Polas Raias secas e molladas

Arraino entre Arraianos

X.L. Méndez Ferrín

Adral de Xosé Benito Reza

Limiar de Aser Álvarez

Edicións Positivas / Revista Araianos, Santiago de Compostela, 2017, 183 páxinas.

 Hai ben de anos que decidín colectar todos os artigos que Xosé Luís Méndez Ferrín publicaba no xornal Faro de Vigo. Aquelas “Segunda feira” que aparecía os luns e “Os camiños da vida” dos venres, porque tamén eu acudía “coma un lobo solitario” á lectura dos artigos de Ferrín, xa que me decataba de que rachaban os “fíos de seda aceda”  capaces de tecer a arañeira que estrangula calquera manifestación discrepante da do poder establecido. Menos os fíos de seda de Méndez Ferrín que nunca, ao menos na súa escrita, tivo medo, se cadra grazas ao seu pensar  dialecticamente metaforizados na espiral, un símbolo que nutre moitos dos seus libros.

Se na súa lírica o “numen de mel e ferro ruibo” como din as palabras derradeiras do poema “Tito Lucrecio Caro” de O fin dun canto, e nos seus relatos e novelas abrolla un mundo propio ateigado de forza e incitacións, á vez que evocan lucidísima imaxinación, atmosferas de mundos idos (como tal, aquela asneira que entrou de vez na Universidade de Santiago), nos seus artigos xornalíticos escritos con pulos e verbas para alén dos indispensables eruditos e vans ensaístas, afoutase co risco do pensamento, coa teima de propoñer enunciados, en pequenas achegas e proporcións, esteados na ilustración crítica ou na revolta intelectual, capaz de guindar os dados como enunciara Mallarmé. Nos artigos de “Segunda feira” ou de “Os camiños da vida”, atopa o lector perseverante anticipacións, revoltas e referencias desviadas ou heterodoxas para o pensamento dominante, saídas da pluma dese vate, guía e testemuño, Méndez Ferrín, que representa hoxe en día á literatura galega..

Non é a primeira vez que o labor xornalístico de Méndez Ferrín aparece recompilado nun libro. No ano 1998, en edición de Antón Capelán, Edicións Xerais publicaba as Prosas completas de Dosinda Areses, un dos heterónimos que empregou Ferrín naqueles anos da Reforma política. As colaboracións que viron luz nos xornais El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes e na revista A Nosa Terra. As prosas da “inesquecible e vella patriota” Dorinda Areses / X. L. Méndez Ferrín constituíron un dos fitos do xornalismo galego nos anos da Reforma política.

Arestora, en idea orixinal de Aser Álvarez (Revista Arraianos) e con escolla de Francisco Macías, aparecen en Edicións Positivas sesenta e oito textos que son unha parte minúscula, mais significativa das achegas de Ferrín ao Faro de Vigo. O libro cun significativo título Arraiano entre Arraianos, danos noticia do celme destes textos que o propio escritor describía deste xeito: “… nos artigos había un discurso literario meu que ía configurando un territorio de ficción e, ao mesmo tempo da realidade que vén sendo o espazo da Raía seca pero tamén da Raía mollada”

Artigos publicados ao longo dos últimos vinte e cinco anos, moitos deles reivindicativos, outros informativos, que tamén é outra forma de esixir, de reclamar cando o enxeño e unha colosal memoria nos fan palpar o sentir arraiano que, como escribe Xosé Benito Reza -outro que sabe de todos os recunchos, recantos, penedos e regatos de Galicia- autor do Adral deste libro, é un sentimento que nada ten que ver coa idea de fronteira.

 

X. L. Méndez Ferrín

Na xanela do faro de Vigo, Méndez Ferrín foi confirmando un relato das fronteiras de Galicia, das súas Raías, as interiores e as exteriores, os confíns dos verdes castros, os nomes e topónimos, as Galicias extraterritoriais, as serras que se ergue nas nosas Raias, os ríos e os bacelos do país, os osos soñados, e moitas outras crónicas e historias, sen esquecer as dos Montes de Laboreiro que nos aproximan a este pequeno pero único universo que é Galicia.

Un amplo Limiar de Aser Álvares no que dá conta de cómo se foi creando este libro e algunhas ilustracións -espectacular a de Emilio Araúxo na páxina 138- fan que este libro non sexa soamente unha posposta para libertarios e contrabandistas da palabra, senón tamén para traficantes -arraianos ou non-  de fermosuras.

