Vidal Bolaño, Obras completas, volume IV

Obras completas, Vidal Bolaño, IVObras completas, volume IV
Roberto Vidal Bolaño
Edición de X.M. Fernández Castro e Francisco Macías
Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 218 páxinas

Edicións Positivas prosegue con este volume a publicación das obras completas de Roberto Vidal Bolaño, o grande referente do teatro galego de todos os tempos. O selo editor compostelán ten programado editar en seis volumes toda a produción literaria de Vidal Bolaño.. Cinco volumes para a obra dramática e o derradeiro para os textos non dramáticos (Audiovisual e Pensamento). Hai aproximadamente doce meses que rematou o ano que a Real Academia Galega lle dedicou ao dramaturgo, director teatral, guionista e actor, ao declarar a Roberto Vidal Bolaño persoeiro do Día das Letras Galegas 2013, e as Obras completas de Vidal Bolaño, consonte co proxecto orixinal van saíndo con regularidade dos prelos do selo editor compostelán.
Non é esta unha edición crítica do legado literario de Vidal Bolaño. Os editores, X. M. Fernández Castro e Francisco Macías manteñen neste cuarto volume os mesmos criterios lingüísticos que xa empregaran nos volumes anteriores: adaptación dos textos á normativa actual, mais con dispares criterios de intervención no campo lexical, respectando con todo as intencións do autor, entre elas as escollas á mantenta de castelanismos na procura de verosimilitude. Asemade, os textos chéganlle ao lector descargados de aparato crítico, dado que -este foi o criterio dos editores- o que urxía era dar forma divulgativa ás obras de Vidal Bolaño. Un criterio que cobra maior forza, se cabe, na publicacións das pezas dramáticas reunidas neste IV volume, inéditas ata o de agora, agás, Ladaíñas pola morte do meco e Touporroutou da lúa e do sol, publicadas no seu día en edicións minoritarias que no acadaron a necesaria distribución.
As seis pezas recollidas neste volume constitúen o que os editores denominan “pezas de portas abertas” de Vidal Bolaño. Pezas de portas abertas porque, quer por estaren pensadas para sacar as montaxes á rúa, quer por non discriminaren o público para entrar nos teatros por razóns de idade.
E, en efecto as seis pezas desde volume cumpren con esas premisas. Tanto Ladaíña pola morte do meco, peza representada no ano 1978 pola compañía As Traiñas, como Ruada das papas e o unto, representada por Antroido en 1981; Antroido na rúa, representada igualmente por Antroido en 1978 e OATA e O Toxo, en 1979; Touporroutou da lúa e do sol (Antroido, 1996); Xaxaxa, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón, ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón (Antroido 1979), e finalmente Romance dos figos de ouro (Antroido 1993) axústanse aos preceptos nos que acreditaba Vidal Bolaño: a concepción do teatro como “a sofisticada expresión da representación dunha grandiosa festa” (Montse Pena Presas). Pezas que encerran unha forte crítica social, coa incorporación de elementos grotescos e populares, actualizados a través do humor e son apropiadas para o teatro de feira, con apropiación de materia popular de arquetipos galegos, e mesmo coa inclusión de monicreques que, por veces se mesturan cos actores. Xa que logo, farsas que pode entender e gorentar un público xuvenil e mesmo infantil.

Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño

Seis novas pezas teatrais á disposición do lectorado galego, que se engaden ás xa publicadas nos tres volumes editados e que, por riba das celebracións e mesmo algunhas das monografías que xerou a dedicación do Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño, constituirán o mellor agasallo que lle facemos ao dramaturgo, e tamén a nós mesmos, porque Vidal Bolaño, como alguén escribiu, é un medicamento contra a realidade. Ten valor terapéutico.

Biodramaturxia Vidal Bolaño

 

Fóra de Portas

Roi Vidal Ponte

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 161 páxinas.

