CUNHA ESCRITA SENSORIAL. DIVERSIDADE AFECTIVA E SEXUAL

As fauces feroces

Emma Pedreira

Baía Edicións, A Coruña, 123 páxinas.

 

Emma Pedreira ten no seu haber unha ampla obra poética. Cultiva asemade como narradora relatos curtos, mais non de forma exclusiva. En As fauces feroces, a autora achéganos as historias de catro mulleres, en situacións e tempos distintos, que compoñen un marco reflexivo sobre a maternidade, a diversidade nos afectos e varias formas de vivir a sexualidade.

Unha filla escritora, a súa nai tamén escritora que enlazan una reflexión sobre a relación nai-filla, suturada coa experiencia vital, e o proceso e condena da monxa lesbiana italiana Benedetta Carlini e a súa amiga Bartolomea. Xa que logo, unha conflitiva  historia de amor, tinxida coas circunstancias particulares de cada tempo: a época actual e a Contrarreforma.

Explora así a autora, mediante catro mulleres con diferentes relacións o que equivale a ser filla e a ser nai, ser amantes, con actos con elas relacionados. Catro mulleres que representan a millentas mulleres que non solicitan ser desculpadas. Soamente que lles permitan vivir a súa vida, non consonte cos desexos e expectativas alleas. E fano como a mellor forma de resistir contra as fauces feroces da vida. Mais, como se afirma no prólogo, neste libro hai diversas dentadas: recoñecerse perigosa para o sistema por querer vivir nas periferias; as segregacións por sexos, os desexos reprimidos, o agachar as pulsións.

Na primeira historia, unha filla escritora recoñece que non coñece a súa nai, a súa calidade materna; só coñece o que cabe nos seus libros. A filla redímese escribindo literatura infantil. Pola súa parte, a nai séntese envasada no baleiro. Pero nunca era o que tiña que ser: a súa nai.

Amalgamada con esta historia, a autora ofrécenos unha ficción histórica:a da monxa Benedetta Carlini e a da súa compañeira Bartolomea.Unha nota final recupera a historia real das dúas. A Beenedetta cómpranlle unha praza nun convento, onde aos trinta anos foi nomeada abadesa. Comeza a ter una serie de visións nas que certos homes trataban de matala.

 

                    Emma Pedreira

 

O papa da Contrarreforma quería silenciar os místicos que amosaban signos de espiritualidade independente, herética naqueles tempos. Moi pronto Benedetta foi confinada na súa cela como louca, e perigosa herética. Bartolomea sérvelle de compañía, e cando a Inquisición a interroga, confesa que eran amantes. No corpo da novela, E. Pedreira achéganos esta historia de represión e dominio do patriarcado, medinte certas imaxinacións de Benedetta e as confesións da súa amante. Desde os nove anos mergullada nunha vida gris no convento onde aprende a ser monxa, libre do desgaste de ter fillos, pero cos ovarios atrofiados, e vivindo en epifanías que lidaban co pecado. O seu amor foi considerado crime contra natura. Dúas historias fundidas pola diversidade afectiva e sexual, reflectidas nunha escrita moi sensorial e ateigada de corporalidade.

 

(Publicado no xornal Faro de Vigo o día 3 de outubro de 2019)

Advertisements

DEFICIENTE CALIDADE. COMO SE CREA E SE ESCRIBE UNHA NOVELA

Mnemea

José Duncan

Editorial Galaxia, Vigo, 2019,184  páxinas.

Xosé Duncan é especialista nos xéneros de fantasía e terror: relatos de misterio e arrepío como Contos Estraños, As Crónicas de Bran ou a distopía  Negruña. Arestora publica Mnemea. A referencia a Mnemea débese a que na mitoloxía grega é a musa da creación, ocupábase en darlle forma concreta ás ideas illadas. Ela é a que lembra (Mnemea, si é a memoria) e deixa plasmado por escrito  o que a súa irmá Meletea tiña matinado con anterioridade. Xa que logo, o mesmo rótulo  da novela indícanos que se trata dun texto no que é importante a reflexión sobre a creación literaria. Non resulta doado atopar unha liña argumental  nesta novela, porque no fondo, non é outra cousa que unha mestura de preocupacións literarias, de capacidades creativas, problemas de edición, con grandes mangados de fantasía, de mundos imaxinarios, coa presenza de Mnemea, algo de relacións humanas e, sobre todo, abondos materiais  para polemizar sobre o mundo literario.

