Distopía apocalíptica

  niccolo-ammaniti Anna, a última novela do narrador italiano Niccolò Ammaniti, recentemente publicada en castelán por Anagrama, é unha incursión no que se acostuma coñecer como ficción distópica; a representación, neste caso, dun mundo apocalíptico poboado por nenos orfos, e que o autor sitúa nun futuro próximo, no ano 2020 e nun espazo inhóspito: nunha Sicilia en ruínas, estragada por un virus mortífero que, malia que tamén incuba nos nenos, soamente na xente adulta se converte en enfermidade mortal. É unha doenza descoñecida que arrasa o planeta. A familia de Anna,  a principal protagonista, fora varrida do mapa xunto con millóns de adultos. Sobreviven Anna de trece anos e o seu irmán, Astor de catro. O mundo estase a transformar nun deserto apocalíptico. Sen adultos que impoñan orde, os nenos organizados en salvaxes hordas de esfarrapados recorren a Illa asaltando vivendas e calquera lugar onde pode haber algo para comer. Un cru escenario de silencio, fame, arrepío, con mandas de cans transformados en máquinas de matar.

Neste contexto espacial coloca Ammaniti a protagonista da novela que, con unllas afiadas, intentará sobrevivir xunto co irmán, coa esperanza de que no continente a xente non morra aos catorce anos. Calabria seméllalles a terra prometida. Se cadra tampouco alí hai xente adulta, mais para os cativos representa o horizonte de esperanza para seguir loitando. É a utopía que renace no estourido dun mundo rexido pola morte.

A novela é asemade a historia dunha arriscada viaxe, unha odisea fuxindo da morte, e unha novela de formación, de iniciación á vida, nomeadamente para Anna que, na fuxida do virus, experimenta o cumprimento das leis biolóxicas, a arribada da puberdade coas súas reclamacións hormonais que son ao mesmo tempo o aviso agoreiro da pronta chegada das manchas vermellas da doenza. Mais tamén entre a degradación e a barbarie hai un lugar para a experiencia do amor. A novela está rodrigada nunha exposición clara, nun bo deseño dos personaxes e na relación intertextual  con moitos outras novelas como Lord of tehe Flies de W. Golding ou The Road de Cormac Mccarty.

 

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal premer aquí)

“Os días escuros”: a loita pola supervivencia

Apocalipse Z. Os días escurosApocalipse Z; Os días escutros
Manuel Loureiro
Tradución de Tomás Gonzáles Ahola
Revisión de Raquel Vila Amado e David Cortizo Conde
Capa de Denís Fernández Cabrera
Maquetación de Sacauntos Cooperativa Gráfica
Urco Editora, Santiago de Compostela, 2014, 365 páxinas

Os días escuros é o segundo volume da triloxía de literatura apocalíptica e temática zombi que o pontevedrés Manuel Loureiro escribiu e publicou en español. Nos pasados meses Urco Editora fixo que a novela vira a luz na lingua de noso en tradución de Tomás González Ahola.
A triloxía Apocalipse Z deu comezo en 2005, cunha estrutura que imitaba primeiro un blog e logo un diario no que un avogado aínda mozo contaba en tempo real unha invasión zombi. O avogado pontevedrés, logo de quedar viúvo, vive na súa casa na compaña de Lúculo, o seu gato, e ten noticia de que un grupo de guerrilleiros islámicos asaltaran una antiga base soviética, liberando un virus que se propaga de xeito veloz por todo o planeta. Os contaxiados morren de contado, mais resucitan ás poucas horas e arremeten de forma adoecida contra as persoas que atopan, coa finalidade de conseguir alimento a calquera prezo. A pandemia dos mortos viventes chega a Galicia e peta na porta da casa do protagonista. Este, acompañado por un grupo de xente, foxe fóra da Península na procura de salvación ou na prolongación do inferno apocalíptico.
Nesta segunda parte actúan os mesmos personaxes e outros novos que cobran relevancia no desenvolvemento da acción. O relato novelesco comeza cun breve resumo xeral da primeira parte, Apocalipse Z. O comezo da fin, co obxectivo de refrescar a memoria lectora ou posibilitar que os novos lectores non teñan problemas para coller o fío da trama da triloxía. A seguir, toma corpo a historia narrada neste segundo volume. Os superviventes de O comezo da fin voan en helicóptero para se poñeren a salvo nun dos puntos xeográficos que aínda están libres dos non mortos: as illas Canarias. Porén, o que alí atopan é un estado militar sumido nunha guerra civil, cunha poboación famenta e privada de recursos para sobrevivir. Entón os altos mandos de Tenerife pídenlle ao protagonista que, xunto cun equipo de soldados, leven a cabo unha acción suicida: saquear o hospital La Paz de Madrid, un dos Puntos Seguros que primeiro caeran, e onde se gardan toneladas de medicinas, necesarias para os superviventes. Xa que logo, deberán dicir adeus á seguridade da illa, e o protagonista terá que deixar a súa querida Lucía e o seu gato Lúculo e retornar a un inferno inimaxinable, un Madrid apocalíptico, ateigado de zombis belicosos que porán de novo a proba a intrepidez e a carraxe dos protagonistas.
Ä marxe da trama, bosquexada nesta sinopse, sen spoilerizar, espero, o argumento, Os días escuros achégannos unha fonda reflexión: a demostración de que o ser humano é capaz de facer calquera cousa na loita pola vida, mesmo nas situacións máis complexas e perigosas e con medios inverosímiles.

