No burato escuro da cadea e do réxime FAES

Novas do exterior

63.000 1uilómetro de viaxe á cadea

Xosé Luís Santos Cabana

Introdución de Xabier Cordal

Epílogos de Xosé Antón Laxe Martíñán e Francisco Fernández Rei

Axóuxere Editora, Rianxo, 2016, 376 páxinas.

 Axóuxere Editora é un pequeno selo editor que, desde a independencia  e con teimoso empeño, está estendendo  no territorio intelectual galego “obras, conceptos e perspectivas distintas das que habitualmente son manexadas polas editoriais máis convencionais”. É a carta de presentación que acompaña a esta publicación editada na colección Calíope. Salientables son asemade as publicacións da colección Polimnia; a última, un interesante ensaio de Rebeca Baceiredo  no que analiza a evolución histórico-xenealóxica na constitución e solidificación do xénero no proceso de imposición capitalista e patriarcal.

Novas do exterior, cun subtítulo 63.000 quilómetros de viaxe á cadea, recolle, como sinala o prologuista Xabier Cordal, unha manchea de literatura e asemade de realidade. E faino en forma de crónica que é ao mesmo tempo unha denuncia. Xosé Luís Santos Cabana recupera nas páxinas deste volume as viaxes, xunto coa súa compañeira, que durante catro anos fixo á cadea, esa fronteira que divide o mundo, para visitar o fillo preso. O narrador e poeta convértese nesta crónica en sereno altofalante  do confinamento dun preso político no Estado de dereito democrático español; mais tamén desa “arquitectura colectiva dos afectos, a construción vagorosa, mais tamén firme” fronte ao espectáculo.

O libro pode ser lido como un compendio  de agravios e aldraxes do sistema penitenciario español sobre os presos políticos e os seus familiares. O día 2 de decembro do ano 2011, nun despregamento desproporcionado, a policía detiña en Lugo o historiador e profesor de Universidade de Santiago, Antom Santos e a súa compañeira, a filóloga María Osorio. A policía informaba de que, na vivenda de ambos, atoparan documentación e material informático relacionado cun suposto grupo, Resistencia Galega, grupo independentista e terrorista, segundo informaron as autoridades do Estado, pero  ao que non poucos persoeiros galegos consideran que é unha invención do réxime e dos corpos policiais. Ao día seguinte os pais de Antom Santos, Xosé Luís Santos Cabana e a súa dona,Victoria, son informados da detención.

A partir de aquí, e tras a primeira visita ao fillo na cadea de Aranjuez, quince días despois da súa detención, tras non poucos atrancos porque Antom está considerado un Fies -“como un etarra, por lo menos para mí”, dilles un funcionario polo  que debe de permanecer incomunicado do mundo exterior- comeza unha longa peregrinaxe, un percorrido esperpéntico pola arañeira kafkiana dos cárceres españois: Aranjuez, Dueñas, Mansilla de las Mulas. Unha experiencia dura, dolorosa que a burocracia e o réxime absolutamente atrabiliario, e por veces caprichoso, do sistema carcerario  complica moito máis. Foron 63.000 os quilómetros que se viron obrigados a recorrer para poder ver o fillo.

 

