Dous agasallos de Xosé Vázquez Pintor

Bicos

Xosé Vázquez Pintor

Edicións Fervenza, Silleda, 2016,74 páxinas.

 

Meses de tullas cheas foron os derradeiros de 2016 para Xosé Vázquez Pintor. Dous meirós literarios -“libros desta xeira de morriña”, así os nomea o autor-  que saíron, galanos dos prelos de Edicións Fervenza: Bicos e Nos espazos  do soño. Os dous, alfaias da escrita e das artes plásticas e musicais.

Bicos é o froito dun namoramento profundo dos netos xemelgos, Alan e Brais, aos que o autor dedica o libro, e que vén rotulado con esa gorentosa palabra, Bicos, porque “os bicos son o primeiro que se dá ou que se pide cando hai Amor”.

Xosé Vázquez Pintor é autor dun ricaz universo poético forxado desde o seu debut nos eidos líricos con Gándaras (1971), e arestora a súa “ousadía de vellote” -de novo palabras súas- achéganos ao mester máis difícil: a poesía para nenos e nenas que tamén poden gorentar con gozo e fruición todos aqueles e aquelas que gustan de poesía. Trinta e tres poemas escritos en clave infantil, que queren ser a “Casiña da Memoria…para a infancia e para todos os públicos que aínda soñan cos bocadiños das palabras e das imaxes”. Poemas ateigados de música, ritmo, colorido e sobre todo amor, cos que Xosé Vázquez Pintor percorre quizais a súa memoria infantil, e sobre todo a vida e a terra de noso. Desvela Xosé Vázquez Pintor para nenas e nenos moitas das cousas e dos seres que nos rodean ou que abrollan no mundo dos soños e das fantasías, e que, para os máis pequenos,  se revelan co abraio e o encantamento do estraño e misterioso: as realidades familiares ou pertencentes ao vivir cotián como a casiña, o cole, a tele, o barco…; os animais domésticos e aqueloutros que poboan e ornan o noso mundo: o cabalo, a vaca, o rato, a pulga, a troita, o lobo o ourizocacho, o paxariño señorito… Os xogos da infancia:  a billarda, o peón, a parafita. Os obxectos que conforman a vida: o semáforo, o stop, o avión… Os fenómenos atmosféricos ou o tempo da noite que, pola súa brevidade e delicada ensoñación reproduzo con pracer: “Vai a noite paseniño  / abrindo estrelas garridas / para que a Terra no soño / acorde na romaría / da maré batendo as ondas / namoradas con preguiza. / E eu estou sorrindo ao mundo / do Mencer e maila Risa” (páxina 33).

Non falta nesta amalgama de fermosura e dozura unha lembranza de Balbino. Un poema de xorne reivindicativo contra a deserción da vida e o desamor á aldea.

Un libro senlleiro tamén polas imaxes coas que vinte e un ilustradores e ilustradoras enchen de colorido as páxinas desta pequena pero intensa e fermosa regalía autorial e editorial.

 

 

Nos espazos do soño

Diálogos de Amor e Amigo

Xosé Vázquez Pintor

Música de Gaël Camacho e Tomás Camacho

Edicións Fervenza, Silleda, 2016, 95 páxinas.

 

Con Nos espazos do soño. Diálogos de Amor e Amigo regresa Xosé Vázquez Pintor a unha das súas paixóns da que nunca claudicou: o teatro. Creador e director, no ano 1981, de Ancoradoiro o primeiro grupo de pantomima, promoveu polas aldeas e vilas galegas o Teatro de Noso como a el lle gusta escribir.

Nos espazos do soño é un venturoso encontro das palabras do teatro, da autoría de Xosé Vázquez Pintor, e da música composta por Gaël Camacho e Tomás Camacho que foi o que “remexeu nas artesas” para que renacesen as verbas do teatro. Glauca, Lía e André forman o “Dramatis personae” desta singular peza teatral en catro actos que nos permite regresar ao mundo dos segreis, das soldadeiras, aos tempos do Medievo, Renacemento, Barroco e Romanticismo. Ás Cantigas de Amigo; á Italia do século XVI, da que chega música arrincada dos espazos do Duomo, Ufizzi, Palazzo Vecchio; á simboloxía rechamante do Barroco; ao castelo da Guarda, onde de novo se escoitan as voces de Xohán Airas na escrita vicaria de Xosé Vázquez Pintor, recreando diálogos de Amor e Amigo.

Peza singular que sutura a delicadeza atemporal das súas palabras e o acompañamento musical das partituras que tamén recrean o tempo. Unha belida e deleitosa simbiose que ningunha palabra miña pode describir mellor do que estas palabras de Xosé Vázquez Pintor coas que fecha a presentación desta ensoñación ateigada de morriña: “Agora achéganme as voces do tempo, para que todo cumpra alén e namoremos co texto da ousadía que nos conta e canta. E medra así a xeografía do soño e do cariño: xorde a Música, bulen as maus, repenican os dedos,  a guitarra vén e bica o tempo, paseniño; convoca as vidas e as palabras que son terramar de noso. E axiña acorda e interpreta a Luz dos Séculos.

