Aira Editorial, unha nova frábrica de soños

Salutación e beizóns para e por este novo selo editor que nestas datas vén de nacer en Allariz. Una nova editorial independente que chega da man da experiencia lectora de tres lletraferits, César Lorenzo Gil, Miguel Robledo Miguel Mosquera. E que quere ser unha nova fábrica de soños, un punto onde a imaxinación se converta en belezas de papel como din na súa presentación. Un novo proxecto editorial que publicará libros en galego, nun intre no que tantas arremetidas estamos a escoitar contra as linguas nacionais por parte de partidos que coas súas posturas, que lembran ao monolingüísmo franquista, están a gañar votos. Fronte a xenreira que iso produce en todos  os que amamos a lingua de noso, o idioma propio de Galicia, a nova de que acaba de nacer na vila sueva de Allariz, é un reconforto e un estímulo para confiar en que a profecía das mil primaveras para o galego non será unha van utopía.

O proxecto que é Aira Editora aposta por un traballo case de artesáns, máis alternativo ca o das editoras  xeralistas. E como mostra, as súas tres primeiras publicacións das que dou noticia cun comentario soamente informativo tirado das respectivas presentacións editoriais. Con tempo volverei a algunha delas para a súa valoración crítica.

 

Curiosidade

Estíbaliz Espinosa

Ilustracións de Celsius Pictor

Aira Editora, Allariz, 84

 páxinas

 Sinopse:

 “Simbiose poemas prosa poética” é o subtítulo desde libro ben especial da escritora e tradutora Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974). Velaquí a sinopse que nos ofrece Aira Editora: “A poeta observa o mundo. A poeta esculca co ollo apegado ao telescopio do universo. A poeta contempla a través do microscopio a harmonía e o caos das moléculas. A poeta mira e escribe. Estíbaliz Espinosa proponnos en Curiosidade que cambiemos o punto de vista sobre as cousas para encontrar unha nova ollada. A relación entre literatura e ciencia. O pulso da vida e a experiencia destiladas até dar coa palabra, co verso perfecto.”

Curiosidade é a primeira obra da colección Fina Rei, que reúne obras de poesía escritas por mulleres.

A poeta observa o mundo. A poeta esculca co ollo apegado ao telescopio os misterios

A autora:

A Coruña, 1974, ano da mensaxe dende o radiotelescopio de Arecibo. Escritora, tradutora, músico. Publicou varios libros de poemas, moitos como expresión da cultura única que hibrida ciencia e humanidades [-orama, número e, Zoommm.Textos biónicos, Papel a punto del. Obtivo premio como o Esquió ou o Espiral Maior. Escribe e publica relatos e ensaio.É astrónoma afeccionada; interésalle a constelación que une tecnoloxía, ciencia, linguaxe e maternidade.

 

Vidas imaxinarias

Marcel Schwob

Traducción de Samuel Solleiro

Limiar de Xosé Miranda

Ilustracións  de Jacobo Fernández Serrano e vinte e tres ilus e ilustradoras

Aira Editorial, Allariz, 2017, 178 páxinas.

 Sinopse:

Un clásico da literatura francesa. Un libro que creou todo un xénero: o da biografía literaria, máis rica, máis ambiciosa, máis divertida, máis evocadora. Ao longo dos séculos, Marcel Schwob vai procurando a esencia das paixóns da humanidade mediante unha poderosa imaxinación e un xeito de escribir baseado na beleza, na claridade e na destreza no uso dos recursos narrativos. Personaxes reais e inventados que conseguen grazas a esta obra un lugar perenne na eternidade.

«En todas as partes do mundo hai devotos de Marcel Schwob que constitúen pequenas sociedades secretas» (Jorge Luis Borges).

«Schwob é un dos escritores venerados pola clase dos aventureiros pasivos, e os seus devotos parécense aos do satanismo, que en diversas circunstancias recorren ás invocacións máis suxestivas da nigromancia» (Pierre Mac Orlan).