Bruídos contra o desacougo distópico

Últimos bruídos

Marga Tojo

Ilustración da capa: Loi Fernández

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2016, 43 páxinas.

 

Marga Tojo debuta na literatura cunha peza literaria que non acostuma ser o xénero máis doado, mais si o máis natural, porque, como afirma a autora, ela tamén escribiu versos desde nena. Cativouna desde sempre o poder das palabras, “as primeiras cousas que se secuestran nos contextos da opresión”, pero tamén posuidoras da capacidade de destapar realidades silenciadas. É a particular poética desta escritora primeiriza, “unha poeta moi namorada do xornalismo” como ela mesma confesa. Cumpriría engadir que o que é difícil reside na capacidade de vivir, ata as derradeiras consecuencias, a vida do poema, facer materia de memoria a experiencia da vida. Só así a poesía é capaz de arrincarlle algo a morte, como, xa hai moitos anos, o expresa Andrè Mauraux.

A autora, filóloga de formación, exerceu o xornalismo a pulso en Galicia Hoxe e noutros medios.E tamén foi vítima da crise desencadeada desde as cúpulas das grandes ou pequenas empresas de comunicación. Mais iso permitiulle retomar as súas orixes: esa posibilidade de facer fermosura coas palabras, aínda que coas mesmas se fale de escenarios distópicos, porque hoxe o mundo é o grande teatro das distopías, como nolo fai penetrar con palabra potente Marga Tojo, nese seu primeiro poema “Mapa”, salferido de amor -tamén da súa expresión a través do sexo cun ciborg, un ser asexuado-, e de todos os berros da dor e da opresión no mundo de arestora: o son rouco do abafo dos que foron exterminados, despois de camiñaren durante semanas, o militarismo patriarcal ao que lle urxen as guerras, a sociedade deshumanizada, alienada no “consumo como comportamento afectivo, ou o dogma, o monoteísmo do traballo remunerado -escravizante- como imperativo moral

O segundo poema, “A Guerra dos Dous Meses” reflicte outra historia de amor cun morto vivente, alguén que podrece: “…un ente rosmante / que consume esforzos alleos” (páxina 24), a claudicación de todos os soños. E como contexto obrigado desta relación cunha persoa das que “tiran a vida abaixo”, a choiva, o arroiar en Santiago, e o compango brutal de millóns de cidadáns forzados ao suicidio, deportados e tantas mulleres violadas.

“Os días comúns” o terceiro poema, é unha breve historia, tinguida igualmente pola distopía, co inquérito de que se aquilo que se traizoa cando se vive, non será  a única felicidade posible (páxina 31).

No último poema , “Derradeiras horas de Renata M.”, a voz poética diríxese a unha muller á que van asasinar. Fala a persoa que convive con Renata M., e, hora tras hora, amósanos a barbarie que rodea á muller ata que acaban de matala.

 

Marga Tojo

Un libro duro, áspero, que tradea non só os sentimentos, senón tamén as conciencias. Escrito non con palabras sabedeiras ou larpeiras, senón arrequentado cunha lingua que soa coma o torbón; e teselado pola presenza dos personaxes femininos que son os que poñen o quiñón dos afectos, as que apostan pola vida.; un pequeno antídoto fronte os ouveos, berros e mentiras que pretender facernos pacíficos e silentes cidadáns as versións oficiais. Outro chanzo é Santiago de Compostela: escenario da distopía e do contraste, afirma a autora.

Poemas e versos enteiramente narrativos. Marga Tojo transgride á mantenta os xéneros literarios e agasállanos cunha escrita cimentada na superación do contexto tradicional de poesía.

Un libro relevante que espella sen enganos nin eufemismos a experiencia deste mundo de hoxe ben presente nos versos de Últimos bruídos, e que semella un pavoroso adianto dunha utopía negativa.

“Corazón e demais tripas”: para ler cunha soa man

corazon-e-demais-tripasCorazón e demais tripas

Emma Pedreira

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2016, 79 páxinas.

