Cronista e artesán na Costa da Morte*

Cita en Fisterra,

Luís Rei Núñez

Edicións Xerais, Vigo, 2011, 207 páxinas

 

Da escaseza de narrativa de viaxes pola Fisterra ou Costa da Morte (do Sol), como prefire nomeala Luís Rei Núñez, naceu o desafío reincidente deste viaxeiro, nativo destas xeografías, no que, a imitación doutros viaxeiros por terras alpuxarerreñas, empordanesas ou patagónicas, pretende repetir experiencias gozosamente epifánicas, segundo o consello de Bernardo Soares, o heterónimo de Pessoa: “Para viaxar basta existir”.

En sete cumpridas xornadas de observacións, admiracións e denuncias, un narrador autodiexético  sae ao aire libre e mergúllanos a nós lectores nas rutas, camiños e corredoiras do “Condado do Solpor”. Luís Rei Núñez une a súa voz a esa tendencia cada vez máis frecuentada na literatura á que, no ronsel de Spires, podemos designar como narrativa á vez autorreferencial e narrativa-reportaxe. En efecto, Cita en Fisterra, sen ser propiamente unha novela, tampouco é unha guía de viaxes. É un texto narrativo misceláneo que comparte trazos das crónicas viaxeiras, vividas, experimentadas e por veces soñadas. Un espello con múltiples reflexos emocionais que lle abre as portas á literatura en estado híbrido nunha afouta mestura de xéneros.

Luis Rei Núñez

Un percorrido en sete xornadas pola xeografía sentimental da Costa da Morte desde a primeira parada en Muros ata a derradeira en Caión, abríndolle as portas á observación mais tamén á fantasía, amalgamando crónica viaxeira con historia, símbolo, fotografía, ficción e información. Diluíndo, xa que logo, lindes de xénero. O narrador asume dúas funcións nesta viaxe. Será cronista fiel ao que os camiños lle van entregando e artesán acollido ás trampas da ficción.

No seu tránsito por “lugares e tribos” abrollan diante do lector non só as paisaxes de gozo e ledicia telúricos, senón tamén as denuncias contra as falcatruadas, contra o feísmo, contra as deleibas e estragos, tanto na escena urbana como rural. E así mesmo os esteos da memoria das nosas xentes en harmoniosa e gorentosa mestura con episodios ficcionados , retratos ou conversas con amigos ou personaxes admirados. O resultado é esta Cita en Fisterra, un libro, sen dúbida menor na bibliografía do escritor, pero exemplo paradigmático da narrativa autorreferencial e escrito cos fulgores dunha escrita moi plástica, que combina os frugais engados dunha prosa viaxeira amalgamada coa memoria literaria.

* Este texto foi publicado o día 12 de xaneiro de 2012, no suplemento Faro da Cultura, páxina VII do xornal Faro de Vigo.

“Viaxeiros por Galicia”, o que pensan de nós

Viaxeiros por Galicia

Xan Arias-Andreu Rodríguez

Tradución:Enrique Sánchez Rodríguez

Editorial Trifolium, Iñás-Oleiros, 2011, 283 páxinas.

“Páxinas vivas que nos amosan unha sociedade moi distinta a que aparece nos libros de historia”. Así define Xan Arias, editor, autor da selección de textos e das introducións, o contido deste libro, Viaxeiros por Galicia, que  Editorial Trifolium vén de editar na súa colección de viaxes, “Lume de Leña”. Unha escolma de relatos que ten a súa orixe nos artigos que Xan Arias publicou semanalmente nun suplemento dun xornal galego entre os anos 1993 e 1996. Agora aparece a versión galega do libro que recollía aqueles artigos, en tradución de  Enrique Sánchez Rodríguez.