Manuel Loureiro

Manuel Loureiro

Manuel Loureiro presenta a trama dun xeito vibrante e ao mesmo tempo crible. Por iso mesmo, Os días escuros, sen superar a O comezo da fin, é unha boa continuación da triloxía, xa que humaniza os personaxes. Amosa as limitacións ás que está sometido o ser humano, como individuo e como membro dunha colectividade. De por parte, Manuel Loureiro acerta de cheo ao entremesturar co desenvolvemento da acción algúns compoñentes imprescindibles nunha novela te terror: o mal, o ben, o valor, o desacougo, a exasperación.
Cómpre salientar un cambio importante na estrutura deste segundo volume. O autor abandonou o formato blog/diario, esquema estrutural da primeira parte, e acolle nesta segunda un desenvolvemento compositivo máis clásico: narración dos acontecementos en primeira persoa, con numerosos diálogos. Un ritmo así mesmo máis pausado, menos acción e un papel secundario por parte dos zombis que semellan ser o pretexto para que o autor conte a historia de supervivencia dos protagonistas nun medio hostil e envurullado. Un estilo da prosa semellante ao da primeira parte da triloxía: tan gráfico como “gore”, alleo a calquera enfeite literario. Unha forma de escribir clara e directa que pon máis fácil a lectura para os seareiros da novela de terror dentro do subxénero dos mortos viventes.

Dúas novidades de Urco Editora

Como nalgunha outra ocasión, o comentario de hoxe será soamente informativo: para dar conta de novidades editoriais. Non é o que máis gorenta este comentarista porque do mesmo estará ausente aquilo que é precisamente a esencia da crítica literaria: o xuízo de haberes e deberes dunha obra literaria. Será noutro momento, logo da lectura repousada, destas dúas novelas de Urco Editora, cando neste caderno darei conta da miña valoración persoal das mesmas. Hoxe limítome a informar de xeito sumario e externo, baseándome, sobre todo, nas presentacións que a casa editora fai destes dous libros.
Como xa teño sinalado, Urco Editora é un selo editorial louvable por varios motivos: en primeiro lugar porque enche un oco de forma sistemática dentro do sistema literario de noso: a publicación de literatura fantástica, ciencia ficción e terror. Engádase a ética profesional e o esforzo cooperativo dos que traballan ou cooperan con Urco Editora, cuxo labor é recoñecido. Criterios de edición, como tal, un traballo editorial baseado no software libre e o emprego de licenzas “Creative Commons” en moitos casos. O que permite que o lectorado poida copiar e distribuír estas obras, sempre cando se cite a fonte e se faga sen ánimo de lucro.
Mérito pois dos editores e recoñecemento por parte dos lectores. Dou conta, xa que logo, de dúas das últimas novidades da editora santiaguesa especializada, nas súas sete coleccións (Gótica, Fantástica, Ciencia Ficción Alcaián, Biblioteca Niké, Urco Xuvenil e Urco Infantil), en facernos pasar medo ou en contar en transmitir lendas, mitos, elementos fantásticos ou proxectarnos en mundos futuros.

Sangue 12Sangue 12 en JPG
Cristina Pavón
Edición: David Cortizo Conde
Revisión: Raquel Vila Amado
Deseño da capa: José María Picón
Maquetación: Xiana Iglesias Villaverde
Urco Editora (Colección Alcaián), Santiago de Compostela, 2014, 201 páxinas.

