Ateigada de trama. Unha valiosa recuperación

 

O sangue dos camiños

Ramón Caride

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 218 páxinas.

    Con pequenas modificacións con respecto a primeira edición de 2003, Xerais edita arestora O sangue dos camiños, na miña estima a mellor novela longa de Ramón Caride. Un reencontro co macrotexto de historias doentes e profundas que o autor vén escribindo desde sempre.

   A novela achéganos unha trama novelesca rica e complexa, unha historia a moitas bandas cunha confluencia final de camiños tinguidos de sangue, e que se alicerza en varias ideas-eixo. Entre elas, o saibo fatalista que engulirá con tentáculos  abafantes os protagonistas das historias que na narración corren paralelas. Desde a primeira páxina, todo na novela é un encadeamento de circunstancias azarosas, de fatalidades. Produtos do pasado ou testemuñas do destino, como Natalie, o personaxe que empeza a viaxar á deriva para facer algo que engane a súa soidade suicida. E xunto a isto, unha idea moi recorrente na narrativa do autor: a continxencia e precariedade dos paraísos. Ningún deles e eterno, todos son inestables e incertos.

Ramón Caride

   A arquitectura formal da novela é un verdadeiro reto para o lector. O autor escribe esta peza na lingua de sempre: un realismo iluminado con relampos de fantasía e de presenza do estraño. A gran novidade reside na estrutura interior da novela, congruente coas técnicas narrativas máis actuais: dislocacións temporais, distintas fías diexéticas, suturadas, porén, no mesmo discurso ficcional. Un verdadeiro cóctel de voces. Varios niveis semánticos, unha certa propensión á fragmentariedade e ao experimentalismo que permiten a participación activa do lector que  pode inventar a súa propia lectura. Estrutura aparentemente caótica, mais que non impide unha boa congruidade na vertebración interna do relato. Recuperación pois dunha valiosa novela.

(Texto publicado o día 22 de maio de 2014, no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

“Como cinza de rosas”. Do legado dun poeta

 

 Poesía galega completa

Xosé María Díaz Castro

Edición de Armando Requeixo

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 473 páxinas

 

    Malia ser considerado habitualmente pola crítica unha das figuras referenciais da poesía galega da segunda metade do século XX, autor dun libro, Nimbos que representa, segundo Méndez Ferrín, “un dos cumes da poesía galega posterior á guerra civil”, o poeta nado en Guitiriz, e sobre todo a súa obra poética, ficaba na invisibilidade case que absoluta. Salientábase na súa poesía a capacidade para achegarse á problemática existencial do ser humano, o afán de ir ao fondo das cousas, de sondar nas propias dúbidas, o equilibrio entre os opostos, o valor simbólico da paisaxe e a mestría técnica dos seus versos. Mais, como digo, todo referido ao único libro que o poeta publicou en vida. O resto da súa obra, tanto anterior como posterior a Nimbos estaba considerada quer como perdida, quer como fragmentaria. Un tallante reducionismo ao redor de Nimbos, que causou que a meirande parte da obra diazcastriana  permanecese inédita ata o 14  de abril do presente ano, data na que se rematou de imprentar a Poesía galega completa de Díaz Castro en Editorial Galaxia. O pulo, xaora, da dedicación ao autor do Día das Letras Galegas está provocando os mesmos efectos de sempre: durante estes meses ve luz un presado de monografías e, o que é más importante, a edición da súa poesía en galego completa, que non esgota porén,  a produción creativa da súa figura.

Xosé María Díaz Castro

   Mais o gran valor e interese deste volume son os de ter sacado á luz a poesía inédita de Díaz Castro, tres cuartas partes da poesía en galego do autor. A meirande parte da mesma concéntrase en dous poemarios de preguerra: Follas verdes (1934) e Follas ô aire (1935). Engade o editor, como apéndice, unha escolma epistolar: as cartas intercambiadas con Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Carballo Calero, e Luís González Tosar, indispensables para coñecer a xestación das edicións de Nimbos.

   O editor, tendo en conta a  arañeira ecdótica da obra de Díaz Castro, realizou unha fixación textual, empregando diversos criterios para determinar en cada caso a versión máis respectuosa coa vontade do autor. Xa que logo, unha edición que sen ser crítica tampouco é divulgativa e que o lectorado galego recibirá con alegría, xa que nos fornece do material necesario para entender a obra que, “como cinza de rosas”, deixou escrita Díaz Castro.

(Texto publicado no suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo, páxina XVI o día 17 de maio de 2014)

 

Biodramaturxia Vidal Bolaño

 

Fóra de Portas

Roi Vidal Ponte

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 161 páxinas.