O autor:

Marcel Schwob (1867-1905). É un dos máis importantes escritores en lingua francesa de todos os tempos a pesar de ter escrito poucas obras. Está considerado un dos renovadores da literatura de aventuras. Discípulo de Robert Louis Stevenson, a súa narrativa destaca pola imaxinación, a precisión do seu estilo e a capacidade de evocación. Dise del que é un lector metido a escritor e de aí que conecte tanto cos lectores máis ávidos, aqueles que están a descubrir todas as posibilidades da literatura como xeito de vivir máis vidas que a propia vida. A súa obra cumio é Vidas imaxinarias, agora publicada por Aira. Outros dos seus libros máis recoñecidos son A Cruzada dos nenos e O libro de Monelle.

 

Alter-Nativo

Jorge Campos

Formato acordeón en dobre cara a cor

Aira Editora, Allariz, 2017, sen paxinación.

Sinopse:

Unha illa misteriosa na que ocorren cousas extraordinarias. A que parece imposible darlle a volta a este argumento e construír con el unha historia orixinal? Pois Jorge Campos conségueo con esta banda deseñada diferente desde todos os puntos de vista.

Un cómic sen palabras con moitos niveis de lectura. Universos paralelos, un personaxe que vai decidindo que facer e como naqueles libros de «Escolle a túa propia aventura» nos permite saber que lle pasou tras calquera das súas decisións. Un labirinto narrativo que se estende como as páxinas deste libro en forma de acordeón sobre a mitoloxía popular sobre illas misteriosas. O ilustrador galego é quen de cinxir unha morea de referencias, desde Verne a Stevenson, de Defoe a Homero, de Pinocho e Moby Dick a Lost e O Señor das moscas.

O autor:

Jorge Campos Sánchez, alias o Ilustratecto. Naceu en Ourense no 1982. É licenciado en Arquitectura pola Universidade da Coruña e técnico superior en Ilustración pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

Como ilustrador, o seu traballo céntrase no ámbito do cómic, a ilustración infantil e xuvenil e o deseño. Obtivo o primeiro premio do Certame de Cómic de Cangas en tres edicións consecutivas (2015, 2016 e 2017), así como o primeiro premio no concurso para ilustrar o mural do Museo da Música de Barbadás. Realizou ilustracións para web e traballou no deseño de logotipos, carteis, camisetas e calendarios. Tamén participou en varias exposicións colectivas e revistas e mesmo impartiu algún curso de cómic.

Como arquitecto, traballou para varios estudios, entre eles o de Pernas Varela Arquitectos, formando parte do equipo gañador do Premio Juana de Vega de Arquitectura no ano 2011. Tamén colaborou con outros profesionais na realización de planos e infografías.

Actualmente é socio traballador en 7H Cooperativa Cultural e colabora de forma habitual en actividades culturais colectivas, fanzines e con varios estudios de arquitectura, todo iso compaxinado co desenvolvemento de proxectos propios e encargos persoais.

Alter·Nativo é o seu primeiro libro publicado.

O entroido nas letras galegas

MICRO ENSAIOS LITERARIOS

 

Non se acaba de entender a nimia presenza  dos temas do entroido nas letras galegas, malia a súa orientación ruralista, tradicional e duradeira ata as vésperas da literatura galega actual que, pola contra, amosa quizais un certo predominio das temáticas urbanas. Porén, é incontestable, por un lado, a existencia dunha importante literatura oral verbo do entroido; e, por outro, a relevancia das festas carnavalescas nesta terra poida que sexa superior á que ten noutras partes, nomeadamente en Castela. Así e todo, na literatura clásica española, atópanse vestixios e trazos abondos e temperás das Carnestolendas, principiando pola “Batalla de Don Carnal e Doña Cuaresma do Libro de Buen Amor.

