LIQUIDANDO, QUE É XERUNDIO

Liquidadción de existencias de Ramón CarideLiquidación de existencias

Ramón Caride

Edicións Xerais, Vigo, 2016, 147 páxinas


FIRMA INVITADA

(Hónrome de publicar hoxe nesta bitácora a presentación que do libro de Ramón Caride, Liquidación de existencias, fixo o profesor e escritor Domingo Tabuyo o pasado día 13 do mes no que andamos, en Exposalnés)

“Con LIQUIDACIÓN DE EXISTENCIAS regresa ao panorama literario, da novela curta ou dos relatos, o mellor Ramón Caride. Ese escritor poliédrico,  policreativo e multipremiado,e con cada vez, maior e merecidamente, mellor valoración na nosa Escrita.

Cunha potencia narrativa,baseada nunha realidade presentida de xeito moi doado.Unha acción contaminada de malas actitudes, e chea da ruindade cotiá daqueles que antepoñen o propio benestar, a calquera outra consideración moral, de conveniencia ou de legalidade incluso.

As historias de Caride, botan unha forte áncora nas cousas cotiás. Como se dun relatorio de novas, ou un catálogo das maldades de todo tipo e condición. Dende os veciños insolentes, como Burra Negra, ata as malas leccións exemplares recollidas en relatos como a Marca España, ou o secuestro exprés que tanto vemos nas novas das televisións o u da prensa. A actualidade máis pura, as feridas máis infestadas desta sociedade, vive nestas obras de Caride. Moitos dos protagonistas, son pobres antiheroes, aínda que algúns deles aínda non o saiban. Xentes que poñen en práctica o modelo de sacar tallada, repiten os vicios aprendidos e imitan un modelo de abusos e múltiples corrupcións, pero que acaban perdéndose pola boca, nunca souberon ser discretos.

Caride volve a experimentar. Pon en valor novas fórmulas que buscan, atraer ao espectador ao lado de sombra dunha realidade así mesmo escura. E fai unha novela divida en varias partes, ou ben  fai tres novelas, cuasi por entregas,  engarzadas no soporte vital dunha trama urbana, que comparten os arames elementais dunha acción argumental moi dinámica, coma dun guión cinematográfico.

Non son temas novos, novelas como Crónica de Sucesos ou  Os ollos da noite, teñen un fondo composto por un magma similar, pero en Liquidación de Existencias,  teñen a actualidade, o empaque e o impacto, das cousas que todo o mundo entende sen precisar explicación algunha. Son situacións  apegadas a unha realidade que coñecemos. Que vemos nas noticias ou lemos nos xornais. Dende a maraña  inevitable da corrupción, impresentable e recorrente  de cada día; ata as prevaricacións, os abusos e as inxustizas, daqueles que teñen os medios para poder facelos, repartindo os beneficios e os prexuízos, sen errar nunca no reparto de a quen vai cada cousa.Os máis diversos ángulos desta realidade unitaria e fragmentaria, ao mesmo tempo, forman parte da novela. A dobre moral do policía e os locais de alterne e o sexo  como  explotación deshumanizada, ou a escravitude laboral que, amparada nas crises, atopa o caldo de cultivo necesario, para seguir medrando na desprotección na que leva tempo instalada.

Caride manexa coma ninguén ese sentimento de desacougo, de profunda  desazón que habita no corazón dos homes, e que nunca desaparece, que quizais forma parte da condición humana… esa sensación de perigosa ameaza, con densidade case matérica,  que permanentemente, espía dende calquera ángulo e que percibimos a través da pel, pero que non somos quen de ver con claridade. E tamén a vida como a navegación entre diversas contradicións, a loita entre o vital e o ideolóxico, como no relato do vello comunista, home sempre perseguido,e a aceptación da homenaxe que lle renden no seu Concello.

Recoñecemos a voz que tece os fíos argumentais. Está construída con palabras  que escoitamos cada día. Promesas incumpridas. Desafiuzamentos. Con berros de indignación e de protesta. Con resignación tamén ante tanta inxustiza. E tamén as furgonetas con zulos camuflados; as camareiras de hotel con horarios longos e salarios breves, e coa paciencia que dura cada vez menos, e sobre todo, se é o seu recente marido o que está retozando na cama daquel hotel cunha muller da vida; o espectáculo da Mundorama e a súa cantante con  xeneroso escote, cantando O Beso en España.Recoñecemos o motel Melodía Encantada, e os motes tan ben traídos, que salpican todos os argumentos.Ás veces as cortes dos miragres, levan traxe e garabata. Tamén hai espazo para ao culturalismo, PaulAuster e as grandes editoriais aparecen referenciadas polo Andrés e o Cesariño.

