Cativa en su lughar

Cativa en su lughar / Casa Pechada

Luz Pichel

Interlogo de María Salgado

Progresele, Eivissa, 2013, 207 páxinas.

 

 

No ano 2006 o poemario  Casa Pechada fíxose co premio Esquío de poesía en lingua galega. Os versos daquel poemario eran un axuste de contas coa propia lingua e coa historia persoal e familiar, escritos por Luz Pichel, unha poeta nada en Alén, unha aldeíña do val do Deza, pero aclimatada / transterrada en Madrid, nese Madrid que cheira a todos os desterros  como escribiu M. Rivas. Mais Luz Pichel, que xamais esqueceu o seu lughar, acaba de engaiolarnos cun libro singular, seguramente único no seu xénero o que o converte nunha alfaia bibliográfica: unha versión libre de Casa Pechada refeita en castrapo.

A poeta trae este libro a Galicia, non sen confesar o seu “pánico”, xunto ao poemario orixinal Casa Pechada, autotraducíndose a si mesma, tendo en conta a distancia dos anos e outras circunstancias persoais. E faino en castrapo que foi e segue a ser lingua ruín, matalengua, língua difformis, lingua burlesca, de humillación, máis tamén lingua de esforzo, amor e dor, porque significa “o traballo do membro da tribo por facerse entender de quen, desde fóra, se acerca”.

Luz Pichel

Casa Pechada é agora, xa que logo, Cativa en su lughar. Dos poemas orixinais fica o sámago.O resto foi ganduxado con novos fíos que, con afouteza, esforzo e amor, seguen acubillando a unha lingua para que non morra. Fíos tamén de dor, porque foi o castrapo o que aleitou a nenez e adolescencia da escritora, o que a fixo sufrir, xa que as linguas do poder gramatical e politicamente correcto puxeron cravos e estripos sobre aquela “paparruxada” lingüística  que se falaba no seu lughar, con gheada incluida, propia do galego da comarca do Deza, que pasa, porén, con naturalidade ao castrapo.

Será pois a cativa, “pequena, bonita, una figura del mencer que rompe, queridiña” a que arestora nos fale nos versos refeitos de Luz Pichel, evocando aquela segunda emigración que obrigou a pechar a casa. A cativa evocará no seu lughar as vivencias, sobre todo infantís, con versos que seguen conservando a esgazadura daquela viaxe interior de afastamento do lugar de orixe. Todo iso máis os letreiros que se poñen para impedir a desmemoria, neste libro reconstruído en castrapo, quizais unha lingua de fronteira.

(Texto publicado o día 21 de marzo de 2013 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, facer clic aquí)

Xeórxicas do pan galego, rescatando a poesía de Otero Pedrayo

 

Xeórxicas do pan

Ramón Otero Pedrayo

Edición de Silvia Penas

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 93 páxinas.

 

    Grazas ao Consello Social da universidade de Vigo e a promoción da Fundación Penzol podemos  gorentar arestora este traballo do Equipo de investigación da Universidade de Vigo que, baixo a dirección de Manuel Forcadela, achou este manuscrito de Ramón Otero Pedrayo, que ve luz por primeira vez e enriquece a figura de Otero cunha dimensión poética descoñecida ou pouco coñecida para a maioría  de nós.

Como é sabido, a manda testamentaria de Ramón Otero Pedrayo legou no ano 1975 todos os seus manuscritos que puidesen ter valor histórico ou literario á Fundación Penzol. Unha manchea de caixas de documentos que comezaron a ser estudadas no ano 2011 polo Equipo de investigación da Universidade de Vigo, dirixido, como dixen, por Manuel Forcadela e coa colaboración de Ana Belén Crespo e Silvia Penas. No transcurso dese exhaustivo traballo, descubríronse tres versión das Xeórxicas de Virxilio que Otero Pedrayo rotulou con palabras de saibo galego: “Xeórxicas do pan galego. O puro e grave xênio do centeo”.