    Sendo conscientes do pulo promocional que supón para o persoeiro ao que cada ano lle dedica a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas, cómpre aledarse de que, pasado xa un ano do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, e estando a piques de rematar as celebracións correspondentes ao ano que andamos, Edicións Positivas siga apostando pola figura e mais a obra de Roberto Vidal Bolaño. A  edición das súas obras completas -semella moi próxima a chegada ás mans lectoras do volume IV- e a deste libro que se achega dun xeito pouco convencional á vida e á obra do mellor dramaturgo da historia da literatura galega, demostra, ao menos neste caso, que, rematado o Día das Letras, a cultura galega non considera liquidada a débeda co persoeiro de turno e nos nosos selos editoriais non desapareceu o impulso nin a motivación para seguir publicando obras que fagan referencia ao mesmo.

   Por iso a miña entusiasta estimanza desta obra Fóra de Portas que asina Roi Vidal Ponte. Considero que non é un dato menor e por ese motivo o poño en valor, o feito de que o autor do libro sexa fillo de Roberto Vidal Bolaño e da actriz Laura Ponte. Ninguén coma el pola súa formación no mundo da escena e polas súas achegas ao eido teatral (crítico teatral, director de escena, autor de teatro e poesía) para acompañar o lector no percorrido da vida e na análise do teatro de Vidal Bolaño.

   Roi Vidal Ponte ofrécenos, en efecto, un oportuno exame da traxectoria existencial do gran dramaturgo galego, contextualizado no espazo temporal da súa vida: a infancia enchoupada de franquismo; os anos da Transición e da Autonomía. Unha infancia relatada de

Roi Vidal Ponte

xeito entretido, case que coloquial, e vivida nese barrio -pueblo segundo os autóctonos- onde a xente alegra o ánimo pola vista da Catedral. Alí, en Vista Alegre, comeza a súa andaina vital Roberto, o fillo do doutor Vidal; os seus estudos nocturnos; a súa afección á literatura e ao cine. Máis tarde a incorporación ao Equipo Lupa, que encarreiraría ao mozo cara ao teatro e ao cine.

   E a seguir, os distintos socalcos na traxectoria existencial e teatral do dramaturgo que o autor sintetiza de forma acaída e viva desde distintas olladas, dándolle voz a coñecidos e suxestivos narradores que forman parte do percorrido vital e profesional do dramaturgo: o nariz de pallaso, a Lúa, o chapeu que mesmo o identificaba, a furgoneta, a catedral ou o vellouco do Monte Pedroso.

   Unha excelente achega biodramatúrxica, pois logo, que lle descubre ao lector a verdadeira realidade de Roberto Vidal Bolaño. Escrita como é de razón, é dicir, engarzada no tempo e nas circunstancias históricas, sociais, políticas que a Vidal Bolaño lle tocaron vivir. Páxinas, de por parte, alimentadas desde un coñecemento directo, vivencial e desde unha perspectiva moi poliédrica. Remato  amosando o meu convencemento de que seguramente as páxinas deste libro son o mellor retrato da figura de Roberto Vidal Bolaño e así mesmo, unha análise brillante do seu multiforme facer como criatura de teatro nunha dimensión total.

Vidal Bolaño, Obras completas, volume III

 

Obras completas, volume III

Roberto Vidal Bolaño

Edición de Francisco Macías e X. M. Fernández Castro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 273 páxinas.

    No pasado ano alguén chegou a afirmar que Roberto Vidal Bolaño era un medicamento contra a realidade. Remataron as celebracións do Día das Letras Galegas 2013 que lle dedicou  a Real Academia Galega ao autor quizais máis decisivo na historia do teatro galego de todos os tempos e Vidal Bolaño seguirá sendo ese tratamento radical contra a mesta e vulgar realidade de arestora e do futuro grazas aos seus escritos, as súas Obras completas que, consonte con proxecto orixinal, van saído con regularidade dos prelos de Edicións Positivas.