Un narrador omnisciente relata os problemas creativos, editoriais e mesmo sentimentais do pasado e do presente de catro personaxes: Lois  Mourinho, Carla, Anna, escritora que fóra parella de Lois, e Sandra, editora. Lois Mourinho é un escritor de literatura fantástica en horas baixas. A novela intenta contarnos como Lois escribe a súa derradeira novela. El pon as ideas e Carla dálle forma, xurdindo así o problema da autoría, xa que Carla pasa por escribente, por “negra”, aínda que non lle guste ese papel. Ao longo do relato, o lector atopa moitas preguntas e reflexións sobre a fantasía que debe ser maxia inalcanzable, e sobre o lector que mantén o escritor nun espazo de confort. Reflexión asemade sobre os egos dos escritores, verbo dos certames e premios literarios que poden ser dirixidos para que o premiado sexa determinada persoa. Sobre certos editores  que só ceden parte da carne a aqueles que son do seu círculo. Verbo do papel da literatura fantástica: segunda a musa Mnemea remover consciencias, acadar cotas que a narrativa seria nunca conseguirá.

 

 

                 Xosé Duncan

 

Coido que a novela provocará certo desazo a non ser nos seareiros da literatura fantástica, atenuado quizais no desenlace, nas relacións humanas entre varios personaxes e no suspense final. O interese desta novela para lectores afastados dese mundo fantástico e dos problemas da creación literaria, penso que será mínimo. Na miña opinión, estanse a editar produtos de deficiente calidade, tantos pola dúas grandes editoras olívicas como polos contratos de autoedición. E todo iso non favorece a literatura de noso.

 (Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 28 de setembro de 2019)

BRILLANTE FRESCO. DA TRAXEDIA VITAL DE GALILEO

Galileo no espello da noite

Xabier Paz

Edicións Xerais, Vigo, 2019, 324 páxinas.

  

Coa cavilación na noite da súa vida sobre a súa existencia, descubrimentos e desgrazas de Galileo remata a triloxía coa que  Xabier Paz reconstrúe o fresco da Italia barroca, constrinxida polo Gran Teatro Renacentista, herdado do turbillón dos días trentinos, ese vento glacial e rigoroso chamado Contrarreforma.  Renacer e Anibal e a Pintora son os dous chanzos que preceden á noite de Galileo, no que máis que en ningún outro se espella a Contrarrforma e a interpretación das Escrituras como libro de ciencia.

A novela ten como protagonista principal a Galileo. Endalí que se empregue a primeira persoa -é Galileo quen cavila sobre as súa a súa vida e as súas desgrazas, aínda que teñen cabida outras voces-. Un argumento desenvolvido en tres grandes capítulos. A través dos mesmos, o autor é capaz de reconstruír a biografía de  Galileo desde os seus anos novos, denunciado pola súa propia nai, máis alguacil que muller, ata que foi perseguido pola inculta intransixencia dos defensores da física aristotélica e da Igrexa que consideraba as Escrituras como un libro de ciencia. Todo iso acrecentado polo vento xélido da Contrarreforma tridetina. Todo por defender e demostrar os resultados da observación e experimentación: que a terra xiraba arredor do sol.

Galileo, o principal protagonista, aparece retratado como filósofo natural, como astrónomo defensor do copernicanismo, investigador e sabio, e un dos puntais do método científico. Pero tamén as súas persecucións polo Santo Oficio Precisamente o libro comeza cun interrogatorio onde se escoitan estas palabras terribles: “E pedíuseme que dixera a verdade ou, do contraio, habería que recorrer á tortura”. Prosegue Galileo coas súas as súas idas e vidas por Italia, coa súa actividade na corte dos Medici; e remata coa súa morte, coa prohibición papal de que se ergan monumentos funerarios á memoria do sabio. O relato presenta un personaxe que viviu entre carencias económicas e co medo sempre no corpo que fai que Galielo se vexa forzado a violentar a súa propia conciencia no lance decisivo da súa vida.

