A comida como materia literaria

Diario de comidasDiario de comidas

Xavier Rodríguez Baixeras

Galaxia 2004.

329 páxinas

(Libros de fondo)

 

Non semella doado vencellar un relato literario ao acto cotián da alimentación. Inténtouno, e na miña erstima, con loable resultado, Xavier Rodríguez Baixeras, un poeta de longo percorrido e abonda experiencia no eido lírico, que con este Diario de comidas fai a súa estrea como escritor de prosa. X. Rodríguez Baixeras é un verdadeiro amador da comida, unha circunstancia persoal na que acredita o comentarista porque tivo a ocasión de contemplar o escritor fóra de si diante dun prato de carneiro. Neste título da Editorial Galaxia, o escritor comparte co lector as experiencias desa faceta fundamental da súa vida, o pracer de comer, a exaltación dos sabores como cultura e como arte. Tratar o mundo da comida dunha maneira literaria, rescatando sensacións e experiencias gustativas amoreadas ao longo dos anos. Velaquí as metas e obxectivos que Xavier Rodríguez Baixeras se propón nesta obra  coa que nos pretende agasallar coas dúas grandes paixóns da súa vida: a cociña e a literatura.

Estructura o autor o libro baixo o formato dun diario desenvolvido ao longo de 2003, precedido dunhas notas culinario–culturais froito dunha viaxe a Estambul realizada en xaneiro de 2002. Un formato de diario elixido non por casualidade, senón porque este lle permite ao escritor reconstruír a memoria de gustos e sensacións, suturada a un entorno cultural.

Diario de comidas non é un libro de cociña, un receitario ao uso de pratos e viandas, senón un verdadeiro texto literario, capaz de transformar a experiencia culinaria, o universo visíbel ou agachado que a rodea, en materia literaria. É unha viaxe polos rituais da nutrición para achegarnos o agasallo da arte da boa mesa coa súa inmensa variedade de sabores que afunden as súas raíces  en substratos culturais, tamén moi diferentes. Na viaxe recrea o autor múltiples experiencias culinarias das que  se enchoupou en Turquía, Cataluña, Galicia, Portugal e Italia nomeadamente. Mais, xunto coas viandas, Xavier Rodríguez Baixeras fixa a súa ollada en moitos outros tópicos e circunstancias, uns literarios, outros, máis profanos. Comentarios e reflexións verbo de libros, viaxes, encontros, entrega de galardóns literarios, vilas e cidades. Abríndolle tamén a memoria á presenza  lembrada dos seres queridos xa fenecidos.

Paira sobre este persoalísimo diario o inquérito sobre a relación entre arte e comida: ¿Ata que punto a arte culinaria é comparábel ás consideradas Belas Artes? O autor mantén sen ningunha vacilación  que a cociña é un arte por mor da súa capacidade evocadora que nos leva, moitas veces sen nos decatar, cara a mundos que xa abandonamos. É este sen dúbida o trazo característico e definitorio deste Diario de comidas: a relación da comida coa súa contorna cultural. Endalí que, á par da descrición de pratos e viandas, viaxe tamén polas páxinas deste diario unha manchea re reflexións culturais, literarias en especial. Ademais de todo isto, X. Rodríguez Baixeras defende a tradición gastronómica fronte ao imperialismo uniformizador e estandarizado da posmodernidade que se traduce na perda da comida elemental, substituída polo fraude das pizzerías- sería o caso de Italia- ou da comida rápida con sabores uniformes.

 

Xavier Rodríguez Baixeras

Xavier Rodríguez Baixeras

Fermoso libro pois, aliñado coa clara vontade estilística dun poeta e dun gorentador de amizades e viandas ( “ a única persoa capaz de chorar diante dun prato de comida”, en expresiva definición de Méndez Ferrín ). Un agasallo de grande poder evocador, un canto á sensualidade de recendos e sabores que eflúen da inmensa e máxica variedade culinaria. Gozamos pois sensorialmente da comida e, ao mesmo tempo, gorentámola como materia literaria. Todo isto é este debut na prosa de Xavier Rodríguez Baixeras.

“Brasil no centro”, a literatura do eu de Rodríguez Biaxeras

Brasil no centro

Xavier Rodríguez Baixeras

Editorial Galaxia, Vigo, 2011, 319 páxinas.

 

“Como un hibrido entre dietario e libro de estampas, producido a partir de cinco anos de residencia en San Salvador de Baía”. Así define Xavier Rodríguez Baixeras a súa segunda entrega narrativa, Brasil no centro. Estamos pois diante dunha mostra paradigmática da chamada “literatura do eu”, hoxe tan de moda e que os críticos recoñecen como parte importante do presente e do futuro inmediato da literatura. Refírome a unha ferramenta literaria que non é autobiografía nin diario nin memorias en sentido estrito. Pero é todo iso, é autoficción, narrativa autorreferencial. Hoxe os escritores -apunta  Javier  Marías- exploran ese territorio deliberadamente indefinido que sempre existiu sobre o que é real e imaxinario, mais onde algúns teñen atopado un pequeno filón, ao subliñar esa indefinición, unha ruptura  do pacto verbo do que é a literatura. Pola súa banda, Enrique Vila-Matas cualifica esa literatura como “autobiografía baixo sospeita”.

Xavier Rodríguez Baixeras elude a sospeita e non desdobra a propia autoría. Simplemente traduce vivencias, tal como prescribía un dos creadores da literatura do eu, Marcel Proust. A primeira persoa, a introspección e a tradución son as armas que emprega X. Rodríguez Baixeras para narrarse, para reescribir a súa existencia, desde que no ano 2006 decidiu converter Brasil, e máis en concreto San Salvador de Baía, no centro de residencia primaveral e estival. Un desdobramento vital que o transforma en “outro” durante a metade do ano e cuxo rexistro reflicten as páxinas de Brasil no centro.

O libro recolle en efecto en forma de diario, á vez íntimo e obxectivo, as vivencias do escritor nesa outra súa vida en San Salvador de Baía durante os anos 2006-2009, acompañadas de variadas estampas brasileiras. Unha presenza central daquelas terras ultramarinas, tanto en forma de retratos como de diario, constitúe a cerna deste libro que, como contacto inaugural e con textos moi fragmentarios, pretende ser una pequena aproximación  a San Salvador de Baía, a súa cultura, tanto na vertente material como inmaterial (paisaxes gastronomía, costumes, lendas, escritores, lecturas…)

X. Rodríguez Baixeras (Foto: Xoán Carlos Gil)

Un libro prescindible? Non paga a pena a lectura do mesmo? A literatura do eu é a subxectividade extrema, a reivindicación das experiencias concretas e intransferibles do individuo e, como tal, pode e debe existir. En toda a literatura contemporánea obsérvase un desprazamento cara ao suxeito. Obras como as de Proust, Virginia Woolf, Kafka, Joyce ou Faulkner  son vastos exercicios solipsistas. Existen e son un patrimonio da humanidade. Outras que se ergan seguindo o seu ronsel, deben existir coa condición de que nos transfiran experiencias novidosas e ricas, mediante un acto de individualización da lingua como experiencia formal e construción singular única. No libro de Rodríguez Baixeras alguén pode ler tópicos. Pola miña banda, atopeime cun texto que permitiu que me mergullara nun territorio ignoto, mediante prosas moi variadas e de grande poder evocador.