Xosé Filgueira Valverde: homenaxe gratulatoria

Cadernos Ramón Piñeiro XXXI“Quíxose con primor e feitura”. Filgueira Valverde homenaxe
Cadernos Ramón Piñeiro XXXI
Edición de Luís Cochón e Laura Mariño Taibo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2015, 468 páxinas.

En edición de Luís Cochón e de Laura Mariño Taibo ve a letra de molde o número XXXI dos Cadernos Ramón Piñeiro, que aparece como libro -así o consideran os responsables da edición- de homenaxe ao persoiero elixido pola Real Academia Galega na celebración do Día das Letras Galegas no ano no que andamos: Xosé Fernando Filgueira Valverde. “Homenaxe gratulatoria” de louvor e lembranzas, conxuntada por vinte e nove artigos escritos por trinta e dous autores ou coautores do presente Caderno (estudosos, críticos, científicos, médicos, xornalistas, profesores, poetas…), moitos deles discípulos no seu día de Filgueira Valverde.
Unha colectánea amplamente miscelánea que se configura como a ollada máis completa, e sobre todo a máis variada, dentro da bibliografía filgueiriana, sobre todo se a comparamos coa doutros anos, en honor do personaxe cabezaleiro da celebración do Día das nosas letras.
Un poema de Arcadio López-Casanova (“Mester de louvor”) e unha “Miscelánea introdutoria” escrita por Luís Cochón figuran no pórtico do volume. Luís Cochón, alumnos de Filgueira Valverde e membro do coro do Instituto pontevedrés, deita abondosa información verbo de Filgueira Valverde como docente (“mestre insigne da paideia de noso”, páxina 11), e talvez sen se decatar ou á mantenta escribe algo que, ao seu ver, reflicte un modo de ser filgueiriano: quedar a ben con todos sen mollarse por ninguén (páxina 16).
Coido que sería demasiado tedioso referir os nomes dos autores e os títulos dos artigos recollidos nesta homenaxe, todos eles, agás tres, relacionados coa figura do polígrafo pontevedrés. Tampouco falta algunha achega haxiográfica. Algúns dos textos son lembranzas persoais que reproducen a relación dos autores con Filgueira Valverde, quer como docente e director no Instituto de Pontevedra, quer como fundador do coro escolar “Os cantores do Instituto”. Mais a meirande parte dos artigos son estudos nos que, con dispar profundidade, se analiza o labor do erudito pontevedrés como investigador do feito trobadoresco, a súa tentativa teatral, a súa contribución aos estudos da épica galego portuguesa medieval, á ciencia ou á arte galegas. Filgueira Valverde como camonista, como procurador en Cortes. O seu papel na creación do Consello da Cultura Galega ou como importante rosalianista, entre outros títulos.
Saliento o estudo que fai Arcadio López-Casanova de Filgueira como representante na lírica galega do neotrobadorismo. Así mesmo o de Francisco Cerviño González, “Filgueira Valverde. Literatura e política”, no que cualifica a Filgueira Valverde como franquista vido a demócrata non por oportunismo, ou non só, senón por convencemento; que non concorreu ao Consello de guerra contra Alexandre Bóveda como testemuña da defensa, posiblemente por medo invencible. Tamén os recordos de Cipriano Luís Jiménez Casas, alumno en 1957 no Instituto de Pontevedra que cos seus compañeiros do curso preuniversitario saíu en manifestación á Alameda cunha bandeiriña na que se lía “¡¡Queremos papel!!” e que non ten reparo en afirmar que a participación ou responsabilidade de Filgueira Valverde na construción da fábrica de Celulosas de Pontevedra “é totalmente evidente”.
Resulta así mesmo de lectura moi ilustrativa e interesante o artigo memorialístico de Xesús Alonso Montero no que recupera a súa relación persoal e literaria con Filgueira. Un traballo amplamente documentado e que pode dar pé, e mesmo xustificar esa interpretación de que Alonso Montero “é parte interesada dun xuízo moral ao autor homenaxeado” ao que un recente libro seu (Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual) lle salva a cara, como atinadamente escribe Mario Regueira.
Libro pois de honra e homenaxe laudatoria que, á vez que ofrece ampla información, achégalle aos lectores luces e sombras dun personaxe moi controvertido.