 

 

                               Xabier Paz

 

O mellor da novela é ese gran fresco, rigorosamente documentado da Italia barroca, atenazada, porén polo poder eclesiástico; o retrato da vida científica de Galileo, sen esquecer a dimensión familiar e sentimental do personaxe, nomeadamente coa súa filla, sor Celeste coa que puido manter un intercambio epistolar que forneceu ao sabio atribulado  de conforto e afecto.

O libro elabora materiais históricos convertidos en ficción; inxectando así o marcador semántico da ficción nun contexto histórico. Unha grande riqueza lingüística coa que o  autor retrata a época. Un excelente libro que recolle a paixón e a traxedia vital de Galileo e co que X. Paz pecha con brillantez a súa triloxía da Italia barroca.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 19 de setembro de 2019)

A BELEZA COMO FÍO CONDUTOR DUN CRIME

Beleza vermella

Arantza Portabales  Santomé

Editorial Galaxia,Vigo, 2019, 424 páxinas.

 

No arrinque dunha novela ou dun relato pode haber unha frase que nos engaiola definitivamente. Iso pasoulle á autora desta novela,  Arantza Portabales: “A beleza é vermella como unha cunca de cereixas”. Á autora veulle esa frase á cabeza e xa non houbo volta atrás, malia que, ao longo da súa escrita, a cor vermella acadará unha dimensión ben afastada da fermosura e moi próxima ás contornas da morte. Xa que logo as cereixas -si a súa beleza- non son/e a imaxe que amalgama/m a trama da novela.

A autora non vive da escrita e compón sobre todo relatos curtos. Tivo un notable éxito con Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Arestora retorna cunha novela cualificada como negra polo selo editorial, mais o lector debe ser cauto porque se acostuma a vender gato por lebre: novelas que non traspasan os lindes do detectivesco ou da novela policial soen  ser comercializadas como negras.

Con todo o fondo da trama de Beleza vermella é un crime. A trama dá comezo cun corpo atopado nun cuarto de Santiago na noite de San Xoán. Unha rapaza de quince anos, Xiana, envolta nun mar de sangue. Encárgase do caso o inspector Santi Abad e a axente Ana Barroso. Pouco máis se pode revelar da historia se non queremos spoilerizar a trama. Soamente que hai seis sospeitoso: os que aquela noite ceaban no xardín da casa. Alguén asasinou a Xiana e saíu da súa habitación sen deixar unha soa pegada nun chan cuberto de sangue. Unha tía da rapaza, Lía, atopa o cadáver e poucos días máis tarde será ela a que intente suicidarse.

Cunha estrutura baseada no clímax e con dúas voces narrativas, a novela ten a súa parte policial: os policías fan o seu traballo. Son falibles pero moi eficaces; analizan a escena do crime, son sabuxos incansables e intuitivos.

 

Arantza Portabales Santomé

Mais esta novela vai moito máis alá do xénero policial. É unha verdadeira novela negra, unha das poucas que se escriben en galego. Aquí a resolución do enigma non o é todo. O forte da novela de Arantza Portabales é o retrato social e, sobre todo a interiorización na psicoloxía dos personaxes. relacionados co crime, labor que non queda nunha “máquina de pensar”, senón en dous policías que se empeñan en descubrir o asasino, os motivos do crime e o que pasa polo interior dos personaxes: as súas feblezas e desaxustes. Todos eles, sen excluír os policías (maltratador e cunha relación sentimental e sexual entre eles xurdida na investigación). Con grande acuidade, a autora introdúcenos na interioridade destes personaxes confundidos e ateigados de inestabilidade emocional. E iso explica o desenlace do crime. Ao final, o lector comprende que o significado de que a beleza é vermella só se pode comprender cando se descubra a pulsión do sangue.

