Federica e nós*

Impresións dunha viaxe por Galicia

Federica Montseny

Editorial Trifolium, Iñás – Oleiros 2011, 79 páxinas.

Na colección de viaxes na que Galicia aparece como destino, publica nestas datas a Editorial Trifolim un texto especialmente interesante pola senlleira personalidade da súa autora, Federica Montseny, e pola visión de Galicia que nos achega. A ideóloga libertaria visitou a nosa terra en decembro de 1935, nunha xira organizada polo Comité Rexional da CNT. O relato do seu periplo propagandístico, condensado e á vez moi vivo, é unha amálgama de crónica de viaxes, de homenaxe, reiterado quizais en demasía, á paisaxe galega, louvanzas do movemento libertario galego, anécdotas e curiosidades e mesmo consideracións, tópicas por veces, sobre o carácter e idiosincrasia galega. E tamén un canto a muller galega, “a gallarda muller galega”, “sas e fortes como carballos”.

Comeza o relato cunha crítica á rapacidade da compañía do ferrocarril e remata coa loanza á camaradería do movemento libertario, dividido naqueles días por tirapuxas internas. Entremedias, un abano de consideracións que chaman a atención. F. Montseny, ignorando as denuncias de Rosalía, presenta unha España que ama a Galicia, ata sen a coñecer. A análise que fai da nosa idiosincrasia, debulla tópicos. Ve a muller galega como copia da campesiña rusa retratada por Tolstoi, se ben pronto se decata de que fica afastada da vida pública, mais allea aos escrúpulos pecaminosos verbo da sexualidade. E non deixa de sorprender  a súa descrición  do carácter galego: unha atractiva mestura de enxeño, bonhomía e puerilidade. O que demostra que tamén F. Montseny era permeable aos lugares comúns e trivializacións estereotipadas.

* Este texto, con lixeiras modificacións, foi publicado o día 14 de abril de 2011, no Suplemento “Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo.