Exitoso precedente. A primeira novela humanista en inglés.

 Oroonoko

Aphra Behn

Tradución de Mª Fe González Fernández

Editorial Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 2012, 100 páxinas.

 

Aphra Behn (1640-1689), malia ser a primeira inglesa que se dedicou profesionalmente á escritura de novelas e pezas teatrais, foi, como tantas outras mulleres, ignorada pola sociedade patriarcal e a súa obra ficou durante séculos no territorio da invisibilidade, porque chocaba  desde o mesmo feito de escribir que estaba considerado como una actividade pública, cos postulados sexistas do seu tempo. Porén, A. Behn foi unha dramaturga bestseller e a súa novela Oroonoko, sobre todo logo da súa versión teatral, un éxito de público.

Boceto dun retrato de Aphra Behn

A súa versión a un galego xenuíno   narra a dramática aventura cuxa cerna é  a tráxica relación entre un príncipe negro feito escravo e unha escrava igualmente africana no contexto do colonialismo. Aínda que a autora non foi propiamente abolicionista, a súa trama  de forma lineal  e con maneiras de narrar non moi afastadas da modernidade, perfila de tal xeito a figura do protagonista que o converte en prototipo do bo salvaxe, e racha coa idea que ata entón se tiña en Europa dos pobos non civilizados, á vez que amosa o “salvaxismo” da escravitude. Oroonoko foi, xa que logo, considerada como a primeira novela humanista inglesa e un precedente da literatura que baixo esta temática se escribiu en Europa no século XVIII.

(Texto publicado o día 25 de outubro de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Como en Alxeria

Como en Alxeria

Xosé Ramón Pena

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 230 páxinas.

 

 

Como en Alxeria, como en Cuba, como no Exipto de Nasser. Unha parte importante da mocidade galega máis concienciada de finais da década do cincuenta e comezos dos sesenta vía nos movementos revolucionarios destes países o horizonte de esperanza liberadora para sacudir o xugo da ditadura franquista que atenazaba o noso pobo. Reflícteo Xosé Ramón Pena na novela Como en Alxeria que Xerais acaba de sacar dos seus prelos. En efecto. X. R. Pena, partindo da historia de Galicia e do galeguismo nesas datas, mergulla o lector no que puido ser a outra crónica da teoría e da praxe do galeguismo. Baseándose en acontecementos reais, X. R. Pena “inventa” no seu relato unha historia que forma parte do galeguismo. Unha historia que corre arredor dun grupo galeguista que non é o de Ramón Piñeiro nin Brais Pinto, aos que, xaora, se fai referencia en varias ocasións. Un grupo de  mozos que viven entre Madrid e Galicia e no que imparte doutrina e estratexia un verdadeiro “director de conciencias” que, como Ramón Piñeiro, non disimula o seu aticomunismo e pretende crear pequenas células galeguistas por todo o país, xente que no futuro que virá despois da morte de Franco, erga entre os galegos a conciencia de pobo e  artelle forzas galeguistas acordes cos modelos vixentes en Europa.

Xosé Ramón Pena

Entre estas “lanzadeiras do futuro”, o de Xosé Ánxel Viana, en cuxa vida entra con forza Paloma, unha actriz mexicana, que lles pide algo máis: un xesto, algo romántico que dea cumprida noticia da súa existencia para alén dos xuntoiros clandestinos. E como en Alxeria, aínda que provocados pola violencia gratuíta de Garda Civil, parte do grupo, entre a improvisación e a impericia, escolle unha acción que non só destapará inxenuidades, senón tamén traizóns.

A novela reflicte de forma acaída varias formas de estar no galeguismo, cada unha con teito de seu. E a dialéctica entre un galeguismo puramente cultural e aqueloutro máis radical que nun momento histórico procurou a acción. O autor conxuga habilmente elementos históricos, tanto a nivel internacional como do noso país, con aquilo que debe de ser a cerna da acción de novelar: somerxer o lector nunha aventura na que non soamente acompaña a un grupo de mozos, que non se arrepinten de nada, a atopar o seu propio camiño, senón que con eles participa nunha escintilante carreira entre medos, perigos e traizóns para salvar as súas vidas.