As pegadas do entroido na literatura galega limítanse a alusións curtas e anecdóticas, xeralmente de esguello paisaxístico e con relacións a carnavais foráneos: (Marcial Valladares, Maxina ou a filla espúrea, 1880, Francisca Herrera, Martes de Antroido, 1925); breves descricións do ambiente carnavalesco aldeán (Eugenio Carré Aldao, Nos picoutos de Antoín); alguha peza teatral de ton conxuntural e mitineiro (Camilo Valdeorras, Progreso e andrómena de Antroido, 1978); un relato requintado dun entroido do Val do Ulla coas mascaradas enxebres de xenerais e correos de Neira Vilas (Memorias dun neno galego, 1961); algunha Cousa de Castelao con pinceladas  dun humor tenro e misericorde; o título do primeiro libro de Manuel Rivas, Libro do Entroido que tan só de xeito metafórico ten que ver coas carautas reais. Tamén, se ben moi afastado do entroido galego, a descrición que Víctor Freixanes fai do carnaval borgiano na Roma do século XVI en O enxoval da noiva.

Cumprirá agardar ata finais dos anos noventa e comezos do século actual para atopar o sabor e a sedución do entroido galego nalgunha as obras de Emilio Araúxo, Refírome a un dos relatos (“A noite do felo”) publicado no seu libro de relatos Tempos serodios (1996) e aos textos do poeta frncés Claude Royet-Journoud, un dos más sobranceiros poetas franceses actuais, representante do literalismo, que comenta e comparte o misterio das máscaras do libro de fotografías dobre os felos do val de Maceda do mesmo Emilio Araúxo Frases para un felo (2003). E non me quero esquecer dos versos antropolóxicos como os definiu Uxiu Novoneira, ou neolíticos en palabras do mesmo autor, Emilio Araúxo de Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra: “Os felos” e sobre todo o longo poema “O convento” no que expón a súa teoría, se cadra no só poética, sobre a orixe dos felos e as súas carantoñas: “O Convento de San Adrián, / era a Santa Inquisición, / a primeira noite de casados / durmían os frades coa noiva, / chamábase a pata do felo…” (páxina 190).

O baleiro é semellante no discurso ensaístico e no terreo da investigación etnográfica e antropolóxica. Algún traballo de campo da man de membros da Xeración Nós (Cuevillas, Fraguas, Bouza Brey, Lorenzo e especialmente Risco), sen comparanza en calquera caso coa obra de Caro Baroja El Carnaval, verdadeiro punto de referencia da materia. E as acostumadas e concisas referencias das enciclopedias, como tal a de X. R. Mariño na Gran Enciclopedia Galega baixo do rótulo “Peliqueiro”.De modo e maneira, que cómpre agardar ata os anos noventa para atoparmos obras completas e sistemáticas sobre o entroido galego ou que profundan no seu significado.

Refírome aos libros de Federico Cocho, O Carnaval en Galicia, 1990,  de Xerardo Dasairas, O entroido en terra de Monterrei, 1990 e o capítulo “As máscaras do poder” da obra de Marcial Gondar, Crítica da razón galega (1993).

Aínda que polo seu carácter máis xeral e comprensivo a publicación de Federico Cocho non desbota unha certa análise do carnaval urbano, fino e elegante, de casino e desfile de carrozas – imitación dun carnaval de raigames italianas-, os tres autores focalizan as súas pescudas no estudo da máscara e do ritual do entroido rural, o da sátira, a enchenta e a inversión de papeis, tentando rastrexar as crenzas, significados e formas expresivas submersas e inherentes nas trangalladas e na transgresión dun entroido tradicional, hoxe esmorecido ou residuo fosil no medio dunha universalización colonizadora e depauperate.

Á hora de clarexar as concomitancias e sentidos agochados nas estruturas superficiais das trouladas galegas das festas da burla de febreiro, tanto Federico Cocho como Xerardo Dasairas insírense nas ringleiras máis amplas e nutridas daqueles intérpretes que se decatan pola entroidada como rito de inversión, que, herdeiro ou non das Saturnais romanas, vén ser un período igualador no que a volta á tortilla é total: invértense roles, status, xéneros e sexos, códigos de vida, e mesmo valores estéticos, tal como acontecía nas aloucadas festas dos tolos medievais, das que o entroido é tamén fillo.