Xosé Luís Santos Cabana

Novas do exterior permite entender una realidade descoñecida para a meirande parte da xente: salas de espera interminables, negativas incomprensibles, episodios de despotismo por parte dalgúns funcionarios do réxime penitenciario, respostas ariscas (“ compañeira do cronista descobre  que a voz máis amábel, neste mundo penitenciario, parece ser a dunha maquina, que atende automática no número de teléfono onde se concertan as citas”, páxina 38). O buraco escuro do réxime FIES (siglas do Ficheiro de Internos de Especial Seguimento), declarado ilegal polos tribunais, pero que, segundo afirma o cronista segue a funcionar). Motos medios de comunicación convertidos en propagandistas do Ministerio de Interior: non só foran convocados para presenciar a detención, senón que chegaron a acusar a Antom de ter fundado unha organización terrorista á idade de oito anos. Ambigüidades reglamentarias que se transforman noutra forma de tortura, nomeadamente para a familia.O cuestionamento da Audiencia Nacional, substituto do Tribunal de Orde Pública franquista, que no caso concreto do xuízo de Antom Santos vulnerou o dereito da defensa ao impedir que puideran intervir os peritos da mesma. O castigo da política de dispersión que afecta ao preso a  súa familia. Unha manchea de crueldade inútil e gratuíta  dun Estado que mantén tribunais de excepción,  persegue a desidencia política e crea un réxime carcerario  que acostuma ser banalizado, convertendo os cárceres, ante  a imaxe pública, nunha sorte de hotel a pensión completa, pero que en realidade é un dos máis duros de Europa.

Novas do exterior é un libro duro e valente, pero necesario, xa que nos permite albiscar a crúa realidade do sistema carcerario, do que  a propaganda agocha ou disfraza. Un libro que, malia todas as penalidades, atrancos e caprichos sufridos pola familia, está escrito con serenidade e coa enerxía que proporciona o coñecemento e a liberdade. Unha imprecación, xa que logo, contra a inxustiza e un canto á liberdade, composto desde a primeira persoa, como atinadamente escribe Xabier Cordal nas páxinas limiares.

Repertorio e reservorio mindoliterario

Mondoñedo literarioMondoñedo literario reducidooooooooooo
Armando Requeixo
Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2014, 210 páxinas

Este volume que viu luz en novembro de 2014, mais que chega as miñas mans nestas datas, confirma máis unha vez, o que escribín no ano 2011 co gallo da edición de Criticalia: que Armando Requeixo é un dos analistas, estudosos e críticos literarios máis importantes e produtivos nos últimos vinte e cinco anos no noso sistema literario. A súa última achega, Mondoñedo literario, engádese a largacía escolma de recensións críticas recollidas no volume de 2011. Máis de 361 páxinas de Criticalia reproducían unha mínima antoloxía de recensións críticas de Armando Requeixo publicadas en medios galegos de comunicación escrita nos vinte anos precedentes. E o volume ao que me refiro, enche un oco e nace dunha devoción. Esta última é a afección e benquerenza que Armando Requeixo sente pola terra que o viu nacer, Mondoñedo, e a súa “insubornable querenza pola literatura mindoniense” (páxina 7). O oco: poñer por xunto centos de páxinas dedicadas a dar a coñecer esa literatura da patria da súa nacenza mediante escritos redactados e publicados en xornais, revistas e no seu blog literario, verbo de asuntos literarios mindonienses e os principais personaxes e figuras da escrita do vello Reino de Galicia, unha terra de letras moi fértil.
Recolle pois Armando Requeixo neste volume unha parte importante dos seus escritos mindonienses. Non todos xa que iso faría que o volume fose inmanexable. Monografías ou longos estudos introdutorios non figuran nas páxinas desta antoloxía que soamente compila ensaios e artigos de moderada extensión ou de non fácil localización, nalgúns casos.
Achéganos pois o autor as voces máis selleiras e coñecidas da escrita mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro, Antonio Noriega Varela, Xosé Díaz Jácome, Álvaro Cunqueiro, César Cunqueiro, Marina Mayoral, Antonio Reigosa. E tamén outras menos coñecidas, mais que son igualmente representativas do Mondoñedo literario, algunha desaparecida recentemente: Eduardo Lence-Santar, Ricardo Pedreira, Xosé Ruiz Leivas, Luís Enrique Cabanela, Félix Villares, Antón Meilán, Francisco Piñeiro, Xosé Ramón Freire Sánchez e Isabel Moral.