   Como nos dous volumes xa publicados, a edicións das pezas dramáticas deste terceiro afástase dos criterios cronolóxicos. Son nomeadamente criterios temáticos os que presiden a publicación dos seis volumes programados. En efecto, das seis obras editadas neste volume, as tres primeiras (Sen ir máis lonxe, Caprice de Dieux e Cochos) teñen en común o feito de que nas mesmas predominan os soliloquios e agochan trazos autobiográficos do autor. As outras tres (Bailadela da morte ditosa, Memoria de mortos e ausentes e Laudamuco, señor de ningures) comparten o elo do tempo inconcreto. Son atemporais, de sempre.

   A edición destes seis textos dramáticos é responsabilidade de Francisco Macías (as tres primeiras) e as outras tres, de X. M. Fernández Castro, autor do libro referencial, A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (2011).

   Sen ir máis lonxe, a peza que enceta o volume, foi estreada polo Teatro de Aquí o 12 de abril de 1999, actuando Vidal Bolaño como director e actor principal. É unha peza na que abrolla sen eufemismos unha forte crítica social que nos chega  a través dunha falsa charla entre un bufón e o Apóstolo Santiago. Os trazos autobiográficos están encarnados na figura do bufón e na peza final están presentes así mesmo moitos elementos da “cultura da impostura” (Montse Pena Presas) e do exercicio da política do momento no que vive o personaxe que dialoga co Apóstolo. Caprice de Dieux, estreada polo Teatro Antroido en 1995 no Liceo de Noia, actuando tamén Vidal Bolaño como principal actor e director, é un axuste de contas cos poderes políticos galegos que o censuraran  despois da representación de Agasallo de sombras. Abonda con ollar o subtítulo (Discurso cívico para actor e bonecos ou fíxoa boa, señor Conselleiro) e o elenco de persoiros da política daquel momento aos que Teatro Antroido “ten o gusto de lle adicar este discurso cívico” para decatármonos da intensidade da carga crítica deste “antollos de desuses”.  Cochos, estreada por Uvegá Teatro en novembro de 1987, amosa as relacións e peripecias dun campesiño  metido a albanel, emigrante en Alemaña, co espazo hostil, “no celme mesmo da negriza” no que está mergullado. Imposibilidade de integrase nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a regresar a súa aldea natal ata o seguinte verán e negándolle a posibilidade de retornar levando algo de seu: un porquiño de cría. Bailadela da morte ditosa foi representada polo Teatro do Estaribel en 1980 no auditorio de San Domingos. É unha das pezas de Vidal Bolaño na que a morte deixa sentir a súa presenza en formas diversas nos sete cadros da peza que nos achegan sete maneiras de resignarse con ese derradeiro transo, desde a resignación ata o descaro. Memoria de mortos e de ausentes foi estreada en marzo de 1978 en Santiago polo Obradoiro de aprendizaxe teatral Antroido, baixo a dirección do propio dramaturgo. Escrita na súa primeira versión ao ano seguinte do despedimento de Vidal Bolaño da entidade bancaria na que traballaba. Na segunda e definitiva versión inclúe modificacións do espazo escénico. Vidal Bolaño baséase en tradicións populares, contos e poemas de distintos autores galegos e o resultado é unha proposta dramática que presenta unha sorte de “romaxe de ánimas” con presenza da Estadea e da Santa Compaña que teñen un papel central nesta peza.

Roberto Vidal Bolaño

  Finalmente Laudamuco, señor de ningures, peza estreada en maio de 1970 no Colexio La Salle de Santiago. O subtítulo da obra “Pandingada traxicómica do servo e do señor” fala as claras, aínda que de xeito alegórico, da súa intencionalidade de análise das estruturas de poder e dos seus resortes, ollados desde quen os detectan e tamén de quen os sosteñen, ata desaugar nunha visión farsesca, próxima  ao esperpento. O texto de Laudamuco, segundo recente confirmación de Roi Vidal Ponte, fillo do autor, está baseado nalgunhas ideas previas que se lle ocorreron ao dramaturgo mentres facía o servizo militar en Ceuta.