    Sendo conscientes do pulo promocional que supón para o persoeiro ao que cada ano lle dedica a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas, cómpre aledarse de que, pasado xa un ano do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, e estando a piques de rematar as celebracións correspondentes ao ano que andamos, Edicións Positivas siga apostando pola figura e mais a obra de Roberto Vidal Bolaño. A  edición das súas obras completas -semella moi próxima a chegada ás mans lectoras do volume IV- e a deste libro que se achega dun xeito pouco convencional á vida e á obra do mellor dramaturgo da historia da literatura galega, demostra, ao menos neste caso, que, rematado o Día das Letras, a cultura galega non considera liquidada a débeda co persoeiro de turno e nos nosos selos editoriais non desapareceu o impulso nin a motivación para seguir publicando obras que fagan referencia ao mesmo.

   Por iso a miña entusiasta estimanza desta obra Fóra de Portas que asina Roi Vidal Ponte. Considero que non é un dato menor e por ese motivo o poño en valor, o feito de que o autor do libro sexa fillo de Roberto Vidal Bolaño e da actriz Laura Ponte. Ninguén coma el pola súa formación no mundo da escena e polas súas achegas ao eido teatral (crítico teatral, director de escena, autor de teatro e poesía) para acompañar o lector no percorrido da vida e na análise do teatro de Vidal Bolaño.

   Roi Vidal Ponte ofrécenos, en efecto, un oportuno exame da traxectoria existencial do gran dramaturgo galego, contextualizado no espazo temporal da súa vida: a infancia enchoupada de franquismo; os anos da Transición e da Autonomía. Unha infancia relatada de

Roi Vidal Ponte

xeito entretido, case que coloquial, e vivida nese barrio -pueblo segundo os autóctonos- onde a xente alegra o ánimo pola vista da Catedral. Alí, en Vista Alegre, comeza a súa andaina vital Roberto, o fillo do doutor Vidal; os seus estudos nocturnos; a súa afección á literatura e ao cine. Máis tarde a incorporación ao Equipo Lupa, que encarreiraría ao mozo cara ao teatro e ao cine.

   E a seguir, os distintos socalcos na traxectoria existencial e teatral do dramaturgo que o autor sintetiza de forma acaída e viva desde distintas olladas, dándolle voz a coñecidos e suxestivos narradores que forman parte do percorrido vital e profesional do dramaturgo: o nariz de pallaso, a Lúa, o chapeu que mesmo o identificaba, a furgoneta, a catedral ou o vellouco do Monte Pedroso.

   Unha excelente achega biodramatúrxica, pois logo, que lle descubre ao lector a verdadeira realidade de Roberto Vidal Bolaño. Escrita como é de razón, é dicir, engarzada no tempo e nas circunstancias históricas, sociais, políticas que a Vidal Bolaño lle tocaron vivir. Páxinas, de por parte, alimentadas desde un coñecemento directo, vivencial e desde unha perspectiva moi poliédrica. Remato  amosando o meu convencemento de que seguramente as páxinas deste libro son o mellor retrato da figura de Roberto Vidal Bolaño e así mesmo, unha análise brillante do seu multiforme facer como criatura de teatro nunha dimensión total.

Cartafol de traducións Díaz Castro

 

Cartafol de traducións e outros poemas

Xosé María Díaz Castro

Volume primeiro: Estudo introdutorio, transcricións de textos e notas, 145 páxinas.

Volume segundo: Textos, sen paxinar

Edición: Armando Requeixo

Limiar: Ramón Villares

Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2014.

   

   Hai unhas datas, e grazas a unha man amiga, tiven a fortuna, inesperada mais agradecida, de verme incluído entre as cincocentas persoas que recibiron o Cartafol de traducións e outros poemas de Xosé María Díaz Castro, un fermoso e deleitoso agasallo  que o Consello da Cultura Galega edita como homenaxe ao poeta guitirense. Unha edición, en boa parte facsimilar preparada por Armando Requeixo, que asina asemade un amplo e ilustrativo estudo introdutorio e a transcrición de texto e as “Notas”.