Os últimos agasallos

 

Nimbos: cáliz fervendo !

Cadernos Ramón Piñeiro ( XXIX)

Edicións e introdución de Luís Cochón

Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades

Santiago de Compostela, 2014, 338 páxinas.

   

   Nos primeiros días de maio do ano no que andamos, centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, saíu do prelo e viu luz o que seguramente é un dos últimos volumes monográficos dedicados ao escritor que este ano celebramos no Día das Letras Galegas. Nimbos: cáliz fervendo!  que lle dá contido ao número XXIX dos Cadernos Ramón Piñeiro. Encárgase da edición deste número Luís Cochón, baixo a coordinación de Luís Alonso Girgado e co colaboración de Laura Mariño Taibo.

   Súmase así o Centro Ramón Piñeiro, “en humilde parte”, á homenaxe que Galicia lle tributou a Xosé María Díaz Castro. Unha homenaxe de recoñecemento e estudo dunha obra poética, Nimbos sobre todo, na que Díaz Castro se converte en antólogo de si mesmo.

   Nimbos: cáliz fervendo! É unha colectánea de achegas diversas escritas por vinte e catro estudosos que lle ofrecen ao lector distintas lecturas arredor do poeta X.M. Díaz Castro e a súa obra, tomando Nimbos como o macrotexto de referencia. Artigos que son lecturas diversas, por veces complementarias, estudos, ensaios, recompilación de lembranzas, feitos da man de críticos, investigadores e mesmo poetas.

   Este número especial dos Cadernos  Ramón Piñeiro estrutura o seu contido en dúas partes. Na primeira parte, Acadio López Casanova ofrécenos unha visión de totalidade do poemario Nimbos. Analiza o profesor da Universitat de València o contexto epocal -adscribe a Díaz Castro á póla poética de signo existencial que se desenvolve ao longo dos anos 1952-1961-  e o deseño macrotextual e construtivo de Nimbos. Pola súa banda, Andrés Torres Queiruga sonda a marca relixiosa do poemario, unha relixiosidade, porén, que non se superpón sobre a vida, senón que nace desde o fondo da mesma.

  

Xosé María Díaz Castro

A Parte II acolle vinte e dous traballos. Estudos de natureza  máis particular e diversa que van desde a glosa da recensión que sobre Nimbos publicou X. M. Álvarez Blázquez en outubro de 1961, asinada por Xosé María Álvarez Cáccamo ata as palabras comentadas, correspondentes a unha entrevista radiofónica que a Díaz Castro lle Xulio Xiz en xuño de 1985 e a outros textos  que o poeta de Guitiriz lle dirixiu en distintas ocasións.

   A seguinte relación de colaboradores que colaboran nesta segunda parte, ademais dos dous xa amentados, dá fe da importancia do volume para termos unha visión máis poliédrica de Nimbos. Son as lecturas, os estudos, reflexións ou recreacións poéticas de  Xosé Luís Axeitos, Alfonso Blanco Torrado, Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Xosé Fernández Ferreiro, X. F. Fernández Naval, Manuel Forcadela, X.L. Franco Grande, María Pilar García Negro, Marcial Gondar Portasany, Xosé Miguélez Díaz, Olga Novo, Chus Pato, Segundo L Pérez López, Mercedes Queixas Zas, Mario Regueira, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Xosé Manuel Salgado e Félix Villares Mouteira.

   Xa que logo, unha homenaxe global e diversificada, quizais a última que este ano se lle ha tributar a Xosé María Díaz Castro.

Textos teóricos de Roberto Vidal Bolaño

Cardernos Ramón Piñeiro (XXV): Roberto Vidal Bolaño. Escritos sobre teatro.

Edita: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela, 2013, 147 páxinas.