Son mais de dous mil versos de grande interese científico e literario que rescatan e agrandan a condición de poeta de Otero Pedrayo, ata o de agora moi coñecido na súa condición de narrador, ensaísta, xeógrafo e historiador, e moi pouco na de poeta, xa que o único poemario que Otero Pedrayo publicou en vida, Bocarribeira, poemas para ler e queimar (1958) non suscitaron grande interese entre lectores e estudosos da súa poesía, ao coparala, sobre todo, coa súa prolífica obra en prosa.

Nun amplo limiar, a editora, Silvia Penas considera, porén, que en Otero Pedrayo conflúen as condicións do que Rilke chamou no seu día “poeta de nacenza”, afirmación que confirman as palabras de Carballo Calero falando de Otero: “non coñece a especialización nun xénero literario (…) A poesía deste autor non se diferencia da súa prosa senón polo feito de estar versificada”.

O manuscrito de Otero, agora reeditado en tres versións, está composto por longas series de hendecasílabos brancos, mal medidos e erroneamente  acentuados nalgunhas ocasións, mais sempre ateigados de enxebrismo galego e gran forza imaxinativa.

Ramón Otero Pedrayo

Saliento nesta edición das Xeórxicas  de Virxilio, que confirman as palabras de Alonso Montero de que Otero Pedrayo é un autor “mergullado na cultura clásica”, as tres versión atopadas, certamente herdeiras de Virxilio; a reprodución dunha parte importante do  manuscrito, onde podemos apreciar esa “caligrafía endiañada” de Otero, as ilustracións que adornan esta edición, da autoría, supoño do mesmo autor, a fermosa cuberta (“Os Chaos de Amoeiro”) do pintor Virxilio. E dun xeito moi especial, a ampla e clarificadora introdución de Silvia Pena que interpreta boa parte da versión de Otero Pedrayo e da que este comentario é debedor en boa medida.

Remato cunha merecida loanza ao traballo de cooperación das institucións, no presente caso, a Fundación Penzol. O Consello Social da Universidade de Vigo e o Equipo de investigación da mesma universidade. Do seu patrocinio e asemade do seu traballo de esculca e estudo, esperamos que vexan pronto luz máis manuscritos aínda inéditos do que Silvia pena chama o “espolio oteriano”.

 

A esencia da poesía

Do lado dos ollos

Emilio Araúxo,

Edicións do Cumio, Vigo, 2001, 300 páxinas

( LIBROS DE FONDO)

 

Descubrir, descifrar desde a prosa o celme da poesía. Eis o obxectivo e o fío condutor desta magna publicación, Do lado dos ollos que Emilio Araúxo, un dos máis conspicuos poetólogos dos nosos días, sacau á luz hai xa dez anos en Edicións do Cumio. Setenta e nove poetas de todas a extremas do mundo acompañando a Emilio Araúxo na pescuda do pensamento poético. O estatuto da prosa ofrece as  condicións axeitadas para realizar este somergullo nas augas fondas da poesía, nas augas diso que lle roubaron a Luís Pimentel para presidir congresos, xuntanzas, “happenings” poéticos e revelar en que consiste o grande milagre do mundo. As condicións de existencia e singularidade do pensamento poético neste momento, pouco anos despois de atravesarmos unha fronteira de séculos e milenios.

A publicación subliña o papel esencial que hoxe xoga a poesía, a importancia da poesía neste intre, porque a poesía como declarou no seu día o novelista francés Philippe Sollers, é o antídoto e o remedio para a nosa época. “Hoxe a poesía é fundamental” engadía Ph. Sollers. E se convidamos a Natacha Mochel, decatarémonos de que a poesía é dalgún xeito o laboratorio da literatura. Xa que logo, o libro Do lado dos ollos atinxe, máis alá da poesía, ao eido literario en xeral. Consinte que nos acheguemos á herdanza viva do século XX e ás  rupturas en curso.

A súa elaboración e datación, entre xuño de 1998 e o outono do 2000, permiten usalo como periscopio desde as profundidades peláxicas do noso tempo, do pasado e  do futuro.