   Xosé María Díaz Castro é unha figura literaria referencial para entender de xeito cabal a poesía galega na segunda metade do pasado século, e mesmo en anos anteriores, pero que polo reducionismo que se fixo de Nimbos,  a súa obra máis coñecida, ficou parcialmente inédita e case que  desaparecida. Mais, como o mesmo Armando Requeixo, gran experto na figura e na obra do poeta de Guitiriz, deixou escrito nunha recente monografía verbo do autor cuxo centenario celebramos neste ano, Díaz Castro é “un continente por descubrir”. Porque Xosé María Díaz Castro non só foi poeta. A súa principal dedicación vital, e mesmo profesional, foi a tradución, “o océano no que se veu  mergullado por máis horas e do que emerxeron máis páxinas por el asinadas -amento de novo palabras do analista e estudoso de Díaz Castro-. No ano 1952 incorporouse no labor de tradutor ao Instituto de Cultura Hispánica, actividade que exerceu ata 1966. Con anterioridade, gañara unhas oposicións, e desde o verán de 1948, exerceu tamén como tradutor, ata o ano 1952, no Ministerio de Gobernación. En actividade paralela, Díaz Castro colaborou con varias revistas (Sonata Gallega e Alba) con poemas en castelán e galego e mesmo con traducións de textos alemáns e ingleses. Nestes organismos e con posterioridade no Centro del Frío do CSIC, manifestouse como intenso tradutor de textos en francés, inglés, alemán, italiano, portugués, holandés, danes e en linguas escandinavas. Paralelamente verteu ao español unha morea de textos para algunhas editoriais.

   Díaz Castro foi un excelente tradutor de textos literarios tanto ao castelán como ao galego. Obras íntegras de recoñecidos escritores, sobre todo ingleses, e tamén outras versións literarias que aparecen arestora recuperadas no Cartafol do Consello da Cultura galega. Chesterton, Rilke, Alphonse de Lamartine, Paul Valery e Victor  Hugo sobre todo. Por outra banda, o escritor guitirense espigou textos da literatura galega (Rosalía, Iglesia Alvariño, Celso Emilio) que traduciu ao francés, así como versións ao español dalgún texto de Fermín Bouza-Brey, e acometu a autotradución ao español da súa propia obra, Nimbos, de xeito especial.

   Verbo de todo isto, dos criterios e reflexións sobre  a práctica tradutora e da habilidade políglota de Díaz Castro, que lle permitiu exercer como poeta noutras linguas (latín, alemán e nomeadamente francés) informa con amplitude e rigor o estudo introdutorio de Armando Requeixo.

  

Xosé María Díaz Castro

O Cartafol de traducións e outros poemas recolle en dous volumes -un deles facsimilar- toda a poesía édita e inédita traducida por Díaz Castro. Un pormenorizado  e rigoroso apartado de “Notas” dá conta asemade das informacións e circunstancias relevantes da historia textual de cada poema.

   Unha homenaxe, pois logo, importante e moi valiosa, xa que ilustra de xeito rigoroso e documentado un dos trazos literarios de Díaz Castro: o seu papel como tradutor. Díaz Castro non só se decatou da importancia de traducir á lingua de noso as obras universais da literatura, senón que tamén comprendeu a importancia  de facer visibles noutras linguas os mellores textos da tradición literaria de noso. Este Cartafol homenaxe, con textos escritos á man ou mecanoscritos, e editados no volume facsimilar (Textos), é unha proba manifesta e contundente. Beizóns pois ao Consello da Cultura galega e a cantas persoas colaboraron neste meiró literario.

Maternosofía

 

Maternosofía

Inma López Silva

Editorial Galaxia, Vigo, 2014, 169 páxinas

  

   Varios títulos tanto en narrativa como en ensaio sobre o feito teatral e outros asentados nas fronteiras xenéricas fan que a voz aínda nova de Inma López Silva sexa arestora unha voz consolidada da literatura de noso, capaz ademais de nos ofrecer propostas literarias frescas, innovadoras e moi suxestivas, que acostuman transitar polas sendas dos discursos antitópicos e desacralizadores.

   Unha mostra requintada é o seu último libro, Maternosofía, unha tentativa de reflectir, desde a propia perspectiva vivencial, os temas e teimas do embarazo e da maternidade.

   A eses asuntos íntimos e persoais achégase a autora dun xeito confesional, reflectindo en forma de diario as vivencias e reflexións da súa primeira preñez e maternidade. Relato da singular experiencia verbo do que significa a preñez dunha primípara  tanto a nivel físico como psíquico, co plus engadido de verse obrigada a contradicir  moitas e estendidas crenzas sobre a mesma e a maternidade, que teñen máis de construcións sociais que de posicións científicas. Ao longo do diario lemos as vivencias e vicisitudes do seu embarazo, esteando a autora a súa escrita nun gorentoso e desenfadado sentido do humor.

   Mais se algo cómpre salientar neste libro son as ideas-eixo que, fundamentadas nomeadamente no sentido común, escintilan á par do relato vivencial. O que a autora chama “ideas parvas” verbo da preñez, alicerzadas en tópicos moi difundidos, como tal, que a muller non está completamente realizada sen ser nai, e que a esta tarefa ten que dedicar día e noite. Ser nai en exclusiva, “full time”.