(Este texto tería de ser publicado hoxe, 11 de xuño no Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo. Por motivos de programación, aparecerá no mesmo xornal o xoves 18 do mes no que andamos. Adianto a súa publicación nesta bitácora)

NOVELA DE HUMOR. AMORÍOS CUNHA GALEGUISTA DE ESQUERDAS

Os días felices de Benvido Seixas

Eduardo Velasco

Edicións Xerais, Vigo, 2019, 182 páxinas.

 

Todos os sistemas literarios e en todos os seus xéneros son heteroxéneos en canto a súa calidade literaria. As grandes obras  literarias, esas que teñen que ver coas forzas salvaxes e universais non choven todos os días do ceo. Hai pezas mediocres e outras que, sen selo, non acadan a categoría de obras mestras. Mais así ten que ser porque os lectores non son uniformes verbo dos seus gustos, e a literatura entretemento tamén ten unha razón de ser. Novelas ou relatos que se len como divertimento tamén son necesarias. E iso é o que nos ofrece Eduardo Velasco, autor de poemas, relatos e tradutor, neste seu debut na novela de longo formato.

A trama novelesca é a dun acomodado mozo vigués que un día, por casualidade coñece a Mariña, unha activista social que despacha cervexas  nun centro social, pero moi sensibilizada cos valores de esquerda. Case sen o pretender, entre os dous xorde unha relación amorosa. Mariña é vitalista, e ao longo da novela, descubrimos máis cousas: impulsora de comisión de cultura, galeguista, medio vegana e amante da lectura, espelida e sen complexos no feito do sexo. Bienvenido pasa de contado a ser Benvido e, malia ser a antítese de Mariña, abrolla un intenso romance entre eles, esteado nos enganos que Benvido lle fai crer á rapaza, nomeadamente que é o que nunca foi.

Inventa unha familia que nunca tivo para matar o furor proletario da moza, avergoñado de pertencer a unha familia rica. Constrúe unha nova identidade, merca un piso nunha zona proletaria de Vigo, e tamén con enganos pasan un tempo na casa de A Caeira, propiedade de Benvido Seixas. A novela remata, malia os desgustos e o afastamento cun final que se intúe aberto e pouco menos que feliz, mais pouco congruente.

Os días felices de benvido Seixas  é unha novela onde o amor e o humor son as principais fías narrativa deste debut de E. Velasco. A protagonista feminina que non é nada convencional, no fondo provoca que Benvido dea un salto de clase irreal, e na parte máis entretida, realmente non sabemos se o mozo a seguía a ela  ou era ela a que seguía a Benvido; se ben Mariña, a base de preguntas vaino pondo cada vez máis contra as cordas. É salientable nesta novela a homenaxe que se lle rende ao Courel, á tradición oral e as figuras da literatura galega como Uxío Novoneira, María Mariño e a Otero Pedrayo, entre outros. Novela de humor que  recae de cheo no desenvolvemento da trama.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 4 de xullo de 2019)

SULAGAR O SOÑO

Sulagar o soño

Montserrat Villar González

Lastura, Ocaña, (Castilla la Mancha), 2019, 105 páxinas.

 

Quixera dar noticia da edición bilingüe reversible, en galego e castelán, dun poemario que vén de sacar dos prelos Montserrat Villar González, outra desas ou deses poetas galegos transterrados. Nada en Cortegada de  Baños (Ourense), mais residente en Salamanca como profesora, poeta e tradutora, e con varios poemarios publicados, a meirande parte deles en castelán, con algún deles traducido ao galego e ao portugués.

A autora, una daqueles que escriben pensando que a lingua, todas as linguas, sempre suman. Endalí que Montserrat Villar recoñeza que ten a fortuna de ter dúas linguas maternas, porque cada lingua é una patria, unha forma de percibir o mundo.

En Sulagar o soño, precedido dun extraordinario limiar de Juan Carlos Mestre, o lector atopa boa  e abundante poesía. Unha poesía na que a lembranza dun dos seus poetas de referencia, Celso Emilio Ferreiro (…”falar a fala nai, a fala dos abós que temos mortos”) abeira á poeta de forma definitiva á  terra galega que a viu nacer, e á lingua que mamou de cativa.

