Álvaro Cunqueiro (1911 – 1981)
Entrevistas e reportaxes: Manuel Pérez Bello
Coordinación: Luís Alnso Girgado e Lorena Domínguez Mallo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2013.
Unha venturosa coincidencia fai que poidamos gorentar ao mesmo tempo dous verdadeiros meirós cos que nos agasalla Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro, que recuperan texto e voz dese Señor das maxias e das palabras que foi Álvaro Cunqueiro como articulista en lingua galega, no primeiro caso, artigos recollidos no libro O mundo que teño de meu ao que lle prestarei a merecida atención outro día. E a entrevista e reportaxes que con e sobre Cunqueiro emitiu o Centro rexional da TVE en dúas ocasións: no ano198’, poucos meses antes do pasamento do escritor co gallo do doutorado “honoris causa” pola Universidade de Santiago, a concesión do Premio da Crítica e a entrega do Pedrón de Ouro a carón da casa de Rosalía. Dez anos máis tarde, a mesma entrevista, ampliada con varias reportaxes, foi de novo emitida na Semana das Letras Galegas dedicada ese ano a lembrar a figura de Cunqueiro.
Hoxe en día, este material constitúe un verdadeiro galano, un piar dentro da cultura galega que interesa a todos aqueles aos que lles importa a lingua de noso. Un fermoso agasallo comezando polas ilustracións, tanto da cuberta dos dous CD, da man de Isaac Díaz Pardo, como a do fascículo no que se reproduce unha parte substancial da entrevista do ano 1980, da autoría de Siro López.
Como escribe Manuel Pérez Bello, no medio da avalancha de recoñecementos, xurdiu unha longa conversa con Álvaro Cunqueiro, que quixo ser un seguimento da traxectoria vital do escritor, estruturada en catro capítulos: Cunqueiro como poeta, narrador, dramaturgo, xornalista e escritor plural. En cadanseu destes capítulos, a entrevista emitida de novo no ano 1991, incorpora outras reportaxes. Así X. L. Méndez Ferrín fai unha atinada valoración de Cunqueiro como poeta. Tamén como inventor de traducións de poetas estranxeiros que escribiron en idiomas que o mindoniense descoñecía. Recreacións libres, xa que logo, como tamén mantén Darío Xoán Cabana que analiza a vertente de Cunqueiro como narrador. Manuel Lourenzo fai o mesmo co Cunqueiro dramaturgo, na mellor tradición teatral galega, ao lado de Otero Pedrayo. Finalmente para estudar a faceta de Cunqueiro como xornalista e escritor plural, a reportaxe sérvese das opinións de Francisco Armesto e Anxo Tarrío. Dous poemas do escritor recitados por Salvador García Bodaño e Claudio Rodríguez Fer poñen cabo a esta ampla reportaxe hoxe rescatada para todos nós.
Na entrevista a Cunqueiro abrolla a meirande parte dos temas e teimas do escritor nas diversos xéneros que frecuentou, mais coido que teñen un especial significado, sobre todo tendo en conta o ano e as circunstancias nas que Cunqueiro se expresou, a emotiva homenaxe que lle tributa á lingua de noso, a manifestación de que Merlín e familia é o seu libro preferido, a afirmación de que o castelán lle sabe tamén a pan fresco na boca, aínda que sempre foi unha cousa secundaria na súa escrita. E na mesma liña, a declaración inequívoca de que non cre no bilingüismo, que a súa lingua de fondo é o galego, idioma no que pensa e ao que se mantivo sempre fiel, a fala da súa pequena patria galega.
Sinalo algo negativo neste produto editorial que mestura o papel co audiovisual. Ao meu ver, o fascículo que acompaña os CD, queda demasiado curto cando recolle soamente unha parte da entrevista de Álvaro Cunqueiro. Coido que é unha mágoa que non poidamos gorentar, na palabra escrita, todas as que saíron da boca do escritor, así como as atinadas análises que realizaron os xa amentados escritores e intelectuais galegos que interveñen nas distintas reportaxes. Con todo, beizón a Luís Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, coordinadores da edición e a todas e todos os que interviñeron para que esta impagable entrevista e reportaxes non se perdan no aire.