   Outras seis pezas dramáticas a disposición dos lectores galegos, concibidas e paridas polo honesto bufón compostelán. Moi apropiadas para espertar e axitar conciencias neste tempo de impasible conformismo.

   X ateño manifestado que esta non é unha edición crítica das obras de Vidal Bolaño. Os editores manteñen neste terceiro volume os mesmos criterios lingüísticos que xa empregaron nos volumes anteriores: adaptación dos textos á normativa actual, mais con dispares criterios de intervención no campo lexical, respectando sempre as intencións do autor, como tal na escolla á mantenta de castelanismos na procura de verosimilitude.

Textos teóricos de Roberto Vidal Bolaño

Cardernos Ramón Piñeiro (XXV): Roberto Vidal Bolaño. Escritos sobre teatro.

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2013, 147 páxinas.

 

   O pasado 17 de maio saíu do prelo un nove volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, co que esta  colección, destinada a recoller partes descoñecidas do noso patrimonio cultural (textos, bibliografía, homografía, epistolarios…) acada o número XXV. O novo volume, en edición de Luís Cochón e  coa colaboración de Lorena Domínguez Mallo, dedícase por enteiro a publicar algúns textos teóricos de Roberto Vidal Bolaño que o dramaturgo escribiu verbo do teatro de noso.

   Recolle asemade catro achegas de amigos e/ou persoas próximas  a Vidal Bolaño, ao que acompañaron co seu apoio ou labor crítico. Achegas que lle serven de pórtico á edición dos textos do dramaturgo. Podemos así ilustrarnos cun breve escrito de Luís Cochón (“Que quedará do cómico?”) no que  o editor deste libro-caderno repasa as súas propias vivencias, asistindo durante trinta anos “de amizade, de leria, conversas, discusión e cariño” ao quefacer humano e dramatúrxico de Vidal Bolaño, “un santiagués de Vista Alegre”, que sendo “poeta  nunca deixou de ser cómico ou ó revés”.

   Gustavo Luca, noutro texto así mesmo breve (“Fábula do poeta na cadea”), reivindica a honradez intelectual irreprochable do teatro de Roberto Vidal Bolaño dentro do noso panorama teatral, malia as censuras e os ostracismos. Manuel Quintans Suárez, nun texto de maior fondura, analiza o tratamento do mito no teatro de Vidal Bolaño, e máis en concreto, na peza Días sen gloria. Finalmente Xan Vieito (“A querer ser cómico”) escribe a historia do grupo de teatro Antroidio  e a do papel que Vidal Bolaño desenvolveu naqueles anos, unido á figura doutro home ligado á escena e vencellado a Roberto, Xaquín García Marco. Non prescinde Xan Vieito dun rico anecdotario que acompañou algúns das viaxes e actuacións do grupo teatral.

   Oito textos de Roberto Vidal Bolaño, algún deles inédito outros tirados de programas de man ou de distintas publicacións, constitúen o corpo do volume. Saliento entre eles, unha unidade didáctica escolar, “O espacio teatral”  na que o dramaturgo fai un percorrido pola historia das distintas formas de arquitectura teatral, desde que colleu forma en Babilonia, Exipto, Xudea, Grecia… ata os séculos XIX e XX nas distintas coordenadas xeográficas. Considero asemade de gran

Roberto Vidal Bolaño

interese o particular itinerario que fai Vidal Bolaño polo teatro de noso, desde a herdanza do século XIX (Rexurdimento, Irmandades da Fala, o teatro Nós, o teatro na emigración e no exilio, teatro de posguerra) ata  un presente que culmina no ano 1984 coa creación do Centro Dramático Galego. Unha suma de contribucións que fixeron posible que Galicia dispuxese da posibilidade de se outorgar un teatro de seu. Non son menos interesantes as reflexións do home de teatro arredor da obra dramática de Otero Pedrayo (“Teatro con T maiúsculo”).. Un inédito, escrito entre o ano 2000 e 2001 (“A propio intento”), un “texto testamentario do autor a prol da promoción da escrita e aposta en escena de novos textos dramáticos”, pon cabo a este novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro.