 

Domingo Tabuyo

Domingo Tabuyo

Tamén cumprimos con aquilo do plurilinguismo. Moitas referencias en inglés, musicais, ou títulos de escenas que levan a marca do mundo anglosaxón. Multiculturais, off course, coma mandan os tempos. Somos xentes de hoxe, formados e viaxados.

Finalmente, penso que compre reseñar a velocidade da acción. A perfecta xestión do tempo do relato. Non hai parada supérflua. Todo flúe e nada permanece, á maneira de Heráclito. Unha sorte de aceleración uniforme, viste cada unha das secuencias, como se dun guión cinematográfico se tratara. Non hai descanso que valga. Nin tempos de lecer para ralentizar a acción. Sempre se chega a algunha parte. O tempo é ouro e non podemos deternos en minucias.

Demos as grazas a Ramón Caride porque trae hoxe a Cambados, a Palabra e máis a Música, a conxunción da terra e mailo ceo, do corpo e o espírito, fundidos nestas obras tan cheas de vidas e onde habita a vida.”

Domingo Tabuyo Romero

“O soño das cores”: aposta pola imaxinación e polo mito

O soño das cores

O soño das coresRamón Caride

Ilustracións de Jaime Asensi

Edición de David Cortizo

Maquetación de Tomás González Ahola

Urco Editora, Santiago de Compostela, 2016, 42 páxinas

    Na colección Urco infantil, publica Ramón Caride a tradución feita por el mesmo dunha fermosa xoia bibliográfica, que aparecera no ano 2010 na Editorial Almadía (Oaxaca, México). Unha insólita versión bilingüe na que o castelán convive coa tradución ao zapoteco ou distee. Dende ese soño de pombas que, segundo Álvaro Cunqueiro, é a vila de Cambados e atravesando a infinda extensión oceánica  e o dilatado país mexicano, o escritor galego recreou  esta fermosa alfaia literaria, El Pájaro Arcoiris (Le Mbind Mbi’j), rotulada na nova edición de Urco Editora como O soño das cores. Mais en ambas publicacións, Ramón Caride rescata da tradición oral zapoteca-mixteca, unha lenda pertencente a súa tradición mítica. O amor polas palabras consubstancial a todas as tradicións autóctonas primitivas, e  a destreza no se uso, propia do escritor galego, son capaces de ergueren novas realidades: o nacemento das cores, mais tamén o xurdir da ambición e da cobiza que fan que a negrura e a escuridade convivan coa luz e coas cores.

A lenda zapoteca-mixteca, recreada por Ramón Caride, retrotráenos ao tempo das orixes, no que os homes vivían na escuridade dunha terra lóbrega e ninguén, nin os paxaros nin  a xente, posuían cores. Mais neste mundo no que os ollos soamente vían sombras, unha rapariga soña que, alén da fronteira do horizonte, existía un paxaro ateigado de cor. É o Paxaro Arco Iris. Cóntalle o soño ao o seu amado, Cohiztli, ao que lle pide que consiga sete plumas dese paxaro para encher de cores o mundo. Logo de camiñar durante moitos días e seguir pola auga  a senda soñada, Cohiztli acada a terra da luz. E alí estaba efectivamente o Paxaro Arco Iris, vestido co cromatismo de plumas abraiantes. Coas sete plumas que lle dá o paxaro, o feliz namorado retorna a súa terra, e o mundo negro e lóbrego vístese de cores: a violeta que lle dá nome á flor que leva o mesmo nome…aos solpores sobre o mar. A pluma azul escuro que tingue o ceo estrelado e o mar profundo. E así ata as sete cores do arco iris, encarnadas e cadansúa pluma.

Deste xeito,  a perfección e a luz estendéronse por toda a terra. Ata que a cobiza fixo que Cohztli arrancase a oitava pluma que era negra coma o chapapote. E nese mesmo intre, todo tornou a ser negro de novo. Mais o froito do amor que latexaba no ventre da moza, fixo que o Paxaro Arco Iris suspendese unha parte do seu anoxo, e dende entón o mundo ten unha metade luminosa e outra escura. Ten día e ten noite.

