O Isaac dos nenos galegos

 

Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos

Loli Beloso Neira

Finis Terrae Ediciones, Santiago de Compostela, 2013, 56 páxinas

   

   Como escribiu Xosé Ramón Fandiño, o 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo internouse   para sempre polo vieiros da saudade. Desapareceu a súa enxoia figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos, tras noventa e un anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo. O incansable labor dese campión da ética, da arte e do pulo industrial, gobernado por criterios ben afastados das políticas capitalistas hexemónicas, acaba de ser recuperado arestora por Loli Beloso Neira nunha publicación editada por Finis Terrae Ediciones, Isaac Díaz Pardo para as nenas e os nenos galegos. Un impagable galano editorial fermosamente ilustrado por Rubén Calles Lijo coa colaboración de Loli Chan Beloso. Un limiar, escrito coa pluma do corazón, por Xosé Neira Vilas achéganos aos últimos días de Díaz Pardo e á súa relación de agarimo que con el tivo Loli Beloso nos derradeiros anos da vida de Isaac, “o Sol de Galicia” como o cualifica a autora.

  

Isaac Díaz Pardo e Loli Beloso

Nesta publicación, escrita ao xeito dun conto para nenos, Loli Beloso acércanos á traxectoria vital, artística, empresarial e sobre todo humana de Díaz Pardo. A autora, botando man dunha escrita sinxela para que os cativos da nosa terra non teñan ningunha barreira ou atranco co seu texto, percorre a vida de Isaac desde o seu nacemento en Santiago ata os últimos anos ateigados de tristura e amargor ao ver a súa obra rachada en anacos por aqueles que se aproveitaron da súa xenerosidade no ano 2006, o ano da traizón.

   Díaz Pardo, un home renacentista que xa desde os primeiros anos da posguerra asumiu a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a memoria de Galicia, revive, nas páxinas de Loli Beloso, como pintor, ceramista, editor, escritor, empresario e creador de millentas iniciativas a favor da cultura de noso. Mais Loli Beloso amósalle sobre todo ás nenas e nenos galegos a inxente humanidade e xenerosidade dun galego universal, seguramente o intelectual que máis loitou pola cultura galega nos últimos setenta anos. Así o reflicte este conto biográfico que escribe Loli Beloso, tamén co propósito de que unha parte do recadado na venda do mesmo será destinada para a investigación do cancro.

 (Texto publicado o día 19 de setembro de 2013 no xornal El Correo Gallego.para ver o orixinal, facer clic aquí)

Fragmento

Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Loli Beloso e Carmen Arias de Castro (Mimina)

 “Queridos nenos e nenas, ISAAC DÍAZ PARDO foi un ser humano marabilloso, digo foi porque morreu. Pero persoas coma el xamais se van, sempre estará no noso corazón, na nosa mente, nos nosos ríos, montañas, prados…Toda Galicia sabe a el. Durante toda a súa vida, como se fose un misioneiro e, dende moi pequeno, loitou pola cultura galega e afanouse en axudar a todo aquel que o precisou.

Con asombro, os catro cativos preguntan ao mesmo tempo: por que anos tristes e amargos?

-Queridiños, prestade moita atención:

No ano 2006, a Isaac aconteceulle algo que nunca, nunca debeu pasar, destituírono de todos os seus cargos da obra, que con tanto esmero e sacrificio fundou para o noso pobo, polo que Galicia chorará sempre quedando ferida de morte e co corazón roto en anacos. Isaac reflícteo na súa derradeira exposición que titulou Pinturas e Fracasos, inaugurada o 14 de febreiro do 2011 na Casa da Parra, en Santiago de Compostela, e no libro de dita exposición, Isaac fai unha síntese da súa vida onde di textualmente:«Tras a morte de Seoane tentei serlle o máis fiel e ser o máis xeneroso coas xentes que traballaban de acordo coa súa responsabilidade. Mais isto non foi entendido por todos. Algúns aproveitando a xenerosidade que Seoane me ensinara a ter, no ano 2006 provocaron a situación na que hoxe se atopa o complexo Sargadelos e que representou o máis importante e definitivo fracaso da miña vida, pois quedamos absolutamente arruinados, xa que non voltei a recibir unha peseta de Sargadelos. E para poder vivir nestes catro anos, tivemos que vender moitas cousas entre elas o piso que tiñamos en Madrid que no seu día serviu para recoller aos exiliados que voltaban e que garda historias, entre elas a morte de Lorenzo Varela»

-Polo que estamos escoitando tamén axudou aos noso exiliados co seu bo facer paternal para con eles, sabían que podían contar con el para o que lles fixera falla e grazas a el voltaron a nosa terra. Era todo xenerosidade -exclamou Susiño.”

 (Loli Beloso Neira, Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos, páxinas 44-45. As imaxes que ilustran esta entrada foron tomadas por Xesús Chan o  28 de agosto de 2011, día do derradeiro cumpreanos de Isaac Díaz Pardo, no seu estudo do Castro )