(Texto publicado o día 19 de outubro no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, pinchar aquí)

Cavorcos de desacougo. Ficción antipostmoderna

 

Gran tiburón branco

Samuel Solleiro

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 165 páxinas.

 

Libros como este, escrito por un narrador novo, garanten a continuidade do galego, ao menos como lingua literaria. Estimanzas confirmadas polas dúas publicacións anteriores de Samuel Solleiro, e polo seu desexo de que a literatura de noso non feneza pola súa culpa. Danlle  corpo ao volume cinco relatos esteados na ficción e na recreación de vellos temas da literatura e asemade nunha linguaxe propia da xeracións á que pertence: xente nova que proxecta a súa ollada sobre a vida desde un ton cínico, pesimista, mais non moralizante.

Samuel Solleiro

Recrea en efecto S. Solleiro materias atemporais da literatura: a cínica infidelidade co guía turístico da muller moza casada cun vello ao que non abandona porque “unha cousa é foder e outra é o amor”; a descuberta da identidade e o medo ao descoñecido, un veciño xudeu co que o protagonista mantén unha relación de antitética amizade; un exercicio de metaficción dunha pseudo escritora -redacta libros mentais imposibles de verbalizar- e entremedias as relacións familiares nunha alucinóxena viaxe a México; o diario terapéutico  dun tipo que forza os límites, vive a crise do noso tempo e a gran mentira dunha relación sexual con dúas mozas. Narrativa que nos mergulla en abismos desacougantes, con remates cegos, subtraídos, erguida cunha técnica narrativa  que se adapta ás circunstanciais de cada personaxe. E un nexo común entre os cinco relatos: todo é ficción, ficción quizais antiposmoderna, como afirma o escritor.

 

(Texto publicado o día 18 de outubro de 2012, no suplemento Faro da Cultura, páxina VI do xornal Faro de Vigo)

Perder a Revolución

Verde oliva

Xavier Alcalá

Editorial Galaxia, Vigo 2012, 412 páxinas.

 

 

  Xavier Alcalá, pai dalgún dos bestsellers da narrativa galega, é un mestre á hora de converter  a intrahistoria en historia, en historias inventadas, mais con bases reais, tiradas de conversas, viaxes ou calquera outra caste de documentación. Mestre así mesmo cando esculca en clave narrativa o intramundo da nosa emigración e afonda no espazo e na memoria do galeguismo transterrado. En Verde oliva X. Alcalá achégase a Cuba, mellor dito á Revolución cubana inventando moi pouco e poñéndose ao lado dos perdedores, tomando partido -son palabras súas- pola xente que estaba contra os irmáns Castro e a tropa castrista. Os perdedores son para X. Alcalá os compañeiros dos castristas que loitaron contra o “batistato”, sen renunciar nunca os principios democráticos.

Xavier Alcalá

Mais o lector desta longa novela non debe esquecer que o viaxeiro e tamén o narrador acostuma atopar o que busca. E desde o ano 1998 sabemos que para X. Alcalá Cuba é un desleixo total e Fidel é o Supremo (cínico, traidor, sanguinario). Remito a La Habana flash da súa autoría. Con todo non ousaría afirmar -iso debe xulgalo o lector- que X. Alcalá atopa o que busca nesta historia “real” da moza Mariana, filla de galego habanero e dunha crioula , alter ego de Juana Maseda, metida de cheo na revolución política, clasista e racista contra aquel sarxento mulato convertido en ditador que foi Fulgencio Batista. Traballando na clandestinidade e en Sierra Maestra en estraña  conivencia cos militares de Batista que a protexen da policía do sanguinario Ventura e son asemade protexidos por ela, a protagonista participa no triunfo da Revolución e así mesmo nunha grande decepción, pois un golpe interno fixo triunfar finalmente o comunismo. Por iso a novela remata cun “Epílogo necesario” no que Mariana  repróchalle ao “monstro” Fidel as traizóns aos ideais dos revolucionarios que deron a vida pola liberdade da Illa.