Armando Requeixo

Armando Requeixo

Unha última sección, “Varia silva mindoniense” dálle acubillo a escritos de diversa extensión nos que pon en relación a escritores e escritoras mindonienses coa escrita doutros creadores de gran relevo na literatura galega (Rosalía, Castelao, Iglesia Alvariño, Fole, Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego, entre outros). Ou afonda na evolución da prensa mindoniense ao longo dun período dilatado de tempo que vai desde o comezo do século XIX ata o presente, cunha especial referencia a Amencer, a cabeceira do Seminario de Santa Cataliana, que desde 1982 ata hoxe é testemuña da realidade social e cultural da cidade. Outros estudos de variada extensión analizan o traballo investigador do grupo “Chaira” é o da “Escola Etnográfica Mindoniense”; escolman os e as poetas que agroman tan feraces como “as néboas feéricas que asolagan…a capital do vello Reino de Galicia”.
Xa que logo, un ricaz repertorio e “reservorio” mindoniense que inclúe colaboracións aparecidas entre 1991 e 2014 e que nos achegan unha veraz radiografía na que se deixa ver a sagacidade e a profundidade, malia a brevidade da meirande parte dos textos, dun traballo de investigación, nalgúns casos tamén de divulgación, realizado por un dos máis acreditados e conspicuos estudosos e esculcadores da literatura de noso.

Xosé Filgueira Valverde: homenaxe gratulatoria

Cadernos Ramón Piñeiro XXXI“Quíxose con primor e feitura”. Filgueira Valverde homenaxe
Cadernos Ramón Piñeiro XXXI
Edición de Luís Cochón e Laura Mariño Taibo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2015, 468 páxinas.

En edición de Luís Cochón e de Laura Mariño Taibo ve a letra de molde o número XXXI dos Cadernos Ramón Piñeiro, que aparece como libro -así o consideran os responsables da edición- de homenaxe ao persoiero elixido pola Real Academia Galega na celebración do Día das Letras Galegas no ano no que andamos: Xosé Fernando Filgueira Valverde. “Homenaxe gratulatoria” de louvor e lembranzas, conxuntada por vinte e nove artigos escritos por trinta e dous autores ou coautores do presente Caderno (estudosos, críticos, científicos, médicos, xornalistas, profesores, poetas…), moitos deles discípulos no seu día de Filgueira Valverde.
Unha colectánea amplamente miscelánea que se configura como a ollada máis completa, e sobre todo a máis variada, dentro da bibliografía filgueiriana, sobre todo se a comparamos coa doutros anos, en honor do personaxe cabezaleiro da celebración do Día das nosas letras.
Un poema de Arcadio López-Casanova (“Mester de louvor”) e unha “Miscelánea introdutoria” escrita por Luís Cochón figuran no pórtico do volume. Luís Cochón, alumnos de Filgueira Valverde e membro do coro do Instituto pontevedrés, deita abondosa información verbo de Filgueira Valverde como docente (“mestre insigne da paideia de noso”, páxina 11), e talvez sen se decatar ou á mantenta escribe algo que, ao seu ver, reflicte un modo de ser filgueiriano: quedar a ben con todos sen mollarse por ninguén (páxina 16).
Coido que sería demasiado tedioso referir os nomes dos autores e os títulos dos artigos recollidos nesta homenaxe, todos eles, agás tres, relacionados coa figura do polígrafo pontevedrés. Tampouco falta algunha achega haxiográfica. Algúns dos textos son lembranzas persoais que reproducen a relación dos autores con Filgueira Valverde, quer como docente e director no Instituto de Pontevedra, quer como fundador do coro escolar “Os cantores do Instituto”. Mais a meirande parte dos artigos son estudos nos que, con dispar profundidade, se analiza o labor do erudito pontevedrés como investigador do feito trobadoresco, a súa tentativa teatral, a súa contribución aos estudos da épica galego portuguesa medieval, á ciencia ou á arte galegas. Filgueira Valverde como camonista, como procurador en Cortes. O seu papel na creación do Consello da Cultura Galega ou como importante rosalianista, entre outros títulos.
Saliento o estudo que fai Arcadio López-Casanova de Filgueira como representante na lírica galega do neotrobadorismo. Así mesmo o de Francisco Cerviño González, “Filgueira Valverde. Literatura e política”, no que cualifica a Filgueira Valverde como franquista vido a demócrata non por oportunismo, ou non só, senón por convencemento; que non concorreu ao Consello de guerra contra Alexandre Bóveda como testemuña da defensa, posiblemente por medo invencible. Tamén os recordos de Cipriano Luís Jiménez Casas, alumno en 1957 no Instituto de Pontevedra que cos seus compañeiros do curso preuniversitario saíu en manifestación á Alameda cunha bandeiriña na que se lía “¡¡Queremos papel!!” e que non ten reparo en afirmar que a participación ou responsabilidade de Filgueira Valverde na construción da fábrica de Celulosas de Pontevedra “é totalmente evidente”.
Resulta así mesmo de lectura moi ilustrativa e interesante o artigo memorialístico de Xesús Alonso Montero no que recupera a súa relación persoal e literaria con Filgueira. Un traballo amplamente documentado e que pode dar pé, e mesmo xustificar esa interpretación de que Alonso Montero “é parte interesada dun xuízo moral ao autor homenaxeado” ao que un recente libro seu (Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual) lle salva a cara, como atinadamente escribe Mario Regueira.
Libro pois de honra e homenaxe laudatoria que, á vez que ofrece ampla información, achégalle aos lectores luces e sombras dun personaxe moi controvertido.

