LITERATURA QUE CONTA A CENCIA

Silencio

Agustín Agra

Editorial Galaxia, Vigo, 2020, 137 páxinas

Este comentario sobre o libro de Agustín Agra debería ir acompañado do mesmo silencio ao que aluden todos os xornais que ao libro fan referencia. En efecto, despois dun silencio editorial de cinco anos, A. Agra publica unha nova peza narrativa que leva por título Silencio. Unha novela diferente, non convencional, composta por un monllo de oito relatos que parecen independentes, mais non o son, e no seu conxunto forman unha ficción novelesca que nace por pola admiración de Alexander von Humboldt e pretende ser unha novela verbo do propio “polimata” prusiano. O libro contén oito relatos referentes a outros tantos científicos desde a revolución científica ao descubrimento das vacinas.

Os personaxes que interveñen na obra son científicos de épocas distintas, con presenza dalgunhas  figuras femininas, ás que se lles furtou visibilidade ao longo da historia. Xustamente dúas son as protagonistas do primeiro relato “Caderno da tundra”. Dúas amigas, dedican os seus esforzos á concienciación dos problemas ambientais do planeta. Nunha expedición á terras nórdicas, unha delas desaparece tras as pegadas de Carl Linné. No seu diario non hai pegadas do seu percorrido, pero si da fauna. A amiga deduce que é feliz na tundra, lonxe da barafunda dos seus conxéneres. O segundo relato é unha clara homenaxe aos científicos renacentistas que fundamentaron o heliocentrismo: Copérnico, Tycho Brahe, Kepler, o torturado e asasinado Giordano Bruno e Newton que, con teoría gravitacional coreaba a obra que demostrou a falsidade do xeocentrismo.

Agustín Agra

Noutro relato aparece a figura de Lavoisier, protagonista asemade da revolución científica, que puxo a data inaugural para a química, coa axuda impagable da súa muller Marie-Anne. As cartas cruzadas entre dous xeólogos, Charles Lyell e George Cuvier iluminaron as teorías do uniformismo e do catastrofismo como explicación da orixe do noso planeta. “I think” rememora os descubrimentos de Darwin nas costas de América. O libro complétase con outros tres relatos nos que se dá conta de cómo Louis Pasteur bota por terra a teoría da xeración espontánea; Gregorius Mendel, cruzando chícharos e ratos, descubre as leis da herdanza xenética e o último “polimata” e aventureiro, Von Humboldt, descarta obsoletas teoría xeolóxicas e cataloga a fauna e a flora americana.

   Moito a salientar neste libro. Nomeadamente o feito de que de grandes achados científicos, o autor foi capaz de erguer incitadores relatos literarios.  Subliñable igualmente a tonalidade da obra: relatos científicos centrados tanto na natureza humana como na natural, expostos dun xeito delicado, mais capaz de afastar a verdade científica da superstición, a maxia e o fanatismo relixioso

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 19 de novembro de 2020)

Negra, Xudicial, Policial. Desarticular un entramado mafioso

Non fales o que non debes

Luís Manuel García Mañá

Edicións Xerais, Vigo, 2020, 180 páxinas.

   

Luís Manuel García Mañá é un escritor con ampla experiencia na narrativa galega. A súa traxectoria está avalada por media ducia de novelas e por varios ensaios relacionados co dereito e a historia. E con relación á historia que narra nesta novela, tamén pola súa ampla experiencia profesional, tanto operativa como de xestión.

   A novela que nos achega arestora, comeza coa morte narrada por una narrador incorpóreo por mor dun aparente suicidio do posuidor dese ser corpóreo que resulta ser o maxistrado do Xulgado  de Instrución número 1 dunha cidade galega, que se atopa enredado nunha operación policial na que se investiga o tráfico de armas, estupefacientes, corrupción  urbanística, branqueo de capitais… Él, desde a súa situación incorpórea, será o que nos guiará polos labirintos que aparecen na novela, relatando os contratempos e circunstancias que o precipitaron no seu tráxico e suposto suicidio.

   Nas primeiras secuencias, dá conta da súa vida matrimonial, o seu paso por varios xulgados, e decide asemade fisgar entre humanos “que non se decatan de nada”.

   

LuÍs Manuel García Mañá

Unha sorte de prolepse xeral adianta nas primeiras secuencias o desenlace da historia: a morte en suicidio aparente do maxistrado titular do Xulgado de Instrución número 1 e o suicidio do concelleiro de Urbanismo que se guinda  no calabozo de Comisaría. Mais quedan por descubrir as causas e o como deses sucesos. Dous narradores dan conta de todo iso: o xuíz que fala en primeira persoa e dá conta das informacións dos actos nos que participou ou foi vítima. E un xornalista do diario local Aquem, de alcume Vagalume, que investiga pola súa conta e sospeita que detrás do suicidio do concelleiro había moito máis que unha depresión. Nas súas pescudas trata de desvelar os motivos que se agochan tras as dúas desaparicións. Provocacións, riscos, posibles chantaxes, o descubrimento da existencia dunha organización que estaba preparando ilegais operacións inmobiliarias, tráfico de armas a  grande escala. É a operación Táchira porta en marcha pola policía para non lles perder a pista.

   Na miña estima,  Non fales do que non debes ten moito de novela negra, xa que na mesma hai un retrato crítico de parte da sociedade actual (a dos chantaxes, traficantes de armas e droga, recalificación de terreos, operacións especulativas), e ao mesmo tempo ten boas doses de novela xudicial e policial. Saliento como valores da escrita de García Mañá, nesta peza, a boa conxunción de dous relatos paralelos, o feito de manter a atención do lectorado sen grandes doses de intriga. A argucia de atopar un narrador fantasmal que narra cun estilo limpo, desenfadado e abondosas doses de humor e un certo escepticismo  para descubrir a “mala”, a delincuencia nacional e internacional.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 29 de outubro de 2020)