 Son contados, e case que sen nome, os templos nos que se lles tributa culto á erótica, esa afección tinguida de desexo, e tamén xénero literario, que ten que ver coa recuperación dunha manchea de cousas. En primeiro lugar, coa recuperación dos corpos silenciados e transgresores que agochan no seu interior todo aquilo que a cultura patriarcal impuxo coas súas prácticas e tamén coas súas prédicas e relatos. Na literatura galega, eses templos ou ao menos pequenas capelas, son practicamente inexistentes, coa excepción de Edicións Positivas que, dunha forma máis ou menos regular, mantén o premio e a colección “Narrativas quentes”.

A literatura erótica segue a ser un terreo certamente difícil e pantanoso en boa medida, que admite opinións encontradas, xa que no é doado fixar os lindes do erotismo, posiblemente o xénero máis borroso e embarazoso á hora de  precisalo. Lembro un dos criterios do xurado dun premio literario, La Sonrisa Vertical, presidido por Luís García Berlanga ata a súa suspensión no ano 2004: os bos libros, susceptibles de se faceren co premio, terán que reunir dúas condicións: tensión erótica e unha satisfactoria elaboración literaria.

Ambos retos supérao este pequeno mundo de relatos de Emma Pedreira co que arestora nos agasalla Edicións Positivas, unha  forma, segundo a definición da autora de “ridiculizar, animalizar, personalizar, ironizar ou des-intimar sobre o desexo”.

Certamente que nos relatos de Corazón e outras tripas flúe lizgairo, achegándonolo sen eufemismos, o mundo do sexo, do amor erótico. E ese correr pola páxinas deste pequeno volume, faino a través dunha ampla diversidade de historias. Amalgámanse entre si para formar un todo continuo, un todo variado? Non, na miña estima, agás dúas excepcións e malia que algúns personaxes aparecen en varias historias. En primeiro lugar porque os temas, non obstante incidir todos eles nas relacións físicas sexualizadas son diferentes. E o mesmo cómpre dicir das fórmulas empregadas que van desde o relato de dúas ou tres páxinas, os microrrelatos, ata poemas de un ou dous versos ao xeito de haikus. Estilo directo, escrita espistolar, recreacións, receitas culinarias, crónicas xornalísticas… Exclúo deste xuízo   dúas series de relatos que a autora nos fai ler en entregas repartidas ao longo do libro: as oito cartas “Ao Ilustrísimo Monseñor Abé de Materviagris” que poderían  ser un fértil e atractivo piar para unha novela breve verbo do erotismo monxil: a dona novicia que, de noite, corre espida polo adral da abadía incitando a condutas lascivas de todas as irmás que empezan a se tocar, malia que saiban que iso é pecado. Tamén os cinco relatos da serie “Words”, unha pescuda de palabras para formar un dicionario de filias ben curioso que vai desde agalmatofilia a ipsofilia.

 

Emma Pedreira

Emma Pedreira

Porén, en ningún dos relatos escamotea a autora unha tonalidade divertida e mesmo desenfadada. Historias temperadas con moito ludismo, suturando sexo e humor; escritas coa forma de expresarse que emprega a xente cando fala do sexo ou o practica. Un xeito de desacralizar a sexualidade e o erotismo devolvéndolle o que realmente é: unha relación humana festiva, aínda que non sexa o mesmo que beber un vaso de auga, mais tampouco beber bágoas.

Non debe ter dúbidas o lector, xa que  nesta ampla compilación de historias eróticas atopará a ballón brincadeiras tan heteroxéneas como desenvoltas, aptas para folgar e mesmo para coller o libro cunha soa man, como recomenda a voz narrativa no relato “Man a man”. A tenrura das tetas da obesa muller serea; acadar o climax cada vez que á poeta lle dá por escribir prosa erótica; coleccionistas de cus ao estilo Guttemberg; follar sen desaproveitar ningún zume; un Señor Don Hamlet absolutamente navegable; o sexo detrás do carriño dos chuches; bragas tecidas con cabelo de anxos, comestibles xa que logo; a muller con catro pernas e dúas conas que, como cortesá, ofrece a variedade do amor a seis patas; peles con peles; rozaduras de coxas; buracos corporais como telescopios; o cu que non se pronuncia pero que se sobreentende…

En fin, un erotismo que integra moitos niveles de experiencia, mais enaltecido grazas á forma estética: Afastado do previsible, do momentáneo, que fai abrollar e engrandecer o desexo. E iso é saúde.