 

Felos en Arnuide

Ao teatralizaren papeis alleos, os corredores da xoldra carnavalesca imprimíanlle as súas mascaradas o carácter subversivo do antipoder. Un tempo extraordinario no que a demencia úbrica dese animal dotado de sirazón desde as tebras da súa orixe primática, como Edgar Morin tamén definía o homo sapiens, irrompe masivamente en forma de desorde, barafunda, desmesura, parodia e crítica social. O home mitolóxico, o home louco-cordo acha, na viravolta do entroido, a transgresión e contradición da vida cotiá, a inversión total de valores.

Moi distinta é a lectura que fai Marcial Gondar. O entroido segue a ser a representación do exceso e desenfreo, a inversión da moderación cristiá, a rachadura de todas as sagradas barreiras que acoutan a vida humana: poder, casa, cama, sexo, parroquia, individualidade… Porén, todo sucede soamente en representación: “Facéndonos vivir o que non pode ser, no só porque sería insoportábel para a economía e a vida social, senón para a propia saúde… fórzannos a recoñecer a necesidade da moderación e a mesura, sobre todo naquelas cousas que parecen o ideal da felicidade.”

O poder, xa que logo, enmascara e mistifica no entroido os seus intereses, trocando o que semella o celme da subversión, nunha sutil e precisa escola de submisión. Parodiando algunhas das regras dos creadores das teorías de sistemas e das teorías de autómatas, poderíase concluír que, na absoluta abertura da entroidada, funciona á perfección o principio da orde desde a desorde e a orde desde o ruído.

En calquera caso, a expresión e o resultado dunha desorde sapiencial e orixinaria que no momento actual, coa aceleración de tantos procesos, mutacións e estratexias propias da “era do baleiro” (Lipovetsky), ten os días contados; e o enterro do entroido poida que, de vez, sexa non o último senón o derradeiro, desaloxado por un carnaval depurado dos elementos brutáns das mascaradas “de los paletos de la aldea”, aprendido e imposto vía televisión, no alude imparable do proceso de urbanización da vida.

 

Pantallas do entroido de Xinzo de Limia

Fragmentos

 “Era unha noite escura coma o mel, ai amigo, aquilo deu que falar, metía medo a brincadeira que houbo alí, nunha voda sempre hai troula, pois non ten comparanza, se cho conta a Clara tenche que contar, neno vai chamar por ela, avía, corre piollo, me cago na orde, que brincadeira aquela, Ó Agustín queríano moito, mira, andaba arando alí nunha leira e entón chegou un rapazón, era de Arnuide, e díxolle: Agustín se te queres vestir de felo agora á tarde podes vir busca-lo traxe porque despois lévancho outros, era ese irmán doVilas, aquel Xosé María, non sei que foi máis del, ben, pois faloulle así: oíches, dixo o meu irmán que se te queres vestir de felo que veñas polo traxe, e el acenoulle: berra pouco ho que me está aquí o pai, o pai a menor ansia que tiña era que lle andasen os fillos de felos, ó tío Amadeo non lle gustaba que se vestisen de felos, estivera e Cuba moitos anos traballando na xoiería Johnson da habana e despois daquel clima civilizado víanos así como salvaxes, entón o Agustín marchou zoando polo traxe e acabou de xantar e xa liscou para Arnuide á procura do traxe, veuse vestir a Calvelo, mais foino buscar alá…”

 (Emilio Araúxo, “A noite do felo”, en Tempos serodios, páxinas 147-148

 

…..

 

OS FELOS

 “Vestíanse  de felos,

vestidos de mala morte,

con calquera fandelo vello,

e cun rabo perongado,

e cunha perica dunha ovella,

e corrían detrás dos rapaces

cunha caxata,

corrían deica o inferno,

coas chocas tocando,

puñan unhas chocas na cintura,

e ían trunculuntrún,

culuntrún, culuntrún”

 (Emilio Araúxo, Cinsa do vento. Libro da Ribeira Sacra,, páxina 138)

 …..

