Biodramaturxia Vidal Bolaño

 

Fóra de Portas

Roi Vidal Ponte

Edicións Positivas, Santiago de Compostela, 2014, 161 páxinas.

    Sendo conscientes do pulo promocional que supón para o persoeiro ao que cada ano lle dedica a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas, cómpre aledarse de que, pasado xa un ano do Día das Letras Galegas 2013 dedicado a Roberto Vidal Bolaño, e estando a piques de rematar as celebracións correspondentes ao ano que andamos, Edicións Positivas siga apostando pola figura e mais a obra de Roberto Vidal Bolaño. A  edición das súas obras completas -semella moi próxima a chegada ás mans lectoras do volume IV- e a deste libro que se achega dun xeito pouco convencional á vida e á obra do mellor dramaturgo da historia da literatura galega, demostra, ao menos neste caso, que, rematado o Día das Letras, a cultura galega non considera liquidada a débeda co persoeiro de turno e nos nosos selos editoriais non desapareceu o impulso nin a motivación para seguir publicando obras que fagan referencia ao mesmo.

   Por iso a miña entusiasta estimanza desta obra Fóra de Portas que asina Roi Vidal Ponte. Considero que non é un dato menor e por ese motivo o poño en valor, o feito de que o autor do libro sexa fillo de Roberto Vidal Bolaño e da actriz Laura Ponte. Ninguén coma el pola súa formación no mundo da escena e polas súas achegas ao eido teatral (crítico teatral, director de escena, autor de teatro e poesía) para acompañar o lector no percorrido da vida e na análise do teatro de Vidal Bolaño.

   Roi Vidal Ponte ofrécenos, en efecto, un oportuno exame da traxectoria existencial do gran dramaturgo galego, contextualizado no espazo temporal da súa vida: a infancia enchoupada de franquismo; os anos da Transición e da Autonomía. Unha infancia relatada de

Roi Vidal Ponte

xeito entretido, case que coloquial, e vivida nese barrio -pueblo segundo os autóctonos- onde a xente alegra o ánimo pola vista da Catedral. Alí, en Vista Alegre, comeza a súa andaina vital Roberto, o fillo do doutor Vidal; os seus estudos nocturnos; a súa afección á literatura e ao cine. Máis tarde a incorporación ao Equipo Lupa, que encarreiraría ao mozo cara ao teatro e ao cine.

   E a seguir, os distintos socalcos na traxectoria existencial e teatral do dramaturgo que o autor sintetiza de forma acaída e viva desde distintas olladas, dándolle voz a coñecidos e suxestivos narradores que forman parte do percorrido vital e profesional do dramaturgo: o nariz de pallaso, a Lúa, o chapeu que mesmo o identificaba, a furgoneta, a catedral ou o vellouco do Monte Pedroso.

   Unha excelente achega biodramatúrxica, pois logo, que lle descubre ao lector a verdadeira realidade de Roberto Vidal Bolaño. Escrita como é de razón, é dicir, engarzada no tempo e nas circunstancias históricas, sociais, políticas que a Vidal Bolaño lle tocaron vivir. Páxinas, de por parte, alimentadas desde un coñecemento directo, vivencial e desde unha perspectiva moi poliédrica. Remato  amosando o meu convencemento de que seguramente as páxinas deste libro son o mellor retrato da figura de Roberto Vidal Bolaño e así mesmo, unha análise brillante do seu multiforme facer como criatura de teatro nunha dimensión total.