NOVELA EN CONSTRUCCIÓN

Dezanove badaladas

Anxo A. Rei Ballesteros

Editorial Galaxia, Vigo, 2018, 179 páxinas.

    Anxo A. Rei Ballesteros, un autor fundamental na narrativa galega dos anos noventa,deuse a coñecer con Dos anxos e dos mortos (1977) e sobre todo con Loaira (1992), unha novela “constelación”, múltiple,  totalizadora da existencia. Mais a primeira novela en galego do autor foi escrita con dezasete anos. Unha novela de formación e aprendizaxe na que, xaora, xa se bosquexa a potencia catárquica e liberadora que leva ao escritor a inventar mundos, consciente porén -son as súas palabras- de que todo auténtico escritor arela, non escribir máis libros, senón calar.                Mais neste libro primeirizo xa latexan algúns dos temas que máis tarde constituirán os alicerces do macrotexto narrativo de Rei Ballesteros, como son a presenza da noite fría e chuviosa e nomeadamente a morte, o medo á morte sen ter vivido. Daquela que, como se afirma na presentación editorial, Dezanove badaladas poida ser lida como o preludio esencial á obra dun autor maior, aínda que por si mesma careza seguramente de transcendencia literaria.

A trama novelesca fainos lembrar a A esmorga en intensidade e ton menor, porque Dezanove badaladas é certamente  a crónica, por veces esperpéntica, dunha noite de troula na cidade,nunha  Compostela de rúas e calexóns sempre mollados por unha chuvia miúda. Nolo, o principal protagonista, sae da casa con azos de se divertir aquela noite, probar todos os pracedes que existen na urbe. Divertirse ata fartar el e os seu tres amigos, gastando a paga dos mes, a primeira paga que acaba de recibir logo de chegar da tobeira da aldea. Experimentar todos os praceres da cidade, malia que os consellos a advertencias da familia lle resoen constantemente como ruído de fondo. Será unha noite de viños e putas polo Pombal, de bebedelas. De un ir a vir en procura de acougo de fin de semana dun mozo que se está a abrir á vida.   Mais o protagonista séntese alleo ao transcorrer da troula nos recantos da noite, como tantos homes e mulleres en noites frías e orfos de amor. E así o protagonista vai andando coa sensación estraña cara á desorde. Ten que cambiar as catro cousas que trouxo da aldea, cambialas por nada, por unha desorde progresiva. Ao final, a anarquía e a morte. A vida e a morte sempre correndo en parella, un tema central na narrativa do autor.

 

Anxo Rei Ballesteros

No plano técnico, Dezanove badaladas é unha novela en construción. Novela de aprendizaxe da vida e de aprendizaxe do proceso escritural. Escrita no limiar dos anos 1969 e 1970, a presente edición, que non pasou polo rolete da normativización, achéganos a unha lingua tan orixinal que semella un galego inventado  polo daquela mozo sen formación lingüística. Prosas cheas de vida, con descricións con tinguiduras carnavalescas, ateigadas de castelanismos, enxebrismos e un peculiar vocabulario tirado da oralidade ou da propia inventiva daquel rapaz de dezasete anos. Reitero, novela en construción con capítulos nos que o mesmo autor anota que cómpre axeitalos máis, antesala, porén, dunha obra narrativa importante.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 20 de decembro de 2018)

PROTEICA E ABERTA. UNHA HISTORIA EN ESPIRAL

A través do fume

Antonio Piñeiro

Editorial Galaxia, Vigo, 2018, 126 páxinas

 

Antonio Piñeiro non soamente é un escritor plenamente asentado na literatura de noso, senón tamén un narrador versatil. Con naturalidade transita do relato dun triángulo afectivo feminino e unha trama inquisitorial no século XIX, e da crónica novelada do cóctel hedonista da estudiantada santiaguesa na década dos oitenta, a unha novela complexa e ricaz esteada no fluxo de conciencia. En efecto, se algún obxectivo aparece claro e preciso é a evocación da corrente de pensamentos de Nina, a protagonista de A través do fume. O fluxo ininterrompido de pensamentos e sensacións que aparecen sen encadenamentos lóxicos. Como pano de fondo, a migración e a separación das familias nos anos setenta en Europa, olladas dunha forma tan crúa como esperanzada. Esas lembranzas que lle achegan á cativa todo o que lle dixera a súa nai, “sempre a medio dicir ou  a medio calar ou  a medio ver”.O  narrador reproduce coa súa propia voz a vida psíquica da protagonista, sen diálogos,sen interrupcións, sen puntos porque os recordos, os momentos da emigración non rematan.