 

   O pasado 17 de maio saíu do prelo un nove volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, co que esta  colección, destinada a recoller partes descoñecidas do noso patrimonio cultural (textos, bibliografía, homografía, epistolarios…) acada o número XXV. O novo volume, en edición de Luís Cochón e  coa colaboración de Lorena Domínguez Mallo, dedícase por enteiro a publicar algúns textos teóricos de Roberto Vidal Bolaño que o dramaturgo escribiu verbo do teatro de noso.

   Recolle asemade catro achegas de amigos e/ou persoas próximas  a Vidal Bolaño, ao que acompañaron co seu apoio ou labor crítico. Achegas que lle serven de pórtico á edición dos textos do dramaturgo. Podemos así ilustrarnos cun breve escrito de Luís Cochón (“Que quedará do cómico?”) no que  o editor deste libro-caderno repasa as súas propias vivencias, asistindo durante trinta anos “de amizade, de leria, conversas, discusión e cariño” ao quefacer humano e dramatúrxico de Vidal Bolaño, “un santiagués de Vista Alegre”, que sendo “poeta  nunca deixou de ser cómico ou ó revés”.

   Gustavo Luca, noutro texto así mesmo breve (“Fábula do poeta na cadea”), reivindica a honradez intelectual irreprochable do teatro de Roberto Vidal Bolaño dentro do noso panorama teatral, malia as censuras e os ostracismos. Manuel Quintans Suárez, nun texto de maior fondura, analiza o tratamento do mito no teatro de Vidal Bolaño, e máis en concreto, na peza Días sen gloria. Finalmente Xan Vieito (“A querer ser cómico”) escribe a historia do grupo de teatro Antroidio  e a do papel que Vidal Bolaño desenvolveu naqueles anos, unido á figura doutro home ligado á escena e vencellado a Roberto, Xaquín García Marco. Non prescinde Xan Vieito dun rico anecdotario que acompañou algúns das viaxes e actuacións do grupo teatral.

   Oito textos de Roberto Vidal Bolaño, algún deles inédito outros tirados de programas de man ou de distintas publicacións, constitúen o corpo do volume. Saliento entre eles, unha unidade didáctica escolar, “O espacio teatral”  na que o dramaturgo fai un percorrido pola historia das distintas formas de arquitectura teatral, desde que colleu forma en Babilonia, Exipto, Xudea, Grecia… ata os séculos XIX e XX nas distintas coordenadas xeográficas. Considero asemade de gran

Roberto Vidal Bolaño

interese o particular itinerario que fai Vidal Bolaño polo teatro de noso, desde a herdanza do século XIX (Rexurdimento, Irmandades da Fala, o teatro Nós, o teatro na emigración e no exilio, teatro de posguerra) ata  un presente que culmina no ano 1984 coa creación do Centro Dramático Galego. Unha suma de contribucións que fixeron posible que Galicia dispuxese da posibilidade de se outorgar un teatro de seu. Non son menos interesantes as reflexións do home de teatro arredor da obra dramática de Otero Pedrayo (“Teatro con T maiúsculo”).. Un inédito, escrito entre o ano 2000 e 2001 (“A propio intento”), un “texto testamentario do autor a prol da promoción da escrita e aposta en escena de novos textos dramáticos”, pon cabo a este novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro.

   Unha publicación oportuna que recupera para a cultura de noso o pensamento teórico do seu dramaturgo seguramente máis importante ata o de agora: Roberto Vidal Bolaño.



A luminosa mirada dos ollos de Isaac

A luminosa mirada dos ollos de Isaac.

Isaac Díaz Pardo. Obra dispersa

Cadernos Ramón Piñeiro (XXIV)

Edición e prólogo: Xosé Ramón Fandiño

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en humanidades

Santiago de Compostela, 2012, 195 páxinas.

