Fendas no nacionalismo. Unha novela de non ficción

 

Infiltrados

Os servizos secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo

Alfonso Eiré

Biblos Clube de Lectores, Cesuras, 2013, 189 páxinas

  

   Definido pola editorial e polo propio autor como novela de non ficción, Alfonso Eiré, achéganos, porén en formato narrativo, un relato baseado en documentación que o escritor afirma coñecer, sobre a infiltración dos servizos de intelixencia nos sectores do nacionalismo galego marxista leninista coa finalidade de crear rachaduras na UPG e redirixir ideolóxica e tacticamente o galeguismo galego soberanista. Se o realismo crítico e a vontade etnográfica son algún dos trazos cos que se pode encadrar unha boa parte da narrativa anterior de A. Eiré, nesta nova achega prescinde do ruralismo e o seu realismo crítico cómpre poñelo entre interrogantes. A súa é unha peza híbrida entre o relato non ficcional, a crónica e certos ingredientes ficcionais. Unha escolla xenérica que considero non é a más apropiada para desenvolver un tema complexo e tan serio como o que tratamos..

   Achégase pois A. Eiré á realidade dun xeito documentado, mais sen amosarnos eses documentos, e a través dun relato en boa parte novelado. Esa realidade é, segundo o escritor, que o servizos secretos españois infiltraron, intoxicaron e fenderon grupos do nacionalismo galego, nomeadamente a UPG. O autor ponse na pel dun ficticio histórico militante da UPG que actúa como historiador para-oficial, e con el percorre as vicisitudes do nacionalismo, as infiltracións dos servizos

Alfonso Eiré (Foto de R. Vázquez)

de intelixencia que fixeron cribles acusacións, como tal a de seren os nacionalistas os que queimaban os montes e enchían a mocidade galega de droga. E fomentaron sobre todo as fendas internas que “xibarizaron” o nacionalismo galego e provocaron o xiro de moitos militantes logo do triunfante (sic) 23-F. Acontecementos tráxicos como o asasinato de Moncho Reboiras, o nacemento do Exército Gerrilheiro ou a esquizofrénica etapa de Pastor Alonso en Noia non se explican, segundo o autor, sen este labor dos infiltrados.

   Libro sen dúbida moi polémico no que boto en falta o enfrontamento da UPG con X. L Méndez Ferrín, fenda moi importante no seo do grupo, e sobre todo unha verosimilitude interna documentada. Relato pois que, na miña estima, debería camiñar por outro xénero, a crónica xornalística, que lle permitiría ao autor amosar esa base documental que afirma coñecer, sen esquecerse de urxir a autocrítica, necesaria en toda organización política e imprescindible nun grupo coa historia da UPG.