A FORMA DA MORTE

A  noite do corvo

Abel Tomé

Editorial Galaxia, Vigo, 2018, 197 páginas

De novo debuta na narrativa de noso un autor novel. En efecto, Abel Tomé (Outes, 1984) estréase na narrativa galega con esta peza, A noite do corvo, sen posuír ademais  unha grande experiencia como creador. E faino cunha novela de catalogación non doada, á que dúas fías narrativas lle serven ao autor para cimentar e ganduxar o relato: unha esculca detectivesca nun ambiente humano ancorado no medievo, mais cunha acción que se desenvolve na época actual; e un relato verbo da nosa condición, do que somos como seres humanos, sobre o dominio do home sobre o home, sobre o poder, a miseria, o fracaso e a corrupción.

A accións transcorre na illa de Gothard, un espazo inventado se ben semella que está relacionado con Inglaterra;cunha estraña mitoloxía orixinaria, a relixión de Gaia co seu relato da creación do mundo, desterrada, porén, polo cristianismo: cruceiros e igrexas en lugar das árbores sagradas. Con todo, aínda conviven en Gothar tradicións profundas e absurdas, crenzas ancestrais, astroloxía, sacrificios, equinocios, supersticións, xuízos populares, arrepíos con toda a dexeneración das sociedades actuais coma o tráfico de drogas controlado por clans, prostitución, abuso de menores. Coas mulleres que non contan para nada: son corpos que obedecen á lei e a vontade dos seus maridos.

Nesta illa onde o tempo quedou detido, cuxa capital é Beth e hai un estrato para os ricos e outro onde os pobres malviven con catro pesos, aparecen catro persoas da mesma familia mortas na casa do faro; as catro con sete coiteladas, como se fose algún tipo de ritual. A morte e a súa forma de morte asañáranse  con catro inocentes. O inspector, tenente Gonçalves, fachendoso e prepotente, será o encargado de resolver o caso. Conta coa axuda de dous axentes: Pietre, un tipo que ten problemas con sexo, con relacións á marxe da lei, pero o mellor como esculcador. E Lúa, “cisne agochado tras a plumaxe dun patiño feo”, mais disciplinada e boa xente. Resolven o crime coa oposición das forzas vivas da Illa, es especial do chanceler e o Consello dos oito. O restablecemento da orde é un elemento primordial na novela detectivesca e neste caso non ía ser menos.

Con todo, cómpre dicir que A noite do corvo pode ser lida como un thriller, ou mesmo como novela negra, xa que o autor osmatiza e modula no seu texto o retrato crítico da sociedade, as desigualdades sociais, a cobiza e outras eivas e taras inherentes á natureza humana. Todo isto, moi presente na novela de Abel Tomé, constitúe a fórmula básica da novela negra. Ao que cómpre engadir a atmosfera de carácter delictivo que flota no ambiente e no que a as infraccións e ameazas son denominador común.

 

Abel Tomé

 

A acción vén narrada en primeira persoa polo tenente Gonçalves, un tipo duro (hard-boiled), co seu propio código moral, que non se queda no seu despacho; sae á rúa, xa que non hai tempo para a dedución e a análise. Terá que buscar algo que, ao comezo, non sabe que é. Boas descricións sobre todo de ambientes humanos e da degradación representada polo poder dos clans familiares. Con abondosas críticas sociais, característica definitoria da verdadeira novela negra. Numerosas reflexións verbo  do que somos como humanos, sobre as prácticas relixiosas alienantes.  Xa que logo, un debut prometedor dun novo narrador, cunha peza narrativa bastante complexa.

(Texto publicado o día 12 de xullo de2018 no xornal Faro e Vigo)

UNHA NARRACIÓN AMABLE. NA TRADICIÓN DOS “CAPITANS” DE MOUREIRA

Xan do Arrabaldo

Rafael Fontoira Surís

Edicións  Laiovento, Santiago de Compostela, 2018, 169 páxinas.

 

Unha vez máis debuta na colección de Narrativa de Edicións Laiovento un autor serodio, o arquitecto e historiador Rafael Fontoira Surís; un escritor con non poucas achegas en estudos e pescudas históricas, relacionadas sobre todo con Pontevedra e co barrio de Moureira. Xan do Arrabaldo é a súa primeira obra de ficción, unha mestura de novela de aventuras e de aprendizaxe.

A novela sitúanos ao comezo do último cuarto do século XV, tempos convulsos para o vello burgo de Pontevedra, a principal urbe de Galicia, cimentado o seu esplendor  sobre os piares dos recursos pesqueiros e o comercio de longa distancia; mercadores e mareantes que, porén, vían alterada a súa vitalidade polas liortas que xurdiran debido á proclamación de dona Xoana, “A Beltranexa” como raíña  de Castela, Galicia e Portugal.

Nesa Pontevedra aínda medieval sitúa o autor o protagonista da historia: Xanciño Neto, fillo dun atalieyro dun dos seis cercos reais para a pesca da sardiña, que soñaba por ser capitán dunha carabela, seguindo a tradición  dos capitán da súa familia. Fará a súa aprendizaxe da carreira do mar (paxe, grumete, piloto e por fin capitán) nunha vella carraca ao mando dun seu tío, en viaxes a Londres, Bruxas, Anveres, a Bretaña con carga de viño do Ribeiro, salgadura e ferramentas de ferro. E a Lisboa e Sevilla coa mesma carga, saín da sardiña e sal e olas na viaxe de volta.Desde o Arrabaldo da Moureira, homenaxeado nesta novela, o mozo de dezasete anos aprende todos os saberes da vida do mar, mesmo os seus tópicos, xa que como bo mariñeiro bota unha moza en cada porto.

O autor acomoda o relato da historia ás características da novela de aventuras na que, polo xeral, hai unha viaxe. Unha viaxe externa ateigada de lances perigosos, navegacións entre brétemas e tempestades, con historias de pautos co demo e barcos pantasmas. Ambientes descoñecidos, encontro con amigos, amores incipientes que cómpre completar sen pausas. Novela de aventuras con lindes ambiguos xa que alberga no seu interior outros subxéneros: o da novela histórica e o da novela costumista, xa que a narración nos amosa as loitas entre as tropas portuguesas ao mando de Pedro Madruga e  as dos Reis Católicos comandadas polo arcebispo Fonseca e por Juan Arias del Río, corrixidor maior de Galicia. E tamén a vida cotiá de Pontevedra, nomeadamente a industria da sardiña. Á par da viaxe exterior, a viaxe interior do protagonista que o fará medrar, aprender e acadar as súas metas.

                                      

                                             

Rafael Fontoira Surís

 

Xan do Arrabaldo é unha novela amable, exenta de complicacións para o lector. Narrativa lineal na que un narrador omnisciente relata os acontecementos en orde cronolóxica, desde un punto de vista dirixido ao enaltecemento do protagonista que, en dúas viaxes e con apenas vinte anos, acada o título de capitán. Un non disimulado “boismo” -agás un curto período de cárcere, todo sucede de forma compracente para Xanciño Neto- é a principal tinguidura do relato dos feitos que lle dan contido e forma á historia. Salientable a boa documentación na que se alicerza a narración, así como o amplo dominio do vocabulario mariñeiro, especialmente o da pesca das sardiñas e o das mercadorías coas que se comerciaba na Boa Vila. Erros reiterados na colocación dos pronomes átonos así como certos cheísmos e teísmos deslustran o “humilde galego” desta peza narrativa, mais sen botala a perder.

(Texto publicado o día 21 de de xuño de 2018 no xornal Faro de Vigo)