
O libro cero
Jorge Emilio Bóveda
Editorial Galaxia, Vigo, 2021, 190 páxinas.
No novo libro, O libro cero, de Jorge Emilio Bóveda, que afirma vivir nunha constante pulsión literaria, coma os escritores de vocación, retorna á escena literaria Pastor Páez cunha manchea de novas aventuras. Mais a novela do escritor ourensán é moitas máis cousas: un libro de viaxes no que o lector poderá percorrer diversas cidades europeas, sen temor a formar a formar parte dos afectados e magoados pola actual pandemia. Mais tamén son abondosos as viaxes interiores coa súa conseguinte evolución, sen deixar de lado a decepción ao se decatar de que a policía non era capaz de que unha persoa moi influente fixera fronte e pagara polas súas actividades á marxe da lei. Pola contra, a súa honorabilidade fará que o degraden no corpo policial. Entón, pretende comezar de cero desde o berce da civilización occidental. O autor, outra vez un profesor que amalgama a docencia coa escrita, comezou na súa xuventude o seu periplo polas letras de noso participando nos certames de Relatos de Verán dun xornal galego. Escribiu ademais guións para curtametraxes, e estivo vinculado á prensa con varios periódicos dixitais.
O libro co que arestora nos agasalla relata a historia de Pastor Páez que, debido o xa anotado, sente a necesidade de recomezar a súa vida desde cero. Malia a súa personalidade introvertida dá comezo a unha viaxe por varios países, mentres a súa mente elabora unha nova realidade. Un desenlace que o lector non sospeita ao logo la lectura, trae horribles consecuencias para o protagonista.. A viaxe de Pastor Páez é un periplo na busca de si mesmo do seu lugar na existencia e na realidade, e no que actúa máis coma suxeito pasivo que como actante, pois vai onde o leva a corrente da vida e os acontecementos, entre os que non son cousa menor os soños que influirán dun xeito decisivo no final da novela. Novela pois onírica en boa medida , xa que o protagonista camiña cos ollos e coa mente bafexados por esa realidade que semella aparecer nos seus soños.

A arquitectura da novela pode provocar no lectorado unha certa confusión.Como unha esfera “armilar” a define o mesmo autor, con camiños interconectados dentro da literatura, pero non por iso deixa de ser unha historia contada de xeito lineal de percorrido polo mundo. Os capítulos están ordenados en orde descendente ata atanger o libro cero, se ben os acontecementos están relatados en orde gradual e progresiva ata o desenlace onde a Pastor Páez lle fan saber que non é máis ca un personaxe novelesco, cuxo destino non é outro que o libro cero: non un creador, senón un creado, afectado de narcolepsia cunha porta á verdadeira liberdade.
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 3 de xuño de 2021)