 

Ramón Caride

Ramón Caride

Esta exquisita e saborosa fabulación chega ás mans dos lectores co engadido dun plus editorial que nos permite gorentar unhas extraordinarias ilustracións de Jaime Asensi capaces de nos mergullar nese mundo de cores e escuridades. Un paratexto cromático que tingue cada páxina coa respectiva cor encerrada na pluma. Unha aposta, pois logo, pola imaxinación e polo mito como realidades superiores, capaces de liberar aos homes e mulleres do labirinto da súa existencia, propias das tradicións primitivas, ofrecidas arestora nunha lingua culta pola pluma de Ramón Caride, que é capaz de reducir o mítico ao cotián. Xa que logo, unha fermosa publicacións ateigada de cor e de sabedoría que gorentarán por igual pequenos e grandes.

Entre a aventura e a Historia

A do vinte e unA do vinte e un

Hixinio Puentes

Sotelo Blanco Edicións, Santiago de Compostela, 433 páxinas

(Libros de fondo)

 

Foi no ano 2000 cando O bandido Casanova, unha novela de Hixinio Puentes (O Porto do Barqueiro, 1952), un autor ata entón descoñecido nos eidos da narrativa, se convertía na grande novidade da narrativa galega de formato longo, e consagraba unha materia narrativa pouco frecuentada entre nós: a novela de aventuras esteada na historia. O escritor consolidou nos anos seguintes a súa vocación pola materia e as tramas aventureiras, co reto non doado de inserir a ficción na realidade histórica, que Hixinio Puentes supera dun xeito envexable, en especial cando o facho da aventura leva os seus protagonistas aos espazos do mar e das naves que o sucan, temas nos que é un experto investigador.

Desta volta, A do vinte  e un, a última achega do autor, apreixa un período  transcendental da historia española, os primeiros anos do século XIX, que serven como pano de fondo ás andanzas e aventuras do protagonista e relator en primeira persoa, Xoán Pardiñas, un mozo galego da Costa da Morte, que vai reflectindo a súa vida e é testemuña, desde o seu oficio de ordenanza dos altos mandos da Armada, da defensa do Ferrol, do desastre da batalla que tivo lugar en Trafalgar o 21 de outubro de 1805, data da que tira o título a novela, dos sucesos da Corte que rematan coa destitución de Godoy e a abdicación de Carlos IV, do troco de alianzas e da loita contra os franceses. O destino levarao finalmente a Inglaterra onde actúa como home de confianza do embaixador español e en labores de espionaxe que lle permiten pescudar as orixes dos movementos independentistas das colonias de América e mesmo o xurdimento do nacionalismo irlandés. Mais todo isto, como xa dixen, actúa como marco para  a recreación das andanzas do protagonista, nun relato de aventuras escrito co alento e o recendo dos clásicos do xénero.

 

Hixinio Puentes

Hixinio Puentes

O autor emprega a lingua dun xeito sinxelo, pero especialmente ricaz no uso do léxico mariñeiro. Describe perfectamente  a sociedade de comezos do século XIX, en especial a da cidade de Cádiz, coa súa colonia de habitantes de todas as clases e  profesións e a dun Londres dickensiano, que actúan como elementos corais dos acontecementos históricos. Hixinio Puentes mantén así mesmo con habilidade un bo ritmo narrativo, o dinamismo e a intriga propias do subxénero aventureiro, aínda que o relato nada perdería co adelgazamento dalgúns capítulos, como tal os das regueifas coas mozas gaditanas. E sobre todo, neste relato unha vez máis ametafórico, malia situar o protagonista en relación con acontecementos e personaxes históricos, inxectar ficción na realidade, co que todo queda sometido ás leis da ficción, o lector non atopará atrancos para distinguir a fabulación da historia, á que a primeira ilustra grazas a súa acción embelecedora.