Vidal Bolaño, Obras completas, volume IV

Obras completas, Vidal Bolaño, IVObras completas, volume IV
Roberto Vidal Bolaño
Edición de X.M. Fernández Castro e Francisco Macías
Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 218 páxinas

Edicións Positivas prosegue con este volume a publicación das obras completas de Roberto Vidal Bolaño, o grande referente do teatro galego de todos os tempos. O selo editor compostelán ten programado editar en seis volumes toda a produción literaria de Vidal Bolaño.. Cinco volumes para a obra dramática e o derradeiro para os textos non dramáticos (Audiovisual e Pensamento). Hai aproximadamente doce meses que rematou o ano que a Real Academia Galega lle dedicou ao dramaturgo, director teatral, guionista e actor, ao declarar a Roberto Vidal Bolaño persoeiro do Día das Letras Galegas 2013, e as Obras completas de Vidal Bolaño, consonte co proxecto orixinal van saíndo con regularidade dos prelos do selo editor compostelán.
Non é esta unha edición crítica do legado literario de Vidal Bolaño. Os editores, X. M. Fernández Castro e Francisco Macías manteñen neste cuarto volume os mesmos criterios lingüísticos que xa empregaran nos volumes anteriores: adaptación dos textos á normativa actual, mais con dispares criterios de intervención no campo lexical, respectando con todo as intencións do autor, entre elas as escollas á mantenta de castelanismos na procura de verosimilitude. Asemade, os textos chéganlle ao lector descargados de aparato crítico, dado que -este foi o criterio dos editores- o que urxía era dar forma divulgativa ás obras de Vidal Bolaño. Un criterio que cobra maior forza, se cabe, na publicacións das pezas dramáticas reunidas neste IV volume, inéditas ata o de agora, agás, Ladaíñas pola morte do meco e Touporroutou da lúa e do sol, publicadas no seu día en edicións minoritarias que no acadaron a necesaria distribución.
As seis pezas recollidas neste volume constitúen o que os editores denominan “pezas de portas abertas” de Vidal Bolaño. Pezas de portas abertas porque, quer por estaren pensadas para sacar as montaxes á rúa, quer por non discriminaren o público para entrar nos teatros por razóns de idade.
E, en efecto as seis pezas desde volume cumpren con esas premisas. Tanto Ladaíña pola morte do meco, peza representada no ano 1978 pola compañía As Traiñas, como Ruada das papas e o unto, representada por Antroido en 1981; Antroido na rúa, representada igualmente por Antroido en 1978 e OATA e O Toxo, en 1979; Touporroutou da lúa e do sol (Antroido, 1996); Xaxaxa, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón, ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón (Antroido 1979), e finalmente Romance dos figos de ouro (Antroido 1993) axústanse aos preceptos nos que acreditaba Vidal Bolaño: a concepción do teatro como “a sofisticada expresión da representación dunha grandiosa festa” (Montse Pena Presas). Pezas que encerran unha forte crítica social, coa incorporación de elementos grotescos e populares, actualizados a través do humor e son apropiadas para o teatro de feira, con apropiación de materia popular de arquetipos galegos, e mesmo coa inclusión de monicreques que, por veces se mesturan cos actores. Xa que logo, farsas que pode entender e gorentar un público xuvenil e mesmo infantil.

Roberto Vidal Bolaño

Roberto Vidal Bolaño

Seis novas pezas teatrais á disposición do lectorado galego, que se engaden ás xa publicadas nos tres volumes editados e que, por riba das celebracións e mesmo algunhas das monografías que xerou a dedicación do Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño, constituirán o mellor agasallo que lle facemos ao dramaturgo, e tamén a nós mesmos, porque Vidal Bolaño, como alguén escribiu, é un medicamento contra a realidade. Ten valor terapéutico.

“Intensa e quente é a túa humidade azul”, un chanzo para a literatura pornográfica en galego

Intensa e quente é a túa humidade azulIntensa e quente é a túa humidade azul
Xulio Pardo de Neyra
Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 295 páxinas