Galicia foi desde a Idade Media meta secular de camiñantes e viaxeiros. Os camiños que levaban a Compostela encheron de viaxeiros as corredoiras galegas. A épica do camiño que atraeu desde tempos medievais a heroes e a viláns,a aquel balume de santos, de humildes xacobeos prendidos na fe do carboeiro, pero tamén de camorristas, “clerici vaganti”, toda a gallofería de Europa aos que retrata  Aymeric Picaud nesa primeira guía para camiñantes, o Liber peregrinationis, con cuxas advertencias e consellos enceta Xan Arias un volume polo que transita unha manchea de visitantes, coñecidos uns, simples e humildes viaxeiros outros, que testemuñaron por escrito verbo do que aquí viron, sobre nós, a nosa peculiar forma de ser, a nosa paisaxe e a nosa cultura, tanto a material como a inmaterial.

Viaxeiros heteroxéneos, poetas, comerciantes, guerreiros, eclesiásticos, malandrís, emisarios diplomáticos, investigadores científicos, visitantes románticos buscadores do exótico. De todos eles hai representantes neste libro, consonte cos criterios selectivos do autor. Outros ficaron fóra por mor da mesma arela selectiva.

Todos eles radiografan de maneira poliédrica nos seus relatos, cartas, guías para camiñantes… a nosa idiosincrasia, as curiosidades que observaron nos nosos devanceiros ou mesmo na nosa fauna, como esas “bestas salvaxes moi perigosas” que atopou  Mártir, un bispo armenio na ribeira dereita do Eufrates  que realizou a viaxe a Galicia en 1491.

Xan Arias

Xan Arias aconséllanos dous retratos de Galicia: a ollada profunda da escritora británica Annette Meakin que nos visitou nos primeiros anos do século XX e que, malia o seu interese polo noso país, non esquece que en Galicia os labregos están oprimidos polo mal goberno, pola usura e pola propia ignorancia, e os monumentos medievais encóntranse  nun estado de completo e triste abandono. Outra imaxe significativa de Galicia é a de Manuel Azaña. No verán de 1918, o político e intelectual visitou Galicia, deixando escrito un conciso diario ateigado de fermosas descricións evocadoras, por veces cunha grande economía lingüística (Coruña: “Teimosía no aloumiño do vento”; Vigo: “Cara ao mundo polo océano”), pero tamén de xuízos valorativos moi críticos, mesmo co daquela incipiente uso literario do galego (“Agora que se fala en todos os lugares de renovación, a renovación galega -que só pode ser: anticaciquismo e reforma agraria- quere revestir formas pedantes e estériles e comeza a reivindicar a lingua de seu”, páxina 157).

O antólogo de todos estes textos acompáñaos de prosas introdutorias ou contextualizadoras, claras e transparentes, que teñen sobre todo a virtude de non estorbar a lectura dos documentos orixinais, permitíndonos gorentar o seu frescor,  a súa visión tópica e superficial ou  a súa profundidade reflexiva. Porque de todo hai neste calidoscopio que forman as prosas dos que nos visitaron ao longo dos séculos.

“Brasil no centro”, a literatura do eu de Rodríguez Biaxeras

Brasil no centro

Xavier Rodríguez Baixeras

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 319 páxinas.

 

“Como un hibrido entre dietario e libro de estampas, producido a partir de cinco anos de residencia en San Salvador de Baía”. Así define Xavier Rodríguez Baixeras a súa segunda entrega narrativa, Brasil no centro. Estamos pois diante dunha mostra paradigmática da chamada “literatura do eu”, hoxe tan de moda e que os críticos recoñecen como parte importante do presente e do futuro inmediato da literatura. Refírome a unha ferramenta literaria que non é autobiografía nin diario nin memorias en sentido estrito. Pero é todo iso, é autoficción, narrativa autorreferencial. Hoxe os escritores -apunta  Javier  Marías- exploran ese territorio deliberadamente indefinido que sempre existiu sobre o que é real e imaxinario, mais onde algúns teñen atopado un pequeno filón, ao subliñar esa indefinición, unha ruptura  do pacto verbo do que é a literatura. Pola súa banda, Enrique Vila-Matas cualifica esa literatura como “autobiografía baixo sospeita”.