Aventura equinocial

Os KowaOs kowa

Xavier Queipo

Editorial Galaxia, Vigo, 2016, 248

páxinas

 “Como poder imaxinar a que determinada rexión dos primeiros séculos poden conducir os pés dun home libre no camiño da soidade, da extrema soidade?” Non son palabras de Os kowa, senón  de O corazón da escuridade de J. Conrad, un libro e un narrador aos que tanto nos fai lembrar a novela de Xavier Queipo coa que obtivo o Premio Blanco Amor 2015. Porque boa parte das páxinas de Os kowa achégannos unha historia constante de soidade extrema, un combate de antagonistas. A novela é certamente una celebración da aventura, que salienta  na súa trama as viaxes, o misterio, o risco en ambientes descoñecidos ou exóticos. E algo máis: unha indubidable viaxe interior, unha iniciación e non poucas descubertas existenciais que antes non se tiñan como lle aconteceu a Marlow no corazón da escuridade ou a Odiseo nos dez anos de aventuras polos mares e illas mediterránea antes de volver a Ítaca. Con razón, xa que logo, afirma Xavier Queipo que a aventura está no ollo do que mira…na capacidade de expansión do universo propio.

O incipit narrativo de Os kowa é Europa, para trasladarse logo á selva amazónica, ao mato que serve de fronteira entre Brasil, Colombia e Perú. Ata alí viaxa unha expedición da que forma parte o protagonista, para estudar a fauna invertebrada e a flora vascular da Amazonía.

Capturados os seus compañeiros por homes armados, o protagonista fica só na selva, condenado a saír da mesma polos seus propio medios. Nunha espiral de desesperación e tolemia, desprázase río abaixo coa esperanza de atopar indios. E así comeza unha abraiante aventura equinocial ateigada de peripecias, incógnitas e achados. Un periplo pola selva cun correlato dos feitos que a voz narrativa nos traslada en primeira persoa desde dentro da historia. Río abaixo, nunha balsa, na procura de xente, combatendo o medo e canoando  só pola noite. No desenvolvemento da trama, cómpre salientar o encontro cun seringueiro, unha fenda aberta á esperanza. E nomeadamente con kowa, indios pacíficos cunha cosmogonía de seu: homes e mulleres separados na vida diaria, convivindo un único día, cada tres lúas, nunha gran festa seguida dunha cerimonia alucinóxena e un frenesí sexual. A celebración carnal dos sentidos entre augas sulfurosas. Un rito ancestral con finalidade reprodutora, en cuxa descrición a prosa de X. Queipo acada, unha verdadeira ardencia narrativa.

Xavier Queipo

Xavier Queipo

Volvendo á cerna da novela, subliño que Os kowa é unha novela de aventuras, mais catalogala unicamente como tal, significaría simplificar o incuestionable valor desta peza literaria. Como nas aventuras de Conrad, as que atopará o lector son distintas das viaxes axexadas soamente polos perigos da natureza, xa que se trata dun enfrontamento interior do home co seu destino. Xaora, unha viaxe interior da que forman parte as profundas reflexións sobre o xogo de equilibrios entrópicos, a espiral da evolución non lineal, a defenda das tribos, as críticas do eurocentrismo ou brancocentrismo, as visións nesgadas dun occidental que mide a realidade polos seus exclusivos parámetros. Sen renunciar á andamiaxe canónica do subxénero (saída-viaxe-retorno), o autor logra articular un relato ateigado de intensidade, no que os compoñentes científicos e o substrato ético non cangan o alento narrativo, intenso e desacougante; cun estilo de prosa no que predomina unha tonalidade que abala entre un audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora. En resumo, unha cumprida novela para engadir ao fardel narrativo de X. Queipo

(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o día 12 de maio de 2016)

“Viva” de Patrick Deville

Patrick Deville

Patrick Deville

Con Viva o escritor francés Patrick Deville está a piques de completar a súa saga de historias que perseguen o obxectivo  de percorrer o mundo, acompañando a heroes ou a antiheroes, brillantes ou fracasados, pero que se atopan na orixe  dun avance científico, dunha exploración, conquista ou dun acontecemento de incalculables repercusións no devir da Historia. Novelas de non ficción, alicerzadas nun inxente traballo de investigación que se transforma en literatura cando o escritor detén a documentación e inventa unha forma. Viva que vén de ser editada por Anagrama, é, xaora, unha novela de aventuras de verdade, abundantemente documentada, profundamente épica, eficazmente ficcional. Con dous protagonistas, dúas vidas paralelas, Malcom Lowry e León Trotsky, na axitada fervura cultural e política dos anos 30 do pasado século en México, teatro de encontros e desencontros.