Aquí, con nós, na antiga e nova Gallaecia: A Nosa Lingua. Sermos felices”

Advertisements

Libros agasallo para este nadal de Editorial Galaxia

Neste Nadal, a viguesa Editorial Galaxia está indo a rego cheo, e ofrécelle ao lectorado galego ducias de libros. Libros para os máis cativos, para lectores xuvenís e tamén para os adultos. Hai apenas unhas datas a decana dos selos editores galegos puña na rúa A ferida do vento de Antón Riveiro Coello, O alfaite  portugués de Xavier Senín, Nordeste de  Daniel Asorey e Noire Compostela de Blanca Riestra. A eses catro libros engádeselle arestora a segunda edición de Miss Ourense de Bieto Iglesias. E Máis alá do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia, de Ana Torres Jack, un libro da colección “Biblioteca de Intervención Social / Didáctica moi apropiado tamén para os nosos días. E unha publicación apta para un lectorado xuvenil e adulto, o terceiro volume da triloxía fantástica de  As crónicas de Landereina. Sangue de Lúa de Sabela González.

Con todo, debido á datas nas que andamos, quero facer hoxe un avance editorial máis detido daquelas publicacións destinadas a un público infantil e xuvenil. Nove títulos moi apropiados para os agasallos destas datas de Nadal.

 

María Fumaça. Aire

Sérgio Tannus

Isaac Palacin

Uxía

Santi Cribeiro

Familia María Fumaça

Ilustracións: Pablo Pastor

Editorial Galaxia, Colección Sonárbore, Vigo, 2016, 20 páxinas, 22 €.

 

Aire é a terceira entrega da Familia María Fumaça. Un libro-CD-DVD. María Fumaça  é  unha historia e un proxecto de vida dunha familia      que chega ás librerías, logo do éxito indiscutible de María Fumaça e Xiqui Xoque, Fiú Fié. Ponse de novo en marcha a locomotora e o tren festeiro que coñece desta volta novas latitudes musicais acompañadas pola ilusión de sempre. Comandada polo maquinista Ruí, levan por toda Galicia a ledicia e a festa de sempre. Uxía,  a familia Domínguez Senlle, Magín Blanco, Sergio Tannus, Carlos Blanco, Tanxarina, Isaac Palacín entre outros amigos e amigas percorrerán cos nenos e nenas galegas un engaiolante universo festeiro, ilustrado por Pablo Pastor. Un libro moi apropiado para os máis pequenos.

 

TIC TAC TOC

Pablo Díaz

Ilustracións: Almudena Aparicio

Editorial Galaxia, Colección Sonárbore, Vigo, 2016, sen paxinación, 20 €.

 

Galaxia achégalles tamén aos máis pequenos esta nova produción de Pablo Díaz e a súa banda TIC TAC TOC. Unha proposta singular, titulada desta volta como a súa banda TIC,TAC, TOC que nos leva de viaxe polo mundo todo. Pablo Díaz achéganos unha proposta musical que nos mergulla nas músicas e nos ritmos que podemos atopar por todo o mundo. Músicas salferidas por letras cheas de paixón, alegría e moita diversión. A publicación inclúe  libro máis CD.

 

O Apalpador

Carlos Labraña

Ilustracións de Carla Cabaleiro

Editorial Galaxia, Colección Árbore, Vigo, 2016, 68 páxinas, 9,50 €.

 

Nesta publicación presentada en dez escenas teatrais máis un Epilogo, o Apalpador baixa da montaña cunha presada de castañas para as rapazas e rapaces. Un libro divertido de Carlos Labraña cargado de risas, sorpresas e moito disparate. Unha viaxe teatral arredor dunha figura cada vez máis importante do Nadal galego.

O autor, Calos Labraña é unha das figuras máis premiadas da literatura dramática infantil galega. A súa última peza, O valo gañou o Premio Manuel María de literatura dramática infantil do pasado ano. Un libro apropiado para un publico lector a partir dos oito anos.

 

Versos para conversar

Xoán Carlos Domínguez Alberte

Ilustracións de Pablo Rosendo

Editorial Galaxia, colección Árbore, Vigo, 2016, 72 páxinas, 9,50 €.

 

“Como unha pequena folerpa poética”. Así describe a presentación editorial este libro  de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Poesía que vai de un ti para min. Para ler e entender o mundo. Para saber como se nomean as cousas. E para recitar e falar. Versos delicados que pintan de cor as cousas todas.

O autor, nado na comarca de Terra de Celanova, confesa que a través da lectura dos nosos clásicos aprendeu que a cultura galega é un lume poderoso que, usando a nosa lingua, ten que avivar cada un e cada unha de nós. En Versos para conversar resoa o alento da súa voz. Para un lectorado a partir dos dez anos.