  

Inma López Silva

Con moito sentido común, non exento de información e desde un feminismo sobre todo práctico, a autora rexeita e refuta a tendencia naturalista de converter as nais en escravas da maternidade, obrigadas a parir con dor, ser nais abnegadas, a obsesión fundamentalista da lactancia natural -para a autora unha opción que a muller pode escoller ou non como dona do seu corpo-, ter instinto maternal, do que a embarazada primípara non atopa nin rastro.

   Endalí que a autora, que pensa que unha muller traballadora europea, cun certo grao de cultura non pode atopar a súa vocacións absoluta nesa maternidade “full time”, se senta unha herexe descrida, defensora, porén, da identidade que lle quere proporcionar a súa filla: non a capacidade de parir que xa ten de seu, senón a de pensar e razoar como ser humano máis alá das condicións físicas.

(Texto publicado o 6 de maio de 1014 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela. Para ver o orixinal, facer clic aquí)

                                     

Madrigalegas e madrigalegos na literatura galega

 

Conciencia política e literatura galega

en Madrid (1950-2000)

Ana Acuña

Edicións Xerais, Vigo, 2014, 357 páxinas.

 

   Na colección “Memoria” de Edicións Xerais publica Ana acuña a súa tese de doutoramento, cuxo título orixinal foi Facer literatura galega en Madrid. A profesora da Universidade de Vigo estuda e debate na mesma o desenvolvemento dos grupos literarios e políticos galegos en Madrid nun espazo temporal que vai desde o ano 1950 ata o 2000. Un tema importante para a cultura de noso, que se viu obrigada a desenvolver unha boa parte das súas actividades, sobre todo no campo literario e en tempos de represión, alén das nosas fronteiras xeográficas. A autora estrutura o seu traballo de investigación en cinco etapas que corresponderían aos cinco tramos cronolóxicos nos que actúan os principais grupos con membros cunha certa cohesión organizativa entre eles.

   Ana Acuña, que forma ela mesma parte do último grupo das/dos madrigaleñas/os por cousa de súa vinculación á Universidade Complutense, escribe pois desde a experiencia do que significou facer política e literatura galega na capital do Estado. Na súa faceta como estudosa  do feito literario galego son salientables os traballos nos que analiza o labor das madrigalegas e madrigalegos na creación e desenvolvemento da revista Madrygal da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense. Na presente monografía, Ana Acuña intenta dar resposta á pregunta verbo do significado do feito de facer literatura galega en Madrid antes e despois da morte de Franco.

   En efecto, desde a súa pertenza e presenza no grupo Bilbao, realiza un pormenorizado estudo daqueles colectivos que mantiveron a galeguidade literaria e política en Madrid: Mocidade Universitaria Castelao (1952-1954), Brais Pinto (1958-1961, Seminario de Cultura Galega do Club de amigos da Unesco (1965-1969), Lóstrego, Irmandade Galega, Irmandade Galega-Lóstrego (1974-1986), Grupo Bilbao e outros colectivos (1996-2000).

   A autora “visa”, como ela di, e analiza estas cinco etapas de “historia vivida” da literatura e da cultura de noso en Madrid. O labor e as ilusións de tantas e tantos madrigalegas e madrigalegos que en circunstancias políticas non doadas foron capaces de erguer e manter un discurso literario galego xunto cunha conciencia político-linguística na segunda metade do pasado século: os seus comezos e propostas, os seus proxectos e estratexias, as estratexias, como tal,  para as xuntanzas grupais clandestinas ou semiclandestinas. Ana Acuña dá conta das estratexias de resistencia e tamén dos desafíos destes colectivos galegos, máis ou menos marxinais. Non lle interesan a autora tanto as vivencias individuais como as colectivas dos grupos que compartiron a opresión e tamén o discurso oculto.

   No seu estudo analiza en primeiro lugar, seguindo a Foucault,  a xeneoloxía do poder, neste caso o franquismo, como envoltura condicionante da historia literaria galega vivida en Madrid. En segundo lugar, as relacións que se establecen entre o centro,  a metrópole galega e a periferia madrigalega.

Ana Acuña

   Historia sociolóxica ou sociopolítica, esteada sobre todo en testemuños vivos  e directos, que intenta radiografar a actividade político-cultural e literaria das madrigalegas e dos madrigalegos  tanto no seu rexistro público como no oculto, aínda que prevalece o primeiro. Os membros destes grupos conformaron xeracións activas que cómpre coñecer para a comprensión do desenvolvemento da lingua e da cultura galega na segunda metade do século XX. A monografía de Ana Acuña, malia algún erro, será imprescindible a partir de agora para o seu coñecemento, e tamén unha incitación para estudos desta natureza noutros marcos xeográficos onde confluíron os galegos. Monografía erudita e ao mesmo tempo de lectura entretida por mor desa focalización biográfica que emprega a autora.