Rosalía ficcionalizada

A dama da noiteRosalía de castro
Xavier Seoane,
Edicións Laiovento, Brións, 2014, 157 páxinas.

A dinámica creativa de Xavier Seoane desprégase por distintos camiños e é partidario da escritura creativa “de natureza aberta”. Mais é sobre todo un poeta, condición que se deixa sentir en todo canto escribe, tamén no ensaio e na prosa narrativa, que agroman “contaminados” de fulxencias líricas. Tal acontece coa súa segunda novela, A dama da noite, unha notable e, polo de agora, única contribución a historia do rosalianismo desde o xénero narrativo. A falta desa agardada e rigorosa biografía de Rosalía -hai numerosos retratos literarios, panexíricos e haxiográficos esteados en tópicos mitificadores e tamén algunhas interpretacións demitificadoras- X. Seoane opta pola vía ficcional, segundo o que afirmaba Baudelaire: hai dúas maneiras de cinxirse ao relato, a historia e a novela. E unha verdadeira novela é o que X. Seoane nos ofrece neste libro sobre Rosalía, orquestrado cunha sólida arquitectura compositiva. A figura de Rosalía convertida en personaxe de ficción. Imaxinario si, mais non de costas á realidade.
En efecto, un narrador “demiúrxico e omnisciente” desprégase nos primeiros capítulos en dúas voces que se alternan e narran en paralelo. Faino unha en terceira persoa e conta o nacemento de Rosalía. A outra, en primeira e rememora e recupera, desde o retiro da Matanza, as lembranzas de toda unha vida. Mais logo, é a voz da poeta na que, nun intenso e por veces duro monólogo, repasa a súa vida, desde esa sombra de aldraxes e berros da rapazada (“filla de crego…o pai corvo e ela de negro”), ata a necesidade de mar e a derradeira viaxe a Carril antes da morte. Mil lembranzas que abrollan no leito da muller doente e que, entre mortes, ausencias e privacións, afondan no calvario dunha persoa que só na escritura atopa liberación e consolo.
Con acerto detén por veces o autor este monólogo interior e dálle entrada a outras voces e a outros recursos: os dicires dos veciños, as cartas apócrifas dos amigos e mesmo de Murguía, a imaxinaria confesión do pai, o crego José María Viojo, arrepentido das súas relacións ilícitas e sacrílegas, ou o monólogo da filla Alexandra nos derradeiros días da nai. Con todas estas fías ergue X. Seoane unha acertada biografía ficcional de Rosalía de Castro e a través da mesma penetra habilmente na psicoloxía dos personaxes, na descrición de espazos e ambientes pouco favorables que rodean a unha muller que se sente un monicreque da vida, pero que nunca foi unha “abnegada”, como se lles demandaba ás mulleres do século XIX.
Subliño na achega de X. Seoane a humanización que o autor fai da figura de Rosalía de Castro, mitificada na meirande parte das biografías e retratos literarios que se fixeron da súa figura. A perspectiva desde a que se focaliza a ficción, non é a obra literaria de Rosalía, senón a loita dramática entre a vida e a morte que favorece esta imaxe da escritura que presenta o personaxe como unha muller de carne e óso.
Novela ganduxada, xa que logo, amalgamando xéneros: biografía e ficción, do que resulta unha historia alusiva de Rosalía. Mais a ficción como marcador semántico que é, somete as súas leis todo o que toca. Non é esta pois en rigor e puridade unha novela histórica. Non entanto, a lingua poética e a musicalidade da prosa de Xavier Seoane ilustran de xeito fermoso e brillante os perfís e a existencia dunha personalidade singular, mais tamén humana.
(Texto publicado o día 23 de outubro de 2014 no suplemento Faro da Cultura, páxina VI, do xornal Faro de Vigo)

“A dama da noite”: a novela de Rosalía

A dama da noiteA dama da noite reducidaaaaaaaaaaaa
Xavier Seoane
Edicións Laiovento, Brión, 2014, 157 páxinas