Nese México en ebulición, eles, Trotski e Lowry, serán os esteos dorsais dunha historia río que Patrick Deville confesa ter escrito contra a amnesia xeral e tamén contra a propia. Nas páxinas de Viva, xunto ao proscrito Trotsky, o defensor da Revolución permanente, e a Lowry, un “obreiro literario” afundido no alcohol e na embriaguez mezcalera, aparecen outros moitos personaxes coñecidos que chegan a México sen saber moi ben a que veñen. Entre eles, os enviados de Stalín, unha nai e un fillo, Caridad Mercader e Ramón Mercader que chega cun pasaporte falso e un piolet para matar a Trotski.

Tras ter recorrido o mundo, cada un polo seu lado, o escritor e revolucionario ruso e o escritor inglés están en México, mais sen atoparse nunca. E despois de incontables amores, infidelidades, traizóns, fracasos, idealismo, intentos por participar na Historia con moitas mans tinguidas de sangue, imprescindibles para que aquela avance. Novela fragmentaria, con rachaduras temporais, con amalgama de historia, biografía, ficción e reportaxe, que o autor relata con oficio. Á vez que describe, con precisión e fantasía, os anos 30 da tumultuosa ferventía mexicana, a indíxena fermosura convulsa dun país que ao mesmo tempo atrapa e espanta. E unha morea de feitos paralelos que integra e funde nunha estrutura superior cuxo resultado é unha excelente novela.

(Texto publicado no xornal El Correo Gallego o 25 de abril de 2016. Para ver o orixinal premer aquí)

Xogando a detectives

O enigma de CaronteO enigma de Caronte

Carlos Vila Sexto

Editorial Galaxia, Vigo, 2016, 353 páxinas

 Carlos Vila Sexto vén de dar ao prelo unha novela para todos os públicos, pero que gorentarán dun xeito especial os lectores máis novos, devotos de lecturas ateigadas de imaxinación e de efectos fantásticos. O autor é un escritor precoz que se deu a coñecer con catorce anos con Alén da aventura. A novela que nos achega arestora, é unha amalgama de thriller con asasinos, crimes, labores detectivescos e insospeitados segredos. E sobre todo, unha mostra requintada dunha imaxinación sen fronteiras e de que a ficción o aguanta todo.

Sen me converter en spoiler da trama, anoto algúns datos da sinopse. As moitas aventuras desta novela acontecen en Cabo Lázaro, una pequena vila na costa norte de Galicia. No último verán que unha banda de amigos e amigas van pasar xuntos, ten lugar a morte de Marcos, un deles. Unha morte que semella accidental. Mais Dani, amigo do defunto, empéñase en converter esa morte nun crime que o grupo de rapaces decide investigar. Descubrir o porqué e quen o fixo. E así, con quince anos, comezan un labor de detectives que os fará pasar por mil aventuras e soportar incontables perigos que case que os levan á morte  en varias ocasións. Dani recibe unha mensaxe encriptada, na que pensan que está a clave de onde se atopa un tesouro, especialmente unha peza mística que un barco afundido hai trescentos anos levaba para o Vaticano.

En paralelo coas aventuras e  investigacións dos rapaces, os problemas económicos e laborais dos adultos, as súas tirapuxas e rompedeiros de cabeza.

O autor da mostras do seu oficio e vai creando un clima de suspense, misterio e intriga coa presenza na vila de varios personaxes especiais: un home agochado tras unha árbore que pronto desaparece; dous matóns que ameazan os rapaces se seguen xogando ao que parece. Crea así mesmo con eficacia unha atmosfera de aventuras e descubertas das que os rapaces, aínda que nas súas pescudas dan voltas como pitos sen cabeza, e o que atopan son pistas que conducen a outras pistas, case que sempre e de socate acaban saíndo ben.

 

Carlos Vila Sexto

Carlos Vila Sexto

Mais aquí radica, ao meu parecer, a principal falla desta novela: un relato que nunca semella ter fin, de feitos fabulosos e pouco verosímiles , como a medalla de Caronte que fai que os mortos volvan á vida. É asemade pouco crible a pescuda moi complexa para que a resolvan con éxito cinco adolescentes. E moitas fábulas e milagres que só se xustifican se a realidade e os soños son a mesma cousa. Así como a excesiva minuciosidade  no relato de feitos intranscendentes no desenvolvemento das historias. No haber da novela, rexistro un ben logrado protagonismo; unha homenaxe á amizade e a creación dun clima de intriga que tira do lector desde a primeira secuencia.

(Texto publicado o día 5 de maio de 2016 no xornal Faro de Vigo)