 “Miro esa carantoña (Os felos do Val de Maceda) e ese movemento o ombreiro e sinto unha especie de forza teimosa que quere saír do «personaxe», do cadro…Unha soidade que se coñece e se acepta.

Esta carantoña é tan fermosa! O movemento forte – e curiosamente «impedido» á vez”

 …..

 “O mércores día 20 de nadal, vou pensar neste felo, na forza testuda que contén o seu camiñar, coa mirada baixa, cara á fin e o comezo: acabo de saber que se me outorga, ese día, un premio”

 (Claude Royet-Journoud, Frases para un felo, páxinas 24, 36)

Polas Raias secas e molladas

Arraino entre Arraianos

X.L. Méndez Ferrín

Adral de Xosé Benito Reza

Limiar de Aser Álvarez

Edicións Positivas / Revista Araianos, Santiago de Compostela, 2017, 183 páxinas.

 Hai ben de anos que decidín colectar todos os artigos que Xosé Luís Méndez Ferrín publicaba no xornal Faro de Vigo. Aquelas “Segunda feira” que aparecía os luns e “Os camiños da vida” dos venres, porque tamén eu acudía “coma un lobo solitario” á lectura dos artigos de Ferrín, xa que me decataba de que rachaban os “fíos de seda aceda”  capaces de tecer a arañeira que estrangula calquera manifestación discrepante da do poder establecido. Menos os fíos de seda de Méndez Ferrín que nunca, ao menos na súa escrita, tivo medo, se cadra grazas ao seu pensar  dialecticamente metaforizados na espiral, un símbolo que nutre moitos dos seus libros.

Se na súa lírica o “numen de mel e ferro ruibo” como din as palabras derradeiras do poema “Tito Lucrecio Caro” de O fin dun canto, e nos seus relatos e novelas abrolla un mundo propio ateigado de forza e incitacións, á vez que evocan lucidísima imaxinación, atmosferas de mundos idos (como tal, aquela asneira que entrou de vez na Universidade de Santiago), nos seus artigos xornalíticos escritos con pulos e verbas para alén dos indispensables eruditos e vans ensaístas, afoutase co risco do pensamento, coa teima de propoñer enunciados, en pequenas achegas e proporcións, esteados na ilustración crítica ou na revolta intelectual, capaz de guindar os dados como enunciara Mallarmé. Nos artigos de “Segunda feira” ou de “Os camiños da vida”, atopa o lector perseverante anticipacións, revoltas e referencias desviadas ou heterodoxas para o pensamento dominante, saídas da pluma dese vate, guía e testemuño, Méndez Ferrín, que representa hoxe en día á literatura galega..

Non é a primeira vez que o labor xornalístico de Méndez Ferrín aparece recompilado nun libro. No ano 1998, en edición de Antón Capelán, Edicións Xerais publicaba as Prosas completas de Dosinda Areses, un dos heterónimos que empregou Ferrín naqueles anos da Reforma política. As colaboracións que viron luz nos xornais El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes e na revista A Nosa Terra. As prosas da “inesquecible e vella patriota” Dorinda Areses / X. L. Méndez Ferrín constituíron un dos fitos do xornalismo galego nos anos da Reforma política.

Arestora, en idea orixinal de Aser Álvarez (Revista Arraianos) e con escolla de Francisco Macías, aparecen en Edicións Positivas sesenta e oito textos que son unha parte minúscula, mais significativa das achegas de Ferrín ao Faro de Vigo. O libro cun significativo título Arraiano entre Arraianos, danos noticia do celme destes textos que o propio escritor describía deste xeito: “… nos artigos había un discurso literario meu que ía configurando un territorio de ficción e, ao mesmo tempo da realidade que vén sendo o espazo da Raía seca pero tamén da Raía mollada”

Artigos publicados ao longo dos últimos vinte e cinco anos, moitos deles reivindicativos, outros informativos, que tamén é outra forma de esixir, de reclamar cando o enxeño e unha colosal memoria nos fan palpar o sentir arraiano que, como escribe Xosé Benito Reza -outro que sabe de todos os recunchos, recantos, penedos e regatos de Galicia- autor do Adral deste libro, é un sentimento que nada ten que ver coa idea de fronteira.

