Luís Seoane para pequenos e grandes

Luís Seoane para as nenas e nenos galegosLuis Seona de Loli Beloso
Loli Beloso Neira
Limiar de Xosé Neira Vila
Introdución de Lino Lago
Debuxos portada e interior de Rubén Calles Lijó
Deseños de Loli Chan Beloso
Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2014, 60 páxinas

Despois do éxito do libro, editado e reeditado en 2013, que Loli Beloso lle dedicou a Isaac Díaz Pardo, proxectando a súa figura e a súa obra para os noso cativos, as nenas e os nenos galegos, e seguindo o seu ronsel, a autora, “muller de aguda sensibilidade” como escribe Xosé Neira Vila, no limiar (“Entrañable Seoane”), e testemuñan todos os que a coñecen, sorpréndenos dun xeito moi oportuno e favorable con este novo libro, Luís Seoane para as nenas e nenos galegos, editado hai uns meses. Unha escolla moi acertada -remítome de novo ás palabras de Neira Vila- debido á amizade que uniu aos dous persoeiros, e ás iniciativas e proxectos que puxeron en pé tanto en Galicia como en Arxentina.
O libro é froito de amor desta muller pola cultura galega e da admiración por aqueles que se involucraron activamente na súa medra. Mais tamén dun bo coñecemento vivencial da figura de Luís Seoane, e sobre todo das súas obras, pois Loli Beloso tivo a oportunidade de contemplar recentemente a manchea de murais e obra gráfica que Luís Seoane deixou en Bos Aires, e de conversar na Magdalena (Arxentina) con amigos e compañeiros de escritor e artista plástico..
A autora reproduce a traxectoria vital de Luís Seoane e analiza a súa obra como escritor, artista plástico e difusor cultural, seguindo, como dixen, o modelo da súa anterior publicación dedicada a Isaac Díaz Pardo. En formato dun conto no que seis nenas e nenos, actuando como verdadeiros protagonistas e mesmo descubridores, pescudan a vida de Luís Seoane e achéganse a súa obra: A emigración dos país a Arxentina por culpa da miseria daqueles tempos; o nacemento do pícaro e o regreso con seis anos a Galicia; os seus estudos, o avezamento coa tradición cultural galega, nomeadamente coa Galicia campesiña; coñecemento e amizade cos artistas galegos (Colmeiro, Eiroa, Maside); as súas primeiras experiencias coas artes gráficas na imprenta Nós; o namoro con Maruxa; a fuxida a Bos Aires na Guerra Civil; a voda accidentada mais fermosa no porto bonaerense; os numerosos colegas e amigos en Arxentina; fundación de selos editores e revistas, con especial referencia a “Galicia Emigrante”; bibliografía de Seoane; as súas facetas como artista plástico (gravados, murais, óleos); a colaboración con Díaz Pardo na fábrica de porcelanas da Magdalena (Arxentina). E finalmente, o retorno a Galicia e a cooperación con Díaz Pardo no Laboratorio das Formas, na recuperación de Sargadelos e creación doutras iniciativas a prol da cultura como Ediciós do Castro e o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, en conxunto, un dos proxectos más sobranceiros de restablecemento da identidade e memoria histórica galega.

 

Loli Beloso, X. Neira Vila e I. Díaz Pardo

Loli Beloso, X. Neira Vila e I. Díaz Pardo

Unha pequena publicación canto as súas páxinas, percorrida por unha clara intención didáctica, froito do amor á escritura dunha persoa “non profesional” da mesma (se así se pode falar dalgún ou dalgunha escritor ou escritora galego ou galega!).. Non entanto, a monografía de Loli Beloso amósalle ás nenas e aos nenos galegos, mais non só a eles, a humanidade, a creatividade e a dedicación a Galicia dun dos seus fillos máis dignos e preclaros do século XX.
A autora dá no albo cos saltos cronolóxicos ao tracexar a aventura vital de Luís Seoane, saltos enteiramente acaídos á mentalidade infantil e á estrutura contista da publicación, que sae á luz co valor engadido de numerosas ilustracións, algunhas delas fotografías do seu home, Xesús Chan, tiradas non hai moitos meses en Arxentina. Libro, de por parte, solidario, xa que a autora dedica unha parte do recadado na venda do mesmo á Fundación de Medicina Xenómica de investigación e loita contra o cancro que dirixe o Doutor Angel Carracedo en Santiago de Compostela.
Pola miña parte, desde a modestia destas liñas, parabenizo a autora por este novo chanzo na difusión da cultura galega e no seu fermoso mergullo na traxectoria vital e cultural dun dos galegos más ilustres.