Xavier Rodríguez Baixeras elude a sospeita e non desdobra a propia autoría. Simplemente traduce vivencias, tal como prescribía un dos creadores da literatura do eu, Marcel Proust. A primeira persoa, a introspección e a tradución son as armas que emprega X. Rodríguez Baixeras para narrarse, para reescribir a súa existencia, desde que no ano 2006 decidiu converter Brasil, e máis en concreto San Salvador de Baía, no centro de residencia primaveral e estival. Un desdobramento vital que o transforma en “outro” durante a metade do ano e cuxo rexistro reflicten as páxinas de Brasil no centro.

O libro recolle en efecto en forma de diario, á vez íntimo e obxectivo, as vivencias do escritor nesa outra súa vida en San Salvador de Baía durante os anos 2006-2009, acompañadas de variadas estampas brasileiras. Unha presenza central daquelas terras ultramarinas, tanto en forma de retratos como de diario, constitúe a cerna deste libro que, como contacto inaugural e con textos moi fragmentarios, pretende ser una pequena aproximación  a San Salvador de Baía, a súa cultura, tanto na vertente material como inmaterial (paisaxes gastronomía, costumes, lendas, escritores, lecturas…)

X. Rodríguez Baixeras (Foto: Xoán Carlos Gil)

Un libro prescindible? Non paga a pena a lectura do mesmo? A literatura do eu é a subxectividade extrema, a reivindicación das experiencias concretas e intransferibles do individuo e, como tal, pode e debe existir. En toda a literatura contemporánea obsérvase un desprazamento cara ao suxeito. Obras como as de Proust, Virginia Woolf, Kafka, Joyce ou Faulkner  son vastos exercicios solipsistas. Existen e son un patrimonio da humanidade. Outras que se ergan seguindo o seu ronsel, deben existir coa condición de que nos transfiran experiencias novidosas e ricas, mediante un acto de individualización da lingua como experiencia formal e construción singular única. No libro de Rodríguez Baixeras alguén pode ler tópicos. Pola miña banda, atopeime cun texto que permitiu que me mergullara nun territorio ignoto, mediante prosas moi variadas e de grande poder evocador.

As andanzas en España de Laurie Lee

Cando partín unha mañá de verán

Laurie Lee

Tradución de Mª Fe González Fernández

Editorial Trifolium

Iñás-Oleiros (A Coruña), 2011, 228 páxinas.

 

Traducido do inglés por Mª Fe González Fernández, Editorial Trifolium sacou do prelo hai unhas semanas Cando partín unha mañá de verán do escritor inglés Laurie Lee ( Glouscesterhire, 1914-1997). O libro forma parte da colección “Fume de Leña” que lle ofrece ao lector galego relatos de viaxes. A literatura de viaxes, en cuxos inicios é posible que figuren as bitácoras dos conquistadores e expedicionarios (As crónicas das viaxes de Marco Polo, as dos conquistadores europeos por terras americanas), caracterízase por presentar a ollada do escritor que acostuma actuar como personaxe principal dunha experiencia de descuberta ou turismo dun ou de varios lugares do planeta. Na literatura de viaxes o lector atopa sobre todo informacións sobre os sentimentos, impresións e experiencias vividas polos viaxeiros. Experiencias reais, pero, por veces froito da imaxinación.

O orixinal inglés da bitácora viaxeira por España de Laurie Lee foi seleccionada no ano 2009 polo xornal inglés Daily Telegraph como o segundo mellor libro de viaxes de todos os tempos. Laurie Lee, poeta e dramaturgo inglés, aos dezanove anos abandonou o fogar familiar e marchou andando ata Londres, onde aceptou un traballo de albanel para gañarse a vida. Pero en 1934, movido polo desexo de aventuras, deixou o seu traballo e viaxou a España, percorrendo a pé o noso país durante doce meses, subsistindo grazas ao que gañaba tocando o violín, como músico ambulante. Cando estourou a Guerra Civil, foi recollido por un barco inglés. Anos máis tarde, Laurie Lee escribiría un relato das súas andanzas por España, ateigado de agudeza, colorido e grandes doses de realismo.

