No día de hoxe o xurado do Premio Blanco Amor de Novela Longa, que chega a súa XXXIV convocatoria, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense, declarou gañadora por unanimidade á novela Os kowa. Aberta a plica, o autor da novela resultou ser Francisco Javier Vázquez Álvarez, coñecido polo seu pseudónimo literario Xavier Queipo, autor dunha ampla e notabilísima obra en varios xéneros, pero sobre todo na narrativa. Ë asemade tradutor ao galego de obras como A viaxe de Baldassare de Amin Maalouf, Ulises de James Joyce ou Tifón de Joseph Conrad.
Entre outros aspectos o xurado salientou que Os kowa é unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonía, cun transfondo de diálogo de identidades culturais, de respecto pola diversidade e pola natureza. A novela esta escrita con brillante oficio e calidade.
Pola miña parte como membro do xurado composto por Luís Gonzalez Tosar, Bieito Iglesias, Malores Villanueva, Armando Requeixo e quen isto escribe, debo dicir que tiven o pracer de ler e valorar Os kowa como unha magnífica celebración da aventura, dunha aventura equinocial, acompañada de profundas reflexións verbo do xogo de equilibrios entrópicos, a espiral da evolución non lineal, defensa das tribos do mato, que se algo precisan é que as deixen en paz. Engulido o protagonista pola selva, as páxinas da novela son unha historia constante de soidades e descubertas, un combate de antagonistas. A novela presenta o protagonista que retorna, coma Ulises, cargado de coñecementos, segredos e cicatrices. O autor logra artellar un relato no que o substrato científico e ético non empece, senón que potencia, o alento narrativo, intenso e desacougante, dunha aventura navegando río abaixo desde as fontes do Amazonas.
Unha historia por veces abafante e angustiosa; e para narrala, o autor emprega unha tonalidade que oscila entre un perfectamente audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora, que nos fai lembrar o Capitán Kurtz no corazón da escuridade.
Unha novela de aventuras debe subliñar na súa trama as viaxes, o misterio, os riscos. En Os kowa hai unha dobre viaxe: unha viaxe externa que vive o protagonista na que se enfronta a situacións moi comprometidas e a perigos. E tamén unha viaxe interior que o fai medrar e mellorar ata acadar as súas metas. Viaxe pois entendida como iniciación. A súa arquitectura é a clásica deste subxénero de narrativa: saída – viaxe – retorno. A acción da novela, trepidante en diferentes escenarios e espazos, case que sempre exóticos, discorre co ritmo axeitado a esta caste de literatura.
Arquivo da categoría: Premios Literarios
Acenden o lume literario
XLI Premios Literios “Minerva”, 2013
Edita: Colexio M. Peleteiro, Santiago de Compostela, 2013, sen paxinar
Distribúe: Editorial Galaxia
Á volta dunha delongada viaxe por latitudes austrais, atópome con este Cadernos Vermellos, un verdadeiro meiró bibliográfico, que recolle os traballos premiados nos Premios Minerva 2013 que, como cada ano desde 1963, convoca e organiza o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela. O certame botou a andar como xogos florais baixo o pulo do profesor Abuin de Tembra e foi apadriñado nesa súa primeira edición por Álvaro Cunqueiro. Carballo Calero, Carlos Casares, Neira Vilas, Luz Pozo ou Victor Freixanes, entre outros homes e mulleres das letras galegas, puxeron en valor a calidade desta iniciativa, aberta ás alumnas e alumnos dos últimos dous cursos da ESO e Bacharelato de todos os institutos e colexios galegos.
Un certame monolingüe que procuraba, e segue a procurar, a defensa da cultura e da lingua de noso nun intre histórico que non era fácil facelo. Tamén nos nosos días nos que a mocidade das nosas vilas e cidades semella darlle as costas á lingua da nosa tribo. Moitos dos premiados neste singular e xa histórico certame son hoxe figuras sobranceiras da literatura galega: DarioX. Cabana, Xesús Rábade, Lois Diéguez, Ánxeles Penas, Suso de Toro, Xosé Antonio Neira Cruz, Xavier Queipo, Olga Novo, entre outros moitos, velaron as súas armaduras literarias nos Premios Minerva.
Fixérono asemade no 2013 na modalidade de poesía e acadaron premio ou accésit: Brais Lamela Gómez, Alfonso F. Traficante Fernández, Mª Elena López González, Iganacio Delgado Ferreiro, Marcela Porto Mato. E na de narración: Mª Elena López González, Román Pérez Santalla, Iria Iglesias Martínez, Alba S. Naseiro Lamas e Javier Rivas Rodríguez.