O Isaac dos nenos galegos

 

Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos

Loli Beloso Neira

Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2013, 56 páxinas

   

   Como escribiu Xosé Ramón Fandiño, o 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo internouse   para sempre polo vieiros da saudade. Desapareceu a súa enxoia figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos, tras noventa e un anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo. O incansable labor dese campión da ética, da arte e do pulo industrial, gobernado por criterios ben afastados das políticas capitalistas hexemónicas, acaba de ser recuperado arestora por Loli Beloso Neira nunha publicación editada por Finis Terrae Ediciones, Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Un impagable galano editorial fermosamente ilustrado por Rubén Calles Lijo coa colaboración de Loli Chan Beloso. Un limiar, escrito coa pluma do corazón, por Xosé Neira Vilas achéganos aos últimos días de Díaz Pardo e á súa relación de agarimo que con el tivo Loli Beloso nos derradeiros anos da vida de Isaac, “o Sol de Galicia” como o cualifica a autora.

  

Isaac Díaz Pardo e Loli Beloso

Nesta publicación, escrita ao xeito dun conto para nenos, Loli Beloso acércanos á traxectoria vital, artística, empresarial e sobre todo humana de Díaz Pardo. A autora, botando man dunha escrita sinxela para que os cativos da nosa terra non teñan ningunha barreira ou atranco co seu texto, percorre a vida de Isaac desde o seu nacemento en Santiago ata os últimos anos ateigados de tristura e amargor ao ver a súa obra rachada en anacos por aqueles que se aproveitaron da súa xenerosidade no ano 2006, o ano da traizón.

   Díaz Pardo, un home renacentista que xa desde os primeiros anos da posguerra asumiu a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria de Galicia, revive, nas páxinas de Loli Beloso, como pintor, ceramista, editor, escritor, empresario e creador de millentas iniciativas a favor da cultura de noso. Mais Loli Beloso amósalle sobre todo ás nenas e nenos galegos a inxente humanidade e xenerosidade dun galego universal, seguramente o intelectual que máis loitou pola cultura galega nos últimos setenta anos. Así o reflicte este conto biográfico que escribe Loli Beloso, tamén co propósito de que unha parte do recadado na venda do mesmo será destinada para a investigación do cancro.

 (Texto publicado o día 19 de setembro de 2013 no xornal El Correo Gallego.para ver o orixinal, facer clic aquí)

Fragmento

Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Loli Beloso e Carmen Arias de Castro (Mimina)

 “Queridos nenos e nenas, ISAAC DÍAZ PARDO foi un ser humano marabilloso, digo foi porque morreu. Pero persoas coma el xamais se van, sempre estará no noso corazón, na nosa mente, nos nosos ríos, montañas, prados…Toda Galicia sabe a el. Durante toda a súa vida, como se fose un misioneiro e, dende moi pequeno, loitou pola cultura galega e afanouse en axudar a todo aquel que o precisou.

Con asombro, os catro cativos preguntan ao mesmo tempo: por que anos tristes e amargos?

-Queridiños, prestade moita atención:

No ano 2006, a Isaac aconteceulle algo que nunca, nunca debeu pasar, destituírono de todos os seus cargos da obra, que con tanto esmero e sacrificio fundou para o noso pobo, polo que Galicia chorará sempre quedando ferida de morte e co corazón roto en anacos. Isaac reflícteo na súa derradeira exposición que titulou Pinturas e Fracasos, inaugurada o 14 de febreiro do 2011 na Casa da Parra, en Santiago de Compostela, e no libro de dita exposición, Isaac fai unha síntese da súa vida onde di textualmente:«Tras a morte de Seoane tentei serlle o máis fiel e ser o máis xeneroso coas xentes que traballaban de acordo coa súa responsabilidade. Mais isto non foi entendido por todos. Algúns aproveitando a xenerosidade que Seoane me ensinara a ter, no ano 2006 provocaron a situación na que hoxe se atopa o complexo Sargadelos e que representou o máis importante e definitivo fracaso da miña vida, pois quedamos absolutamente arruinados, xa que non voltei a recibir unha peseta de Sargadelos. E para poder vivir nestes catro anos, tivemos que vender moitas cousas entre elas o piso que tiñamos en Madrid que no seu día serviu para recoller aos exiliados que voltaban e que garda historias, entre elas a morte de Lorenzo Varela»

-Polo que estamos escoitando tamén axudou aos noso exiliados co seu bo facer paternal para con eles, sabían que podían contar con el para o que lles fixera falla e grazas a el voltaron a nosa terra. Era todo xenerosidade -exclamou Susiño.”

 (Loli Beloso Neira, Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos, páxinas 44-45. As imaxes que ilustran esta entrada foron tomadas por Xesús Chan o  28 de agosto de 2011, día do derradeiro cumpreanos de Isaac Díaz Pardo, no seu estudo do Castro )