 

X. L. Méndez Ferrín

Na xanela do faro de Vigo, Méndez Ferrín foi confirmando un relato das fronteiras de Galicia, das súas Raías, as interiores e as exteriores, os confíns dos verdes castros, os nomes e topónimos, as Galicias extraterritoriais, as serras que se ergue nas nosas Raias, os ríos e os bacelos do país, os osos soñados, e moitas outras crónicas e historias, sen esquecer as dos Montes de Laboreiro que nos aproximan a este pequeno pero único universo que é Galicia.

Un amplo Limiar de Aser Álvares no que dá conta de cómo se foi creando este libro e algunhas ilustracións -espectacular a de Emilio Araúxo na páxina 138- fan que este libro non sexa soamente unha posposta para libertarios e contrabandistas da palabra, senón tamén para traficantes -arraianos ou non-  de fermosuras.

Os desafíos dunha vida

As cousas que non queremos oír

María Reimóndez

Edicións Xerais, Vigo, 2017, 489 páxinas

  María Reimóndez é unha escritora prolífica que frecuenta con igual grao de competencia todos os xéneros. Mais son salientables, sobre todo, as súas contribucións á narrativa para adultos especialmente co seu  Ciclo dos elementos, un proxecto creativo moi cobizoso e extenso formado por sete novelas. En vías de extinción e A música dos seres vivos que integran o elemento terra; Dende o conflito e As cousas que non queremos oír que forman parte do elemento lume: Outras tres novelas, aínda sen publicar, faríano nos elementos auga e aire. Un ciclo que se estea na idea básica da vida: se os seres vivos necesitan de todos estes catro elementos, as sete novelas de María Reimóndez precisan unhas das outras. Un proxecto con varias caras que crean un universo narrativo no que cada novela se pode ler de forma independente ou en relación coas outras xa que partillan fías narrativas comúns.

   As cousas que non queremos oír é unha novela de alento longo e tamén de extenso percorrido que parte de incertezas e de anacos dolorosos da historia da autora. Con moitos actantes, mais un só protagonista: Aurora, unha moza de pais galegos, retornada a unha aldea preto de Vilalba, que volve a Barcelona para estudar xornalismo. Se algo sabe facer Aurora é correr. Correr en Vilalba, en Barcelona, en París, Turín ou Nova York. Corre ata para que as horas e as dores -tamén as sentimentais- pasen máis axiña. E como outras protagonistas das novelas da autora, Aurorora é unha nena e máis tarde unha muller que rompe coa submisión e co lenzo do heteropatriarcado. Se na novela hai un tema de fondo, este é a procura da propia identidade da protagonista, desfacer as marañas do seu interior, afrontando desafíos: os desafíos dunha vida e os da relacións cos outros, nomeadamente coas amigas: Saínza (amiga e ex amiga), Gaia, MK, Clara, Rosa… Os da loita contra o ambiente represivo no que medrara, contra a sumatoria de expectativas dos seus pais que non cumpre, contra a chantaxe emotiva da familia, o mundo das aparencias; contra o feito de ter unha parella protectora que a considera propiedade súa e coa que mantén unha relación convencional, repetitiva e absurda. Desafíos contra a negatividade e os prexuízos de ser muller, contra a angustia da conta corrente que mingua. E sobre todo, o reto de se enfrontar contra un cancro bilateral de peito con mutación, e a baixada aos infernos dos ciclos da quimioterapia; contra o seu propio corpo que a protagonista sempre concibiu como un lugar para o desafío. E ao final, a afouteza de apandar co gran segredo familiar co que se lle desfai o seu mundo coñecido e vese na obriga de vivir nunha seguridade ateigada de fisuras.