Este libro que viu luz hai uns meses, é, segundo a presentación editorial, a primeira novela propiamente pornográfica da literatura galega. Unha novela que fai literatura do sexo explícito, non exenta de provocación, en palabras de seu autor, Xulio Pardo de Neyra, profesor de galego na Universidade da Coruña, prolífico investigador no eido da literatura galega e a única persoa, segundo nos din, que no estado español conta con tres teses de doutoramento xa defendidas. Mais o libro aparece en “Narrativas quentes” de Edicións Positivas, a única colección de prosa erótica do noso sistema literario.
Non resulta doado distinguir entre o erotismo e a pornografía porque as diferenzas son moi sutís e relativas. Dependen das liñas argumentais e dos estereotipos, que son, antes que outra cousa, subxectivos (éticos, sociais, psicolóxicos, estéticos, feministas, machistas…). Fálase de que a diferenza entre o erótico e o pornográfico depende da sutileza ou da crueza coas que se desenvolve o contido argumental. Nunha consideración na que prime a ética, a pornografía asociaríase coa sexualidade pervertida. Mais os antropólogos e historiadores dos nosos días teñen amosado con abonda claridade a relatividade cultural do concepto perversión. Así por exemplo, cando Pierre Klossowski describe, no contexto da Francia do século XX, a un home que goza co feito de que a súa muller se entregue sexualmente a outros homes, moitos moralistas seguramente considerarán esta acción como pervertida. Non entanto, para os esquimós un comportamento desta natureza non é outra cousa que a expresión dos costumes convencionais da hospitalidade. Caben outras moitas consideracións como as propostas sociolóxicas que definen o erotismo como a pornografía das clases dominantes, mentres que a pornografía sería unha actividade de menor categoría, relacionada coa clase dominada e, xa que logo, unha ameaza para o statu quo, ao revés do erotismo.
Sexa como for, non semella difícil concordar que tanto o erotismo como a pornografía son manifestacións da sexualidade, unha actividade reprimida pola tradición intelectual xudeu-cristiana; a actividade, porén que na opinión de pensadores como Georges Bataille e Michel Focault é o principal problema co que se enfronta a humanidade. Por iso, mesmo os poetas e narradores da nosa historia occidental -tamén os autores das cantigas galaico portuguesas- nunca deixaron de falar do sexo.
Benvidos sexan pois eses subxéneros de literatura, chámese erótica ou pornográfica, cociñados co lume que agocha o pulo e a maxia sexual, a contumacia da carne, porque tamén contribúen como o ensino en galego, o cine en galego, a xustiza ou a liturxia en galego á normalización da lingua de noso.
Unha expresión explícita e brava do sexo é o que Xulio Pardo de Neyra persegue nesta novela. E faino mediante unha escolla non demasiado orixinal: unha historia de dominación protagonizada por unha muller nova e un home maior que desenvolve o papel de amo ou dominador. Unha trama para moitos lectores claramente machista, xa que supón o dominio dunha persoa -un home neste caso- sobre outra -unha muller- que acepta tal sometemento e mesmo goza con seu propio asoballamento e humillación. Mais coido que non son intereses machistas nin androcétricos os que

Xulio Pardo de Neyra

Xulio Pardo de Neyra

procura o autor. Na miña estima, a trama reflicte algo que hai, que acontece a cotío na nosa sociedade. A historia dunha fascinación física que de contado se converte nunha relación sexual de submisión e dominio, e na que se narran sen ningún eufemismo actos sexuais explícitos, pode ser xulgada desde unha perspectiva xenérica feminista e mesmo misóxina e, xa que logo, mandar a novela a unha metafórica purificación polo lume, pois que a súa trama argumental é algo politicamente incorrecto.
Porén, considero que non é esa a tarefa que lle corresponde á crítica, senón a de valorar as obras literarias pola súa calidade literaria, malia que o libro presente o mundo do sexo non convencional. E Intensa e quente é a túa humidade azul non desmerece doutro tipo de obras do mesmo subxénero, por moito que nos poida repeler a súa lectura, mesmo á marxe de criterios morais. Ou que o “darse” por enteiro ao lector non produza o pracer ou as sensacións carnais que Roland Barthes demandaba para o subxénero erótico. A orquestración estrutural da novela, así como o ritmo do relato e a construción do perfil psicolóxico dos personaxes non renxen coas convencións propias do xénero narrativo.
Chama a atención a escolla lingüística na que o autor desenvolve a súa proposta: case portuguesa coa ortografía da actual normativa do galego. Elección que non me semella oportuna desde a perspectiva normalizadora á que me referín máis arriba.

Biodramaturxia Vidal Bolaño

 

Fóra de Portas

Roi Vidal Ponte

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 161 páxinas.

