VEXADAS E ASOBALLADAS

Aa mulleres da Casa de Bouça da roupa estendida

Adela Figueroa Panise

Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2021, 186 páxiñas

Xa non se trata de casos illados. Cada vez son máis os e a profesionais das ciencias que compaxinan o seu labor docente con incursións na narrativa galega. Tamén nalgún caso nas amavías líricas. A última, Adela Figueroa Panisse, profesora de bioloxía en varios centros públicos galegos, organizadora, presidenta de ADEGA e colaboradora en varias revistas. Poeta asemade no eido da poesía feminista, de compromiso ambiental e social, sen desbotar algunha incursión na lírica erótica e amorosa. Arestora agasállanos con esta peza narrativa, escrita en galego. Mais que non se atén ás normas do ano 2.003. Sen torta intención, mais cada lector poderá xulgar segundo os seus esteos e criterios lingüísticos. O seu compromiso fulcral coa Galicia lusófila ou non lusófila  e indubidable.

As mulleres da Casa da Bouça da roupa estendida e unha novela contra o fascismo e a prol do vencidos e vencidas na Guerra  de 1936-39, na posguerra franquista e nas datas anteriores ao golpe de estado que acabou coa democracia. Unha obra, como escribe o prologuista Claudio Rodríguez Fer, ateigada de crueldade e horror. Mais non cómpre esquecer que tamén escintilea na mesma a beleza de terra, nomeadamente a do Incio. No comezo da novela podemos percibir a señardade da Galicia verde e rebordante de vida natural. Unha paisaxe onde se combina a fermosura co feísmo. É tamén aquí onde a autora homenaxea a autoras feministas, ás mulleres galegas facedoras de tantas labores, entre elas a da roupa lavada que lle da título a novela. Non se esquece a autora dos aspectos sociais e políticos que deron lugar á emigración ou ao fenómeno dos maquis, todo provocado pola ditadura da posguerra, coa acritude disglósica  e o odio dos vencedores a todo o que soase a galego.

Adela Figueroa Panisse

Entremesturado con todo isto, a cultura humanística, representada, máis unha vez, pola figura do mestre republicano que volve da emigración e que motiva ao lector a lembrar modelos reais, afastados da ficción. Asemade a autora deita luz verbo do exilio galeguista en América na súa vertente máis esquerdista. Endalí que rexeite a Transición que lle deu carta de falsa democracia á permanencia dos mesmos poderes establecidos. Con todo,e para alén de todo isto, o eixe temático e dramático da peza achéganos ás mulleres rexeitadas pola Igrexa e outras institución, atalladas polo machismo e perseguidas polo fascismo. E fronte a todo isto, a solidariedade rebelde de moitas mulleres que tiñan como meta vital a dignidade e a liberdade. En resumo, unha nova peza narrativa de reivindicación da memoria histórica das xentes da Galicia rural, oprimidas e asoballadas durante boa parte do pasado século

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo 0 21 de outubro de 2021)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s