Algúns psicanalistas afirman que existe unha ética común á poesía e á psicanálise. Manteñen que son dúas maneiras de ollar o ser humano co mesmo obxectivo: arrincarse a impostura. Cómpre entón ficar preto da poesía, como preto da psicanálise e iso tamén o fai este libro.

Que  din, xa que logo, os poetas? Que enuncia hoxe o punto de vista poético? Velaquí o pulo, o ton e fío condutor deste proxecto. Achegarse a poesía neste intre para tratar de valorar o que aconteceu no século XX co réxime do poema, as súas mutacións, as súas crises, a súa perseveranza. Porque a poesía resiste, a poesía ten man. A orientación do preguntar provén en grande medida de Alain Badiou, da “inéstética” de Badiou: unha estética que non soamente considera a arte como autónoma e independente, senón que mesmo a propón como unha das condicións de filosofía. E abofé que Do lado dos ollos pon a proba algunha das teses de Badiou neste eido: se a poesía é pensamento, se o poema é unha operación de verdade e non só un sinxelo encantamento retórico,  a cuestión do suxeito do poema, a da desoxectivación , saber se o poema é acontecemento.Para atopar a respotsa só cómpre abordar a poesía a partir da acción restrinxida (unha acción restrinxida e fóra de calquera pretensión de totalidade, unha acción local, pero asemade dirixida a todos). Se o poema é anticipación e millentas preguntas que o lector atopará na Presentación desta publicación e no discorrer das súas páxinas.

Por outra banda, tamén achega  Emilio Araúxo nas páxinas deste volume, outros dos temas de grande relevancia. O tema da herdanza, en primeiro lugar, pois como dicía Julien Blain, nómade e inventor da poesía elemental, un dos logros do libro é o de xuntar nas súas páxinas a tres xeracións de poetas. E logo, a achega ao imposible retrato do poeta no noso tempo, ás figuras posibles que hoxe en día se están a afirmar. Abórdase asemade o tema da resistencia da poesía fronte ao sistema da maquinaria editorial, fronte ás forzas institucionais e medíaticas. Cunha atención especialísima ás novas tendencias poéticas: certas partes do libro están atravesadas pola tensión entre o “literalismo” (a poesía branca e espida de imaxes: Claude Royet-Journoud, Michel Palmer, Keith Waldrop, Jean Daive) e o “neo-lirismo”.

Mais Do lado dos ollos máis que un libro de áreas culturais, é un libro de poetas singulares. Arlindo Barbeito, guerrilleiro na loita de liberación de Angola e discípulo de Adorno nos anos 60, antes de ser poeta. Bernard Hedsieck, un dos creadores da poesía sonora e tamén do “cut-up” con William Burroughs. Rea Nikova, a principal herdeira das vangardas rusas. Uxío Novoneyra (que falou para este libro en xuño de 1998 e maio de 1999) e  James Sacré, os dous grandes poetas do mundo labrego. E máis alá Yves Bonnefoy,A. Gamoneda. Michel Deguy, Henry Bauchau, Hubert Lucot, Ah Jian, o poeta vagabundo, Pearse Hutchinson, o poeta pobre.

Emilio Araúxo

Tampouco faltan os poetas visuais: Blaine, Padin, Hugo Pontes. E así ata setenta e nove poetas que converten esta publicación nunha verdadeira antoloxía da poesía mundial, porque na derradeira pregunta que Emilio Araúxo lle fai a cada poeta, inclúe un poema seu  e un comentario. Como mostra o fermoso poema da poeta de Islandia Sigurdur Pálsson: unha casa sen cheminea e sen paredes en Rykjavit que nos invita a compartir o pan e o viño. Entrar na casa da poesía: “Por favor / sentádevos / Non vos asustedes / Tomemos un bocado / partamos o pan, probemos o viño / acendamos o lume no lar // Miremos / non, admiremos os cadros / nas paredes// Por favor / entrade pola porta ou polas ventás / se non polas paredes”,

Porque a poesía -eis  a súa forza- non ten fronteiras, non ten paredes, pero pode ternos de pé. A poesía ten man.

Edición modélica dos Sonetos de Shakespeare

Sonetos de Shakespeare impresos por primeira vez en galego

Tradución e edición de Ramón Gutiérrez Izquierdo

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 779 páxinas.

 

Xa hai abondos anos que veño repetindo, con voz modesta mais reiterada, que ou lles damos aos clásicos a pel e o zume da nosa lingua, ou ficamos marxinados nas beiras, na exterioridade de calquera normalización lingüística e cultural. Cómpre traducir non só os clásicos, senón tamén as obras clásicas en todos os eidos do saber, aínda que non sexan lidas ou o sexan escasamente, porque esas obras son os piares e os mananciais de reserva dunha lingua, o substrato cultural imprescindible para que a cultura galega poida considerase que vai polo camiño correcto cara a súa normalización.

Contribúe, xaora, a encher lagoas, e faino ademais dun xeito encomiable, a recente tradución e edición que dos Sonetos de Shakespeare vén de facer Ramón Gutiérrez Izquierdo. Os Sonetos de Shakespeare, eses 154 sonetos escritos ou atribuídos ao dramaturgo inglés, malia os inquéritos, conxecturas  e comentarios que seguen suscitando, constitúen un cumial dentro da lírica occidental de todos os tempos. Ademais, a súa proxección abrangue a existencia humana en toda a súa riqueza e complexidade. Como acertadamente escribe o editor, “nos Sonetos de Shakespeare podemos contemplar as nosas experiencias vitais e o noso coñecemento do mundo” (páxina 13). E dun xeito especial, as experiencias sentimentais, porque, se hai algo que identifique o seu temario, este é o amor, a análise dos trazos da sensualidade e da amizade. O amor eterno e o amor metafísico, esa loita perdida, xa antes de comezar, contra o tempo e a morte. Shakespeare achéganos a súa imaxinería  insistindo verbo desa condición amorosa, co tempo como fronteira infranqueable.

Retrato de W. Shakespeare, con 46 años (1610)

A estrutura dos Sonetos segue en xeral a do modelo inglés ou “soneto shakespereano”, composto en pentámetros iámbicos cun pareado final.  Pero máis importante que a arquitectura é o seu significado  na historia e no contexto da lírica occidental. Shakespeare sitúa a súa produción no final da tradición sonetística petrarquiana  e como paradigma e comezo dunha nova forma de construír a moderna poesía amorosa. Limitado aínda pola coordenadas renacentistas, Shakespeare é, con todo, capaz de imprimirlle a súa lírica un acento podente que presaxia a lírica dos poetas metafíscos – John Donne sobre todo-, comparable así mesmo con certos sonetos de Quevedo. Unha vitalidade que se botará de menos na posterior lírica barroca. A importancia e influencia dos Sonetos de Shakespeare queda demostrada polas incontables traducións a todas as linguas importantes, mesmo ao latín.

A versión, e sobre todo a edición, que agora nos agasalla Ramón Gutiérrez Izquierdo é exemplar. Unha versión que non só contradí o tópico de que a boa poesía é introducible -éo a mala-, senón que nos permite comprender cabalmente o texto vertido e recolle ademais unha manchea de suxestións do orixinal. Por iso os versos de Shakespeare seguen sendo en galego “unha canción de palabras”. Ramón Gutiérrez Izquierdo non lle furta ao lector galego nin o sentido do texto orixinal, nin a súa música. E ofrécenos ademais un impagable aparato crítico (“Notas e comentarios dos Sonetos de Shakespeare”) que se estende ao longo de mais de trescentas páxinas. Notas e comentarios que contextualizan cadanseu soneto, ofrecen interpretacións e aclaran aspectos terminolóxicos. Todo isto converte esta versión bilingüe, na que degustamos un saboroso galego, nunha edición modélica dunha obra importante do escritor inglés.

………………..

Extracto

“From  fairest creatures we desire increase,

That thereby beauty’s rose might never die,

But as the riper should by time decease,

His tender heir might bear his memory;”

 

“Queremos que procreen as belas criaturas,

e que non morra nunca a rosa da beleza,

senón que cando murche, co tempo xa madura,

nun tenro herdeiro dela reviva e permaneza”

(Soneto, 1, primeira estrofa, páxina, 27)

Virxilio en galego

Bucólicas

Publio Virxilio Marón

Edición e tradución de Xoán Fuentes Castro

Editorial Toxosoutos, Noia, 2010, 86 páxinas.

 

Hai aproximadamente quince anos que escribía, comentando a edición da tradución ao galego da obra Sobre a amizade de Cicerón: “Cómpre, ás avesas, recoñecer os poucos lectores que terán estas obras clásicas vertidas ao galego, mais sen laios e queixumes, porque pola súa propia natureza non son libros que acendan paixóns lectoras. Emporiso, son imprescindibles como esteos e alicerces dunha lingua e dunha cultura que contende por medrar e acadar un grao aceptable -aínda ben lonxe- de madurez” (Revista das letras, 29 de setembro de 1996).

Dun xuízo semellante é merecedora a recente tradución das Bucólicas de Publio Virxilio Marón, impagable traballo realizado por Xoán Fuentes Castro, que en edición bilingüe latín-galego publicou hai uns meses Toxosoutos. Tradución e edición que ven luz nun intre no que os gustos e os intereses do mundo actual camiñan por estradas moi afastadas da obra de Virxilio. “O sorprendente –escribe Xoán Fuentes no esclarecedor Limiar deste libro- é que aínda hoxe alguén pense que Virxilio existiu”. “As trompetas de certos críticos -en especial alemáns- anuncian a ‘morte’de Virxilio como figura paradigmática no panorama europeo”. Para  un dos referentes da crítica, Harold  Bloom, “os libros de todas as épocas” que constitúen o canon occidental,  comeza coa obra de Shakespeare, aínda que na relación das obras de valor da Idade teocrática, recolle tres obras de Virxilio: Eneida, Églogas e Xeórgicas. As Bucólicas non só fican fóra dese listado, senón tamén incluídas na avaliación xenérica que fai da literatura grega e latina: obras sen valor, que non teñen interese estético en si mesmas.

A excelente e loable versión que nos ofrece Xoán Fuentes Castro deses delicados cadros da vida pastoril que lle dan forma á segunda obra, en orde cronolóxica, de Virxilio, contradí radical e enteiramente os sons das trompetas deses críticos que sitúan a Virxilio no corredor da morte e cualifican ás Bucólicas como obra sen interese estético. As dez églogas que compoñen as Bucólicas, liberadas da “mole homérica e tráxica”, significaron, no tempo da súa escritura, unha verdadeira revolución estética, tanto en temas como en motivos, aínda que están inspiradas en modelos helenísticos, nomeadamente nos idilios de Teócrito.

Xoán Fuentes Castro

Para a sensibilidadeactual, eses poemas, alén de calquera arbitrariedade e  convencionalismo na súa localización xeográfica, sitúannos fronte á natureza cun indubidable fondo de sinceridade.

 En canto á tradución de Xoán Fuentes, penso que é de xustiza recoñecer o traballo ímprobo, arriscado e difícil, sobre todo cando o tradutor non fai unha glosa ou tradución libre como a de Frei Luís de León, senón unha versión literal dese fráxil mundo de palabras que, porén, resiste séculos e milenios. O tradutor foi capaz de conservar, nun galego sobre todo xenuíno, as estruturas da versificación virxilianas, así como as ondulacións musicais dos seus versos.

Desde hoxe, xa que logo, as Bucólicas de Publio Virxilio Marón non só se erguen “senlleiras e dignas” na nosa lingua. Forman tamén parte dos mananciais de reserva do idioma. O substrato cultural que pouco a pouco vai medrando, grazas o labor altruísta e afouto de humanistas como Xoán Fuentes Castro.