 

   Recibo nestas datas tres publicacións memorialísticas, tres impagables agasallos que ademais de homenaxear a tres grandes persoeiros da nosa cultura, fanme pensar nese rastro que deixamos, esa acertada epígrafe que lle dá título a última novela de Agustín Fernández Paz. Velaí a verdadeira inmortalidade: perdurar nos ollos que nos len ou nas acordanzas dos que nos coñeceron. Agasallos que teñen nome de seu: Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. O número de outubro-decembro do 2012 da Revista Grial, dedicado en boa parte a lembrar a Carlos Casares nos dez anos do seu pasamento (“Carlos Casares nun pais de palabras”). E finalmente, o número XXIV dos Cadernos Ramón Piñeiro que homenaxea, publicando a súa obra escrita dispersa, a Isaac Diaz Pardo, outra das grandes figuras históricas da nosa cultura desde hai moitos anos. Ocúpome arestora desta publicación do Centro Ramón Piñeiro, dirixida por Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez, e que con perseveranza está  a recoller certas partes descoñecidas e de difícil acceso do noso patrimonio cultural.

   Con efecto, como escribe Xosé Ramón Fandiño, responsable da edición e do prólogo deste Caderno: “O 5 de xaneiro de 2012 Isaac Díaz Pardo adentrouse para sempre polos  vieiros da saudade. Desapareceu a enxoita figura, pero quédanos o pracenteiro consolo da súa obra e dos seus emprendementos tras 91 anos ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo”. Iso foi verdadeiramente Isaac Díaz Pardo: un campión da ética, da arte e do emprendemento industrial gobernados por criterios ben afastados das políticas capitalistas de sempre e hoxe hexemónicas.

   O libro homenaxe recompila un presado de artigos e ensaios de Díaz Pardo espallados en revistas ou como prólogos dos seus libros. Deste xeito podemos mergullarnos na vida do intelectual e artista galego e universal a través dos seus propios escritos. A publicación foi, na súa xénese, unha iniciativa da fundación do Pedrón de Ouro. Unhas achegas para o perfil biográfico daquel home, nacido na casa da Tumbona (Rúa das Hortas de Santiago) de Xosé Ramón Fandiño introdúcenos nos perfil vital de Díaz Pardo. Seis breves páxinas biográficas que, porén, nos fan revivir os medos e traxedias da guerra, os alicerces da cerámica industrial, A Magdalena en Arxentina, o Laboratorio das Formas e a derradeira batalla na que Díaz  Pardo, no ano 2006, foi afastado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e Sargadelos.

   Noventa e un anos ao servizo da dignidade que podemos revivir en boa medida nas mesmas palabras de Díaz Pardo, mediante esta colectánea de artigos e prólogos que Isaac Díaz Pardo publicou entre 1956 e 2011. O editor reúne os escritos de Díaz Pardo en oito apartados que van desde a declaración  de principios, o relato das vivencias da infancia e da Guerra Civil ata as lembranzas dos seus achegados.

   Polo seu ton, á vez memorialístico, dramático e que deitan luz nos ollos lectores, saliento os artigos do segundo capítulo e nomeadamente o penúltimo: “Testimonio de Isaac Diaz Pardo que contaba entonces menos de 16 años, de los primeros momentos del Alzamiento en Santiago”. Lemos con emotividade, por exemplo, o que escribe  Díaz Pardo: o pai Camilo Díaz Baliño, “paseado” no amencer do día 14 de agosto de 1936 en Palas de Rei,  e el, o seu fillo, sobrevivindo en A Coruña pintando retratos de Franco e Frechas falaxistas nos primeiros meses do ano 1937.

Isaac Díaz Pardo

   Son asemade de grande interese os artigos sobre Sargadelos porque deitan información sobre o proceso de xurdimento e creación do proxecto cultural máis importante feito en Galicia con posterioridade ao ano 1936. E asemade, as achegas de Díaz Pardo sobre Castelao e Luís Seoane.

   Unha coda de Lúis Cochón pecha esta publicación de grande interese para todos os galegos e que xustifica sobradamente a inversión de cartos públicos en algo tan de noso (“alguén do máis noso” son as palabras de L. Cochón), mais con proxeccións na cultura de alén das nosas fronteiras, porque Isaac Díaz Pardo foi un home galego e universal. Aínda o segue a ser neste libro.

Álvaro Cunqueiro en La Noche

“Los días” en La Noche

Álvaro Cunqueiro

Edicións de Luis Alonso Girgado e Lorena Domíguez Mallo

Colaboración de Anastasio Iglesias Blanco

Librería-Editorial Follas Novas, Santiago de Compostela, 2012, 488 páxinas.

