O derradeiro agasallo

Xose Neira Vilas e Anisia Miranda reducidooooooooooXosé Neira Vilas e Anisia Miranda
no corazón dos nosos nenos
Loli Beloso Neira
Prólogo de Fina Casalderry
Finisterrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2015, 68 páxinas.

O pasado 21 de novembro, escasamente cinco días antes do pasamento do escritor, tivo lugar na parroquia de Tomeza a presentación do que, sen dúbida, foi o derradeiro agasallo que recibiu en vida Xosé Neira Vilas. Un volume, non abondoso en páxinas, mais si en agarimoso achegamento ás figuras, e sobre todo ás persoas, de Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda. Ao acto, con grande afluencia de público e éxito de vendas, malia ter coincidido cun deses partidos de fútbol do século, asistiu Neira Vilas e tamén o Dr. Ángel Carracedo, presidente da Fundación de Medicina Xenómica de investigación e loita contra o cancro, fundación á que a autora acostuma a doar todos os beneficios obtidos nas vendas dos seus libros.
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos é a terceira monografía coa que Loli Beloso homenaxea a figuras sobranceiras da cultura galega: Isaac Díaz Pardo e Luís Seone antecederon e encabezaron o interese de Loli Beloso en espallar nos corazóns e nas mentes dos nosos cativos, e tamén nos de mulleres e homes galegos, a cultura de noso, representada por algunhas das súas figuras máis emblemáticas.
Algún día cumprirá inquerir o porqué do éxito dos libros de Loli Beloso, unha persoa que non aspira a ningún olimpo literario, que foxe de cenáculos e mesmo dos medios de comunicación. A explicación reside, na miña estima, no feito de que a autora dá no albo ao escoller o formato axeitado para trasladar ás mentes lectoras as biografías, narradas coma un conto, dos persoeiros da nosa cultura, sen deixar ao mesmo tempo de ser fiel aos datos históricos. De por parte, Loli Beloso sabe proxectar na súa escrita o que ela é como persoa: aguda sensibilidade e agarimosa proximidade, a mesma que, con ledicia e xenerosidade, lles proporcionou a Xosé Neira Vilas e a Anisia Miranda des que Anisia lee pediu a Loli e ao seu home que fosen os seus amigos. Acerta de cheo Fina Casalderrey, autora das tres planas que introducen a publicación, coas palabras que definen á autora: “Loli Beloso é desas persoas tenaces á hora de perseguir soños e persuasiva nos afectos.”

Loli Beloso

Loli Beloso

Mais indo á cerna, direi que o libro de Loli Beloso segue o formato dun conto que unha nai, alter ego da propia autora, lle conta a súa filla: a súa infancia e adolescencia e o contacto con Neira Vilas a través do seu libro Memorias dun neno labrego. Foi pois Balbino o que levou á narradora ao coñecemento de Xosé Neira Vilas e da súa dona, Anisia Miranda. E a seguir, co formato igualmente contístico, Loli Beloso achéganos a historia da vida de dúas persoas, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, exemplos senlleiros de traballo, superación, humanidade e amor a Galicia. A infancia en Gres, o traballo na terra ou coas bacas no monte; o comezo da escola cun único libro de texto, o reparto do correo, obrigado a recorrer catorce quilómetros antes de entrar na aula; emigración a Bos Aires para seguir estudando, mais dedicado, sobre todo, a sobrevivir traballando e a descubrir a Galicia emigrante ou exiliada. Encontro e namoro con Anisia Miranda, envorcándose os dous na defensa de Galicia e da súa cultura. A fundación da editorial, os primeiros libros (Dende lonxe, Esta es Cuba, hermano, Memorias dun neno labrego). Traslado para Cuba en 1961 onde o labor cultural da parella non deixa de medrar. En 1992, retorno definitivo a Galicia, traballando arreo a prol da nosa terra e da súa cultura.
E aquí en Galicia, Anisia, a estreliña de Gres (páxina 53) segue brillando incluso despois da súa morte no ano 2009. E Neira Vilas, vivindo unha existencia feliz axudando aos demais, sendo útil a este país como un sinxelo traballador da cultura.

 

X.Neira Vilas, Loli Beloso e Ángel Carracedo na presentación do libro

X.Neira Vilas, Loli Beloso e Ángel Carracedo na presentación do libro

Unha fervenza de anécdotas, pero sobre todo de feitos que amosan un profundo e perdurable amor a Galicia, por parte de dúas persoas que lle dedicaron toda a súa humanidade, o seu traballo e a súa creatividade; e que Loli Beloso nos fai chegar coa lingua dos afectos, cunha escrita transida pola naturalidade da fala diaria.
Os debuxos e ilustracións de Lino Lago, Tato Heredia, Rofer, Kiko da Silva, Cecilia M. Benítez e as dúas fotografías de Vicente Ansola achegan un plus engadido, convertendo a publicación de Loli Beloso nunha pequena obra de arte.