   Unha publicación oportuna que recupera para a cultura de noso o pensamento teórico do seu dramaturgo seguramente máis importante ata o de agora: Roberto Vidal Bolaño.



Vidal Bolaño, “Obras completas”

 

  Coa mesma gloria e coa mesma mágoa que acompañaron as celebracións dos anos precedentes, remataron os actos do Día das Letras Galegas deste ano. A “cultura” da efeméride produciu unha chea de actos de loanza de Roberto Vidal Bolaño e os nosos selos editoriais colocaron nas librerías o acostumado monllo de publicacións feitas para a ocasión. Mais todas esas verbas de louvor serán esquecidas en poucas semanas ou meses, agás un proxecto editorial de valor impagable: a publicación das Obras Completas do grande referente do teatro galego, que hai meses emprendeu Edicións Positivas. Media ducia de volumes recollerán para o presente e a posteridade toda a produción literaria de Vidal Bolaño: os textos dramáticos, inéditos algúns deles, e a escrita non dramática do dramaturgo, actor teatral, guionista e actor.

   O pulo, xaora, da dedicación do Día das Letras provocou que Francisco Macías e X. M. Fernández Castro, que xa estaban traballando nunha ambiciosa “Biblioteca Vidal Bolaño”, diante da nova urxencia, decidisen reunir a meirande parte das pezas dramáticas de Vidal Bolaño en seis  tomos, descargados de aparato crítico. Unha edición divulgativa con adaptación á normativa vixente e corrección daqueles castelanismos aos que o escritor recorreu a mantenta na procura de verosimilitude, e que xuntará vinte e tres pezas do dramaturgo compostelán. É  gran legado que nos fornecerá, sen dúbida, dos instrumentos para entender a figura e a obra de Vidal Bolaño e, xa que logo, do teatro galego. Os dous volumes  que ata agora viron luz, recollen algunhas das pezas máis emblemáticas do escritor. Textos de ambiente coetáneo e  influenciados pola sintaxe cinematográfica (volume I), ou textos que comparten un outrora, aínda que seguen a ser moi actuais, como tal A burla do galo, Doentes ou Agasallo de Sombras.

                                           

  Velaquí pois a  disposición do lectorado galego, un amplo ramallete de pezas dramáticas moi apropiadas para espertar a conciencia crítica, agochada, case que sempre, nos grandes discursos oficiais. Vidal Bolaño deulle forma dramática a moitos asuntos fondamente galegos e tamén universais. Na súa degustación atopará o lector azos para, parafraseando a Darío Fo, vencer a crise a través da arte do teatro, cunha nova diáspora de comediantes que mostren ás mentes puritanas e sobre todo aos poderosos deste mundo as súas felonías. Todo iso poderémolo aprender do honesto bufón compostelán.

 (Texto publicado o día 24 de maio de 2013 no xornal El Correo Gallego de Santiago de Compostela)

Mirando baixo o chapeau de Vidal Bolaño

 

Un chapeau negro e un nariz de pallaso

Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño

Libro: Montse Pena Presas

DVD: Gonzalo Enríquez Veloso

Editorial Galaxia, Vigo, 2013, 73 páxinas.

 

   Tendo en conta a adversa climatoloxía destas datas, unha boa maneira de celebrar o Día das Letras Galegas deste ano e enchouparnos na engaiolante figura e personalidade dese home de teatro chamado Roberto Vidal Bolaño, é sen dúbida mergullarnos neste libro / DVD que nos ofrece Editorial Galaxia. De por parte, as dúas realidades, a da imaxe-voz e a letra impresa deste produto editorial, son singulares e moi salientables, malia a súa brevidade.

