta, resoe no “tambor de pedra” da Cidade Apostólica e ao longo dos caminos e rutas do ancho mundo.