O periplo español do mozo inglés dá comezo en Vigo, onde escoita “os primeiros sons amortecidos de España: o ladrido dun can, os espasmos afogados dun burro, o canto delgado e agudo dun galo” (páxina 51). Tamén o reciben na noite galega ao relente os ataques dos lobos galegos e, sobre todo, un país por recorrer do que nada sabía.

Laurie Lee

Laurie Lee recorre España con fame e sede, fatiga e descanso, por camiños e rúas nos que os curas e as mulleres se persignaban ao velo pasar, nunha ruta que o leva por Zamora, Toro, Valladolid, Segovia, Madrid, Toledo, Andalucía(Cádiz, Sevilla, Málaga, Almuñecar).

O relato de Laurie Lee é un lúcido testemuño dun país, daquela pertencente ao terceiro mundo, moi diferente da súa Inglaterra natal. O lector percibirá decontado o contraste entre a luminosidade e brancura da paisaxe española e as condicións nas que viven os seus habitantes:unha vida agre, que se move entre a pobreza e a desolación. Laurie Lee desembarca en España subido nunha néboa romántica, pero o seu gusto vaise facendo cada vez máis amargo: nenos e mendigos durmindo nas gabias, cegos, eivados, enfermos, xordos, mudos, cidades silentes e cadradas como Valladolid, “dura como as súas sílabas”.

Un fresco, xa que logo, moi realista dun país ao que chega acollido pola ferocidade do sol e do que lisca entre a cruel luminaria do terror dunha guerra.

Federica e nós*

Impresións dunha viaxe por Galicia

Federica Montseny

Editorial Trifolium, Iñás – Oleiros 2011, 79 páxinas.

Na colección de viaxes na que Galicia aparece como destino, publica nestas datas a Editorial Trifolim un texto especialmente interesante pola senlleira personalidade da súa autora, Federica Montseny, e pola visión de Galicia que nos achega. A ideóloga libertaria visitou a nosa terra en decembro de 1935, nunha xira organizada polo Comité Rexional da CNT. O relato do seu periplo propagandístico, condensado e á vez moi vivo, é unha amálgama de crónica de viaxes, de homenaxe, reiterado quizais en demasía, á paisaxe galega, louvanzas do movemento libertario galego, anécdotas e curiosidades e mesmo consideracións, tópicas por veces, sobre o carácter e idiosincrasia galega. E tamén un canto a muller galega, “a gallarda muller galega”, “sas e fortes como carballos”.

Comeza o relato cunha crítica á rapacidade da compañía do ferrocarril e remata coa loanza á camaradería do movemento libertario, dividido naqueles días por tirapuxas internas. Entremedias, un abano de consideracións que chaman a atención. F. Montseny, ignorando as denuncias de Rosalía, presenta unha España que ama a Galicia, ata sen a coñecer. A análise que fai da nosa idiosincrasia, debulla tópicos. Ve a muller galega como copia da campesiña rusa retratada por Tolstoi, se ben pronto se decata de que fica afastada da vida pública, mais allea aos escrúpulos pecaminosos verbo da sexualidade. E non deixa de sorprender  a súa descrición  do carácter galego: unha atractiva mestura de enxeño, bonhomía e puerilidade. O que demostra que tamén F. Montseny era permeable aos lugares comúns e trivializacións estereotipadas.

* Este texto, con lixeiras modificacións, foi publicado o día 14 de abril de 2011, no Suplemento “Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo.

Federica Montseny en Galicia

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935

Federica Montseny

Tradución: Enrique Sánchez Rodríguez

Ilustración da cuberta: Ánxela Pérez Meilán

Editorial Trifolium, A Coruña 2011, 77 páxinas.