Elas e eles, como moitos dos seus predecesores, acenden o lume literario e garanten o futuro do galego como lingua literaria.
Elas e eles póñenlle recendos, cores e esdrúxulas ás fendas da noite. Esgazan os ritmos e mamóns da primavera. Suman rimas, ritmos, consonancias e asonancias, versos libres nas canles e levadas da súa imaxinación. Esnaquizan as metáforas, mais sen erguer no seu lugar o pendón da metonimia. Veñen con fama antiga a renderen os inmemoriais acatamentos da nosa estirpe aos deuses amorosos dos desexos. Levedan versos e tramas na cabeza e cócenos de vez nas ardentísimas artesas dos seus poros, das súas cadeiras aturadas. Reverdecen o brión “que en silencio berra que é ardua a compaña da túa ausencia”. Enchóupanse de fervenzas de versos e soñan con poemas que non escriben, “tan doce como semella a vida” e “mirando o mar de Andamán encorar na páxina de Asía, conciben a natural ambición de ser mariñeiros”. Mariñeiros e mariñeiras de pequenas tramas, de breves historias, ateigadas, porén, de requintadas sustancias narrativas. Elas eles, as alumnas e os alumnos dos colexios e institutos galegos, rachan as xanelas do silencio e imaxinan alboradas en feminino e masculino.
Saúdo pois esta edición dos XLI Premios Literarios “Minerva” que edita o Colexio M. Peleteiro e distribúe Editorial galaxia. Saudación fervorosa a estas e a estes poetas e narradores, afoutos argonautas, tan noviños, no mar da literatura galega.
Declarado deserto o Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2013
O xurado da XX convocatoria do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta acordou no día de hoxe deixar deserto o devantido Premio na convocatoria deste ano. Reproduzo a seguir a Acta da deliberación do xurado:
“ACTA DO XX PREMIO
“MANUEL LUEIRO REY”
Novela curta en galego
COMITÉ ORGANIZADOR:
D. Miguel Ángel Pérez García
Presidente
Alcalde do Ilmo. Concello do Grove
D. Alexandre Aguín Castro
Concelleiro de NNTT, Documentación e Patrimonio do Ilmo. Concello do Grove
Dna. Marina Olga Aguín Núñez
Secretaria
Encargada da Casa da Cultura
ENTIDADE COLABORADORA:
D. Olegario Sotelo Blanco
Sotelo Blanco Edicións
XURADO:
D. Manuel Quintáns Suárez
Presidente
D. Francisco Martínez Bouzas
D. Armando Requeixo Cuba
Dª. Ánxela Gracián
D. Juan Tallón Salgado
No Grove, sendo as 11:30 horas do día 23 de novembro de dous mil trece, reúnese o Xurado nomeado polo Concello do Grove, para ditaminar o XX Premio de novela curta “Manuel Lueiro Rey.
O xurado, presidido por D. Manuel Quintáns Suárez e do que forman parte D. Francisco Martínez Bouzas, D. Armando Requeixo, Dna. Ánxela Gracián e mais D. Juan Tallón, gañador da edición anterior, acordou, por maioría, declarar DESERTA a presente convocatoria.
Tras un longo e profundo debate, os membros do xurado non atoparon os puntos de encontro necesarios que os conducisen á escolla dun orixinal como gañador. Secasí, este xurado quere recoñecer as calidades que puntualmente puido descubrir nalgunhas das obras presentadas a concurso, mais entende que non foron suficientes para xustificar a concesión dun galardón da traxectoria e o renome do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey.
Tamén si, este xurado quere congratularse do decidido apoio que as dúas entidades que avalan o premio, o Ilmo. Concello do Grove e mais a Editorial Sotelo Blanco, amosaron sempre e seguen amosando para o bo desenvolvemento do certame, confirmado polo feito de que xa estean preparándose as bases para a vindeira convocatoria no primeiro trimestre do 2014.
Noutra orde de cousas, o xurado, coincidindo coa vixésima convocatoria deste premio, o máis antigo de Galicia no seu xénero, quere mostrar publicamente o seu recoñecemento ao labor desempeñado na organización e edición do mesmo por todos aqueles que co seu traballo o fixeron posible ao longo destes anos, significando especialmente a dedicación profesional de Dna. Marina Aguín Núñez, responsable cultural para o premio do Ilmo. Concello do Grove, e mais Dna. Chelo Carreira e D. Xabier Vázquez, traballadores do selo editor que tan admirablemente axudaron a materializar os froitos deste certame.
Dá fe do acto a secretaria do comité organizador, no Grove a 23 de novembro de dous mil trece.
Asinan, así mesmo, a acta os membros do Xurado”