Así na corrente de conciencia de Nina cobran vida as viaxes a Vigo nun autobús Celta ata Padrón. Logo no tren. A espera na estación, os semáforos, a calor da cidade. Todos os consellos da nai, a vida cotiá no barrio, nas rúas, todas as sensacións, mesmo o son da cisterna a acción de pór a cuspe nos selos das primeiras cartas, os sorrisos,os bicos ao pan, a dozura dos beizos imaxinarios do primeiro amor mastigado, o recendo da coliflor con bacallau que no Nadal azucabra a casa. As cartas ao pai, cos selos pegados ás mesmas, a branda severidade da nai, os Nadais nos que non vén o pai, a choiva cálida das oracións polas noites na cama, as cartas sen abrir, as lámpadas e panxoliñas do Nadal…ata as cinsas xuntas e mesturadas  da derradeira páxina que, en boa medida lle imprimen sentido a esta historia en espiral que se abre cara a dentro e forma parte dese fluír da conciencia. Unha corrente mental que reconstrúe non só a vida dunha familia, en espera sempre do pai,senón tamén os aconteceres dunha época, dun tempo pasado.

 

Antonio Piñeiro

A novela cun número incontable de fiestras, de imputs, é o reino da liberdade, escrita proteica e aberta, sen regras que non poidan ser transgredidas. O experimento literario que nos achega Antonio Piñeiro, percorre esta canle narrativa alicerzada certamente na liberdade de contido e de forma, mais non carente dunha longa e ricaz tradición. Se algún lector pregunta onde se atopa a trama argumental de A través do fume,  cómpre responderlle que nese fluxo de conciencia que demanda a súa implicación para atoparlle sentido, así como para descubrir o simbolismo de moitos obxectos que aparecen na mesma. Un fluxo de conciencia estruturado de forma precisa e vestido co meiró dunha linguaxe literaria de moitos e puros quilates.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 13 de decembro de 2018)


AS OBSESIÓNS DE MARTIN AMIS

A casa dos encontros

Martin Amis

Tradución de Eva Almazán

Editorial Galaxia, Vigo, 277 páginas

(Libros de sempre)

 

 

Un mes despois da súa publicación en lingua inglesa e inaugurando a colección Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, Galaxia ofréceunos no ano 2006 a última proposta narrativa dunha das vacas sagradas da actual literatura inglesa, mestre do “dirty realism” e un dos máis arteiros escritores satíricos contemporáneos. Trátase de House of Meetings  (2006) que a versión galega de Eva Almazán rotula co título de A casa dos encontros.

   Alguén escribiu que os lectores de Amis nunca se senten traizoados e sempre se ven sorprendidos. A casa dos encontros desmonta porén tal xuízo, pois Amis retoma na mesma o tema da Unión Soviética, xa tratado na súa alegación antistalisnista, Koba the Dread (2002). O mordaz enfant terrible das letras británicas ataca de novo abordando o mesmo tema e material do seu libro do ano 2002: os campos de traballo da Unión Soviética stalinista e as atrocidades do gulag. Mais A casa dos encontros  é todo o que non chegou a ser o libro sobre Stalin. Koba the Dread era una estraña mestura de relatos históricos arrepiantes sobre os crimes de Stalin con xuízos autocompracentes sobre a vida da clase media alta en Inglaterra. A casa dos encontros, pola contra, e sen deixar de ser un libro político  por máis que Amis reitere unha e outra vez que a súa ideoloxía é a non ideoloxía, é sobre todo ficción. Ficción sobre os pesadelos da sociedade soviética stalinista que o escritor traduce nunha trama que podemos definir coma un triángulo amoroso-sexual entre dous irmáns, presos políticos nun gulag ruso e a muller á que os dous aman e que atravesa todo un continente para visitalos. Pero, como apuntamos, o pano de fondo son os males da sociedade soviética e o talante ante a existencia en situacións extremas.

O narrador é un vello malhumorado que se sente empurrado a contar a súa vida e os seus crimes como unha sorte de penitencia. A narración permítenos saber que foi un veterano da Segunda Guerra Mundial, que resultou ferido e foi condecorado, malia ser un home brutal  que sen ningún remorso participou nas violacións masivas cometidas polos soldados rusos na súa ofensiva en terras xermanas. Máis tarde caerá en desgraza e será enviado, xunto cun seu irmán, a un gulag instalado polo réxime stalinista na rexión ártica. As súas palabras están dirixidas a súa fillastra estadounidense e adoptan a forma dun longo e-mail, mentres realiza a derradeira viaxe ao campo onde el e o seu irmán estiveran encerrados durante dez anos.

 

 

                           Martin Amis

Un longo monólogo que se troca en reflexión non só sobre as súas propias experiencias, senón sobre todo verbo do mal e as diferenzas entre os dous paraísos: o capitalista e o comunista. Martin Amis subordina nesta novela o seu gusto pola pirotecnia posmoderna ás esixencias da historia. Bota man, xa que logo, dun estilo realista, sen apenas floreos formais e presenta a vida dos seus personaxes con gran economía de palabras e de detalles, mais non de presaxios e repetidas aseveracións. E aínda que a parte máis intensa da novela son as descricións da vida no gulag , Amis imprímelle á historia unha arquitectura baseada na rivalidade dos dous irmáns polo amor de Zoia, a muller que os visita. Prosa densa e apertada e, por veces de lectura non doada, que finalmente deixa translucir a clásica batalla amisiana entre dous irmáns e as actuais teimas do escritor inglés: omnímodo e visceral perseguidor de atrocidades, como se o feito de escribir sobre temas e acontecementos realmente malos e perversos, fixeran del un grande escritor.