Xavier Seoane, o autor de A dama da noite, é, por riba de calquera outra consideración, poeta, un poeta de amplo percorrido con achegas importantes ao xénero ensaístico e algunha incursión -esta é a súa segunda novela- na prosa narrativa. Mais, aínda que a súa dinámica creativa se despregue por distintos camiños, Xavier Seoane é partidario da escritura creativa, “de natureza aberta, non de xardín bonsai”. Endalí que nas súas obras o escritor coruñés pon en práctica a teima posmoderna de rachadura de xéneros, e tanto a súa obra ensaística como as pezas narrativas da súa autoría abrollan “contaminadas” de bríos líricos. A dama da noite é unha salientable e polo momento única contribución á historia do rosalianismo desde o xénero narrativo. A falta desa agardada e talvez definitiva e rigorosa biografía de Rosalía de Castro -hai si abondos retratos literarios, panexíricos e haxiográficos cimentados en tópicos mitificadores e tamén algunhas interpretacións desmitificadoras-, Xavier Seoane opta pola vía da ficción, no ronsel quizais de Baudelaire que afirmaba que existen dúas maneiras de cinxirse ao relato: a historia e a novela.
E unha verdadeira novela é o que Xavier Seoane nos achega neste libro sobre Rosalía, un reto difícil e impagable porque non semella doado orquestrar, nunha sólida arquitectura compositiva, a vida de Rosalía, converter a Rosalía de Castro en personaxe de ficción. Facer da poeta coa que comeza o Rexurdimento pleno da literatura galega, un verdadeiro e principal actante do “dramatis personae” dunha peza de ficción.. Imaxinario si, mais non de costas á historia. Recoñéceo o mesmo escritor contra o final do relato: son os “ollos dun narrador demiúrxico e omnisciente que aspira a a outorgar certa aparencia de verdade ás ficcións do imaxinario” (páxina 128). Este narrador omnisciente desprégase nos primeiros capítulos en dúas voces que se alternan e narran en paralelo. Unha en terceira persoa que conta o nacemento de Rosalía, e outra en primeira que rememora e recupera as lembranzas de toda unha vida. E faino desde a doenza, no retiro da Matanza, nos seus derradeiros momentos, prostrada no leito, co ventre entalado e un decaído atordamento.
Mais logo é a voz da poeta na que, nun intenso e por veces dramático monólogo, repasa a súa vida: as aldraxes, esa negra sombra, os berros dos rapaces e as risas de escarnio: “filla de crego!” que lle vén á cabeza no intre de espertar abrasada pola febre. Aquela nena desamada, murcha e esmorecida desde o intre no que nace, desclasada polos infortunios familiares. A dor de non ter pai nin nai, vendo que os outros nenos si os tiñan ou estaban en América. Unha orfandade primeiriza e crecente. Os felices días de infancia en Ortoño xogando coa rapazada, as visitas do imán das tías, o crego ao que soña máis como pai que como tío. O traslado a Santiago a vivir coa nai que lle dá o apelido; a decisión desta de que estudase e declamase no Liceo. A primeira vez que viu a Manolo (Manuel Murguía), o noivado en Madrid, considerado por algúns “parella de comenencia”. O día da voda, xa preñada e co medo de que lle acontecese o da nai e nacese Alexandra de nai solteira. O baldón que decote lle cuspían de que era el (Murguía) o que escribía os seus versos. As dificultades para publicar nun país de ignorantes e clericallos. As constantes estreituras económicas, as esperanzas esfareladas. O mar de terra seca que é a estadía en Simancas onde sente que morre de saudade e a carraxe que fai que nun súbito arroubo comezasen a nacer Follas Novas. Os afastamentos de Manolo, o cargo de agravios que lle expón ao seu home porque se sente “viúva de vivo”. E mil lembranzas máis que entre mortes, ausencias, privacións afondan o calvario dunha muller que atopa na escritura -o dicir natural da súa alma- liberación e consolo.
Con bo tino o autor detén por veces este monólogo interior botando man doutras voces e doutros recursos. Como tal, os dicires de veciños, as cartas de José María de Castro, de Ramón Hermida, do mesmo Manolo. Todas ficticias porque, sabémolo arestora, nada máis morrer Rosalía, Murguía iniciou o proceso de mitificación da poeta e para iso queimou todas as cartas, impedindo que con elas se puidese construír unha biografía real do matrimonio. Así como a imaxinaria confesión das relacións ilícitas e “sacrílegas” que o pai, o crego José Martínez Viojo mantivo coa nai de Rosalía. Ou o monólogo da filla Alexandra nos derradeiros días da nai.

Savier Seoane

Savier Seoane

Con todas estas fías, Xavier Seoane ergue unha acertada biografía ficcional de Rosalía na que afonda habilmente no retrato psicolóxico dos personaxes, na descrición de espazos e ambientes pouco favorables que rodean a unha muller que se sente un monicreque da vida, pero que nunca foi unha “abnegada”, como a sociedade lles demandaba ás mulleres do século XIX; ás avesas, os consellos que o narrador pon na boca de Rosalía dirixidos á filla Alexandra, amosan unha persoa que loita pola liberación da muller.
Saliento e poño en valor na achega de Xavier Seoane a humanización que fai da figura de Rosalía, mitificada, como xa se dixo, na meirande parte dos retratos literarios que se fixeron da súa figura. O punto de vista desde o que focaliza a ficción non é a obra literaria de Rosalía, senón a loita dramática entre a vida e a morte que favorece sen dúbida esta imaxe da escritora como una muller de carne e óso.
Novela tecida pois suturando xéneros: biografía e ficción que dá lugar a unha historia alusiva de María Rosalía Rita. A ficción, como marcador semántico que é, somete as súas leis todo o que toca. Non é esta pois en rigor e puridade unha novela histórica. Non entanto, a lingua poética e a musicalidade da prosa de Xavier Seoane ilustran de xeito fermoso os perfís dunha personalidade singular, mais tamén humana. Todo iso forma parte do pacto narrativo e os lectores aceptan sen dificultades ou atrancos a ficcionalidade do que atopan nesta novela.