 

   Se algo salta á vista nunha primeira ollada deste volume publicado por Follas Novas en edición encomiable de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, é o infatigable labor de Cunqueiro do que falan os dicionarios. No ano 1955 recoñecíase que aínda que xa existían algunhas recompilacións dos seus artigos de prensa en libros, a meirande parte dos mesmos aínda agardaban ser reunidos  en publicacións unitarias. Desde entón moito se ten traballado nesa liña, ata o punto de que os editores rexistran vinte e seis libros, en galego ou en castelán, que recollen artigos de Cunqueiro, publicados en diversos medios. Unha amplísima bibliografía,  xa que logo, á que arestora se lle engade este volume que recompila as colaboracións de Álvaro Cunqueiro no xornal santiagués La Noche, que desapareceu en decembro de 1967 dando lugar a actual cabeceira, El Correo Gallego. Cunqueiro como xornalista xerou exquisitas fabulacións “con tendencia á ucronía, (e) equilibrada mestura de humor e erudición” (Dicionario da Literatura Galega, I). Tocou os temas máis dispares e mesmo o erotismo non lle foi alleo e forma parte dalgunhas das súas colaboracións, como tal na páxinas eróticas de Bazaar  (1977-1979).

   Aínda que Cunqueiro pensaba que periodismo e literatura eran irreconciliables e confesou que foi xornalista por necesidade como un medio de subsistencia, recoñeceu, porén, que o xornalismo lle ensinara a arte da brevidade, da claridade e da sinxeleza. Hoxe é lexítimo pensar que os miles e miles de artigos en revistas e xornais e esa disxuntiva xornalismo / literatura non significou un atranco significativo no seu labor como creador literario. Remítome as súas obras.

   O xornal vespertino La Noche foi unha das incontables cabeceiras de prensa nas que Cunqueiro colaborou. La Noche foi un xornal  que en tempos difíciles soubo manter un talante galeguista baixo a dirección de José Goñi Aizpurúa  primeiro e máis tarde,  de Borobó. Colaboradores como Vicente Risco, Otero Predrayo, Filgueira Valverde, Méndez Ferrín, Cunqueiro…prestixiaron o labor do xornal santiagués. Por galeguista e tras a denuncia dun coronel de Ourense, tal como confesa Cunqueiro, foi prohibido e desapareceu o xornal compostelán .

   Neste medio colaborou activamente Álvaro Cunqueiro quer con artigos soltos, quer cos que integran a serie “Los días”, que son os que recolle este volume. Douscentos trinta e tres artigos publicados entre o 22 de setembro de 1959 e o 9 de outubro de 1962. Artigos todos eles en castelán, mais con frecuentes incrustacións en galego e un Postludio de Luís Cochón igualmente na lingua de noso. Artigos de temas moi variados, escritos moitos deles desde a maxia, que foi o motor de moitas de obras de creación literaria do escritor mindoniense. Con coexistencia do real e do soñado, do universal e do galego, e que non perseguen informar baixo criterios de actualidade, de signo exteriorista, senon dar conta de vivencias persoais e íntimas, nacidas baixo o pulo dunha lectura ou da lembranza dun libro escrito por el.

   Se ben Cunqueiro colaborou con revistas falanxistas e medios xornalísticos da ditadura, entre eles El Alcazar, estes artigos, agora recompilados,  están depurados dese xorne ideolóxico, proselitista e retórico, característica da súa escrita xornalística dos anos trinta e corenta. O que prima nestes artigos é a inmensa capacidade fabuladora do mindoniense, ao servizo da literatura xornalística. Artigos, pois, para embarcarnos a partir de temas cotiáns en singraduras fantásticas.