   Con efecto, da man de Gonzalo Enríquez Veloso, que escribe e dirixe o documental, podemos escoitar e ollar na pantalla as palabras e a figura de Vidal Bolaño en breves escenas -non se conservan moitas-, disfrazado con ese chapeau negro e o vermello nariz de pallaso. E sobre todo acceder ao testemuño de familiares directos (o fillo Roi Vidal, a compañeira Belén Quintáns), de actores e compañeiros que traballaron con el (Carlos Mejuto, Rubén Ruibal, Laura Ponte) e algúns investigadores e editores do teatro galego (X. M. Rodríguez Castro, Paco Macías, Dolores Vilavedra, Inma López Silva). Os seus testemuños achégannos á obra e á figura de Vidal Bolaño como creador e director teatral nas dúas compañías ás que lles deu vida: Teatro  Antroido e Teatro do Aquí. Un documental que quizais sabe a pouco por cousa da súa brevidade.

   A filóloga e crítica literaria Montse Pena Presas agasállanos coa segunda realidade, a da letra impresa. Un achegamento, “un percorrido lúdico e literaturizado aínda que rigoroso” pola obra de Vidal Bolaño. Aplaudo a intención divulgativa deste libro, a súa clareza que o afasta se cadra do lector ateigado de erudición, pero que por iso mesmo non espanta o lectorado descoñecedor da figura e da obra do autor. Montse Pena Presas repasa o percorrido vital de Vidal Bolaño, inserindo no mesmo non só os proxectos teatrais, senón tamén as obras dramáticas que ía creando e dirixindo este “home de teatro total”, que perseguía unha dramática de noso que bebese na tradición popular galega e, ao mesmo tempo, estivese á altura dos tempos actuais.

   Mais se algo, na miña estima, cómpre salientar no desvelo da figura e da obra de Roberto Vidal Bolaño que realiza Montse Pena Presas, son os “fragmentos de vidro do calidoscopio”, co que nos revela, de forma rigorosa e ao mesmo tempo comprensible para todos os públicos, as claves da súa produción dramática que substancio en poucas liñas: interese pola tradición cultural galega, preferencia polos personaxes e ambientes periféricos e marxinais, forte autocrítica social, querenza por un “outrora” , forte pegada da cinematografía, importancia da metatrealidade , recurso á ironía para a construción da sátira, omnipresenza da morte, inexistencia dunha obra dirixida ex profeso  ao público infantil, vontade de autorreferencialidade.

Montse Pena Presas

   Un libro pois que nos achega á figura e a obra dramática de Vidal Bolaño e dalgunha maneira fai viva a súa presenza desde unha escrita concisa, comprensible e á vez moi precisa, amosando a autora unha excelente capacidade de síntese.

   Amalgama, pois logo, de imaxe e palabra falada e escrita para ollar debaixo do chapeau negro e coñecer quen era Roberto Vidal Bolaño.

Vidal Bolaño, Obras completas, volume II

 

Obras completas, volume II

Roberto Vidal Bolaño

Edición de Francisco Macías e X. M. Fernández Castro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 395 páxinas.

 

   Prosegue, ao ritmo pertinente para esta modalidade de traballos editoriais, a publicación das Obras completas de Roberto Vidal Bolaño, edición que leva a cabo Edicións Positivas. Os seis volumes nos que o selo editorial compostelán  xuntará toda a produción literaria de Vidal Bolaño, incluídos os textos non dramáticos, é obvio, e ata necesario, que non estarán rematados para a data do Día das Letras deste ano. Mais esta delonga acredita o bo facer dos editores, Francisco Macías e X. M. Fernández Castro, sobre todo se temos en conta que aínda hoxe seguen inéditas algunhas das obras de Vidal Bolaño. Como xa sinalei no comentario publicado verbo do primeiro volume, con anterioridade á elección pola Real Academia Galega da candidatura do gran referente do teatro galego, oe editores estaban traballado nunha ambiciosa “Biblioteca Vidal Bolaño”, unha edición crítica do corpus literario do dramaturgo galego. Foron sorprendidos pola decisión da RAG e, xa que logo, víronse na “obriga”  de nos achegar unha edición divulgativa do inxente material teatral e dos textos non dramáticos de Vidal Bolaño.