 

O enigma de Mona Lisa

María Noel Toledo

Tradución de Iolanda Veloso Ríos

Editorial Galaxia, colección Árbore, Vigo, 2016, 153 páxinas.

 

Esta novela foi recoñecida co Premio Onetti de Literatura Infantil Xuvenil no ano 2014. A súa trama preséntanos a unha nena, Mariel, que decide explorar o faiado dos seus avós na procura dun vestido antigo para a obra de teatro que deberá  interpretar coa súa clase. Alí atopa un retrato intimidante dun seu tío, o tío Alfonso, cuns ollos que a seguen onde queira que vaia. Aparecen cartas de amor e a tarxeta doutra muller que non resulta ser a avoa, unha tal Mona Lisa, da que o avó pareceu estar namorado no seu día. A nena Mariel comeza a investigación. E un partido de fútbol con equipos mixtos, cheos de paixón. María Noel Toledo é asemade a autora das ilustracións.  Apropiado para lectores e lectoras a partir de dez anos.

 

Pituxa, a fantástica nena de caca de ouro

(escrita por un bolígrafo)

Marcos Lopez Concepción

Ilustracións de Lidia Nokonoko

Editorial Galaxia, colección Árbore, Vigo, 2016, 297 páxinas, 13, 50 €.

 

Pituxa é unha nena á que ninguén lle fai caso porque a súa familia é moi pobre. Porén, un día comeza a facer unha caca moi especial. Unha caca de ouro. E desde entón todos queren a Pituxa. Nomeadamente moitos banqueiros e algunhas persoas emocionadas pola súa caca tan particular.

O autor, Marcos López Concepción emprega na súa casa en Lavadores (Vigo) a súa habelencia de xogador de Tetris para ir colocando todos os seus libros sen que se derruben. Desde que sendo un cativo leu como Balbino atopaba na rebusca unha caixiña branca de madeira que contiña todas as posibilidades do mundo, fíxose partidario de darlle unha segunda oportunidade aos obxectos que o merezan. Semella que o seu último achado foi o bolígrafo que escribiu esta historia. Libro axeitado para lectoras e lectores a partir de doce anos.

 

O misterio de Portomarín

Antía Yáñez Rodríguez

Ilustracións de Kristina Sabaite

Editorial Galaxia, colección Árbore, Vigo, 2016, 233 páxinas, 12 €.

 

Nesta súa primeira novela que Antía Yáñez Rodríguez escribiu pensando nas cousas que lle faltaron por ler cando era cativa, achéganos a historia dun rapaz e as súas tres irmás pequenas que pensaban que o verán ía ser igual de monótono e gris que sempre. Mais, por unha cadea de casualidades, veranse na obriga de teren que investigar un misterio que todos coidaban esquecido. Tan esquecido como a vila que descansa debaixo das augas do encoro.

Durante séculos, aquela vila anegada mantivo agochados e ben gardados os seus terribles segredos. Agora, coa investigación destes rapaces, sairán á luz. Para lectores e lectoras a partir de doce anos.

 

O neno inverno

María Canosa

Ilustracións de María Lires

Editorial Galaxia, colección Árbore, Vigo, 2016, 141 páxinas,, 11,50 €.

 

María Canosa é unha das escritoras máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil galega. Mais escribe e publica tamén para un lectorado adulto, no que se estreou con DisParo. Recentemente publicou Non é París. Comezou a escribir desde moi nova e as súas obras fixéronse merecedoras de premios e distincións literarias. Ten nas librerías unha trintena de títulos, entre os que cómpre salientar Druidas, Rubicundo e Vagalume de versos.

Neste pequeno e fermoso libro achéganos a historia dun neno moi especial e a dun lobo doente. Dous corazóns magoados que son capaces de se comunicar entre si. Libro recomendado para un lectorado de doce anos en adiante.

 

A soidade das medusas

Iria Collazo López

Ilustracións de Luz Beloso

Editorial Galaxia, colección Costa oeste, Vigo, 2016, 79 páxinas, 10 €.

 

Esta é a segunda incursión na escrita literaria de Iria Collazo. Unha novela na que inquire verbo do que poden ter en común unha pianista exitosa, protagonista dunha historia inexistente que nunca poderá ser contada, un escritor pechado contra a súa vontade nun apartamento no medio dun mar de rañaceos, unha nena de ollos tristes e pasado cruel que foxe do vento, unha reputada fotógrafa con ansias de voar lonxe, os soños dun vello inconsciente no deserto do hospital, ou unha oficinista presa dos seus propios rituais e dun amor imposible. A resposta atópase nos relatos deste libro, ateigado de personaxes que transitan por un océano de encrucilladas onde “todo ten dereito a ser, incluso o que non puido existir endexamais” (María Zambrano).

Iria Collazo publicou a súa primeira novela, Como unha áncora no ano 2015. Libro apropiado para un público xuvenil e adulto.