 

María Reimóndez

Son moitos os acertos desta novela: velaí o tratamento da amizade, esoutro das vivencias entre mulleres amigas; eis a claridade respectuosa coa que a autora expón a experiencia de estar enferma de cancro. Posiblemente é esta a peza narrativa da literatura galega que máis afonda no tema do cancro e da quimioterapia, baseándose nunha documentación rigorosa. A acuidade para nos achegar os acontecementos desde distintas perspectivas. Unha arquitectura compositiva apropiada e sen fisuras, se ben, ao meu ver, hai excesos e reiteracións nalgunhas secuencias secundarias. Son de agradecer as novelas coa medida xusta: breves e de significación moi intensa. A habilidade no emprego de varios rexistros: correspondencia epistolar, retallos de crónicas xornalísticas deportivas que son oportunas e non empecen o vigor narrativo da que, penso é a mellor novela da escritora.

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 1 de febrero de 2018)

Chimpar o anano (En lembranza de Isidro Novo)

As redes sociais e as edicións dixitais dalgúns medios de comunicación informaban no día de onte do pasamento do escritor Isidro Novo (Lugo, 1951). Narrador, poeta, ensaísta e tradutor, deu ao prelo algún dos máis engaiolantes relatos da narrativa galega. Autor daquel lúdico exercicio con todos os ingredientes do Far West, Por unha presa de machacantes, asinado por un tal Isy New. O primeiro intento dunha novela do Oeste en lingua galega.

En lembranza do escritor lugués, reproduzo a recensión do seu primeiro libro, Carne de can que publiquei o día 2 de outubro de 1997 no suplemento Revista las Letras do xornal O Correo Galego.

 

Carne de can

Isidro Novo

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 1997, 236 páxinas.

 

 Diante dun libro como Carne de can, o primeiro que cómpre preguntarse é cal é o segredo desa prodixiosa capacidade humana para a fabulación, para a ficcionalidade, que xamais se esgota, que en cada intre nos sorprende con novos froitos, con impensadas criaturas imaxinadas. ¿Por que estraños esqueiros se gabea ata os fornos dese lume que incendia as nosas noites de fantasía, e que é sempre novo, sempre mantido por lapas inéditas e inverosímiles? Por veces semella que xa está todo inventado, que xa non pode a creatividade brindar novos abrentes capaces de abraiarnos, pasmarnos ou cativarnos con luzadas primordiais.

Este libro de Isidro Novo, tan novo que aínda cheira a quente, testemuña xustamente o contrario: que os mananciais do gran río da fabulación non están esgotados. O autor, en efecto, case que novel nos labores e cenáculos literarios, logo de escribir unha chispeante  e paródica novela dun esperpéntico Far West, fascínanos agora coa colección de historias deste seu Carne de can ata lindes poucas veces apreciados na literatura galega dos últimos anos. Historias que seguramente son mosaicos, absorcións e transformacións doutras historiais -calquera texto éo se lle facemos caso a Xulia Kristeva- pero sen que se note e, aínda que así for e os textos de Isidro Novo estean en relación ou intercambio discursivo con outros textos (por exemplo con mostras do surrealismo, pero no só), a min seméllanme que o nó e o corazón das historias que encerran son orixinais e tan ateigadas de substancia fabuladora que a súa lectura convértese nunha verdadeira situación pracenteira.

O autor é capaz de crear mundos inesperados e abraiantes, e ennovelar  a trama dos acontecementos segundo o ditado da primeira regra do narrador: contar unha historia cativando a atención do lector. Velaquí unha mostra tirada do relato “O adiante zancado”: un mundo no que os ananos son vendidos e mercados para seren chimpados en competición do deporte “Lanzar o anano” ( que é un xogo olímpico; no canto do disco, lánzanse ananos). Ernie, un tenro anano lírico, é mercado por un túzaro que se ceba nel a malleiras. Pero Ernie é dono de algo, dos desexos da muller do seu amo. Esa será a súa grande e maxestosa vitoria: deixar palmar o seu amo que morre ao sufrir un infarto dándolle unha malleira, facelo sabedor de que todas as mañás se espertaba coa súa muller, casar con ela, metela a puta ata converterse no maior negociante de sexo do país.