A autora, Cristina Pavón (A Coruña, 1962) aborda na súa narrativa, mediante argumentos realistas ou fantásticos, a construción e o esboroar da identidade, a erosión do eu, e o papel que neses procesos xogan a memoria e a linguaxe. Ten no seu haber varios premios literarios, entre eles, o Premio no Certame Nacional de narracións breves Modesto Figueirido 2013, ou o Primeiro Premio de relato da Asociación de Mulleres Progresistas de Vigo do ano 2009. Na contracapa do libro, a seguinte sinopse achéganos a temática de Sangue 12: nesta novela de feitura bizarra, onde se mestura o real e o fantástico dacabalo entre os séculos XIX e XXI, preséntasenos unha fábula vampírica que conxuga fíos de feminismo, tecnoloxía e literatura para tecer a historia do delongado transo adolescente da protagonista, unha rapaza que asume os propios devezos e constrúe unha identidade vista como aberrante polos demais.

Apocalipe Z. Os días escuros en jpgApocalipse Z
Os días escuros
Manuel Loureiro
Tradución: Tomás González Ahola
Revisión: Raquel Vila Amado e David Cortizo Conde
Deseño da capa: Denís Fernández Cabrera
Maquetación: Sacauntos Cooperativa Gráfica
Urco Editora (Fóra de colección), Santiago de Compostela, 2014, 365 páxinas.

Este volume ocupa o segundo lugar da triloxía de literatura apocalíptica e temática zombi que inaugurou Manuel Loureiro con Apocalipse Z. O comezo da fin. O autor, nado en Pontevedra (1957), escribe porén en español. Os seus libros están acadando un salientable éxito internacional, con traducións a diversos idiomas e centos de miles de lectores, en especial na versión dixital.
En Os días escuros, o protagonista, na compañía dun grupo de xente, que fuxiran dunha pandemia zombi con numerosos mortos viventes e que chegara tamén a Galicia, consegue finalmente acadar as Illas Canarias, unha das últimas zonas libres de Non Mortos. Mais o que alí el e os demais superviventes van atopar é un estado militar nun ambiente de pre-guerra civil e ademais cunha poboación sen apenas recursos para sobrevivir. Os altos mandos acordan pór en marcha unha misión case que suicida: voar ata Madrid para se fornecer de medicinas no hospital La Paz, un dos primeiros “Puntos Seguros” en caer e onde se almacenan por milleiros. Para levar a cabo esta arriscada misión deberán contar coa habilidade do piloto Pritchenko.
O avogado protagonista, ao verse na obriga de acompañar o impredicible piloto ucraíno para garantir o éxito da misión, terá que abandonar a súa querida Lucía, así como o seu gato Lúculo. Deste xeito perderá a relativa seguridade da illa para volver a se enfrontar aos zombis ataviado novamente cun traxe de neopreno.

Entretida narración. Terror zombi entre nós

 

Apocalipse Z: O comezo da fin

Manuel Loureiro

Traducción: Tomás González Ahola

Maquetación: Raquel Vila Amado

Capa: Denís Fernández Cabrera

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2013, 386 páxinas.

 

   O autor de Apocalipse Z: O comezo da fin é un pontevedrés que escribe en español. A súa novela que acadou na versión orixinal un grande éxito internacional, é o primeiro volume dunha triloxía de literatura apocalíptica e temática zombi.Este best seller, inquire sobre as consecuencias que acontecerían se un día descubrimos que a nosa civilización se está esfarelando por culpa dunha pandemia zombi. Iso é o que lle ocorre  ao protagonista, un avogado pontevedrés que ve alterada a súa vida por un  incidente que acontecera nun arredado país do Cáucaso, ao ser liberado nunha antiga base soviética un virus letal que mata, mais as súas vítimas transfórmanse en mortos viventes. Unha pandemia que chega tamén a Galicia.

   Novela pois de Non Mortos, na que se mestura o xénero de terror con brochadas de thriller, alicerzada  nos tópicos das historias zombis. Mais con certos trazos positivos: narración en primeira persoa, estruturada ao xeito dun blog-diario o que lle outorga ao relato un ton realista. Historia entretida e ao mesmo tempo terrorífica, cun final aberto para facer posible a triloxía. Ritmo, o meu ver desigual: pausado ao comezo pero vertixinoso a medida que se vai desenvolvendo a acción. Un estilo tan gráfico como “gore”, directo e preciso, sen concesións ás ouriverías literarias. Acción, aventura e moito terror zombi tamén entre nós.

(Texto publicado o día 3 de abril de 2014 no Suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo)