Las Inviernas

Las InviernasLas Inviernas
Cristina Sánchez-Andrade
Editorial Anagrama, Barcelona 2014, 244 páxinas.
Cristina Sánchez Andrade (Santiago de Compostela, 1968) non escribe en galego, mais na súa novela Las Inviernas, publicada recentemente por Anagrama, bebe na oralidade dos contos contados ao calor do lume da lareira; contos que funden elementos extranaturais, fantásticos ou oníricos, retrato dunha Galicia ultrarrealista na que goberna unha lóxica non real, afastada dos axiomas da lóxica clásica.
A narración de Cristina Sánchez-Andrade sitúa o lector, como marco de fondo, nesta Galicia dos anos 50, na que é a vida e non as persoas a que impón as súas leis. A unha aldea de Terra de Cha (sic), chegan as Inviernas, dúas irmáns, Saladina e Dolores, superado o exilio de Inglaterra onde foran levadas de cativas para fuxiren da represión da Guerra Civil. Na aldea convivirán cun mundo que mestura a maxia co tebroso. Un misterio relacionado con avó, don Reinaldo, médico bolchevique e amigo de poetas, cuxo derradeiro fin deixase entrever ao longo do relato, e outras lembranzas que se espallan ata a contenda bélica, acompañan os seus soños de seren actrices. A nova de que Ava Gardner virá a España a filmar unha película, fará que nas súas vidas se produza unha viraxe radical.

Cristina Sánchez-Andrade

Cristina Sánchez-Andrade

Novela na que a autora afonda no tema da identidade das irmás, embutidas nun coro de personaxes heteroxéneos e extremos nos seus hábitos e quefaceres, que farán gorentar os lectores coa súa personalidade ou extravagancias. Entre eles, Ramonciño, mamón de verdade que con sete anos segue mamando da súa nai; o tío Rosendo, “mestre de ferrado”; o señor Tiernamor que arrinca os dentes dos mortos para pegalos con cemento nas enxivas dos vivos; a viúva de Meis, casada co tío Rosendo, aínda que segue exercendo de viúva… Un verdadeiro retablo de actantes entre o amable, o grotesco e o marabilloso, merecentes de figuraren na mellor escolma de personaxes do realismo máxico.
Un xenuíno Macondo galego, xa logo, descrito pola autora cunha gran vea humorística e satírica e nunha lingua que rende homenaxe a Galicia reproducindo léxico e xiros lingüísticos galegos e bebendo sobre todo da súa ricaz tradición oral, tan inverosímil como marabillosa.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o día 14 de agosto de 2014. Para ver o orixinal facer click aquí)

Advertisements