Libros perigosos

Libros peligrososLibros peligrosos web ampliadoooooooooooo
Juan Tallón
Larousse Editorial, Barcelona, 2014, 271 páginas

Malia que Juan Tallón segue a ser un escritor “sen pose nin carreira” e non lle gusta tomarse en serio, está a consolidarse como tal, tanto na narrativa galega como na escrita en castelán. No ano no que andamos, Juan Tallón sacou do prelo dous libros tan orixinais como peculiares: Manual de fútbol. Un libro fuera de juego e esta peza, Libros peligrosos, editada recentemente por Larousse. Un libro de non doada clasificación xenérica, mais que pode ser lido como unha singular novela de libros. Unha novela verbo de cen libros, sobre unha selección de libros que acolle no seu seo novelas, relatos, poemarios, ensaios, tratados de filosofía. Obras literarias que no seu día pasaron pola peneira dun lector teimoso e ao mesmo tempo un chisco heterodoxo.
Juan Tallón achéganos as reflexións que no seu caletre suscitaron eses libros, lidos con ollo atento e á vez cínico e un pouco pillabán. Unha lista de libros que non debe de ser interpretada como unha listaxe redonda, canónica, porque nin existe o mellor escritor nin os mellores cen libros.
Xa na lectura inaugural percibimos a marca, os azos e folgos das súas “recensións”. En pouco máis de media plana, Juan Tallón achéganos as claves máis clarificadoras dunha novela, dun poemario, dun diario, dunha autobiografía, dun ensaio ou dunha densa obra filosófica. Son cen títulos amalgamados de tal xeito que chegan a constituír unha novela de libros. Conectados entre si, ou ao menos por parellas, de forma enxeñosa e, por veces, argallante. Un reto que semella imposible de acadar, mais o autor consegue vencellalos por lazos escriturais.

