Veleno en familia
Rocio Leira
Baía Edicións, A Coruña, 2019, 164 páxinas.
Aínda que o relato está centrado nunha soa familia, o xurado do I Premio de Novel Vilar Ponte (2018) considera a novela de Rocío Leira como “unha radiografía da sociedade galega actual”. E abofé que o é.Directamente dunha familia moi mal avida na que todos os seus membros conviven á forza nun espazo en un tempo marcados pola dificultades, pola miseria moral e tamén polos comportamentos da familia e o emprego da violencia verbal e física ata chegar a morte de máis dun deles. Mortes non naturais, senón violentas. Forman parte do clan familiar Dosinda, unha vella rosmona, egoísta, que altera a realidade por mor dos seus problemas mentais. A filla Carme, apoucada e sufrida que atura con todo, mais só de xeito aparente. Ramón, o home de Carme,brután e infiel. E Rosa Mari, sobriña de Dorinda,abusada de pequena por un primo e que, sen ser pendanga de maneira oficial, de cando en vez bota foguetes con máis de un.
A novela reflicte na voz de cada un destes protagonistas as relacións que manteñen entre todos eles: tentativas de envelenamento con matarratas, discriminación de xénero , ser de familia pobre, o gusto do poder sobre os homes. Rosa Mari, muller liberada, fai o que quere co seu corpo. E a rutina de todos os días. Vidas como rodas de muíño, adobiadas con nubes na cabeza, lerchas e queixas. Ata que sobrevén as primeiras mortes. Algunha semella un accidente; outras mortes matadas nun triángulo que o lector descubrirá no desenlace.

Rocío Leira
A novela focaliza o máis noxento dunha relación familiar. É sen dúbida o principal mérito de Rocío Leira. Son as mulleres as que sofren abondos abusos, moitos deles da autoría delas mesmas. Abusos e submisión que veñen de sempre, e dos que elas mesmas so culpables nalgúns casos. Saliento na novela a polifonía de voces. Cada membro do clan familiar achéganos o seu punto de vista, amosa as envexas, os silencios tépedos que o abranguen todo. En definitiva, a toxicidade da vida familiar cando sos seus membros son rosmóns, teimudos e mesmo asasinos. Ambientada no rural galego, a novela reflicte os cambios dos costumes co paso do tempo, e pouco a pouco a autora vai introducindo no texto o veleno da intriga, que o lector descubrirá no desenlace desta peza breve, mais ben ambientada.
( Publicado no xornal Faro de Vigo o día 16 de xaneiro de 2020)