    Sendo conscientes do pulo promocional que supón para o persoeiro ao que cada ano lle dedica a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas, cómpre aledarse de que, pasado xa un ano do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, e estando a piques de rematar as celebracións correspondentes ao ano que andamos, Edicións Positivas siga apostando pola figura e mais a obra de Roberto Vidal Bolaño. A  edición das súas obras completas -semella moi próxima a chegada ás mans lectoras do volume IV- e a deste libro que se achega dun xeito pouco convencional á vida e á obra do mellor dramaturgo da historia da literatura galega, demostra, ao menos neste caso, que, rematado o Día das Letras, a cultura galega non considera liquidada a débeda co persoeiro de turno e nos nosos selos editoriais non desapareceu o impulso nin a motivación para seguir publicando obras que fagan referencia ao mesmo.

   Por iso a miña entusiasta estimanza desta obra Fóra de Portas que asina Roi Vidal Ponte. Considero que non é un dato menor e por ese motivo o poño en valor, o feito de que o autor do libro sexa fillo de Roberto Vidal Bolaño e da actriz Laura Ponte. Ninguén coma el pola súa formación no mundo da escena e polas súas achegas ao eido teatral (crítico teatral, director de escena, autor de teatro e poesía) para acompañar o lector no percorrido da vida e na análise do teatro de Vidal Bolaño.

   Roi Vidal Ponte ofrécenos, en efecto, un oportuno exame da traxectoria existencial do gran dramaturgo galego, contextualizado no espazo temporal da súa vida: a infancia enchoupada de franquismo; os anos da Transición e da Autonomía. Unha infancia relatada de

Roi Vidal Ponte

xeito entretido, case que coloquial, e vivida nese barrio -pueblo segundo os autóctonos- onde a xente alegra o ánimo pola vista da Catedral. Alí, en Vista Alegre, comeza a súa andaina vital Roberto, o fillo do doutor Vidal; os seus estudos nocturnos; a súa afección á literatura e ao cine. Máis tarde a incorporación ao Equipo Lupa, que encarreiraría ao mozo cara ao teatro e ao cine.

   E a seguir, os distintos socalcos na traxectoria existencial e teatral do dramaturgo que o autor sintetiza de forma acaída e viva desde distintas olladas, dándolle voz a coñecidos e suxestivos narradores que forman parte do percorrido vital e profesional do dramaturgo: o nariz de pallaso, a Lúa, o chapeu que mesmo o identificaba, a furgoneta, a catedral ou o vellouco do Monte Pedroso.

   Unha excelente achega biodramatúrxica, pois logo, que lle descubre ao lector a verdadeira realidade de Roberto Vidal Bolaño. Escrita como é de razón, é dicir, engarzada no tempo e nas circunstancias históricas, sociais, políticas que a Vidal Bolaño lle tocaron vivir. Páxinas, de por parte, alimentadas desde un coñecemento directo, vivencial e desde unha perspectiva moi poliédrica. Remato  amosando o meu convencemento de que seguramente as páxinas deste libro son o mellor retrato da figura de Roberto Vidal Bolaño e así mesmo, unha análise brillante do seu multiforme facer como criatura de teatro nunha dimensión total.

Vidal Bolaño, Obras completas, volume III

 

Obras completas, volume III

Roberto Vidal Bolaño

Edición de Francisco Macías e X. M. Fernández Castro

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2013, 273 páxinas.

    No pasado ano alguén chegou a afirmar que Roberto Vidal Bolaño era un medicamento contra a realidade. Remataron as celebracións do Día das Letras Galegas 2013 que lle dedicou  a Real Academia Galega ao autor quizais máis decisivo na historia do teatro galego de todos os tempos e Vidal Bolaño seguirá sendo ese tratamento radical contra a mesta e vulgar realidade de arestora e do futuro grazas aos seus escritos, as súas Obras completas que, consonte con proxecto orixinal, van saído con regularidade dos prelos de Edicións Positivas.

   Como nos dous volumes xa publicados, a edicións das pezas dramáticas deste terceiro afástase dos criterios cronolóxicos. Son nomeadamente criterios temáticos os que presiden a publicación dos seis volumes programados. En efecto, das seis obras editadas neste volume, as tres primeiras (Sen ir máis lonxe, Caprice de Dieux e Cochos) teñen en común o feito de que nas mesmas predominan os soliloquios e agochan trazos autobiográficos do autor. As outras tres (Bailadela da morte ditosa, Memoria de mortos e ausentes e Laudamuco, señor de ningures) comparten o elo do tempo inconcreto. Son atemporais, de sempre.