   Quizais algún día poidamos gorentar esa edición crítica das Obras completas do dramaturgo galego. Polo de agora, nestes meses previos ao Día das Letras, viron luz un bo presado de estudos e monografías sobre a figura do dramaturgo e a súa obra. Porén, se algo perdurará e quedará para sempre é a recompilación das  súas Obras completas, malia que estean descargadas de aparato crítico.

   Este segundo volume no que os  editores recollen seis textos dramáticos, comparten en efecto un “outrora”, un tempo anterior aos días que estamos a vivir e que tanto non feren e apesaran. Pero, por iso mesmo, os personaxes e mundos recollidos nestas páxinas seguen a ser moi actuais, seguen falando e testemuñando profundamente para o noso tempo.

   Son estes: Mar revolto (edición de Francisco Macías), estreada no ano 2001. Unha peza que recrea o acontecemento real do secuestro do barco Santa María, co que se pretendía derrubar as ditaduras de Franco e Salazar. O barco, na peza de Vidal Bolaño, convértese nunha verdadeira metáfora do mundo, como apunta Montse Pena Presas. A burla do galo (edición de X. M. Fernández Castro). Publicada e representada  no ano 2000. É unha peza que leva por primeira vez ao teatro galego o mito do donxoanismo. Doentes (edición de Francisco Macías). Estreada no ano 1998 e publicada no mesmo ano, Premio Rafael Dieste de 1997. Unha das obras máis ricaces e complexas da produción do dramaturgo: máis de corenta personaxes distintos; homenaxe á sátira e tumultuosidade  de Luces de Bohemia. Vidal Bolaño sitúa a acción en Compostela, nunha data na que o ditador se hospeda no Hospital Real e por ese motivo os enfermos son postos na rúa. As actas escuras (edición de X. M. Fernández Castro). Publicada en 1997 e estreada en xaneiro de 2010. Como en Doentes, a acción volve situarse e Compostela a finais do século XIX. Unha sorte de peza policial, unha trama de intriga e misterio novelescos, arredor do sepulcro do apóstolo que dará lugar a unha loita entre a razón e as inxenuas crenzas. Días sen gloria (edición de Francisco Macías). Publicada en 1992 e estreada ao ano seguinte, Premio Rafael Dieste e Premio Compostela. Regreso a unha sorte de teatro histórico, á materia xacobea, pero con xentes que están á marxe da historia, vítimas de todas as inclemencias. Pon cabo ao volume Agasallo de sombras (edición de X. M. Fernández Castro). Estreada en 1984 e publicada en 1992. Foi considerada a gran superprodución do teatro galego. É esa “Celebración libre e moi respectuosa, arredor do tempo, a vida e a obra da egrexia poetisa galega dona María Rosalía Rita Castro de Murguía”, que escribe o dramaturgo. Desmitificación e ao mesmo tempo afondamento na figura humana de Rosalía, muller, nai, actriz, á marxe  dos discursos oficiais e canónicos sobre a poeta galega, á que o dramaturgo presenta pouco despois de morrer, nese labirinto ateigado de sombras e espectros que influíron sobre a súa vida.

Roberto Vidal Bolaño

   Velaquí, pois logo, á disposición do lectorado galego seis pezas dramáticas moi apropiadas para espertar a conciencia crítica, agochada case que sempre nos grandes discursos oficiais. Vidal Bolaño deulle forma dramática a moitos asuntos orixinais, fondamente galegos e tamén universais. As pezas recollidas neste segundo volume das súas Obras completas son unha mostra manifesta. Se cadra na súa lectura atope o lector o pulo para, parafraseando a Darío Fo, vencer  a crise a través da arte do teatro, cunha nova diáspora de comediantes que molesten e ridiculicen mentes puritanas e, sobre todo, os poderosos deste mundo e as súas felonías. Todo iso poderémolo aprender de Vidal Bolaño, o honesto bufón compostelán.

