A luminosa mirada dos ollos de Isaac

A luminosa mirada dos ollos de Isaac.

Isaac Díaz Pardo. Obra dispersa

Cadernos Ramón Piñeiro (XXIV)

Edición e prólogo: Xosé Ramón Fandiño

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en humanidades

Santiago de Compostela, 2012, 195 páxinas.

 

   Recibo nestas datas tres publicacións memorialísticas, tres impagables agasallos que ademais de homenaxear a tres grandes persoeiros da nosa cultura, fanme pensar nese rastro que deixamos, esa acertada epígrafe que lle dá título a última novela de Agustín Fernández Paz. Velaí a verdadeira inmortalidade: perdurar nos ollos que nos len ou nas acordanzas dos que nos coñeceron. Agasallos que teñen nome de seu: Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. O número de outubro-decembro do 2012 da Revista Grial, dedicado en boa parte a lembrar a Carlos Casares nos dez anos do seu pasamento (“Carlos Casares nun pais de palabras”). E finalmente, o número XXIV dos Cadernos Ramón Piñeiro que homenaxea, publicando a súa obra escrita dispersa, a Isaac Diaz Pardo, outra das grandes figuras históricas da nosa cultura desde hai moitos anos. Ocúpome arestora desta publicación do Centro Ramón Piñeiro, dirixida por Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez, e que con perseveranza está  a recoller certas partes descoñecidas e de difícil acceso do noso patrimonio cultural.

   Con efecto, como escribe Xosé Ramón Fandiño, responsable da edición e do prólogo deste Caderno: “O 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo adentrouse para sempre polos  vieiros da saudade. Desapareceu a enxoita figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos tras 91 anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo”. Iso foi verdadeiramente Isaac Díaz Pardo: un campión da ética, da arte e do emprendemento industrial gobernados por criterios ben afastados das políticas capitalistas de sempre e hoxe hexemónicas.

   O libro homenaxe recompila un presado de artigos e ensaios de Díaz Pardo espallados en revistas ou como prólogos dos seus libros. Deste xeito podemos mergullarnos na vida do intelectual e artista galego e universal a través dos seus propios escritos. A publicación foi, na súa xénese, unha iniciativa da fundación do Pedrón de Ouro. Unhas achegas para o perfil biográfico daquel home, nacido na casa da Tumbona (Rúa das Hortas de Santiago) de Xosé Ramón Fandiño introdúcenos nos perfil vital de Díaz Pardo. Seis breves páxinas biográficas que, porén, nos fan revivir os medos e traxedias da guerra, os alicerces da cerámica industrial, A Magdalena en Arxentina, o Laboratorio das Formas e a derradeira batalla na que Díaz  Pardo, no ano 2006, foi afastado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e Sargadelos.

   Noventa e un anos ao servizo da dignidade que podemos revivir en boa medida nas mesmas palabras de Díaz Pardo, mediante esta colectánea de artigos e prólogos que Isaac Díaz Pardo publicou entre 1956 e 2011. O editor reúne os escritos de Díaz Pardo en oito apartados que van desde a declaración  de principios, o relato das vivencias da infancia e da Guerra Civil ata as lembranzas dos seus achegados.

   Polo seu ton, á vez memorialístico, dramático e que deitan luz nos ollos lectores, saliento os artigos do segundo capítulo e nomeadamente o penúltimo: “Testimonio de Isaac Diaz Pardo que contaba entonces menos de 16 años, de los primeros momentos del Alzamiento en Santiago”. Lemos con emotividade, por exemplo, o que escribe  Díaz Pardo: o pai Camilo Díaz Baliño, “paseado” no amencer do día 14 de agosto de 1936 en Palas de Rei,  e el, o seu fillo, sobrevivindo en A Coruña pintando retratos de Franco e Frechas falaxistas nos primeiros meses do ano 1937.

Isaac Díaz Pardo

   Son asemade de grande interese os artigos sobre Sargadelos porque deitan información sobre o proceso de xurdimento e creación do proxecto cultural máis importante feito en Galicia con posterioridade ao ano 1936. E asemade, as achegas de Díaz Pardo sobre Castelao e Luís Seoane.

   Unha coda de Lúis Cochón pecha esta publicación de grande interese para todos os galegos e que xustifica sobradamente a inversión de cartos públicos en algo tan de noso (“alguén do máis noso” son as palabras de L. Cochón), mais con proxeccións na cultura de alén das nosas fronteiras, porque Isaac Díaz Pardo foi un home galego e universal. Aínda o segue a ser neste libro.