   A edición destes seis textos dramáticos é responsabilidade de Francisco Macías (as tres primeiras) e as outras tres, de X. M. Fernández Castro, autor do libro referencial, A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (2011).

   Sen ir máis lonxe, a peza que enceta o volume, foi estreada polo Teatro de Aquí o 12 de abril de 1999, actuando Vidal Bolaño como director e actor principal. É unha peza na que abrolla sen eufemismos unha forte crítica social que nos chega  a través dunha falsa charla entre un bufón e o Apóstolo Santiago. Os trazos autobiográficos están encarnados na figura do bufón e na peza final están presentes así mesmo moitos elementos da “cultura da impostura” (Montse Pena Presas) e do exercicio da política do momento no que vive o personaxe que dialoga co Apóstolo. Caprice de Dieux, estreada polo Teatro Antroido en 1995 no Liceo de Noia, actuando tamén Vidal Bolaño como principal actor e director, é un axuste de contas cos poderes políticos galegos que o censuraran  despois da representación de Agasallo de sombras. Abonda con ollar o subtítulo (Discurso cívico para actor e bonecos ou fíxoa boa, señor Conselleiro) e o elenco de persoiros da política daquel momento aos que Teatro Antroido “ten o gusto de lle adicar este discurso cívico” para decatármonos da intensidade da carga crítica deste “antollos de desuses”.  Cochos, estreada por Uvegá Teatro en novembro de 1987, amosa as relacións e peripecias dun campesiño  metido a albanel, emigrante en Alemaña, co espazo hostil, “no celme mesmo da negriza” no que está mergullado. Imposibilidade de integrase nunha sociedade que o emprega temporalmente, obrigándoo a regresar a súa aldea natal ata o seguinte verán e negándolle a posibilidade de retornar levando algo de seu: un porquiño de cría. Bailadela da morte ditosa foi representada polo Teatro do Estaribel en 1980 no auditorio de San Domingos. É unha das pezas de Vidal Bolaño na que a morte deixa sentir a súa presenza en formas diversas nos sete cadros da peza que nos achegan sete maneiras de resignarse con ese derradeiro transo, desde a resignación ata o descaro. Memoria de mortos e de ausentes foi estreada en marzo de 1978 en Santiago polo Obradoiro de aprendizaxe teatral Antroido, baixo a dirección do propio dramaturgo. Escrita na súa primeira versión ao ano seguinte do despedimento de Vidal Bolaño da entidade bancaria na que traballaba. Na segunda e definitiva versión inclúe modificacións do espazo escénico. Vidal Bolaño baséase en tradicións populares, contos e poemas de distintos autores galegos e o resultado é unha proposta dramática que presenta unha sorte de “romaxe de ánimas” con presenza da Estadea e da Santa Compaña que teñen un papel central nesta peza.

Roberto Vidal Bolaño

  Finalmente Laudamuco, señor de ningures, peza estreada en maio de 1970 no Colexio La Salle de Santiago. O subtítulo da obra “Pandingada traxicómica do servo e do señor” fala as claras, aínda que de xeito alegórico, da súa intencionalidade de análise das estruturas de poder e dos seus resortes, ollados desde quen os detectan e tamén de quen os sosteñen, ata desaugar nunha visión farsesca, próxima  ao esperpento. O texto de Laudamuco, segundo recente confirmación de Roi Vidal Ponte, fillo do autor, está baseado nalgunhas ideas previas que se lle ocorreron ao dramaturgo mentres facía o servizo militar en Ceuta.

   Outras seis pezas dramáticas a disposición dos lectores galegos, concibidas e paridas polo honesto bufón compostelán. Moi apropiadas para espertar e axitar conciencias neste tempo de impasible conformismo.

   X ateño manifestado que esta non é unha edición crítica das obras de Vidal Bolaño. Os editores manteñen neste terceiro volume os mesmos criterios lingüísticos que xa empregaron nos volumes anteriores: adaptación dos textos á normativa actual, mais con dispares criterios de intervención no campo lexical, respectando sempre as intencións do autor, como tal na escolla á mantenta de castelanismos na procura de verosimilitude.