Deste xeito converte X. Alcalá a intrahistiria en historia de intriga, na “historia B” da Revolución cubana, mesturando vivencias individuais e a radiografía social, cedéndolle a voz á protagonista para facer máis crible e vehemente o relato de quen abrazou a causa da Revolución e fica decepcionada “sesenta anos despois de que comezara o que nos uniu”

 

(Texto publicado o día 11 de outubro de 2012 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

Saiban cantos estas cartas viren…

Cadernos Ramón Piñeiro (XXIII): Saiban cantos estas cartas viren Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961)

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 1012, 195 páxinas.

 

Acaba de ver luz este novo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, o terceiro deste ano que fai o número XXIII desde que no ano 2003 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades sacaba á rúa  esta nova colección destinada a recoller certas partes descoñecidas do noso patrimonio cultural: bibliografías, homografías e epistolarios sobre todo.  Tal acontece coa correspondencia que intercambiaron Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal. O volume, que abre as súas páxinas cunha carta con glosa e escollo de Blanco Amor a Álvaro Cunqueiro datada no ano 1949, está contextualizado por unha Introdución de Luís Cochón e un prólogo de César Cunqueiro González Seco. O seu corpo central reproduce unha parte moi significativa da correspondencia nun período temporal de sete anos ( 1955-1961 entre  o escritor mindoniense e o notario vigués.

Segundo testemuña César Cunqueiro,  a relación de amizade entre Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal naceu nos primeiros anos da década dos cincuenta. Co paso do tempo xurdiría entre eles unha intimidade fraternal, xustamente reflectida neste epistolario. O notario e xurista vigués Alberto Casal e Álvaro Cunqueiro mantiveron en efecto unha longa relación de amizade. Foron dous amigos que formaron parte do que Méndez Ferrín chamou “o cenáculo vigués”. Estas cartas, como digo dan testemuño desa fonda relación entre ambos. Alberto Casal, “protector das artes e das letras”, coa súa xenerosidade e intelixencia foi para Cunqueiro, para a “soidade cunqueiriana”, un báculo providencial inestimable . Asemade, a presenza  de Cunqueiro na vida persoal e familiar do notario e o feito de ser este testemuña activa do nacemento e desenvolvemento da obra literaria cunqueiriana foi o pagamento co que Cunqueiro correspondeu ao xeneroso apoio durante trinta anos.

Como afirma Luís Cochón, nas cartas cruzadas entre os dous amigos está presente case que toda  a obra de Cunqueiro, “o pasado, o presente e ata o futuro das obras non nacidas”. O volume recolle esta correspondencia, aínda que cun certo desequilibrio: corenta e dúas cartas de Cunqueiro fronte a soamente dezaseis de Alberto Casal, descompensación explicable pola dilixente custodia das primeiras por parte de A. Casal, mentres que a correspondencia recibida por Cunqueiro debe a súa supervivencia non a dilixente conservación por parte do escritor senón aos vaivéns do azar.

Alberto Casal na casa dos Anxos. Foto de Noelia Souto

Poñen cabo ao caderno tres contos da autoría de Álvaro Cunqueiro, recollidos do libro Jordán escondido y otros cuentos (Madrid, 2007) que contén seis contos escritos polos dous amigos co gallo do nacemento dos seus fillos a partir de 1966.