Juan Tallón

Juan Tallón

 

Sorprenden polo insólito da relación as conexións de Dino Buzzati e Parménides, de Juan Rulfo e William Faulkner, de Philip Roth e Kant, e a do profesor de Könisberg con Iñaki Uriarte; de Onetti con Kafka, de Mario Levrero con 2666 de Bolaño, ou do “non” de Álvaro Cunqueiro a José Manuel Lara e o “non” de Wittgenstein ao seu editor.
Juan Tallón, como outrora fixera Henry James, traballa desde o envés do espello e elabora desde ese reverso textos verbo do mester escritural: Comentarios luminosos, que se sitúan máis alá ou máis acá -ou quizais nas estremas- da crítica literaria. Mais, ao mesmo tempo que nos ofrece aos lectores informacións curiosas, fainos partícipes dun cadoiro de sensacións qeu a el lle produciron de escritores imprescindibles, á marxe de épocas e de xéneros. Son eses “libros perigosos” porque algunha vez o subxugaron, ou se viu na obriga de lelos sen chegar a entendelos nin na primeira nin na segunda lectura. Xustamente o que agardaba o seu autor -Wittgenstein neste caso-. E cuxas pegadas nos achega arestora como incorrixible letraferido.

(Texto publicado o día 25 de novembro de 2014 no xornal El Correo Gallego. Para ver o orixinal, pinchar aquí)

Maternosofía

 

Maternosofía

Inma López Silva

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 169 páxinas

  

   Varios títulos tanto en narrativa como en ensaio sobre o feito teatral e outros asentados nas fronteiras xenéricas fan que a voz aínda nova de Inma López Silva sexa arestora unha voz consolidada da literatura de noso, capaz ademais de nos ofrecer propostas literarias frescas, innovadoras e moi suxestivas, que acostuman transitar polas sendas dos discursos antitópicos e desacralizadores.

   Unha mostra requintada é o seu último libro, Maternosofía, unha tentativa de reflectir, desde a propia perspectiva vivencial, os temas e teimas do embarazo e da maternidade.

   A eses asuntos íntimos e persoais achégase a autora dun xeito confesional, reflectindo en forma de diario as vivencias e reflexións da súa primeira preñez e maternidade. Relato da singular experiencia verbo do que significa a preñez dunha primípara  tanto a nivel físico como psíquico, co plus engadido de verse obrigada a contradicir  moitas e estendidas crenzas sobre a mesma e a maternidade, que teñen máis de construcións sociais que de posicións científicas. Ao longo do diario lemos as vivencias e vicisitudes do seu embarazo, esteando a autora a súa escrita nun gorentoso e desenfadado sentido do humor.

   Mais se algo cómpre salientar neste libro son as ideas-eixo que, fundamentadas nomeadamente no sentido común, escintilan á par do relato vivencial. O que a autora chama “ideas parvas” verbo da preñez, alicerzadas en tópicos moi difundidos, como tal, que a muller non está completamente realizada sen ser nai, e que a esta tarefa ten que dedicar día e noite. Ser nai en exclusiva, “full time”.

  

Inma López Silva

Con moito sentido común, non exento de información e desde un feminismo sobre todo práctico, a autora rexeita e refuta a tendencia naturalista de converter as nais en escravas da maternidade, obrigadas a parir con dor, ser nais abnegadas, a obsesión fundamentalista da lactancia natural -para a autora unha opción que a muller pode escoller ou non como dona do seu corpo-, ter instinto maternal, do que a embarazada primípara non atopa nin rastro.

   Endalí que a autora, que pensa que unha muller traballadora europea, cun certo grao de cultura non pode atopar a súa vocacións absoluta nesa maternidade “full time”, se senta unha herexe descrida, defensora, porén, da identidade que lle quere proporcionar a súa filla: non a capacidade de parir que xa ten de seu, senón a de pensar e razoar como ser humano máis alá das condicións físicas.

(Texto publicado o 6 de maio de 1014 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, facer clic aquí)

                                     

Homenaxe e lembranza de Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego

Vigo dende o corazón de Galicia

Varios autores

Edición de María Dolores Cabrera Iglesias e

María Dolores Villanueva Gesteira

Fundación Penzol, Editorial Galaxia, Vigo 2013, 133 páxinas.

