ENTRE A LOUCURA E A MALDADE

Os incurábeis

Antonio Tizón

Edicións Xerais, Vigo, 2020, 299 páxinas.

Antonio Tizón, xornalista e profesor de Deseño non debuta con esta peza na narrativa galega. Ademais de libros de relatos, a partir do ano 2015, iniciouse na novela de formato longo con A antesala luminosa, o primeiro  libro dunha serie na que actúa como principal protagonista o inspector de policía, Xosé Sánchez Pereiro. Tres anos máis tarde, coa novela  Un home estraño prosegue a serie. E no ano actual fai o mesmo con Os Incurabéis, quizais a máis cobizosa das tres, xa que recolle, como advirte a presentación editorial, unha historia  de morte, paixón e loucura.

O escenario da historia é A Coruña, máis concretamente o barrio dos Castros, e temporalmente localiza os acontecementos nos meses posteriores ao 11-S de 2001. O inspector  xefe Sánchez Pereiro, antiheroe nesta historia xa que el mesmo se confesa corrupto, é o encargado dun novo caso e fai asemade de relator dos acontecementos: unha vella prostituta dun prostíbulo dos máis  históricos de cidade aparece con pescozo rabanado cunha sorte de obxecto  aguzado, como se fosen os cairos de alguén con complexo de Drácula. Sánchez Pereiro realiza o seu traballo policial interrogando os veciños da muller asasinada. Todos eles semellan capaces de matar cando algo lles importa de verdade. Algúns matarían á desesperada, outros a sangue fría e planificando o crime.

Sánchez Pereiro, con xornadas sen fin de tapas, chiquiteo, algunha noite de puterío e conversas cos mellores miñaxoias do bario dos Castros, nomeadamente cos da rúa dos sete bares, leva a cabo unha difícil esculca, na que o máis relevante e que tira do lector, e o retrato dos veciños da dona do puticlub, e a confesión por parte do policía do seu propio comportamento canalla.

Antonio Tizón

Na novela tamén ten unha gran relevancia o mundo e a vida dos enfermos mentais, sobre todo os incurables que o inspector debate coa psiquiatra Helena Salgado. Neses debates preséntanse interrogantes que tocan de cheo con problemas éticos, como o da eutanasia. Cómpre depurar as persoas incurables, aquelas para as que a medicina non ten respostas? A novela presenta moitas outras reflexións, algunhas moi atinadas, malia que veñan da mente do inspector sibarita. Como tal, a impunidade do poder fronte ao crime. Ou a total omnipotencia do mesmo e o avasalamento doutros países. Os mesmos policías, algún día  inspectores e comisarios, saben como funciona o poder porque están ao seu servizo. Pódese discutir se Os incurábeis entra na categoría de novela policial ou negra. Na miña opinión, a acción policial, a investigación dun feito criminal é o fío condutor da novela. Mais non faltan aspectos moi salientables da novela negra, como o retrato crítico da sociedade. A novela policial mantén o misterio, mais a súa importancia queda desprazada pola temática social.       

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 17 de decembro de 2020)

UN VIGO SUBTERRÁNEO E CORRUPTO

O autor desta novela, Manuel Esteban, entrou de cheo na narrativa galega cando no ano 2016 lle foi outorgado o Premio Xerais, ficción  coa que comezou a darlle vida ao inspsector de policía Carlos Manso. Dous anos máis tarde volveu presentarnos as pescudas de Carlos Manso, un verdadeiro antiheroe, que, tras vinte anos polas beirarrúas da sociedade, fai do fracaso a súa sinal de identidade, facendo unha investigación verbo dunha rede de pederastia. Nesta terceira entrega, M. Esteban non se afasta do subxénero policial, e o seu heroe/antiheroe volve ser o inspector Manso, primeiro como policía e, logo da súa forzosa xubilación, como detective.

Unha novela que xoga cunha estrutura dupla e dous tempos e escenarios: ano 1998 na illa de Fuerteventura e no Sáhara Occidental, e o Vigo de 2018. O lector, xa que logo, atopará dous saltos no tempo de máis de vinte anos, mais, malia esta arquitectura diferenciada, non impedirá que no desenlace todo converxa. Carlos Manso que na inicial intención do autor, tería de ser un personaxe arisco, volve ser, como na primeira novela do autor, un protagonista con moitas caras. E o autor aproveita esta  circunstancia para mergullarse con profundidade na súa orixe, comportamento e motivacións.

Manuel Estevan

Esa arquitectura dupla ten o seu inicio en Fuerteventura e no Sáhara Occidental, descoidado polos españois e abandonado en mans marroquís, nunha espantada criticada na novela.Na illa e no continente africano, atopamos ao inspector Manso pescudando certos acontecementos relacionados co narcotráfico, a corrupción policial, o enigmático barco American Star, con certas mortes matadas e coa forma pouco apropiada de tratar os nativos. Nesta primeira parte, que leva por título “León e o volcán”, a novela axústase enteiramente ao esquema policial. Pero Manso é un cu de mal asento e o seu labor non se detén. Exercerá en Vigo como detective privado. o autor narraas nunha serie de secuencias que levan por título “O kraken e o mar”, e que corresponden á época actual. Nesta parte, a máis interesante na miña estima, o lector vaise atopar cun verdadeiro inframundo no que no só agroma a maldade e a corrupción, senón tamén a descuberta de varias galerías e túneles soterrados e abandonados na cidade olívica, que serven de agocho para seres corruptos. O relato deriva claramente cara ao detectivesco, con asasinatos, corrupción nas altas esferas da policía e do clero luxurioso e proxeneta.

A vinganza dos homes bos é un texto fragmentario se temos en conta as súas partes que se entrecruzan, o que pode dificultar a lectura dos seareiros da novela lineal. Mais permite recoñecer o protagonista principal na súa verdadeira condición de antiheroe, se ben no desenlace, Manso e convidado a esconxurar as súas pantasmas. O relato móvese entre a novela detectivesca e a novela negra, aínda que, para quen isto escribe, predominan as secuencias detectivescas, se ben, por veces o autor dálle importancia ao retrato crítico da sociedade -marxinal neste caso- e a introspección psicolóxica dos personaxes; o que define a novela negra.

( Publicado na Revista Tempos Novos ( sección Protexta) , no número 283, Novembro, 2020)