Sibila na illa sen nome

  

Rosa Aneiros, a autora de Sibila, ao comezo  do século actual, formaba parte dun grupo de narradores e narradoras galegas emerxentes, que naqueles anos estaban a superar a invisibilidade. Na actualidade, especialmente logo da publicación de Resistencia (2003) ou Sol de Inverno (2009), é unha narradora plenamente consolidada. É autora ademais de varios libros de literatura infantil e xuvenil. Arestora volven sobresaír os seus bríos e a súa forza fabuladora con esta novela, quizais a máis complexa das que leva escritas, pero  que é asemade un texto narrativo moi orixinal, entre outras razóns, pola atmosfera de suspense e polas anacronías, saltos cara ao futuro do tempo da historia, xa que  ac derradeira secuencia ou capítulo da trama narrativa é o incipit deste libro co que Rosa Aneiros retoma a arte de contar historias para un lectorado adulto, despois de doce anos de silencio.

   A protagonista  principal é Sibila, unha muller posuidora  de poderes especiais. E arredor da súa figura, a autora ergue a trama argumental. Mergúllanos nunha illa onde os seus moradores son donos das súas historias. Mesmo os lugares teñen nomes de seu, topónimos moi orixinais. Tras o capítulo inicial que, como anotei pode entenderse como o remate da historia, o lector entra de cheo na trama novelesca. Sibila regresa a illa onde se criara e tiña as súas raizames, malia que nunca imaxinara que ía volver. É a neta da Rubia, a tola do argazo, e arrastra un pasado misterioso  nunha illa sen nome na que non hai outra cousa que facer máis que xogar ao tute e coidar vellos. Nesta illa soamente poden vivir dúas ducias de habitantes, todos eles de idade avanzada, encargados de conservar e amosar os valores patrimoniais ás moreas de turistas. Mais a illa agocha non poucos segredos e intrigas.Se ben a novela se ergue arredor de Sibila, ao longo do relato teremos ocasión de coñecer a varios veciños e os acontecementos que determinaron as súas vidas, así como os lugares ateigados de historias.

  

Rosa Aneiros

Novela á vez intimista e con moitos elementos tirados da fantasía. Con mestura de materiais e secuencias narrativas como a presenza dos narcos, e que nos empurran a reflexionar sobre a vellez, sobre as lembranzas, o paso do tempo, a protección da natureza, a maternidade , as traxedias dalgúns moradores como a da Amelia. E con certas secuencias distópicas que nos incitan a pensar nun mundo onde as administracións e a burocracia illan as persoas segundo criterios deshumanizadores. Ler esta novela, escrita con voz natural, evocadora e non poucas luzadas líricas, evidencia que Rosa Aneiros soubo madurecer sen excesivas urxencias ata converterse nunha das voces máis sólidas e versátiles da narrativa de noso.

(Texto publicado o día 15 de xului de 2021, no xornal Faro de Vigo)

Deixar un comentario