Oportuna pois a publicación deste volume que deita luz sobre unha fonda relación de amizade, do vivir diario coas súas angueiras, alegrías e preocupacións de dous amigos durante uns anos que fuxiron como “un vuelo de pájaros en un cómaro” (páxina 81). E dá noticia sobre todo do proceso de creación dunha das máis importantes obras da nosa literatura, composta por un escritor de “bolsa pobre”, mais de abondosa e ricaz imaxinación.

A “vinganza” de Prisciliano

Prisciliano e o pricilianismo. Da condena á rehabilitación

Victorino Pérez Prieto (Editor)

Biblos Clube de Lectores, Cesuras (A Coruña), 2012, 126 páxinas.

 

 

O teólogo, filósofo e ensaísta Victorino Pérez Prieto coordina esta edición do volume Prisciliano e o pricilianismo. Da condena á rehabilitación. A obra, que nos achega Biblos Club de Lectores na súa colección Mandaio, recolle traballos do simposio organizado xuntamente coa Universidade Menéndez Pelayo en xullo de 2010 na vila de Ortigueira co mesmo título do libro que viu luz no pasado verán. Especialistas de indubidable categoría científica estudan e analizan o que, á altura do noso tempo, podemos saber verbo da figura de Prisciliano e da “herexía” por el fundada.

A actualidade de Prisciliano segue a ser hoxe en día indiscutible. O asceta axustizado en Tréveris  no ano 385 continúa sendo na actualidade un referente sobre todo relixioso, aínda que soamente fose polo seu rexeitamento da unión da Igrexa co Estado imperial e polas súas críticas á corrupción e ao enriquecemento da xerarquía.

Sobre o “herexe galaico”, nado posiblemente na provincia romana de Gallaecia, aínda que a súa orixe segue a ser incerta, escribe en primeiro lugar Victorino Pérez Prieto (“Que podemos dicir hoxe de Prisciliano”) recollendo materiais importantes dun anterior libro seu, Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (2010): orixe, nacemento, formación, reformador, cabeza dunha Igrexa renovadora, persecución (Concilio de Zaragoza), proceso e morte en Tréveris por razóns aparentemente relixiosas, que agochaban porén motivacións políticas e mesmo económicas. Analiza asemade a obra de Prisciliano e a súa inclusión no elenco dos heterodoxos na antigüidade. Tamén a súa rehabilitación a partir do século XVIII.

Outros especialistas abordan máis polo miúdo algúns dos temas, teses e inquéritos máis importantes tanto da aventura vital e obra de Prisciliano como do seu movemento relixioso. Tal fai María José Bravo, nun  estudo en castelán, sobre o proceso e a morte de Prisciliano. Andrés Olivares Guillem, cun texto igualmente en castelán, aborda o influxo do priscilianismo na alta idade media en movementos relixiosos como os dos tardopricilianistas, o sabelianismo, o adopcionismo, o masarrismo…. Sobre a presenza do priscilianismo na cultura portuguesa, cun texto presentado na lingua irmá, escribe Nuno Ventura. Finalmente Mª Pilar García Negro pon

Prisciliano, pintura sobre papel de Sergio Vázquez

cabo ao volume. Nun texto sobre Prisciliano e o pricilianismo e as mulleres analiza a reutilización do “martir galego”, unha historia máis “á galega” (“onde  poderes esclesiásticos e poderes civís actúan de mans dadas para cadraren a súa represión nas mesmas vítimas”, paxina 113). Analiza asemade  o influxo das teorías e da praxe priscilianista na mellor literatura galega e algúns dos seus grandes temas: telurismo, relativismo moral, anti-dogmatismo, apoteose da natureza, animismo…A “vinganza” de Prisciliano, segundo Pilar García Negro, consúmase con Rosalía de Castro que revive e resucita a Prisciliano.

Xa que logo, un monllo de ensaios  non só útiles , senón tamén imprecindibles para todos en todas os interesados e interesadas na figura de Prisciliano e no alcance das actuais investigacións verbo desta figura senlleira da historia e da cultura occidental.