Historias arrepiantes todas elas, mais, ao mesmo tempo, cun contrapeso de fondísima tenrura que xorde mesmo das situacións máis  sórdidas e miserentas, como tal a narración dos amores e morte de Zumezuga, unha puta vella que lle fai felacións aos estudantes pro corenta pesos, e de balde cando se emocionaba cos máis noviños. Quirindaina do Rabenado, malograda promesa de boxeos que vive axexando accidentes desde as fiestras, xunto coas súas dúas pernas metidas en formol (tronzárallas o tren na estación de Vigo), e tres moscas fieis ata o extremo do acompañaren no suicidio.

 

Isidro Novo

Noutros relatos mestúranse situacións esperpénticas e kafkianas, froito dos soños utópicos máis negativos, cos resortes sempre tensos e elásticos dos sentimentos humanos ata embocar co texto que pecha o libro, “O areal dos ollomaos”, no alucinante reino do amor, ese gran mar impenetrable e indomable, mesmamente para toda a electricidade do mundo enteiro empregada en sesións de electrochoque.

Velaquí pois un sintético xuízo, moi relativo como sempre, sobre un libro que traba a atención do mesmo xeito que o fai coa carne o can da ilustración da capa (fragmento de “O tolo do Tarot dos Bohemios”) e que se xunta dunha maneira moi digna á ampla nómina de contadores, engaiolantes meigos, inventores de mentiras que abrollan sen parar nos campíos da literatura galega dos últimos tempos.

Cervatos

Cervatos

Lucia Novas

Kalandraka Editora, Pontevedra, 2017, 94 páxinas.

 

A miña salutación para Cervatos, un libro senlleiro de Lucía Novas, unha poeta aínda nova, que desde o ano 2010 non publicaba un poemario independente, malia ese gusto ou obriga de encadear palabras  na súa mente, pois que iso é a poesía para a autora: “a necesidade máis íntima, a substancia da vida…círculos purificadores, pomadas reconfortantes”, como escribe na súa autopoética. Con este poemario que nestas datas publica Kalandraka Editora na prestixiosa colección Tambo, a poeta instálase nunha nova banceira , arriscada sen dúbida, mais sen carruncho. A de pór en palabras a “beleza do efémero, dos obxectos superfluos  e das atmosferas kitsch”. Poesía pois do fuxidío, da variabilidade, da indeterminación, dos retallos que están na esencia do vivir, como esa cadeíña fina, o fento silvestre, on encaixes “sobre a pel /extraviados”. Mais tamén do amor e do desexo, que xorden como abrollos e que devoran mesmo desde a nostalxia ou que nacen “na liña moura do teu ventre”.

Pero, sobre todo, poesía en. Poesía esteada no vigor das palabras da lingua de noso, na súa eufonía, no efecto da súa sonoridade e harmonía que actúan na función rítmica do poema. Cada palabra pode ser un poema. Abonda con ler o primeiro: os gatos monteses, os arandos, os lobos, as tobeiras, as crisálidas, as orquídeas…as saias con amidón, as cabanas, os teixos, o cuarto da costura,o xenxibre, as campánulas…

 

 

Lucia Novas

Poesía híbrida erguida coa técnica da colaxe. Unha escrita lírica que, ao xeito de certas artes plásticas, combinas materiais moi diversos, procurando un experimentalismo que acentúa a complexidade orgánica e a tensión polisémica do texto. Un procedemento que empuxa o poema por esa vía da trangresión posmoderna dos xéneros literarios. Lírica, xa que logo, esteada na superación do concepto tradicional de poesía. A poeta non é cativa nin da métrica nin da rima, xeradoras por veces de mares de versos aprisionados. Versos anisosilábicos, versificación libre e aberta, mais non por iso carecente de forma. A  voz lírica de Lucia Novas asume con éxito a retesía de crear novas ancoraxes para os seus poemas, esculpindo, estirando, engrosando as posibilidades da lingua, a verdadeira patria do/da poeta.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela, o día 30 de xaneiro de 2018. Para ver o orixinal, facer clic aquí)