Besta do seu sangue
Emma Pedreira
Edicións Xerais, Vigo, 2018, 144 páxinas
Desde finais dos anos 40 do pasado século, a figura de Manuela/Manuel Blanco Romasanta, coñecido nas aldeas galegas como o “sacauntos”, “sacamanteigas” ou o home lobo de Allariz, forma parte non só do noso máis tenebroso imaxinario popular, senón tamén do mundo do cine e da ficción, nomeadamente na narrativa galega. A última achega sobre a figura de Blanco Romasanta é a de Emma Pedreira, Besta do seu sangue. Unha orixinal revisión do mito, na que segue de forma non lineal a vida do personaxe desde o seu nacemento, o seus problemas de identidade sexual, a súa nenez, adolescencia, noivado, a súa condición de amadamado que lle facilita que moitas mulleres lle abran o corazón e tamén os leitos, os seus oficios de tendeiro e quincalleiro, os asasinatos en serie e o seu xuízo e pena de morte. Indultado pola raíña Isabel II grazas a andrómenas psuedocientíficas daquel tempo que lle deron crédito á hipótese que salvou a Romasanta do garrote.
Son outros, non entanto, o enfoque, o punto de vista e a técnica e o modo narrativo cos que Emma Pedreira se achega á figura de Romasanta, seguramente nacido muller. Ficcionaliza a autora a figura de Manuela/Manuel Blanco Romsanta desde unha perspectiva de xénero, intentando reconstruír a realidade silenciada dunha persoa rebordada polas súas contradicións e conflitos internos. Faino a autora dándolle voz ao personaxe, entrando dentro do mesmo, mais desde unha ollada ben distinta da que querían ser a súas “incertas memorias” que lle deron título a outra obra de ficción da narrativa galega verbo de Romasanta.
Besta do seu sangue prescinde do realismo para centrase en elementos simbólicos e na interiorización da mentalidade asasina por parte do personaxe. Non responde, xa que logo, a novela ao arquetipo discursivo que desde o século XIX presenta a Romasanta simplemente como un asasino licántropo, apreixado nunha personalidade múltiple e destrutiva que mataba para se enriquecer. Desde as primeiras páxinas, incide a ficción de E. Pedreira nos trazos que fan referencia á intersexualide e á licantropía do personaxe nacido nena: o peluxe nos ombriños, os ruxidos animais cando se achega a lúa chea que tamén tira do seu sangue; esgana os pitiños cos que xoga, soñaba en vermello e negro, soñaba sangue, arreguizaba os veciños como se fose unha alimaria. Ata que decide ser coma os demais: un home cun pequeno rabo agochado entre os pelos do pube. E asume que ela era Manuela, mais tamén Manuel, se ben con acenos aínda mullerengos soterrados no profundo das súas carnes. Moi pronto a atracción polo souto que agocha o foxo lupario, xa que alí pode sentirse quen é. O relato evidencia en Romasanta intensos conflitos de identidade de xénero.Son os seus males para os que procura sosego nunha botica de Chaves. Boticarios que vendían mercadoría prohibida pero que tamén a mercaban. Sobrevén a besta ao andar nos camiños e bosques e tamén a excitación que quere racharche a roupa á nena linda para que saía o seu óso agumado. Logo, o golpe e o ouvear. O asasino no sabe por que é así. A maldición pola fada dos lobos e o comercio coa manteiga do corpo da xente despezada: mulleres e nenos sen barbar. Nas derradeiras páxinas abrolla de novo a ambigüidade xenital: borda, cose e séntese Nela, Manuela.

Emma Pedreira
Non só o enfoque senón tamén a arquitectura compositiva resultan moi significativos nesta novela. Os seus esteos son un amoado de secuencias narrativas fragmentarias ao xeito de planos dunha cinta cinematográfica, con intervención de diversas voces, forte presenza de crenzas e lendas populares e o galano dunha prosa primorosa, ateigada de bríos e de expresividade e na que conviven rexistros da lingua culta e da fala popular.
(Publicado no xornal Faro de Vigo o día 8 de novembro de 2018)