“Fume de Leña” é o nome co que Editorial Trifolium rotula unha colección de libros de viaxes nos que Galicia aparece como destino. Á mesma engádese, neste comezo de ano, un texto singularísimo, por ser a súa autora Federica Montseny, a propagandista e ideóloga libertaria, figura cimeira na historia do anarquismo ibérico, a primeira muller que acadou a condición de ministra na Europa Occidental. Federica Montseny vén a Galicia nunha viaxe organizada polo Comité Regional da Confederación Regional Galaica da CNT. Unha xira que se desenvolveu entre o 3 e o 16 de decembro de 1935, visitando as cidades de Betanzos, A Coruña, Ferrol, Cariño, Santiago, Lugo e Ourense. Como fixera con ocasión doutras viaxes a distintas partes de España, Federica Montseny escribe un relato do que vira e do que experimentara, que se publicou por entregas en “La Revista Blanca” a comezos de 1936.

O texto que agora recupera Editorial Trifolium, chéganos precedido por unha Introdución contextualizadora, asinada polo historiador e especialista nestes temas, Eliseo Fernández; un limiar que nos dá noticia das dificultades nas que se realizou a viaxe por mor da situación de ruptura cos socialistas, consecuencia dos enfrontamentos nos primeiros anos da República. E tamén pola división interna no seo da CNT, entre moderados e radicais, fileira na que se aliñaba Federica Montseny e que se fixo notar sobre todo no acto que Federica  protagonizou en Santiago.

Federica Montseny

O relato de Federica Montseny, condensado e á vez moi vivo, é unha amalgama de relato de viaxe, de homenaxe reiterado quizais en demasía á paisaxe galega, ao espectáculo  do mar e da terra en conxunción permanente, de descricións e louvanzas do movemento libertario en Galicia, anécdotas e curiosidades de cada unha das vilas e cidades que visita, e mesmo de consideracións, tópicas por veces, sobre o carácter e idiosincrasia  galega. E tamén, un canto á muller galega, “a gallarda muller galega”, “sas e fortes como carballos”.

Comeza o relato cunha crítica á compañía do ferrocarril, a súa rapacidade que aforra os vagóns de terceira clase para obrigar os viaxeiros a sacaren billetes de segunda (páxina 23). E remata cunha loanza á camaradería do movemento libertario galego, “unha anarquía á antiga usanza” (páxina 76).  Entremedias, algunhas consideracións que non deixan de chamar a atención. Federica Montseny semella descoñecer a obra na que Rosalía de Castro denuncia a situación social de miseria, a emigración que padece Galicia e, sobre todo, o asoballamento ao que foron sometidos secularmente os galegos na emigracións a Castela. Ao contrario daqueles galegos que ían a Castela por pan e saramagos lles deron do poema rosaliano, F. Montseny presenta unha España ( “a España que pensa e sente”) que ama a Galicia ata sen a coñecer (páxina 24). Outro trazo a subliñar, é a análise sociolóxica que fai do carácter galego, na que se deixa levar por tópicos. Ve a muller galega como una copia exacta – “resurrección” é a súa palabra –  do tipo de campesiña rusa tal como a retratan as novelas de Tolstoi. Pero xa no primeiro contacto coa xente galega en Betanzos, se decata de que Galicia é un pais patriarcal. Na mesma mentalidade dos seus compañeiros de ideoloxía libertaria, a muller fica arredada da vida pública e encerrada no fogar. Percibe asemade a muller galega como allea aos escrúpulos pecaminosos verbo do amor carnal e da sexualidade en xeral. Finalmente non deixa de sorprender e mesmo de abraiar a súa descrición do carácter dos galegos: “unha atractiva mestura de enxeño, bonhomía, afouteza e puerilidade” (páxina 28). O que demostra que todos somos fillos do noso tempo e permeables, moitas veces en demasía aos lugares comúns, trivializacións e argumentos estereotipados.