Por iso, este libro que é moitas cousas, é principalmente un regreso ao fogar materno, a terra materna que define moitos dos trazos da personalidade e da escrita da poeta. Mais. á vez sen renunciar a ollar o mundo, compartilo no teatro darwinista, verdadeira selva de competición.

 

Montserrat Villar Gomzález

A autora estrutura o libro en tres partes: “Son”, que acolle os poemas que amosan que Montserrat Villar nunca foi unha escritora extramuros de Galicia, malia estar en tránsito por circunstancias da vida. “Eu son de aquí / desta pedra, desta néboa, / deste cume que emerxe…”, proclama o primeiro poema do libro. En “U-los homes”, a segunda parte do libro, a escritora comparte afectos cos outros, cos amigos que tanto lle ensinan. Os case que vinte poemas da terceira parte son un achegamento, esta vez con palabras, a todos os que sofren neste noso mundo de arestora.

Poesía solidaria e reivindicativa. Un testemuño sen eufemismos da visión dolorosa da realidade. En resumo, unha boa colleita de versos, estrofas e poemas que lles dan forma e fan medrar o personalísimo magma literario de Montserrat Villar.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela o 30 de xuño de 2019)

ENTRE CUBA E GALICIA. DOUSCENTOS ANOS DE INTRAHISTORIA

Sándalo

María Xosé Porteiro

Editorial Galaxia, Vigo, 2019, 396 páxinas.

 

Cunha estrutura non canónica e afastada da novela lineal, María Xosé Porteiro, dezaoito anos despois daquela novela ou reportaxe literaria sobre o escravismo  feminino dos nosos día que foi Covardes, regresa á ficción histórica cunha novela que funde historias comúns ou extraordinarias de xente unida por Galicia e Cuba.

A novela percorre douscentos anos de historia. Comeza no ano 1823 co aforcamento de Del Riego e as vinganzas brutais dun rei absolutista. E remata no ano 2015, coa estancia dun dos principais protagonistas na cociña familiar en Galicia. A autora aborda desde a historia, a emigración galega a Cuba antes e despois da independencia da Illa, e faino  dun xeito fragmentario que amalgama multitude de feitos históricos e grandes doses de ficción. A armazón da novela sobre a que se ergue a estrutura, son os feitos históricos que recuperan a loita pola independencia da Illa, así como una boa parte do acontecido en España durante eses anos, con moitas familias truncadas pola emigración.

Cada capítulo da novela vén sinalado por un ano que se suceden non en orde lineal senón con múltiples saltos no tempo, con acontecementos históricos e as distintas teselas que compoñen a parte ficcional do relato.

 

 

María Xosé Porteiro

 

Especial relevancia teñen o inicio da guerra de liberación da República de Cuba en Armas (1869) co Grito de Yara, o desembarco de José Martí, a entrada na Habana das tropas revolucionarias de Fidel Castro. Mais a novela non soamente conta a historia de Cuba. Detense de xeito demorado na súa intrahistoria, sobre todo a partir das vivencias da familias galego-cubanas. En Cuba tivo Galicia os azos que nunca soñou quen emigrou do seu fogar fuxindo da miseria e do medo. En Cuba os galegos constituíronse como colectivo sen perder a súa individualidade. O froito máis coñecido, a construción do Centro Galego, vedado, porén, ás mulleres. Ao meu ver, a novela salienta o compromiso dos  masóns nos procesos de independencia en todas as Américas, tamén en Cuba, a viaxe a Illa de Curros Enriquez, o poeta referencial de pensamento liberal e laico que apoiou expresamente o proxecto independentista cubano. E a opción polo feminismo porque nesta novela, coa historia dunha familia como núcleo central, que é o mesmo tempo o relato dun tempo e dun mundo, as mulleres en Cuba seguirán sendo invisibles, en manifesta inferioridade, e  en moitas ocasións levadas a Cuba enganadas para seren prostituídas e poxadas por ser virxes, como revela  o dramático capitulo “Macorina”. Algunhas secuencias sobexas, sobreabundancia e personaxes secundarios e certa tonalidade mítica, forman parte do retorno da autora á ficción con esta historia de historias.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 20 de xuño de 2019)