 

A Editorial Galaxia en cooperación coa Fundación Penzol e co patrocinio do Concello de Vigo  sacou  á luz hai unhas semanas un volume homenaxe a Francisco Fernández del Riego con motivo de se cumpriren o pasado 7 de xaneiro os cen anos do nacemento desa figura senlleira  das nosas letras e da nosa cultura, o intelectual galeguista nado na vila lucense de Lourenzá. Editan a obra María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira, autoras así mesmo da pormenorizada cronobiografía na que se recollen con precisión os trazos máis salientables de Fernández del Riego no labor cultural, literario e político con anterioridade e posteridade á Guerra Civil. O patrocinio da obra correspondeulle ao Concello de Vigo, cuxo alcalde asina asemade un saúdo inicial, enteiramente prescindible e mesmo pouco menos que contraditorio  cun persoeiro que tan pouco emprego fai da lingua pola que Don Paco tanto loitou.

A vida intensa e comprometida a prol do país e da súa lingua é analizada a seguir por unha extensa miscelánea de artigos nos que amigos, compañeiros, familiares, ex alumnos e mesmo o seu médico persoal evocan “a figura imprescindible” desde os tempos da República ata a data da súa morte, como escribe Rosa Aneiros. Trátase dunha volta sobre o camiño andado como reza o título desta sección. Un amplo monllo de colaboracións homenaxean ou lembran trazos da vida e da actividade do home que descansaba cambiando de traballo. Non faltan as simples “laudatio”, artigos escritos para cumprir co compromiso, celebrando ou eloxiando a figura do homenaxeado, pero que nada engaden nin de novidoso nin de persoal. Mais a carón deles, o volume agasállanos con outras achegas que analizan aspectos de moito interese da vida e da obra de Francisco Fernández del Riego. X. L. Méndez Ferrín recrea en poucas liñas a historia da Fundación Penzol, da que Del Riego foi o motor, “o capitán na ponte de mando”, que permitía reunións nunha sala da Biblioteca de mozos  antifranquistas e actividades clandestinas da UPG. X.L. Franco Grande lembra así mesmo, logo de traer a conto algunha curiosa anécdota, a Paco del Riego desde o seu habitáculo de Policarpo Sanz, 24-1º como facho de permanente luz para a diáspora galega.

Outros moitos colaboradores caracterizan a Del Riego ou dan noticia da súa personalidade e das súas actividades. Velaí as colaboracións de Xurxo Martínez González, Víctor F. Freixanes, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa, Camiño Noia, Ceferino de Blas, Alfonso Paz-Andrade, María Xosé Queizán, Gabriel Fernández Méndez, Salvador Cervantes de la Torre, María Dolores Villanueva Gesteira, entre outros..

Subliño, polo seu especial significado,  a recreación de Francisco Fernández (sen del Riego) como profesor do Colexio Mezquita e a súa delicada situación, por mor da súa militancia galeguista, nas lembranzas de catro do seus antigos alumnos. E pola información que achega, “Peregrinatio ad loca docta”, escrito por Xesús Alonso Montero, que nos relata os encontros nos seus anos mozos con “Don Francisco”. É tamén de interese  a recuperación da vida en familia, nas lembranzas da relixiosa, irmá de Del Riego, Ana María Fernández del Riego.

Unha última sección, “Vigo nos textos de Del Riego”, reflicte en breves artigos publicados en distintos medios e da autoría do propio Fernández del Riego e que van desde o anos 1955 ata o 2003, a visión que tiña da cidade na que pasou a maior parte da súa vida.

O abundante material gráfico espallado a través do volume e descoñecido en boa medida, converte este xa fermoso libro nunha publicación imprescindible para coñecer en profundidade a figura do mestre e polígrafo. Cando se escriba a súa biografía completa -espero que non teñamos que agardar  por ela ata o ano no que se lle dedique o Día das Letras Galegas-, este libro de lembranzas e homenaxe será sen dúbida unha fonte documental imprescindible para refacer a traxectoria  vital dun home que encheu coa súa personalidade e o seu incansable e rexo traballo boa parte da historia cultural de Galicia nos últimos oitenta anos.