Vidal Bolaño, Obras Completas

Obras completas, volume I

Roberto Vidal Bolaño

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 336 páxinas.

 

   Roberto Vidal Bolaño finou en setembro do ano 2002. Foi e segue a ser, na miña estima, o grande referente do teatro galego. Así o salientou a Real Academia Galega para xustificar a elección da candidatura do dramaturgo, director teatral, guionista e actor como o persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2013. Sen a súa figura e a súa obra non sería posible comprender a dimensión do teatro galego, e, xa que logo, do noso sistema literario.

Teño constancia de que con anterioridade a elección da RAG se preparaba  a publicacións das súas obras completas. E así o confirman os editores deste primeiro volume, X. M. Fernández Castro e Francisco Macías: estaban traballando nunha ambiciosa “Biblioteca Vidal Bolaño”, unha edición crítica, sen dúbida” das obras completas do dramaturgo cando foron sorprendidos pola decisión da Real Academia Galega. Xa no ano 1995, na entrada correspondente a Roberto Vidal Bolaño no Diccionario da Literatura Galega, Tomo I se facía alusión á inxustiza que o mundo editorial galego lle estaba a facer ao non ter publicado a súa produción escrita, aínda que se recoñecía que esa inxustiza estaba comezando a ser reparada. Sexa como for, nos últimos dezasete anos pouco mellorou a situación editorial da ampla obra dramática de Vidal Bolaño.

O pulo, xaora, da dedicación ao autor do Día das Letras Galegas está provocando os mesmos efectos de todos  os  anos. Durante uns meses ve luz un presado de estudos e monografías sobre a figura do dramaturgo e a súa obra. E o que é máis importante:  Edicións Positivas publicara ao longo dos vindeiros meses a Obra Completa de Vidal Bolaño en media ducia de tomos. Os cinco primeiros con textos dramáticos. O sexto con achegas do autor ao ensaio e ao mundo audiovisual.

Neste primeiro volume, reúnen os editores seis pezas dramáticas: Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros e Saxo tenor. Todas elas con textos descargados de aparato crítico, con intención divulgativa sobre todo. Porén, os textos están adaptados á normativa actual, feito que supuxo unha intervención de “maneira decidida” na estandarización dos campos ortográfico, fonético, morfolóxico e sintáctico. Verbo do campo lexical esta edición segue criterios marcados por razóns dispares: non se depuran os castelanismos que o autor emprega a mantenta na procura da verosimilitude. Pola contra, corríxense aqueloutros cometidos por urxencias escénicas ou por mor da “retardada alfabetización en lingua galega” do autor e da súa xeración.

Roberto Vidal Bolaño

A edición das Obras Completas de Vidal Bolaño afástase do criterio cronolóxico, aínda que as pezas recompiladas neste primeiro tomo foron escritas e estreadas na década dos noventa, agás Animaliños que é do 2002, e a última obra escrita polo dramaturgo, Integral, editada igualmente no 2002. Os editores empregan xa que logo criterios temáticos: obras que tematizan historias coetáneas e influenciadas pola sintaxe cinematográfica.  Boto en falta, porén, unha elemental ficha técnica no pórtico de cada peza con unha breve información sobre a data da súa composición, da súa estrea, premios e primeira edición. Datos que coido axudarían ao lectorado a situar  dun xeito máis congruo o texto dramático. Unha información sinxela que non canga esta edición divulgativa que recibimos con alegría porque nos fornece dos instrumentos necesarios para entender como cómpre a figura e a obra deste grande escritor galego.