Xavier Rodríguez Baixeras
Galaxia 2004.
329 páxinas
(Libros de fondo)
Non semella doado vencellar un relato literario ao acto cotián da alimentación. Inténtouno, e na miña erstima, con loable resultado, Xavier Rodríguez Baixeras, un poeta de longo percorrido e abonda experiencia no eido lírico, que con este Diario de comidas fai a súa estrea como escritor de prosa. X. Rodríguez Baixeras é un verdadeiro amador da comida, unha circunstancia persoal na que acredita o comentarista porque tivo a ocasión de contemplar o escritor fóra de si diante dun prato de carneiro. Neste título da Editorial Galaxia, o escritor comparte co lector as experiencias desa faceta fundamental da súa vida, o pracer de comer, a exaltación dos sabores como cultura e como arte. Tratar o mundo da comida dunha maneira literaria, rescatando sensacións e experiencias gustativas amoreadas ao longo dos anos. Velaquí as metas e obxectivos que Xavier Rodríguez Baixeras se propón nesta obra coa que nos pretende agasallar coas dúas grandes paixóns da súa vida: a cociña e a literatura.
Estructura o autor o libro baixo o formato dun diario desenvolvido ao longo de 2003, precedido dunhas notas culinario–culturais froito dunha viaxe a Estambul realizada en xaneiro de 2002. Un formato de diario elixido non por casualidade, senón porque este lle permite ao escritor reconstruír a memoria de gustos e sensacións, suturada a un entorno cultural.
Diario de comidas non é un libro de cociña, un receitario ao uso de pratos e viandas, senón un verdadeiro texto literario, capaz de transformar a experiencia culinaria, o universo visíbel ou agachado que a rodea, en materia literaria. É unha viaxe polos rituais da nutrición para achegarnos o agasallo da arte da boa mesa coa súa inmensa variedade de sabores que afunden as súas raíces en substratos culturais, tamén moi diferentes. Na viaxe recrea o autor múltiples experiencias culinarias das que se enchoupou en Turquía, Cataluña, Galicia, Portugal e Italia nomeadamente. Mais, xunto coas viandas, Xavier Rodríguez Baixeras fixa a súa ollada en moitos outros tópicos e circunstancias, uns literarios, outros, máis profanos. Comentarios e reflexións verbo de libros, viaxes, encontros, entrega de galardóns literarios, vilas e cidades. Abríndolle tamén a memoria á presenza lembrada dos seres queridos xa fenecidos.
Paira sobre este persoalísimo diario o inquérito sobre a relación entre arte e comida: ¿Ata que punto a arte culinaria é comparábel ás consideradas Belas Artes? O autor mantén sen ningunha vacilación que a cociña é un arte por mor da súa capacidade evocadora que nos leva, moitas veces sen nos decatar, cara a mundos que xa abandonamos. É este sen dúbida o trazo característico e definitorio deste Diario de comidas: a relación da comida coa súa contorna cultural. Endalí que, á par da descrición de pratos e viandas, viaxe tamén polas páxinas deste diario unha manchea re reflexións culturais, literarias en especial. Ademais de todo isto, X. Rodríguez Baixeras defende a tradición gastronómica fronte ao imperialismo uniformizador e estandarizado da posmodernidade que se traduce na perda da comida elemental, substituída polo fraude das pizzerías- sería o caso de Italia- ou da comida rápida con sabores uniformes.
Fermoso libro pois, aliñado coa clara vontade estilística dun poeta e dun gorentador de amizades e viandas ( “ a única persoa capaz de chorar diante dun prato de comida”, en expresiva definición de Méndez Ferrín ). Un agasallo de grande poder evocador, un canto á sensualidade de recendos e sabores que eflúen da inmensa e máxica variedade culinaria. Gozamos pois sensorialmente da comida e, ao mesmo tempo, gorentámola como materia literaria. Todo isto é este debut na prosa de Xavier Rodríguez Baixeras.