Álvaro Cunqueiro

   Paga a pena e é de xustiza salientar a edición de Luis Alonso Girgado e Lorena Domínguez Mallo, así como o Postludio de Luís Cochón. Os editores agasállannos  cunha ampla introdución  contextualizadora da obra xornalística de Cunqueiro e unha compilación moi preto do que é unha edición crítica, con profusión de anotacións ao pé de páxina. O Postludio de Luís Cochón afonda e reinterpreta algúns dos temas do labor xornalístico e literario  de Cunqueiro e as súas circunstancias. Da última das súas calas tiro esta referencia do amigo de Cunqueiro, Alberto Casal, que xustifica compilacións como esta: “Y sobra decir que los tuyos  revisados -los artículos- tienen un interés perenne que debe pasar de la hoja de periódico al tronco macizo del libro” ( páxina 434).

“Muller pra lonxe”: os poemas de amor de Uxío Novoneyra

Muller pra lonxe

Uxío Novoneyra

Prólogo: Luís Cochón

Epílogo: Claudio Rodríguez Fer

Deputación de Lugo, Lugo, 2011, 90 páxinas.

 

Da man amiga de Luís Alonso Girgado chégame este agasallo, un verdadeiro meiró literario e bibliográfico, “aquel milagre estampado, gardado nun estoxo”, como acreditan as palabras do prólogo de Luís Cochón: Muller pra lonxe que, en segunda edición, pon na rúa a Deputación de Lugo. Unha delicada e fermosa compilación da poesía amorosa de Uxío Novoneyra. Un poemario de amor, oblación a unha muller, Elba, a compañeira do poeta, que Novoneyra, nese pacto de fusión cósmica, de intimidade existencial, de clamor cívico (Claudio Rodríguez Fer), colleitou entre os anos 1955 e 1985. O libro acolle vinte poemas, unha pequena prosa poética, varios poemas caligráficos e un luminoso epílogo de Claudio Rodríguez Fer.

Poemas cicelados ao redor dun claro eixo temático: o amor, mais con ecos e resóns de todas as grandes teimas do poeta do Courel: o telurismo cósmico, o intimismo transformado en revelación existencial e todas as vindicacións humanas.

Abre esta antoloxía amorosa o “Poema dos Caneiros”, unha “alta cousa de ledicia” como glosou o mesmo poeta. Un poema moi rítmico e cadencioso na súa forza existencial, e aflitivo na súa sustancia, en íntima intertextualidade con aqueloutro río da mitoloxía na que o fillo de Erebo e de Nox actuaba como barqueiro do Averno: “Mandeo inorde ó son da noite / As ondas do río devalaban lenes / levando as barcas soltas pro infindo do mar i  a noite”. Cantar desde a noite, desde o horizonte angustioso da nada, mais coa seguranza de que cada día vivido  é un afastarse da morte: “A medida que o tempo pasaba alongábame da morte”.

Uxío Novoneyra

Mais o mesmo pulo do amor físico permítelle ao poeta courelao asir as raíces da vida e amalgamarse con todo o orbe, como reza aquel poema de dous versos do ano 1964: “Biquei sua tristura i atopei os labios. / Na aperta prendémolo o mundo” ( páxina 33).

A angustia e a mágoa afástanse pouco a pouco a medida que avanza o tempo e os poemas finais festexan a sensualidade amorosa e mesmo se canta “pra ter favores de Venus”.

A poesía de Uxío Novoneyra é sempre unha reflexión fonda e comprometida coa terra, coa paisaxe, coas persoas que ama, cos indescifrables cavorcos da vida. Unha das súas “deitelas” (teima repetida, discurso insistente na fala do Courel) é o amor, pero trátase sempre do amor vivido, do amor experimentado. Se o amor forma parte do seu dicir poético é porque do mesmo tivo unha intensa vivencia previa. Así llelo confesou a Emilio  Araúxo, o grande ausente nas celebracións e nas publicacións das homenaxes do Día das Letras Galegas do ano 2010, dedicado ao poeta courelao: “…non utilizaría a palabra amor se non tivese sentido o amor intensamente” (Dos soños teimosos, páxina 47).

Velaquí pois un libro da marca de Novoneyra, que reflicte en verso trinta anos de amor, que ven luz nunha reedición (a orixinal é do ano 1986) de fermosa feitura na súa materialidade paratextual na que relocen as ilustracións de Carlos Parto Teijeiro e as caligrafías do mesmo Uxío Novoneyra.